Nilton Santos

futbolista brasileiro

Nilton Reis dos Santos, coñecido como Nilton Santos, nado no Río de Xaneiro o 16 de maio de 1925 e finado na mesma cidade o 27 de novembro de 2013, foi un futbolista brasileiro que xogaba como lateral esquerdo. Elixido pola FIFA como o mellor lateral esquerdo de todos os tempos,[1] militou durante toda a súa carreira no Botafogo, sendo con 723 partidos oficiais, o futbolista con máis encontros na historia do club.

Nilton Santos
Información persoal
Nome Nilton Reis dos Santos
Nacemento 16 de maio de 1925
Lugar de nacemento Río de Xaneiro
Falecemento 27 de novembro de 2013
Lugar de falecemento Río de Xaneiro
Altura 1,84 m.
Posición Lateral esquerdo
Carreira xuvenil
Flexeiras
1947–1948 Botafogo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1948–1964 Botafogo 723 (11)
Selección nacional
1949–1962 Brasil 75 (3)
Na rede
http://www.niltonsantos.com.br
FIFA: 44604 Find a Grave: 120904889 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]
Nilton Santos (esquerda) no Flexeiras Atlético Clube en 1939.
Nilton Santos (de pé, quinto dende a esquerda) coa selección brasileira no Mundial de 1958.
Estatua de Nílton Santos inaugurada en 2009 no estadio Nilton Santos do Río de Xaneiro.
Nilton Santos en 2004 entregando unha bandeira do Botafogo ao entón presidente do Brasil, Lula da Silva.
Busto de Nílton Santos na sede do xeneral Severiano do Botafogo FR.

Foi 75 veces internacional coa selección brasileira, coa que disputou os Mundiais de 1950, 1954, 1958 e 1962, proclamándose campión nos dous últimos.

Alcumado "A Enciclopedia" polos seus amplos coñecementos sobre fútbol e por ser completo como xogador, foi o precursor en arriscar nas subidas ofensivas polo lateral do campo. Revolucionou a posición de lateral, utilizando a súa versatilidade para defender e atacar, nunha época no que a súa posición só tiña función defensiva.

Traxectoria editar

Botafogo editar

Nacido e criado na Illa do Gobernador, era o máis vello de sete irmáns e axudaba a seu pai no oficio da pesca.[2] Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da illa e aos 14 anos ingresou no Flexeiras Atlético Clube. Realizando o servizo militar, xogou un partido contra o São Cristóvão e a súa actuación espertou o interese do club, que o tentou fichar. Con todo, preferiu seguir o consello do seu amigo o coronel Honório Magalhães e facer unha proba co Botafogo, cuxo director social era tío do coronel.[2] Foi aceptado no club alvinegro e ingresou no equipo xuvenil deste. Vestiu a camiseta do club carioca durante toda a súa carreira como futbolista, ata 1964.

Debutou co Botafogo nun partido amigable ante o América Mineiro, pouco antes de disputar o seu primeiro encontro no Campionato Carioca, nunha vitoria por 2-4 fronte ao Canto do Rio en Caio Martins. Ese mesmo ano proclamouse campión carioca por primeira vez, sumando outros tres títulos nos anos 1957, 1961 e 1962. Gañou ademais dúas veces o Torneo Río–São Paulo, entre outros títulos.

Disputou un total de 723 partidos co Botafogo, sendo o futbolista con máis encontros na historia do club, superando en máis de 100 ao segundo clasificado, Garrincha.[3]

Selección brasileira editar

Debutou coa selección brasileira no Campionato Suramericano de 1949, no que o Brasil se acabou proclamando campión. Ao ano seguinte disputou o Mundial de 1950, no que os brasileiros perderon o título fronte ao Uruguai no célebre Maracanazo, pero Nílton Santos non chegou a debutar na competición.

Catro anos despois, no Mundial de 1954, foi titular na defensa da canarinha en tódolos partidos, xunto a Djalma Santos e Brandãozinho, e foi un dos expulsados no violento partido de cuartos de final contra Hungría, partido que pasou á historia co sobrenome de Batalla de Berna, despois de pelexarse con József Bozsik. O equipo brasileiro quedou eliminado nese mesmo encontro, ao perder por 4-2.[4]

No Mundial de Suecia en 1958 volveu xogar como titular tódolos encontros do Brasil, no posto de lateral esquerdo, e marcou un gol contra Austria na primeira xornada. Disputou a final contra a selección anfitrioa no estadio Råsunda de Solna, que rematou con vitoria brasileira por 5-2 e coa conquista do primeiro título da historia do equipo suramericano.[5] Foi elixido no equipo ideal do torneo.[6]

Foi convocado por Aymoré Moreira para o Mundial de 1962 en Chile, acudindo así á súa cuarta Copa do Mundo. Foi titular nos seis partidos do Brasil, incluída a final contra Checoslovaquia no estadio Nacional de Santiago de Chile, onde tanto el como o Brasil conquistaron o seu segundo título mundial, no que foi o seu último encontro como internacional.[7]

Disputou un total de 75 partidos oficiais e 10 non oficiais coa selección brasileira, coa que marcou tres goles.[8] No momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos da historia da selección.[9]

Morte editar

Enfermo de Alzhéimer nos seus últimos anos de vida, faleceu o 27 de novembro de 2013 na Fundación Bela Lopes, no barrio de Botafogo do Río de Xaneiro, vítima dunha infección pulmonar.[10] Tanto os gastos médicos como os de enterramento correron a cargo do Botafogo.[11] Foi enterrado no cemiterio de São João Batista.

Recoñecementos editar

Foi incluído por Pelé na súa lista FIFA 100. A IFFHS elixiuno como o noveno mellor futbolista brasileiro do século XX e o 28º suramericano. Pola súa banda, a FIFA nomeouno mellor lateral esquerdo de tódolos tempos.

No ano 2000, mentres desenvolvía un proxecto social con mozos a través do fútbol no estado de Tocantins, o goberno local homenaxeouno dándolle o seu nome a un novo estadio da cidade de Palmas, chamado agora estadio Nilton Santos.

En 2009, inaugurouse unha estatua súa diante do Estadio Olímpico João Havelange, sede do Botafogo, o seu equipo de toda a vida. En 2017 o estadio mudou definitivamente de nome, chamándose dende entón "Estadio Olímpico Nilton Santos".

Vida persoal editar

Casou dúas veces: a primeira delas con Abigail, coa que tivo dous fillos, Carlos Eduardo e Andréa; e a segunda con María Coeli, coa que viviu ata a súa morte.[12] Ademais de no Río de Xaneiro, viviu en Araruama e Brasilia, traballando nesta última con escolas de fútbol. Tamén escribía unha columna no diario Correio Braziliense.

Palmarés editar

Botafogo
Selección carioca
Selección brasileira

Notas editar

  1. "Bicampeão mundial Nilton Santos morre aos 88 anos" (en portugués). 27 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "Nilton Santos". acervo.estadao.com.br (en portugués). Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  3. "JOGADORES QUE MAIS ATUARAM". Botafogo de Futebol e Regatas (en portugués). Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  4. "Mundial 1954: La Batalla de Berna entre dos candidatos a ganar la Copa del Mundo". Mundo Deportivo (en castelán). 25 de xullo de 2022. Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  5. "Brasil 5-2 Suecia". FIFA (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  6. "KOPA considerado el delantero centro del major equipo del mundo (1)". Mundo Deportivo (en castelán). 22 de xaneiro de 1959. p. 1. 
  7. "Nilton Reis dos Santos - International Appearances". rsssf.org (en inglés). Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  8. Perdigão, Lauthenay. "Nilton Santos". museudosesportes.com.br (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 7 de xullo de 2002. Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  9. "Appearances for Brazil National Team". rsssf.org (en portugués). Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  10. "Morre no Rio o ex-jogador Nilton Santos, a 'Enciclopédia do Futebol'" (en portugués). 27 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  11. "Nilton Santos é enterrado sob aplauso da torcida e hino do Botafogo" (en portugués). 28 de novembro de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2022. 
  12. Barreto, André. "O mestre da bola" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2022. Consultado o 26 de setembro de 2022. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Muller, Maneco. Minha Bola, Minha Vida, Gryphus. O velho e a bola, Maquinaria Editora, 2013.

Ligazóns externas editar