Abrir o menú principal

Noite de voraces sombras

Noite de voraces sombras é unha novela de Agustín Fernández Paz publicada en 2002 por Edicións Xerais de Galicia en Vigo.

Noite de voraces sombras
GaleriasViveiro050731.JPG
A novela transcorre en Viveiro
Autor/aAgustín Fernández Paz
CubertaMiguel A. Vigo
OrixeEspaña
LinguaGaliciaGalego
ColecciónFóra de xogo
Tema(s)Adolescencia e a guerra civil
Xénero(s)Xuvenil
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2002
FormatoRústico
Páxinas165
ISBNISBN 84-8302-910-3

ArgumentoEditar

Sara, unha rapazola de 16 anos que vive na Coruña, vai pasar as vacacións como de costume a Viveiro, de onde é nativa súa nai. Desta vez ir a Viveiro suponlle un gran esforzo, xa que prefire quedar na cidade para saír coas súas amizades e ademais porque hai moi pouco tempo que lle morreu a súa avoa, que era a que agardaba tódolos anos polas mesmas datas en Viveiro. Ó chegaren, súa nai decide que ocupe o cuarto do tío Moncho, lugar prohibido pola súa avoa dende que tiña uso de razón, esta nova supúxolle unha grande excitación. Cando chegou ó cuarto e comezou a acomodar as súas pertenzas, empezou a sentir como unha presenza rara que a encheu por completo dunha angustia horrible.

Reuniuse coas súas amizades de Viveiro tan axiña como puido. A quen máis botaba de menos era á Aurora, compañeira de xogos durante tantos veráns como levaba ido a Viveiro. Estableceu moitas máis relacións do que era habitual, xa que había máis xente ca outros veráns na vila, e quen máis lle suxeriu foi Daniel, un rapaz de Vigo que lle fixo vivir os momentos máis apaixonados da súa curta vida.

No cuarto en que se aloxa Sara descobre un andel cheo de libros de todo tipo. Nos que máis repara é nos de Rosalía, Curros, Cunqueiro... e de tódolos autores da época. A Sara sorprendeulle que repousasen alí aqueles libros dos que tanto lle falaban na escola, e dos que sabía que había moitas edicións, mais o seu tío tiña a primeira edición de moitos deles.

No medio dalgún dos libros que había sobre o andel atopou cartas de amor, un diario, notas de carpintaría, pois seu tío era carpinteiro, fotos, e unha chea de papeis que se dedicou a examinar meticulosamente. Mirando nestes papeis foi como descubriu a vida de seu tío: descubriu que estivera namorado dunha rapaza que se chamaba Sara coa que tiña plans de casar, descubriu que fora mestre e que deixara de selo porque o meteran no cárcere na guerra civil e soubo tamén polo seu diario todo o que alí lle acontecera.

Sara desfruta o verán ó máximo, pero tamén leva as súas descubertas ata a fin, descubertas que lle van facer ver as cousas dun xeito diferente do que as vía antes.

TemaEditar

A adolescencia, etapa en que está inmersa a protagonista, é polo tanto un dos temas principais da obra. Vese o transo do neno que pasa a ser adulto, percíbese como Sara descobre que as cousas non son tan doadas e sinxelas coma na súa anterior etapa vital.

A guerra civil española, época en que viven a avoa e o tío Moncho, entorno á cal xiran moitos dos acontecementos da novela, é por conseguinte outro dos temas principais. Pódese apreciar claramente a crueza daquela época, na cal ninguén podía expresar as súas ideas, porque ata o podían matar por iso, tamén se comenta o mal que trataban ós presos nos cárceres.

Estes son os principais temas, pero tamén se poden percibir outros temas derivados destes, como a familia, a amizade, o amor etc.

NarraciónEditar

O narrador é un narrador protagonista situado dentro da diéxese, ten unha visión subxectiva da acción xa que é o protagonista da acción, neste caso, Sara.

EstruturaEditar

Consta de once capítulos que, á súa vez, están compostos por diferentes partes que serven para cambiar de tema dentro dun mesmo capítulo.

A presentación desenvólvese entre os capítulos un e cinco, nos cales Sara volve outro verán máis a Viveiro e atópase con moitos cambios sorprendentes. Nesta parte instálase na vida que vai levar durante os meses do verán. O núcleo desenvólvese entre os capítulos cinco e dez. Nos mesmos, Sara fai unha chea de descubrimentos sobre o seu tío, vive un intenso romance con Daniel e pasa o mellor verán da súa vida. O desenlace desenvólvese nos capítulos dez e once, onde Sara leva os seus descubrimentos ata a fin, e aprende a ver as cousas dun xeito descoñecido ata o momento para ela.

PersonaxesEditar

A protagonista é Sara, un personaxe redondo que evoluciona ó longo da historia tanto na súa forma de actuar coma na súa forma de pensar. Outro personaxe principal é o tío Moncho, que a pesar de estar morto, parece que revive dentro das cartas lidas por Sara. É un personaxe plano, xa que ó estar morto non evoluciona nada.

Personaxes secundarios son a familia e os amigos de Sara, que viven a historia nun segundo plano moi intenso, pois a algúns deles aféctalles moito todo aquilo que está a pasar; por exemplo, á nai de Sara interésalle moito saber que foi da vida do seu tío Moncho, ou Daniel, que é o amor de verán de Sara forma parte de momentos moi intensos da súa vida.

Tempo narrativoEditar

A historia desenvólvese no verán do 2002, pero fanse moitas referencias a unha época pasada, a guerra civil española. A obra abrangue só os meses de verán e os feitos prodúcense un atrás doutro sen case separación entre eles, polo que o ritmo narrativo é rápido.

Aspectos lingüísticosEditar

O rexistro utilizado é un rexistro informal ou coloquial co que o autor pretende que a súa escrita sexa comprensible para todos, conseguindo deste xeito que a obra resulte máis natural.

TraduciónsEditar

  • Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Noche de voraces sombraspublicado en 2003 pola Editorial SM[1].
  • Ao catalán por Josep Franco Martínez co título de Nit d'ombres voraces publicado en 2003 pola Editorial Bromera[2].
  • Ao éuscaro por Manu López Gaseni co título de Itzal suntsigarrien gaua publicado en 2005 por Ed. Susa, Col. Erreferentziak[3].

NotasEditar

  1. Ficha en BiTraga
  2. Ficha en BiTraga
  3. Ficha en BiTraga

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar