New Firm é o nome que recibiu o enfrontamento entre o Aberdeen F.C. e o Dundee United aló polos comezos da década dos 80 cando ámbolos dous clubs eran quen de facerlle boa fronte ó poderío establecido polo Celtic e mailo Rangers.

Unha etapa aquela na que o Aberdeen foi capaz de gaña-la xa desaparecida Recopa de Europa, a Supercopa de Europa tamén, un par de ligas seguidas e tamén catro copas das que tres foron de xeito consecutivo. Namentres o Dundee Utd. foi máis modesto en canto a fitos acadados ó gañar unha liga, chegar ás semifinais da Copa de Europa na tempada seguinte e a unha final da Copa da Uefa algúns anos despois.

Arestora esta rivalidade, e xa dende hai uns anos, está certamente escangallada por mor do baixón que ámbolos dous conxuntos sufriron trala perda dos seus xogadores máis salientables que tiveran contribuído a semellantes éxitos.