Abrir o menú principal
Localización aproximada da pobo dos Nemetatos na provincia romana da Gallaecia.

Os nemetatos (latín: nemetati) eran un pobo galaico da Gallaecia.

FontesEditar

Apenas son coñecidos senón por unha cita de Tolomeo, II, 6. 41, que os nomea, en grego, como Nemetatoi, dentro do convento xurídico bracarense. Indica tamén que Volóbriga era a súa capital ou centro.

IdentificaciónEditar

Desde que Nicolás Tenorio Cerero, identificara Volóbriga coa localidade actual do Bolo, ao leste da actual provincia de Ourense, son numerosos os autores que repiten tal redución xeográfica, e consecuentemente sitúan os Nemetatos na denominada Terra do Bolo, nun xeito amplo (especialmente os concellos do mesmo Bolo e Viana do Bolo).

Porén, esa teoría esquece que Volóbriga non pode dar O Bolo, pois o -l- intervocálico desaparecería nunha evolución fonética normal. De maneira, que Tenorio só tivo en conta a semellanza fonética do primeiro elemento de Volóbriga para realizar a súa identificación. En segundo lugar, ha terse en conta que os Nemetatos están clasificados como un pobo bracarense, mentres que O Bolo, debeu estar incluído no convento xurídico asturicense, é dicir, dependían de Asturica Augusta, do mesmo xeito que tanto O Bolo como Viana do Bolo, dependen aínda na actualidade, relixiosamente, da diocese de Astorga, a antiga Astúrica, e, practicamente, a maioría dos historiadores admiten unha continuidade xeral, entre o bispado e o antigo convento xurídico, dentro do territorio galego.

Non queda senón recoñecermos que descoñecemos a situación exacta do antigo pobo.

NomeEditar

O nome dos Nemetatos, debeu construírse sobre a raíz céltica nemeton "santuario; bosque sagrado", que aparece noutras denominacións da antiga Gallaecia, sendo o máis coñecido o da capital dos tiburos, Nemetobriga; e mesmo, xa en período altomedieval, no do territorio de Nemitos ou Nemetos, que daría lugar ao do arciprestado de Nendos, ao leste da cidade da Coruña.