Os nefridios[1] son órganos excretores dos animais invertebrados cunha función análoga á dos riles dos vertebrados, eliminando os refugallos metabólicos do corpo do animal.

Encóntranse en moitos filos animais, como nos moluscos, artrópodos e anélidos, e disitínguense dous tipos, protonefridios e metanefridios.

Etimoloxía

editar

O termo nefridio é a adaptación do latín científico nephridium (plural nephridia), usado desde 1877, e formado pola unión dos elementos nephr–, tirado do grego antigo νεφρόσ nephrós, 'ril' e o sufixo diminutivo –idium, adaptación do grego –ίδιον -ídion, usado na construción de numerosos termos anatómicos, biolóxicos, botánicos, químicos e zoolóxicos.[2][3]

Protonefridios e células flamíxeras

editar
 
Célula flamíxera.

O protonefridios son un tramado de túbulos de extremos cegos conectados entre si, pero que lles faltan aperturas internas que os comuniquen ao condutor ou canal do protonefridio. Polo seu extremo distal ditos túbulos ábrense ao exterior a través do neuróporo ou nefrostoma, e no seu extremo proximal ensánchanse para formaren unha ampola tapizadada internamente de células flamíxeras flaxeladas; cando ditas células flaxeladas tapizan a cara externa da ampola reciben o nome de solenocitos.

Os tabiques, as paredes dos túbulos, deixan paso por osmose. Cada célula ten un ou varios flaxelos e, cando baten no canal do protonefridio, crean unha corrente cara a fóra e, por extensión, un baleiro parcial no fondo do conduto. Debido a este baleiro parcial, os refugallos metabólicos e fluídos internos do animal son empuxados a través dos poros das células terminais do protonefridio. Os poros das células terminais teñen un diámetro tal que as moléculas pequenas poden pasar, pero as proteínas, máis grandes, quedan retidas no organismo.

Desde o fondo do protonefridio, o fluído das dexeccións é transportado polo conduto (formado polas células do canal) e saen do animal polo nefrostoma.

O protonefridios son estruturas embrioloxicamente ectodérmicas principalmente osmorreguladoras, xa que nos invertebrados inferiores (acelomados e blastocelomados) a excreción, na maioría dos casos, realízase a nivel da parede do cuerpo, pois a súa estrutura corporal o permite.

Os protonefridios aparecen nos organismos máis sinxelos, como os platihelmintos, os nemertinos, os blastocelomados (tamén coñecidos como pseudocelomados) e en numerosas formas larvarias, entre elas a larva trocófora.

Hai dous tipos de protonefridios:

Células flamíxeras: son células grandes con cilios. Conectan unhas células do interior do corpo co exterior mediante un pequeno conduto. Os produtos nitroxenados pasan dunha célula a outra, até chegaren á célula flamíxera que o expulsa ao exterior, grazas á corrente que crea o movemento dos cilios.

Solenocitos: son células grandes, flaxeladas, cun colarete. Asocian unhas células con outras formando unha cámara na que se expulsan as substancias nitroxenadas, que salen ao exterior grazas á acción dos flaxelos.

Metanefridios

editar
 
Esquema dun poliqueto. Obrérvese o nefridio co seu nefrostoma.

Os metanefridios son un tipo de glándulas excretoras presentes nos anélidos. Consisten nun tubo ou embude ciliado que se abre dentro da cavidade do celoma conectado a un conduto que pode ter unha variedade de glándulas, e pode ser pregado ou ensanchado, con vesículas, e que xeralmente evacúa ao exterior. Estes tubos ciliados transportan auga por bombeo e xunto con ela carrexan os ións en exceso, refugallos metabólicos, toxinas e hormonas sobrantes, volcando todas estas substancias nun nefridióporo. A urina primaria formada por filtración do sangue é transformada por reabsorción selectiva en urina secundaria por acción das células que tapizan o metanefridio.

En moitas miñocas (anélidos) os tubos nefridiais verten no aparato dixestivo polo que leva o nome de enteronefridio.

Nos artrópodos e nos tardígrados o sistema excretor leva o nome de tubos de Malpighi.

  1. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 121. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  2. nephridium en Dictionary.com
  3. nephridium en Online Etymology Dictionaty.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar