Nikola Tesla

físico, matemático, inventor, e enxeñeiro eléctrico

Nikola Tesla (en cirílico serbio: Никола Тесла), nado en Smiljan Imperio Austrohúngaro (hoxe en día Croacia) o 10 de xullo de 1856 e finado en Nova York o 17 de xaneiro de 1943, foi un físico, matemático, inventor, e enxeñeiro eléctrico serbio estadounidense[1][2][3][4] e o promotor máis importante do nacemento da electricidade comercial. Coñécese, sobre todo, polas súas numerosas e revolucionarias invencións no campo do electromagnetismo, desenvolvidas a finais do século XIX e principios do século XX. As patentes de Tesla e o seu traballo teórico formaron as bases dos sistemas modernos de potencia eléctrica por corrente alterna (CA), incluíndo o sistema polifásico de distribución eléctrica hoxe en día chamado sistema trifásico e o motor de corrente alterna, que tanto contribuíron ao nacemento da Segunda revolución industrial.

Modelo:BiografíaNikola Tesla

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(sr) Никола Тесла Editar o valor en Wikidata
10 de xullo de 1856 Editar o valor en Wikidata
Smiljan, Croacia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte7 de xaneiro de 1943 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNikola Tesla Museum, Belgrade, Serbia (en) Traducir 44°48′18″N 20°28′15″L / 44.805, 20.4708 Editar o valor en Wikidata
ResidenciaColorado Springs (1899–)
Nova York (1884–)
París (1882–1884)
Budapest (1881–1882)
Praga (1880–1881)
Graz (1875–1878)
Karlovac (1870–1873)
Smiljan (pt) Traducir (1856–1870) Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoSerbios de Croacia Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa ortodoxa serbia Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Tecnológica de Graz (pt) Traducir (1875–1878)
Ginásio Karlovac (pt) Traducir (1870–1873)
Universidade Carolina de Praga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoEnxeñaría eléctrica, enxeñaría mecánica, físico, mecánica e inventor Editar o valor en Wikidata
Ocupacióninventor, físico, enxeñeiro mecánico, enxeñeiro eléctrico, futurist (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
EmpregadorWestinghouse Electric (1888–)
Tesla Electric Light & Manufacturing (pt) Traducir (1886–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Influencias
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
PaisMilutin Tesla Editar o valor en Wikidata  e Georgina Duka Mandić Editar o valor en Wikidata
IrmánsMarica Kosanovic Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteAppletons' Cyclopædia of American Biography
Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (vol:25 : Струнино — Тихорецк, sec:Тесла Никола, p.512-513)
Enciclopedia de Otto, (vol:25, sec:Tesla, p.227) Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm2410046 BNE: XX4974255 Musicbrainz: 7a69c37a-18ba-40dc-b808-da6c516346b3 WikiTree: Tesla-1 Find a Grave: 1623 Editar o valor en Wikidata

Tesla era etnicamente serbio[5][6] xa que naceu na vila de Smiljan (hoxe en día en Croacia), no entón Imperio Austrohúngaro (aínda que algúns académicos romaneses afirman que era istroromanés)[7].

Era cidadán do imperio austríaco por nacemento e máis tarde converteuse en cidadán estadounidense.[8] Trala súa demostración de comunicación sen fíos por medio de ondas de radio en 1894 e logo da súa vitoria na guerra das correntes, foi amplamente recoñecido como un dos máis grandes enxeñeiros eléctricos dos Estados Unidos de América.[9] Gran parte do seu traballo inicial foi pioneiro na enxeñaría eléctrica moderna e moitos dos seus descubrimentos foron de suma importancia. Durante este período nos Estados Unidos a fama de Tesla rivalizaba coa de calquera inventor ou científico na historia ou a cultura popular,[10] pero debido á súa personalidade excéntrica e ás súas afirmacións aparentemente incribles e algunhas veces case inverosímiles, acerca do posible desenvolvemento de innovacións científicas e tecnolóxicas, Tesla foi finalmente relegado ao ostracismo e considerado un científico tolo.[11][12] Tesla nunca prestou moita atención ás súas finanzas. Dise que morreu empobrecido á idade de 86 anos.[13]

A unidade de medida do campo magnético B do Sistema Internacional de Unidades (tamén denominado densidade de fluxo magnético e indución magnética), o Tesla, foi chamado así no seu honor na Conférence Générale des Poids et Mesures (París, en 1960), como tamén o efecto Tesla de transmisión sen fíos de enerxía a dispositivos electrónicos (que Tesla demostrou a pequena escala coa lámpada incandescente en 1893), o cal pretendía usar para a transmisión intercontinental de enerxía a escala industrial no seu proxecto inconcluso, a Wardenclyffe Tower (Torre de Wardenclyffe).[14]

Separadamente do seu traballo en electromagnetismo e enxeñaría electromecánica, Tesla contribuíu en diferente medida ao desenvolvemento da robótica, o control remoto, o radar, as ciencias da computación, a balística, a física nuclear,[15] e a física teórica. En 1943, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América acreditouno como o inventor da radio.[16] Algúns dos seus logros foron usados, non sen controversia, para xustificar varias pseudociencias, teorías sobre OVNIS e sobre antigravidade, así como o ocultismo da New age e teorías sobre a teletransportación.

Traxectoria

editar

Primeiros anos

editar
 
En 1879, a idade de 23 anos.

Nikola Tesla naceu o 10 xullo (segundo o seu certificado de bautismo foi o 28 xuño) de 1856 de pais serbios na vila de Smiljan, entón parte do imperio austrohúngaro (a día de hoxe parte de Croacia). O seu pai foi Milutin Tesla, un sacerdote da igrexa ortodoxa serbia na xurisdición de Sremski Karlovci, e a súa nai Đuka Mandici.

Pénsase que a súa orixe paterna provén dalgún dos clans serbios do val do río Tara, ou ben do nobre hercegovino Pavle Orlović.[17] A súa nai, Đuka, proviña dunha familia domiciliada en Lika e Banija, pero con profundas orixes morlacas en Kosovo. Ela tiña talento para fabricar ferramentas artesanais caseiras e memorizou numerosos poemas épicos serbios, aínda que nunca aprendeu a ler.[18]

Foi o cuarto de cinco fillos, tendo un irmán máis vello chamado Dane, quen morreu nun accidente de equitación cando Nikola tiña 9 anos, e tres irmás (Milka, Angelina e Marica).[19] A súa familia trasladouse a Gospić en 1862. Tesla asistiu á escola Gymnasium Karlovac en Karlovac, onde completou o plan de estudos de catro anos no termo de tres.[20]

 
Milutin Tesla, sacerdote da Igrexa ortodoxa serbia, pai de Nikola Tesla.

En 1875 comezou os seus estudos universitarios na Universidade de Graz onde estudou enxeñaría eléctrica. Mentres estivo alí estudou os usos da corrente alterna. Algunhas fontes afirman que recibiu a licenciatura da Universidade de Graz;[21][22][23] con todo a universidade afirma que non recibiu ningún grao e que non continuou máis alá do segundo semestre do terceiro ano, durante o cal deixou de asistir ás clases.[24][25][26][27] En decembro de 1878 deixou Graz e deixou de relacionarse cos seus familiares. Os seus amigos pensaban que afogara no río Mura. Dirixiuse a Maribor (hoxe Eslovenia), onde obtivo o seu primeiro emprego como axudante de enxeñaría, traballo que desempeñou durante un ano. Durante este período sufriu unha crise nerviosa. Tesla foi posteriormente persuadido polo seu pai para asistir á Universidade Carolina de Praga, o que fixo durante o verán de 1880. Alí foi influenciado por Ernst Mach. Con todo despois de que o seu pai falecese, deixou a universidade, completando soamente un curso.[28]

Tesla pasaba o tempo lendo moitas obras e memorizando libros completos, xa que supostamente posuía unha memoria fotográfica.[29] Tesla relatou na súa autobiografía que en certas ocasións experimentou momentos detallados de inspiración. Durante a súa infancia sufriu varios episodios de enfermidade. Tiña unha afección moi peculiar, a cal provocaba que cegadores flash de luz aparecesen ante os seus ollos, con frecuencia acompañados de alucinacións. Normalmente as visións estaban asociadas a unha palabra ou idea que lle roldaba a cabeza. Outras veces, estas dábanlle a solución a problemas que se lle suscitaran. Simplemente con escoitar o nome dun obxecto, era capaz de visualizalo de forma moi realista. Actualmente a condición chamada sinestesia presenta síntomas similares. Tesla podía visualizar unha invención no seu cerebro con precisión extrema, incluíndo todas as dimensións, antes de iniciar a etapa de construción; unha técnica algunhas veces coñecida como pensamento visual. Non adoitaba debuxar esquemas, en lugar diso concibía todas as ideas só coa mente. Tamén en ocasións tiña reminiscencias de eventos que lle sucederon previamente na súa vida; isto comezou durante a súa infancia.[29]

 
Campo magnético rotativo nun motor de indución de tres fases.

En 1880, trasladouse a Budapest para traballar baixo as ordes de Tivadar Puskás nunha compañía de telégrafos,[30] a compañía nacional de teléfonos. Alí coñeceu a Nebojša Petrović, un mozo inventor serbio que vivía en Austria. Malia que o seu encontro foi breve, traballaron xuntos nun proxecto usando turbinas xemelgas para xerar enerxía continua. Para cando se produciu a apertura da central telefónica en 1881 en Budapest, Tesla converteuse no xefe de electricistas da compañía, e foi máis tarde enxeñeiro para o primeiro sistema telefónico do país. Tamén desenvolveu un dispositivo que, segundo algúns, era un repetidor telefónico ou amplificador, pero que, segundo outros, puido ser o primeiro altofalante.[31]

Francia e os Estados Unidos

editar

En 1882 Tesla trasladouse a París, Francia, para traballar como enxeñeiro na Continental Edison Company (unha das compañías de Thomas Alva Edison), deseñando melloras para o equipo eléctrico traído do outro lado do océano grazas ás ideas de Edison. Segundo a súa biografía, no mesmo ano, Tesla concibiu o motor de indución e iniciou o desenvolvemento de varios dispositivos que usaban o campo magnético rotativo, polos cales recibiu patentes en 1888.

Pouco despois, Tesla espertou dun soño no cal a súa nai morrera, «e eu souben que iso sucedera».[32] Tras isto, Tesla caeu doente. Permaneceu dúas ou tres semanas recuperándose en Gospić e na localidade de Tomingaj preto de Gračac, o lugar de nacemento da súa nai.

En xuño de 1884, Tesla chegou por primeira vez aos Estados Unidos, á cidade de Nova York,[33] con pouco máis que unha carta de recomendación de Charles Batchelor, un antigo empregado. Na carta de recomendación a Thomas Edison, Batchelor escribiu, «coñezo a dous grandes homes, vostede é un deles; o outro é este mozo». Edison contratou a Tesla para traballar na súa Edison Machine Works. Comezou a traballar para Edison como un simple enxeñeiro eléctrico e progresou rapidamente, resolvendo algúns dos problemas máis difíciles da compañía. Ofrecéronlle ata a tarefa de redeseñar completamente os xeradores de corrente continua da compañía de Edison.[34]

Tesla afirmaba que lle ofreceron US$ 50 000 (~ US$1,1 millóns en 2007, axustado por inflación)[35] por redeseñar os ineficientes motores e xeradores de Edison, mellorando tanto o seu servizo como a súa economía.[29] En 1885, cando Tesla preguntou sobre o pago polo seu traballo, Edison replicou, "Tesla, vostede non entende o noso humor estadounidense," rompendo así a súa palabra.[36][37] Cun soldo de só 18 dólares á semana, Tesla tería que traballar 53 anos para reunir o diñeiro que lle foi prometido. A oferta era igual ao capital inicial da compañía. Tesla renunciou ao seu emprego de inmediato cando se lle denegou un aumento de 25 dólares á semana.[38]

Tesla, necesitado de traballo, atopouse a si mesmo cavando gabias para a compañía de Edison por un curto período de tempo, o que aproveitou para concentrarse no seu sistema polifásico de CA.[29]

Anos posteriores

editar
 
Nikola Tesla, co libro de Ruđer Bošković Theoria Philosophiae Naturalis, fronte á espiral da bobina do seu transformador de alta voltaxe en East Houston Street, Nova York.
 
Sistema de xeración de Nikola Tesla, que usa os circuítos de corrente alterna para o transporte de enerxía a través de longas distancias.
 
Demostración da transmisión sen fíos de enerxía durante a súa presentación de 1891.
 
Mark Twain no laboratorio de Nikola Tesla, (1894). O escritor era un grande amigo do científico.

En 1886, tras romper as súas relacións laborais con Edison, Tesla fundou a súa propia compañía, a Tesla Electric Light & Manufacturing. Os primeiros investidores non estiveron de acordo cos seus plans para o desenvolvemento dun motor de corrente alterna e finalmente relevárono do seu posto na compañía. Traballou como obreiro en Nova York de 1886 a 1887 para manterse e reunir capital para o seu próximo proxecto. En 1887, construíu o primeiro motor de indución, sen vasoiriñas alimentado con corrente alterna, o cal presentou no American Institute of Electrical Engineers (Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos) actualmente IEEE (Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos) en 1888. No mesmo ano, desenvolveu o principio da súa bobina de Tesla, e comezou a traballar con George Westinghouse na Westinghouse Electric & Manufacturing Company's nos laboratorios de Pittsburgh. Westinghouse escoitou as súas ideas para sistemas polifásicos, os cales poderían permitir a transmisión de corrente alterna a longa distancia.

En abril de 1887, Tesla comezou a investigar o que despois se chamou raios X, usando o seu propio tubo ao baleiro (similar á súa Patente USPTO n.º 514170). Este dispositivo difería doutros tubos de raios X polo feito de non ter eléctrodo receptor. O termo moderno para o fenómeno producido por este artefacto é Bremsstrahlung (ou radiación de freado). Agora sábese que este dispositivo operaba emitindo electróns desde o único eléctrodo (carecía de eléctrodo receptor) mediante a combinación de emisión de electróns por efecto de campo e emisión termoiónica. Unha vez liberados, os electróns son fortemente repelidos por un campo eléctrico elevado preto do eléctrodo durante os picos de voltaxe negativa da saída oscilante de alta voltaxe da bobina de Tesla, xerando raios X ao colidir coa envoltura de vidro. Tesla tamén usou tubos de Geissler. Para 1892, decatouse do dano que sufría na pel Wilhelm Röntgen, dano que máis tarde identificou como causado polos raios X.

Nas súas primeiras investigacións Tesla deseñou algúns experimentos para producir raios X. El afirmou que con estes circuítos, «o instrumento poderá xerar raios de Roentgen de maior potencia que a obtida con aparellos ordinarios».[39]

Tamén mencionou os perigos de traballar cos seus circuítos e cos raios X producidos polos seus dispositivos dun só nodo. De moitas das súas notas nas investigacións preliminares deste fenómeno, atribuíu o dano da pel a varias causas. El creu que inicialmente o dano non podería ser causado polos raios de Roentgen, senón polo ozono xerado ao contacto coa pel e en parte tamén ao ácido nitroso. El pensaba que estas eran ondas lonxitudinais, como as producidas polas ondas en plasmas.[40][41]

Un «sistema mundial para a transmisión de enerxía eléctrica sen cables» baseado na condutividade eléctrica da terra, foi proposto por Tesla, o cal funcionaría mediante a transmisión de enerxía por varios medios naturais e o uso subseguinte da corrente transmitida entre os dous puntos para alimentar dispositivos eléctricos. Na práctica este principio de transmisión de enerxía, é posible mediante o uso dun raio ultravioleta de alta potencia que producise unha canle ionizada no aire, entre as estacións de emisión e recepción. O mesmo principio é usado no pararraios, o electroláser e a arma de electrochoque[42] e tamén se propuxo para inhabilitar vehículos.[43][44]

Tesla demostrou a transmisión sen fíos de enerxía a principios de 1891. O efecto Tesla (nomeado en honor a Tesla) é un termo para unha aplicación deste tipo de condución eléctrica.[45]

Cidadán estadounidense

editar

O 30 de xullo de 1891 converteuse en cidadán dos Estados Unidos á idade de 35 anos. El díxolle a moitos dos seus compañeiros que valoraba máis a cidadanía estadounidense que os honores científicos que recibira.[46]

Nese mesmo ano Tesla instalou o seu laboratorio ao sur da Quinta Avenida, na cidade de Nova York, para de seguido trasladalo á Rúa Houston con 46 leste. Neste sitio, mentres realizaba experimentos sobre resonancia mecánica con osciladores electromecánicos, xerou resonancia nalgúns edificios veciños e, aínda que debido ás frecuencias utilizadas non afectou ao seu propio edificio, si xerou queixas á policía. Como a velocidade do resoador creceu, e sendo consciente do perigo, viuse obrigado a terminar o experimento utilizando un martelo, xusto no momento en que chegou a policía.[47] Tamén fixo funcionar lámpadas eléctricas en dous sitios de Nova York, proporcionando evidencia para o potencial da transmisión sen fíos de enerxía.[48]

Algúns dos seus amigos máis próximos eran artistas. Fíxose amigo de Robert Underwood Johnson, editor do Century Magazine, quen adaptou algúns poemas serbios de Jovan Jovanović Zmaj (que Tesla traduciu). Tamén nesta época, Tesla foi influenciado pola filosofía védica (i.e., hinduísmo) ensinos de Swami Vivekananda; en tal medida que logo da súa exposición a estes ensinos, Tesla comezou a usar palabras en sánscrito para nomear algúns dos seus conceptos fundamentais referentes á materia e a enerxía.[49]

Aos 36 anos fóronlle outorgadas as primeiras patentes relacionadas coa alimentación polifásica e continuou coas súas investigacións sobre os principios do campo magnético rotativo. De 1892 a 1894 exerceu como vicepresidente do Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos (en inglés American Institute of Electrical Engineers), o precursor, xunto co Institute of Radio Engineers, do actual IEEE. De 1893 a 1895, investigou a corrente alterna de alta frecuencia. El xerou unha CA dun millón de voltios usando unha bobina de Tesla cónica e investigou o efecto pelicular en condutores, deseñou circuítos LC, inventou unha máquina para inducir o soño, lámpadas de descarga sen fíos, e transmisión de enerxía electromagnética, construíndo o primeiro radiotransmisor (adiantándose a Guglielmo Marconi). En San Luís, Missouri, fixo unha demostración sobre radiocomunicación en 1893. Dirixíndose ao Instituto Franklin en Filadelfia, Pensilvania e á National Electric Light Association, describiu e demostrou con detalles estes principios. Tesla investigou a radiación de fondo de microondas. El cría que só era cuestión de tempo para que o home puidese adaptar as máquinas á engrenaxe da natureza, declarando: «Antes de que pasen moitas xeracións, as nosas máquinas serán impulsadas por un poder obtido en calquera punto do universo».[50]

Na Exposición Universal de Chicago de 1893 houbo por primeira vez un edificio dedicado a exposicións eléctricas. Neste evento Tesla e George Westinghouse presentaron aos visitantes a alimentación mediante corrente alterna que foi usada para iluminar a exposición. Ademais exhibíronse as lámpadas fluorescentes e lámpadas de Tesla dun só nodo.[51]

Tesla tamén explicou os principios do campo magnético rotativo e o motor de indución demostrando como parar un ovo de cobre ao finalizar a demostración do seu dispositivo coñecido como "Ovo de Colón".

Tesla desenvolveu o chamado xerador de Tesla en 1895, en conxunto cos seus inventos sobre a licuefacción do aire. Tesla sabía, polos descubrimentos de Kelvin, que o aire en estado de licuefacción absorbía máis calor da requirida teoricamente, cando retornaba ao seu estado gasoso e era usado para mover algún dispositivo.[52] Xusto antes de finalizar o seu traballo e patentar calquera aplicación, ocorreu un incendio no seu laboratorio destruíndo todo o seu equipo, modelos e invencións. Pouco despois, Carl von Linde, en Alemaña, presentou unha patente da aplicación deste mesmo proceso.[53]

Edison

editar

Empeñado Tesla en mostrar a superioridade da corrente alterna sobre a corrente continua de Edison, iniciou o que se coñece como "guerra das correntes". En 1893 fíxose en Chicago unha exhibición pública da corrente alterna, demostrando a súa superioridade sobre a corrente continua de Edison. Ese mesmo ano Tesla logrou transmitir enerxía electromagnética sen cables, construíndo o primeiro radiotransmisor. Presentou a patente correspondente en 1897 e dous anos despois Guglielmo Marconi lograría a súa primeira transmisión de radio. Marconi rexistrou a súa patente o 10 de novembro de 1900 e foille rexeitada por ser considerada unha copia da patente de Tesla. Iniciouse entón un litixio entre a compañía de Marconi e Tesla. Tras recibir o testemuño de numerosos científicos destacados, a Corte Suprema dos Estados Unidos de América concluíu en 1943 a favor de Tesla (a maioría dos libros mencionan aínda a Marconi como o inventor da radio).[54]

A finais do século XIX, Tesla demostrou que usando unha rede eléctrica resoante e usando o que naquel tempo se coñecía como "corrente alterna de alta frecuencia" (hoxe considérase de baixa frecuencia) só se necesitaba un condutor para alimentar un sistema eléctrico, sen necesidade doutro metal nin un condutor de terra. Tesla chamou a este fenómeno a "transmisión de enerxía eléctrica a través dun único cable sen retorno". Ideou e deseñou os circuítos eléctricos resoantes formados por unha bobina e un condensador, claves da emisión e recepción de ondas radioeléctricas con selectividade e potencia grazas ao fenómeno da resoancia. O que de feito creaba e transmitía eran ondas electromagnéticas a partir de alternadores de alta frecuencia, só que non o aplicou á transmisión de sinais de radio como fixo Marconi senón a un intento de transmitir enerxía eléctrica a distancia sen usar cables. Tesla afirmou en 1901: "Hai uns dez anos, recoñecín o feito de que para transportar correntes eléctricas a longas distancias non era en absoluto necesario empregar un cable de retorno, senón que calquera cantidade de enerxía podería ser transmitida usando un único cable. Ilustrei este principio mediante numerosos experimentos que, no seu momento, xeraron unha atención considerable entre os homes de ciencia."[55]

No entanto, Edison aínda trataba de combater a teoría de Tesla mediante unha campaña para fomentar ante o público o perigo que corrían ao utilizar este tipo de corrente, polo que Harold P. Brown, un empregado de Thomas Edison contratado para investigar a electrocución, desenvolveu a cadeira eléctrica.

Na primavera de 1891, Tesla realizou demostracións con varias máquinas ante o Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos na Universidade de Columbia. Demostrou desta forma que todo tipo de aparellos podían ser alimentados a través dun único cable sen un condutor de retorno. Este sistema de transmisión unifilar foi protexido en 1897 pola patente U.S.0,593,138.

Nas cataratas do Niágara construíuse a primeira central hidroeléctrica grazas aos desenvolvementos de Tesla en 1893, conseguindo en 1896 transmitir electricidade á cidade de Buffalo, Nova York. Co apoio financeiro de George Westinghouse, a corrente alterna substituíu a continua. Tesla foi considerado desde entón o fundador da industria eléctrica.

Colorado Springs

editar
 
Nikola Tesla no seu laboratorio en Colorado Springs cara 1900.

En 1899, Tesla trasládase a un laboratorio en Colorado Springs, Estados Unidos, para iniciar os seus experimentos con alta tensión e medicións de campo eléctrico. Os obxectivos trazados por Tesla neste laboratorio eran: desenvolver un transmisor de gran potencia, perfeccionar os medios para individualizar e illar a potencia transmitida e determinar as leis de propagación das correntes sobre a terra e a atmosfera.[56] Durante os oito meses que estivo en Colorado Springs Tesla escribiu notas cunha detallada descrición día a día das súas investigacións. Alí dedicou a metade do seu tempo a medir e probar a súa enorme bobina Tesla e outro tanto a desenvolver receptores de pequenos sinais e a medir a capacidade dunha antena vertical. Tamén realizou observacións sobre bólas de lume, que el afirmaba producir. Un día, Tesla notou un comportamento infrecuente dun instrumento que rexistraba tormentas, un cohesor rotativo. Tratábase de gravacións periódicas cando unha tormenta se aproximaba e se afastaba do seu laboratorio. Concluíu que se trataba da existencia de ondas estacionarias, as cales podían ser creadas polo seu oscilador. Con equipos sensibles puido realizar medicións de raios que caían a gran distancia do seu laboratorio, observando que as ondas das descargas crecían ata un pico e logo decrecían antes de repetir o ciclo total. Tesla suxeriu que isto se debía ao feito de que a terra e a atmosfera posuían electricidade, o que facía que o planeta se comportase como un condutor de dimensións ilimitadas, no que era posible facer transmisión de mensaxes telegráficas sen fíos e, máis aínda, transmitir potencia eléctrica a calquera distancia terrestre, case sen perdas, por medio dos seus coñecementos de resonancia. Tesla decatouse de que podía producir un anel ao redor da terra como unha campá, con descargas cada dúas horas, e tamén que podía facelo resoar electricamente. Atopou que a resonancia do planeta era da orde dos 10 Hz, un valor realmente exacto para a súa época, xa que hoxe en día sábese que é de 8 Hz. Despois de que descubrise como crear ondas eléctricas permanentes para transmitir potencia eléctrica ao redor do mundo, o científico alemán W. O. Schumann postulou que a terra condutiva e a ionosfera forman unha guía de onda esférica, a través da cal se poden propagar ondas electromagnéticas de moi baixa frecuencia (coñecidas como ELF polas súas siglas en inglés), xeradas pola actividade dos raios a escala mundial, con valores próximos aos 8 Hz, fenómeno que se coñece como a resonancia Schumann. Tesla realizou traballos moito máis avanzados que os outros pioneiros da transmisión sen fíos, Hertz e Marconi, quen usaron altas frecuencias que non resoaban coa terra, a diferenza das ondas de radio de altas lonxitudes de onda empregadas por Tesla, tiñan a vantaxe de ser recibidas nos sitios máis remotos da terra así como nas profundidades do mar feito polo que se podía manter a comunicación entre naves de superficie e submarinos.[57]

No laboratorio de Colorado Springs, Tesla observou sinais infrecuentes que máis tarde creu que poderían ser evidencia de comunicacións de radio extraterrestre provenientes de Venus ou Marte.[58] Notou que eran sinais repetitivos, pero cunha natureza distinta aos observados en tormentas e ruído terrestre. Tesla mencionou que as súas invencións poderían ser usadas para falar con outros planetas. E afirmou que inventou o "Teslascopio" para ese propósito. Aínda se debate sobre o tipo de sinais que Tesla puido recibir, que poderían ser resultado da radiación natural extraterrestre,[59] e con todo, queda para a historia como o precursor da radioastronomía.

Tesla deixou Colorado Springs o 7 de xaneiro de 1900. O laboratorio foi demolido e o seu contido vendido para pagar as débedas. O conxunto dos experimentos alí preparados por Tesla para o establecemento da transmisión de telecomunicaciones sen fíos transatlánticas foi coñecido como Wardenclyffe.

Percepción social

editar

Do mesmo xeito que Francis Galton, Tesla era partidario da imposición selectiva de individuos por razóns euxenésicas. A súa opinión era que esta debía impulsarse aínda máis ata que eventualmente se establecese a euxenesia de forma universal no futuro.[60] Nunha entrevista en 1937, declarou:

O ano 2100 verá a euxenesia universalmente establecida. En épocas pasadas, a lei que rexe a supervivencia do máis forte máis ou menos eliminaba as razas menos desexables. Daquela a nova sensación humana de compaixón comezou a interferir co funcionamento implacable da natureza. Como resultado diso, seguimos mantendo vivos e criando os non aptos.[61] O único método compatible coas nocións de civilización e raza para evitar a reprodución dos non aptos é a esterilización e a orientación intencionada do instinto de apareamento. Varios países europeos e algúns estados da Unión Americana esterilizan os criminais e os dementes. Isto non é suficiente. A tendencia de opinión entre os euxenistas é que temos que facer que o matrimonio sexa máis difícil. Certamente, a ninguén que non sexa un pai desexable se lle debe permitir a produción dunha proxenie.
Nikola Tesla, 09 de febreiro de 1935, na Revista "Liberty". Traducido do orixinal

Incautación dos seus documentos

editar
 
Museo Nikola Tesla en Belgrado, Serbia

Cando morreu, o Goberno dos Estados Unidos interveu todos os documentos do seu despacho, nos que constaban os seus estudos e investigacións. Anos máis tarde, a familia Tesla e a embaixada iugoslava lograron recuperar o material incautado que hoxe en día se atopa exposto no Museo de Nikola Tesla.

A lenda ao redor do xenio

editar

É moi coñecida a súa inimizade con Thomas Edison. Despois de traballar varios meses mellorando os deseños dos xeradores de corrente continua, e mentres lle brindaba varias patentes que Edison rexistraba como propias, este negouse a pagarlle os 50 000 dólares que lle prometera se tiña éxito (a pesar de usar as melloras), aducindo que se tratou dunha "broma estadounidense", e incluso se negou a subirlle o soldo de 18 a 25 dólares á semana. Edison propiciou a invención da cadeira eléctrica, que emprega corrente alterna (desenvolvida por Tesla) en vez de corrente continua —da que el era impulsor— para así dar mala fama ao invento do europeo.

Dise que Nikola Tesla non facía planos, senón que o memorizaba todo.[29][62] Boa parte da etapa final da súa vida viviuna absorto co proceso xudicial que iniciou no relativo á invención da radio, que se disputaba con Marconi, pois Tesla inventara un dispositivo similar polo menos 15 anos antes ca el. Na década dos sesenta o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ditaminou que a patente relativa á radio era lexítimamente propiedade de Tesla, recoñecéndoo de forma legal como inventor desta, aínda que isto non transcendeu á opinión pública, que segue considerando a Marconi como o seu inventor.

Tesla era unha gran mente para a ciencia. Algúns dos seus estudos ninguén podía descifralos debido á súa enorme capacidade indutiva. Para a maioría dos seus proxectos ideaba os documentos de memoria, bastáballe con ter a imaxe do devandito obxecto sen saber como funcionaba, simplemente elaborábao sen saber que podía supoñer un grande avance para a humanidade. Foi un lector minucioso da teoría física de Ruđer Bošković.[Cómpre referencia]

Especúlase que ideou un sistema de transmisión de electricidade sen fíos, de tal sorte que a enerxía podería ser levada dun lugar a outro mediante ondas de natureza non hertzianas[Cómpre referencia]. O devandito sistema basearíase na capacidade da ionosfera para conducir electricidade, a potencia transmitiríase a unha frecuencia de 6 Hz cunha enorme torre chamada Wardenclyffe Tower, para valerse da resonancia Schumann como medio de transporte. Hoxe en día sábese que esta frecuencia é de 7,83 Hz e non de 6, aínda que realmente varía desde 7,83 Hz a 12 Hz, segundo a actividade solar e o estado da ionosfera. Nos últimos anos moitos son os que intentaron repetir o experimento, con pouco ou ningún éxito.

Hoxe en día Tesla é un heroe para o movemento pseudocientífico das enerxías libres.[63]

Inventos e descubrimentos destacables

editar

Entre os máis destacables inventos e descubrimentos que chegaron ao coñecemento do público en xeral, podemos destacar:

 
A Torre Wardenclyffe.
  • Transferencia sen fíos de enerxía eléctrica[62] mediante ondas electromagnéticas. Posteriormente intentou desenvolver un sistema para enviar enerxía eléctrica sen cables a longas distancias e quixo poñelo en práctica no proxecto da torre de Wardenclyffe que, en realidade, era para establecer un sistema mundial de comunicacións e que terminou en fracaso por falta de financiamento.[62] Téñense algunhas películas da torre. Aínda que foi construída co fin de enviar imaxes e sons a distancia, o sistema podía adaptarse para o envío de electricidade de xeito gratuíto a toda a poboación. Este sistema baseábase na capacidade da ionosfera para conducir electricidade, a potencia transmitíase a unha frecuencia de 6 c/s cunha enorme torre para valerse da resonancia Schumann coma medio de transporte. Sábese hoxe en día que esta frecuencia era de 7,83 c/s e non de 6, explicando isto a gran necesidade de Nikola Tesla de empregar enormes potencias para os seus experimentos.
  • Corrente alterna.[64] Co apoio financeiro de George Westinghouse, a corrente alterna substituíu a continua, sendo Tesla considerado coma o fundador da industria eléctrica.
  • Armas de enerxía directa (anunciou un "raio da morte" e ofreceuno ao goberno, pero non fixeron caso á súa xestión. Oficialmente non se coñece un prototipo).[62]
  • Automóbil eléctrico sen baterías,[Cómpre referencia] accionado mediante ondas electromagnéticas lonxitudinais (un suposto efecto transitorio do baleiro, debido á parte escalar dos cuaternións que usou Maxwell nas súas trece ecuacións e que foi descartado na versión vectorial de Heavyside-Gibbs/Hertz). Motor de 57 KW, montado nun automóbil Pierce Arrow de 1930, velocidade de 144 km/h a 1.800 r.p.m, máis un dispositivo electrónico provisto de 12 válvulas termoiónicas, das cales tres eran 70L7, que transmitía a enerxía recibida por unha antena de 1,8 m de longo ao motor e á ventilación forzada. Existen persoas que desestiman esta afirmación e outras que buscan afanosamente o automóbil, que estaría gardado preto de Búfalo.
  • Comportas e portas lóxicas.
  • Radio. Desde 1943, Tesla considérase o inventor da radio baixo a patente [65][66] depositada en United States Patent and Trademark Office o 20 de marzo de 1900. Antes de obter a primacía da invención, esta era atribuída, equivocamente, a Marconi, máis popular e máis hábil como home de negocios.
  • Bombilla sen filamento ou lámpada fluorescente.[67]
  • Dispositivos de electroterapia ou diagnóstico, especialmente un xerador de raios X dun só eléctrodo. Tamén hai un rexistro de patente dun xerador de ozono.[39][62]
  • Sistemas de propulsión por medios electromagnéticos (sen necesidade de partes móbiles)
  • Turbina sen paletas, operada pola fricción do fluído.[62]
  • En 1891 inventou a bobina que leva o seu nome[68] bobina Tesla: entregaba na saída unha enerxía de alta voltaxe e alta frecuencia.
  • Principios teóricos do radar.
  • Oscilador vibracional mecánico.
  • Teslascopio.
  • Control remoto.[62]
  • Buxía para acendido de motores de explosión.[69]
  • Avións STOL.[62]
  • Envío de electricidade cun só cable: separadamente do convencional sistema que se usa —o cal require 2 cables— para o fornecemento eléctrico aos dispositivos, Tesla demostrou en multitude de ocasións que é posible o envío de enerxía eléctrica a través dun único cable. Xa que logo, neste exemplo, o concepto común de voltaxe (diferenza de potencial), podería cualificarse simplemente dicindo que voltaxe é calquera potencial e non necesariamente a diferenza.[Cómpre referencia]
  • Estudos sobre raios X.
  • Radiogoniómetro.[70] Teleodinamica eléctrica

A unidade de campo magnético no Sistema Internacional de Unidades tamén leva o seu nome.

Premios

editar

Malia que o premio Nobel de física foi outorgado a Marconi pola invención da radio en 1909, a prensa publicou que Edison e Tesla compartirían o premio Nobel en 1915. Edison tratou de minimizar os logros de Tesla e negouse a compartir o premio, no caso de que fose compartido. Algunhas fontes afirmaron que debido á envexa de Edison ningún o gañou, malia as súas grandes contribucións á ciencia.[71][72] Antes, dicíase que Tesla podía ser nomeado para o premio Nobel en 1912. O nomeamento debíase posiblemente aos seus circuítos sintonizados usando transformadores resonantes de alta tensión e alta frecuencia. A investigación histórica posterior demostrou que nesa época o nome de Tesla non foi considerado para o premio Nobel, aínda que algunha prensa si que falou diso.[73]

Tesla só foi premiado coa medalla Edison, a máxima distinción outorgada pola IEEE.

Honores

editar

Galería de imaxes

editar
  1. Burgan, Michael (2009). Capstone, ed. Nikola Tesla: Inventor, Electrical Engineer. Mankato, Minnesota. p. 9. ISBN 978-0-7565-4086-9. 
  2. BBC News, ed. (10 de xullo do 2006). "Electrical pioneer Tesla honoured". Consultado o 20 de maio do 2013. 
  3. Radio Free Europe/Radio Liberty, ed. (9 de xuño do 2015). "No, Nikola Tesla's Remains Aren't Sparking Devil Worship In Belgrade". 
  4. History Channel (ed.). "Nikola Tesla". Consultado o 15 de xuño do 2014. Serbian-American engineer and physicist Nikola Tesla (1856–1943) made dozens of breakthroughs in the production, transmission and application of electric power. 
  5. Seifer, Marc (1996). Wizard: The Life and Times of Nikola Tesla; Biography of a Genius. Secaucus, NJ: Carol Publishing Group.
    There is something in me which is only perhaps illusory," Tesla began, "[It is] like that which often comes to young, enthusiastic persons, but if I were to be sufficiently fortunate to bring about at least some of my ideas it would be for the benefit of humanity. ... If these hopes become one day a reality, my greatest joy would spring from the fact that this work would be the work of a Serb.
  6. (en inglés) Tesla, Nikola (1993). My inventions. At that time I was under the sway of the Serbian national poetry, and therefore full of admiration for the feats of the heroes. 
  7. "Tesla, de posibles orixes istroromanesas". Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2013. Consultado o 08 de xuño de 2013. 
  8. BBC News, ed. (10-07-2006). "Electrical pioneer Tesla honoured" (en inglés). Consultado o 15/06/2013. 
  9. Serbian Unity Congress (ed.). "Nikola Tesla - electrical engineer and inventor". Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2009. Consultado o 15 de agosto de 2009. 
  10. Valone, T. Adventures Unlimited Press, ed. Harnessing the Wheelwork of Nature: Tesla's Science of Energy (en inglés). ISBN 1931882045. 
  11. Childress, David Hatcher (ed.) (2000). Adventures Unlimited Press]], ed. The Tesla Papers: Nikola Tesla on Free Energy & Wireless Transmission of Power. Kempton, IL. ISBN 0932813860. 
  12. Robert Lomas (21-08-1999). "Spark of genius". Independent Magazine. Arquivado dende o orixinal o 23-06-2008. Consultado o 15/06/2013. 
  13. White MJ (2001). Rivals: conflict as the fuel of science. Londres: Secker & Warburg. pp. 174. ISBN 0-436-20463-0. 
  14. El País (ed.). "El visionario que acertó". Consultado o 315/06/2013. 
  15. Cheney M (2001). Touchstone, ed. Tesla : Man Out of Time. New York, NY. ISBN 0-7432-1536-2. 
  16. U.S. Supreme Court, "Marconi Wireless Telegraph co. of America v. United States". 320 U.S. 1. Nos. 369, 373. Argued 9–12 April 1943. Decided 21 June 1943.
  17. Obrad Mićov Samardžić (1992). Porijeklo Samardžića i ostalih bratstava roda Orlovića. Mostar. ISBN 86-82271-53-2. 
  18. Seifer, "Wizard" p. 7
  19. Margaret Cheney, Robert Uth, and Jim Glenn, "Tesla, Master of Lightning". Barnes & Noble Publishing, 1999. ISBN 0-7607-1005-8.
  20. Walker, E. H. (1900). Leaders of the 19th century with some noted characters of earlier times, their efforts and achievements in advancing human progress vividly portrayed for the guidance of present and future generations. Chicago: A.B. Kuhlman Co., p, 474.
  21. Wysock, W.C.; J.F. Corum, J.M. Hardesty and K.L. Corum (22 de outubro de 2001). Antenna Measurement Techniques Association, posterpape, ed. "Who Was The Real Dr. Nikola Tesla? (A Look At His Professional Credentials)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de marzo de 2009. Consultado o 29 de xuño de 2013. 
  22. "The Book of New York: Forty Years' Recollections of the American Metropolis" says he matriculated 4 degrees (physics, mathematics, mechanical engineering and electrical engineering)
  23. Harper's Encyclopædia of United States History from 458 A.D. to 1906. Harper & brothers 1905. Page 52.
  24. Nikola Tesla: the European Years Arquivado 24 de xullo de 2011 en Wayback Machine., D. Mrkich
  25. Wohinz, Josef W. (16 de maio de 2006). Technischen Universität Graz, ed. "Nikola Tesla und Graz". Consultado o 29 de xaneiro de 2006. 
  26. Wohinz, Josef W. (Ed,) (2006). Verlag der Technischen Universität Graz, ed. Nikola Tesla und die Technik in Graz. Graz, Austria. pp.  16. ISBN 3-902465-39-5; ISBN 978-3-902465-39-9 . 
  27. Kulishich, Kosta (27 de agosto de 1931). Newark News, ed. "Tesla Nearly Missed His Career as Inventor: College Roommate Tells". . Cited in Seifer, Marc, The Life and Times of Nikola Tesla, 1996
  28. Seifer, Marc (1996). Carol Publishing Group, ed. Wizard: The Life and Times of Nikola Tesla; Biography of a Genius. Secaucus, NJ. ISBN. 
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 Cheney, Margaret (2001) [1979]. Simon and Schuster, ed. Tesla: Man Out of Time. ISBN 0743215362. Consultado o 17 de xuño de 2007. 
  30. James Grant Wilson, John Fiske, Appleton's Cyclopædia of American Biography. P. 261.
  31. "Did Tesla really invent the loudspeaker?". 21st Century Books, Breckenridge, CO.
  32. Marc J. Seifer (1998). Citadel Press, ed. Wizard. ISBN 0806519606. 
  33. "Master of Lightning" by Public Broadcasting Service. Website
  34. New York Times, ed. (19 de outubro de 1931). "Tesla Says Edison was an Empiricist. Electrical Technician Declares Persistent Trials Attested Inventor's Vigor. 'His Method Inefficient' A Little Theory Would Have Saved Him 90% of Labor, Ex-Aide Asserts. Praises His Great Genius.". Nikola Tesla, one of the world's outstanding electrical technicians, who came to America in 1884 to work with Thomas A. Edison, specifically in the designing of motors and generators, recounted yesterday some of ... 
  35. http://www.westegg.com/inflation/ Arquivado 18 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Adjusting the reported given amount of money for inflation, the US$50,000 in 1885 would equal US$1,140,112.60 in 2007
  36. Clifford A. Pickover, Strange Brains and Genius: The Secret Lives of Eccentric Scientists and Madmen. HarperCollins, 1999. 352 pages. P. 14. ISBN 0-688-16894-9
  37. "My Inventions" by Nikola Tesla, printed in Electrical Experimenter Feb–June, 1919. Reprinted, edited by Ben Johnson, New York: Barnes & Noble, 1982. ISBN
  38. Jonnes,"Empire of light" p. 110
  39. 39,0 39,1 N. Tesla, HIGH FREQUENCY OSCILLATORS FOR ELECTRO-THERAPEUTIC AND OTHER PURPOSES. Proceedings of the American Electro-Therapeutic Association, American Electro-Therapeutic Association. Page 25.
  40. Griffiths, David J. Introduction to Electrodynamics, ISBN 0-13-805326-X and Jackson, John D. Classical Electrodynamics, ISBN 0-471-30932-X.
  41. Proceedings of the American Electro-Therapeutic Association, American Electro-Therapeutic Association. Page 16.
  42. A Survey of Laser Lightning Rod Techniques. Arquivado 27 de marzo de 2008 en Wayback Machine. Barnes, Arnold A., Jr.; Berthel, Robert O.
  43. Frequently Asked Questions. Arquivado 07 de decembro de 2008 en Wayback Machine. HSV Technologies
  44. Vehicle Disabling Weapon Arquivado 26 de marzo de 2009 en Wayback Machine. by Peter A. Schlesinger, President, HSV Technologies, Inc. NDIA Non-Lethal Defense IV Arquivado 03 de xuño de 2011 en Wayback Machine. 20–22 Mar 2000
  45. Norrie, H. S., "Induction Coils: How to make, use, and repair them". Norman H. Schneider, 1907, New York. 4th edition.
  46. Tesla Universe (ed.). "Tesla Timeline". Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2013. Consultado o 5 xullo 2012. 
  47. O'Neill, "Prodigal Genius" pp 162–164
  48. Krumme, Katherine, Mark Twain and Nikola Tesla: Thunder and Lightning Arquivado 28 de setembro de 2010 en Wayback Machine.. 4 December 2000 (PDF)
  49. Grotz, Toby, "The Influence of Vedic Philosophy on Nikola Tesla's Understanding of Free Energy".
  50. "Experiments With Alternate Currents Of High Potential And High Frequency (February 1892)
  51. John Patrick Barrett (1893). R.R. Donnelley 1894 (World's Columbian Exposition, ed. Electricity at the Columbian Exposition Ill.. Chicago. pp. 168–169. 
  52. Nikola Tesla, Startling Prediction of the World's Greatest Living Scientist (Article, the North American, 18 May 1902).
  53. Páxinas 284-285, William R. Lyne, Pentagon Aliens, 1993.
  54. Un especialista en historia da radiodifusión, Ernst Erb, sostivo que un alemán inventou a radio antes que Tesla. As probas existentes non foron consideradas suficientes, polo que a súa afirmación non conta coa aprobación xeral dos demais historiadores.
  55. Nikola Tesla, "Talking with the Planets (1901)". Collier's Weekly, 19 de febreiro de 1901, páxinas 4-5
  56. A.S. Marincic. Nikola Tesla and the wireless transmission of energy. IEEE Transactions on Power Aparatus and Systems Vol. PAS 101. No. 10. October 1982
  57. TORRES, Horacio, El rayo: mitos, leyendas, ciencia y tecnología. 2002
  58. Tesla, Nikola, Talking with Planets. Collier's Weekly, 19 February 1901. (EarlyRadioHistory.us)
  59. Corum, Kenneth L.; James F. Corum (1996). Nikola Tesla and the electrical signals of planetary origin. p. 14. OCLC 68193760.
  60. History & Archeology (November 16, 2012). Smithsonian.com,, ed. ""Nikola Tesla the Eugenicist: Eliminating Undesirables" by 2100" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2013. Consultado o 04 de agosto de 2013. 
  61. Nota: A idea de seres humanos "aptos" e "non aptos" nun contexto social provén do darwinismo social
  62. 62,0 62,1 62,2 62,3 62,4 62,5 62,6 62,7 "Nikola Tesla. El hombre que iluminó el mundo." (PDF). Exposición realizada polo Museo de Historia de Croacia, Zagreb, e o Museo Técnico, Zagreb, con motivo do 150 aniversario do nacemento de Nikola Tesla. Presentación a cargo de Javier Uceda Antolín, Rector da Universidade Politécnica de Madrid 
  63. Artigo do blog Ovnis de cartón (27-07-2008). "Un mito de la energía libre: Nikola Tesla" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23-10-2013. Consultado o 1 de agosto do 2015. 
  64. "Dynamo Electric Machine" U. S. Patent # 390,721 - Oct 9 1888; "Alternating Electric Current Generator" U.S. Patent # 447,921 - March 10 1891.
  65. 0645576, "System of Transmission of Electrical Energy"
  66. United States Patent Office (ed.). "Sistem of transmission of electrical energy" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015. 
  67. Nikola Tesla and Daniel McFarlane Moore, both one-time employees of Thomas Edison, were two of the earliest men to develop and sell primitive versions of the fluorescent lamp. A few years after their work, at the dawn of the 20th century, Peter Cooper Hewitt brought the lamp much closer to its modern design when he filled the bulbs with mercury vapor. The light the Hewitt lamp emitted, however, was blue-green rather than white, making it poorly suited for most purposes despite its efficiency. http://magnet.fsu.edu/education/tutorials/museum/fluorescentlamp.html Arquivado 02 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
  68. The Man who Invented the Twentieth Century: Nikola Tesla, Forgotten Genius of electricity. Robert Lomas. Headline. 1999.
  69. "Electrical Igniter for Gas Engines" U. S. Patent # 690,250.
  70. Journal Il Nuovo Cimento C, On a new general theory of earthquakes. Italian Physical Society, ISSN 1124-1896. Issue Volume 11, Number 2 / March, 1988 DOI 10.1007/BF02561733 Pages 209-217 SpringerLink Date Thursday, February 08, 2007
  71. Seifer 2001, pp. 378 – 380
  72. Research, Health (1996-09). Nikola Tesla Research. p. 9. ISBN 0787304042. Retrieved 28 November 2010.
  73. Elisabeth Crawford, J. L. Heilbron, R. Ullrich, “The Nobel Population 1901–1937: A Census of the Nominators and Nominees for the Prizes in Physics and Chemistry” (Office for the History of Science and Technology, Univ. of California, Berkeley; Office for History of Science, Uppsala Univ., Uppsala, 1987).
  74. airport-desk.com (ed.). "Belgrade Nikola Tesla Airport". Arquivado dende o orixinal o 25/04/2014. Consultado o 11/05/2013. 
  75. "50 centa". Euro.hr
  76. "50 Euro Cent". Numista.com

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar