Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity

Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity (Teoloxía natural ou probas da existencia e atributos da deidade) é un libro escrito en 1802 polo crego inglés apoloxista cristián e filósofo da relixión William Paley (1743–1805). O libro expón os seus argumentos desde o punto de vista da teoloxía natural, presentando un argumento teleolóxico sobre a existencia de Deus, empezando destacadamente coa analoxía do reloxeiro.

Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity
Páxina co título da primeira edición americana
Autor/aWilliam Paley
Linguainglés británico
Xénero(s)apoloxética cristiá, filosofía da relixión
EditorialR. Faulder, London
John Morgan, Philadelphia
Data de pub.1802
editar datos en Wikidata ]

O libro escribiuse no contexto da tradición da teoloxía natural. En séculos anteriores, teólogos como John Ray e William Derham, xunto con filósofos dos tempos clásicos como Cicerón, argumentaron sobre a existencia e bondade de Deus baseándose no benestar xeral dos seres vivos e o mundo físico.

A Natural Theology de Paley amplía os argumentos, construídos sobre exemplos entre os que están encontrar un reloxo, comparar o ollo cun telescopio, e a existencia de estruturas mecánicas adaptadas con precisión nos animais, como as articulacións que funcionan igual que as bisagras ou articulacións de rótula feitas polo home. Paley argumenta que todo isto leva a pensar na existencia dun Creador intelixente, e que un sistema é máis que a suma das súas partes. Os últimos capítulos son de carácter máis teolóxico, argumentando que os atributos de Deus deben ser suficientes para o alcance destas operacións, e que Deus debe ser bo porque os deseños que se ven na natureza son beneficiosos.

O libro foi reeditado moitas veces e segue séndoo. Continúan consultándoo os creacionistas. Charles Darwin tomou os argumentos do libro moi en serio e respondeu a eles, e os biólogos evolutivos modernos como Stephen Jay Gould e Richard Dawkins seguiron discutindo o libro de Paley para responder aos modernos partidarios de ideas similares.

Contexto editar

O principal argumento de William Paley en Natural Theology é que o deseño de Deus de toda a creación pode verse na felicidade xeral ou benestar que é evidente na orde física e social das cousas. Isto sitúa o libro dentro da ampla tradición da teoloxía natural da Ilustración; e isto explica por que Paley baseou moito do seu pensamento en John Ray (1691), William Derham (1711) e Bernard Nieuwentyt (1750).[1]

O argumento de Paley está construído principalmente baseándose en exemplos de anatomía e a historia natural. "Pola miña parte", di Paley, "sosteño a miña posición na anatomía humana"; máis adiante insiste na "necesidade, en cada caso particular, dunha mente deseñadora intelixente para idear e determinar as formas que teñen os corpos organizados". Ao elaborar este argumento, Paley empregou unha ampla variedade de metáforas e analoxías.[2] Quizais a de máis sona foi a súa analoxía entre un reloxo e o mundo. Os historiadores, filósofos e teólogos a miúdo denomínana analoxía do reloxeiro. Ao elaborar esta analoxía mecánica, Paley presenta exemplos da astronomía planetaria e argumenta que os movementos regulares do sistema solar lembran o funcionamento dun reloxio xigante. Para reforzar esta idea cita os traballos do seu vello amigo John Law e do astrónomo real de Dublín John Brinkley.[3]

A cerna da idea pódese atopar en escritores antigos que usaban reloxos de sol e os epiciclos tolemaicos para ilustrar a orde divina do mundo. Este tipo de exemplos poden verse no traballo de antigos filósofos como Cicerón, especialmente na súa obra De Natura Deorum, ii. 87 e 97.[4] A analoxía do reloxeiro foi moi utilizada na Ilustración tanto por deístas coma por cristiáns.

Estrutura do libro editar

 
Primeira páxina da Natural Theology, que presenta a versión de Paley da analoxía do reloxeiro.

O libro está estruturado nos seguintes capítulos:

Capítulo I. 'State of the Argument' (Exposición do argumento)
A analoxía do reloxeiro básica: se un atopa un reloxo, debe supoñer que hai un reloxeiro.
Capítulo II. 'State of the Argument continued' (Continuación da exposición do argumento)
Agora o reloxio pode reproducirse por si mesmo. Paley argumenta que o reloxeiro debe ter poder, e intencións específicas.
Capítulo III. 'Application of the Argument' (Aplicación do argumento)
Paley di que o ateísmo non concorda co argumento do reloxeiro. Compara o ollo cun telescopio e argumenta a partir da estrutura do ollo.
Capítulo IV. 'Of the Succession of Plants and Animals' (Da sucesión de plantas e animais)
Paley argumenta partindo das propiedades das sementes das plantas e os ovos dos animais.
Capítulo V. 'Application of the Argument continued' (Continuación da aplicación do argumento)
O argumento amplíao a 'todas as partes organizadas das obras da natureza'. Paley considera se isto se pode explicar só polo azar, e conclúe que non.
Capítulo VI. 'The Argument cumulative' (O argumento acumulativo)
Ningún argumento, segundo escribe Paley, que non sexa 'a necesidade dun Creador intelixente', pode explicar o ollo (ou calquera outra estrutura viva elaborada).
Capítulo VII. 'Of the Mechanical And Immechanical Parts and Functions of Animals and Vegetables' (Das partes mecánicas e non mecánicas e funcións dos animais e vexetais)
Os animais usan os músculos para moverse; e mesmo se non comprendemos como funcionan, podemos ver que traballan mecanicamente, argumenta Paley, movendo as articulacións. Outros órganos como o estómago funcionan quimicamente para dixerir a comida.
Capítulo VIII. 'Of Mechanical Arrangement in the human Frame' (Da disposición mecánica da estrutura humana)
Os ósos e as articulacións forman unha estrutura mecánica con características comparables ás bisagras, articulación de amosega e espiga e de rótula etc, para proporcionar o apoio e á vez a flexibilidade axeitada. Compara a columna vertebral coa ponte de ferro de Bishop Wearmouth.
Capítulo IX. 'Of the Muscles' (Dos músculos)
Os músculos relaciónanse exactamente coas articulacións, facéndoas funcionar mecanicamente como as cordas e arames dun monicreque. Un caso complexo é o da lingua. Os músculos esfínteres son tamén admirables.
Capítulo X. 'Of the Vessels of Animal Bodies' (Dos vasos dos corpos dos animais)
Examina os vasos sanguíneos e linfáticos, as válvulas cardíacas, e as funcións diferenciadas de arterias e veas. Paley argumenta que ditas funcións, igual que as da epiglote, non se puideron formar gradualmente (como por evolución).
Capítulo XI. 'Of the Animal Structure regarded as a Mass' (Da estrutura animal considerada como unha masa)
Paley examina a simetría bilateral dos animais, e o ben empaquetados que están todos os órganos delicados, o que ten como resultado beleza e utilidade.
 
O cranio do bicotorto común e a anatomía da mandíbula do libro de William Yarrell A History of British Birds; Paley cita o peteiro deste paxaro por estar tan ben axeitado á súa función.
Capítulo XII. 'Comparative Anatomy' (Anatomía comparada)
Paley examina os equivalentes da anatomía humana noutros animais. A roupa humana é comparada coas pelaxes, plumas e escamas dos animais. A estrutura das plumas parécelle admirable. Tamén examina os dentes e mandíbulas dos carnívoros, herbívoros e omnívoros. Igualmente discute as adaptacións dos peteiros das aves en especies como os bicotortos, cullereiros e dos escolopácidos (de peteiro longo).
Capítulo XIII. 'Peculiar Organizations' (Organizacións peculiares)
O reverendo Paley examina os órganos que non parecen ter comparación, como as glándulas da graxa das aves e a vexiga natatoria dos peixes.
Capítulo XIV. 'Prospective Contrivances' (Aparellos potenciais)
Paley examina como algunhas estruturas se ve que están preparadas para unha futura función, como a dentición de leite dos nenos, xa formada dentro das mandíbulas no momento do nacemento. De xeito simialr, a circulación sanguínea do feto depende de circuítos temporais que inclúen o forame oval do corazón e o conduto arterioso, xa que os pulmóns aínda non se usan para respirar nese momento.
Capítulo XV. 'Relations' (Relacións)
Paley examina como o conxunto dun sistema é máis que a suma das súas partes. Considera que isto é así tanto nun reloxio mecánico coma nun sistema vivo.
Capítulo XVI. 'Compensation' (Compensación)
Os 'defectos' dun órgano son remediados pola estrutura doutro órgano. O elefante ten, segundo Paley, un pescozo curto porque a súa cabeza é moi pesada, pero en compensación ten unha longa trompa, permitíndolle ter un grande alcance. Similarmente, as arañas non teñen ás coas que poderían cazar as súas presas voadoras, pero teñen unha arañeira, e órganos adaptados a producir a seda, que a compensan pola falta de ás.
Capítulo XVII. 'The Relation of animated Bodies to inanimate Nature' (A relación dos corpos animados coa natureza inanimada)

Estruturas como as ás das aves e as aletas dos peixes están expresamente adaptadas aos 'elementos' que o rodean, aire ou auga, nos cales teñen que funcionar.

Capítulo XVIII. 'Instincts' (Instintos)
Os instintos permiten que as crías de salmón que eclosionan atopen alimento, e despois migren ao mar e finalmente regresen ao río a desovar.
 
Paley menciona os ovipositores de insectos como os Ichneumonidae, que poden poñer os seus ovos profundamente dentro da madeira.
Capítulo XIX. 'Of Insects' (Dos insectos)
Paley empeza dicindo que "non estamos escribindo un sistema de historia natural", desculpándose por non falar de cada clase sistematicamente. Menciona algúns exemplos peculiares dos insectos, como as antenas, élitros (ás protectoras), ovipositores (que el chama subelas) para poñer ovos na profundidade das plantas ou madeira, aguillóns, as probóscides das abellas, os órganos produtores de luz do vagalume e outros.
Capítulo XX. 'Of Plants' (Das plantas)
Aínda admitindo que nas plantas xeralmente hai menos evidencias obvias dun 'mecanismo estudado e deseñado' que nos animais, Paley engade tamén algúns exemplos, como as partes dunha semente, co seu delicado xerme protexido moitas veces por unha casca rexa ou espiñenta, e con "ás" ou outros apéndices para facilitar a súa dispersión.
Capítulo XXI. 'Of the Elements' (Dos elementos)
Paley examina como os 'elementos' clásicos auga, aire etc son exactamente os que se necesitan.
Capítulo XXII. 'Astronomy' (Astronomía)
Paley admite que a astronomía non é a mellor proba 'da actuación dun Creador intelixente', pero de todos modos mostra a súa magnificencia.
Capítulo XXIII. 'Personality of the Deity' (Personalidade da deidade)
Todos os exemplos anteriores mostran os 'deseños' existentes, que Paley argumenta proban a cualidade de persoa da Deidade, argumentando que só as persoas poden idear ou deseñar.
Capítulo XXIV. 'Of the natural Attributes of the Deity' (Dos atributos naturais da Deidade)
Paley argumenta que os atributos de Deus deben ser 'adecuados á magnitude, extensión, e multiplicidade das súas operacións'.
Capítulo XXV. 'Of the Unity of the Deity' (Da unidade da Deidade)
Paley argumenta que a uniformidade do plan que se ve no Universo indica que hai un só Deus.
Capítulo XXVI. 'The Goodness of the Deity' (A bondade da Deidade)
Para Paley Deus debe ser bo, porque en moitos casos os deseños que se ven na natureza son beneficiosos, e porque os animais perciben pracer, máis alá do que sería estritamente necesario. Admite que existe a dor, pero mesmo cousas como as picaduras velenosas das cobras existen cunha boa finalidade, fundamentalmente a defensa ou a captura das presas. A dor tamén é mitigada, como nos intervalos entre os ataques de dor agudos da gota, que son beneficiosos para os pacientes. A aparición do azar, é tamén necesaria para o mundo.
Capítulo XXVII. 'Conclusion' (Conclusión)
Paley conclúe que a teoloxía natural ofrece moitas probas da bondade de Deus, aínda que cada unha por separado sería suficiente. As moitas probas mostran que a conclusión é estable, e xuntas poden dar unha adecuada impresión nos que as estudan.

Edicións editar

A primeira edición co título Natural Theology: or, Evidences of the Existence and Attributes of the Deity foi publicada en 1802 en Londres por J. Faulder.[5] Nos Estados Unidos o libro foi publicado por E Sargeant and Company de Nova York o 15 de decembro de 1802.[6] Unha edición posterior publicada por E. S. Gorham contiña revisións feitas por F. LeGros Clark para "harmonizalo coa ciencia moderna".[7]

O libro volveu a reeditarse moitas veces por editoriais de Londres, Oxford, Cambridge, Edinburgo e Filadelfia. A vixésima reedición fíxose en 1820.[8] Apareceron versións nos anos 1802, 1807, 1809, 1813, 1818, 1819, 1821, 1823, 1825, 1826, 1829, 1830, 1840, 1854 e moitos anos despois. O libro segue reeditándose, e as edicións máis recentes son de 2006, 2008, 2009, 2010 e 2014. O libro foi tamén republicado en edicións dos Collected Works de Paley. Foi traducido a linguas como o francés e galés, entre outras.[7][9]

Opinións sobre os argumentos de Paley editar

 
O filósofo escocés David Hume, retratado aquí por Allan Ramsay en 1766, criticou o tipo de argumentos dados por Paley moito antes da publicación do libro, que foi posterior á morte de Hume.

Filosofía editar

O filósofo escocés David Hume (que morreu en 1776, antes de que Paley reunise os seus argumentos na súa Natural Theology) criticou o tipo de argumentos dados por Paley e autores anteriores en varios campos. En primeiro lugar, rexeitaba facer unha analoxía entre o mundo e os artefactos construídos polo home como un reloxo, xa que estes son tan pouco similares que calquera analoxía debe ser moi feble e pouco fiable. En segundo lugar, Hume aduce que mesmo se se acepta a analoxía, esta non probaría que o creador é infinito, bo, ou perfectamente intelixente,[10] nin que hai un só deus creador. Despois de todo, como escribiu Hume, "que sombra de argumento… pode vostede producir a partir da súa hipótese para probar a unidade da Deidade? Un gran número de homes únense para construír unha casa ou un barco, para erixir unha cidade, para estruturar unha comunidade; por que non poden varias deidades combinarse para idear e darlle estrutura ao mundo?"[11]

Acollida contemporánea editar

O Edinburgh Review de 1802-3 comentou que[12]

Con menos coñecemento e menos orixinalidade que algúns dos seus distinguidos predecesores [como John Ray e William Derham, que son mencionados], sería difícil, quizais, sinalar ao seu [libro] superior en solvencia de xuízo, ou en sagacidade comprensiva e vixilante. Con gran forza de razoamento e poder de decisión, tamén engadiu máis moderación e liberalidade de sentimento, do que se adoita atopar entre os que disputan; e engadiu peso ao seu argumento por medio dunha certa sinxeleza e sobriedade de maneiras, que está infinitamente mellor calculada para producir convicción que as ousadías dunha ambiciosa elocuencia.
With less learning and less originality than some of his distinguished predecessors [such as John Ray and William Derham, who are mentioned], it would be difficult, perhaps, to point out his superior in soundness of judgement, or in vigilant and comprehensive sagacity. With great strength of reasoning and power of decision, he has also united more moderation and liberality of sentiment, than is usually to be found among disputants; and added weight to his argument by a certain plainness and sobriety of manner, that is infinitely better calculated to produce conviction than the sallies of an ambitious eloquence.[12]

Esta crítica concorda con Paley en que "Ningún home pensante, que concibamos, pode dubidar de que hai marcas de deseño no universo" e que ou un só exemplo como o ollo é conclusivo, ou ningún número de exemplos o será. Paley é alabado por basearse en "fenómenos mecánicos" en vez de en argumentos sobre a intelixencia humana.[12]

O comentador da Biblia William Jenks describiu o libro en 1838 como "un traballo moi celebrado pola xustiza das súas reflexións, e a benevolencia, bo senso, e devoción que respira."[13]

Bioloxía evolutiva editar

 
Fotografía de Charles Darwin en 1855. Darwin foi inicialmente convencido polos argumentos de paley, pero despois os criticaría.

Charles Darwin leu a Natural Theology durante os seus anos de estudante, e despois escribiu na súa autobiografía que el inicialmente fora convencido polo argumento:

Aínda que eu non pensei moito sobre a existencia dun Deus persoal ata un período considerablemente tardío da miña vida, darei aquí as vagas conclusións ás que fun conducido. O vello argumento do deseño na natureza, como o que deu Paley, que anteriormente me parecía tan concluínte, falla, agora que se descubriu a lei da selección natural. Xa non podemos argumentar que, por exemplo, a fermosa bisagra da cuncha dun bivalvo debe ter sido feita por un ser intelixente, igual que a bisagra dunha porta por un home. Non parece haber máis deseño na variabilidade de seres orgánicos e na acción da selección natural, que na dirección na que sopra o vento. Todo na natureza é o resultado de leis fixas.
Although I did not think much about the existence of a personal God until a considerably later period of my life, I will here give the vague conclusions to which I have been driven. The old argument of design in nature, as given by Paley, which formerly seemed to me so conclusive, fails, now that the law of natural selection has been discovered. We can no longer argue that, for instance, the beautiful hinge of a bivalve shell must have been made by an intelligent being, like the hinge of a door by man. There seems to be no more design in the variability of organic beings and in the action of natural selection, than in the course which the wind blows. Everything in nature is the result of fixed laws.
Charles Darwin. The Autobiography of Charles Darwin 1809–1882.[14]

En 1993 o biólogo evolutivo Stephen Jay Gould comparou a Paley co personaxe do Doutor Pangloss das obras de Voltaire, o home que podería argumentar calquera caso (mesmo sen esperanza). Gould queda abraiado de que Paley poida afirmar que mesmo a punxente dor dun cálculo biliar ou da gota podería indicar a bondade dun Deus amoroso, coa xustiicación de que un se sente ben nos momentos en que a dor para. Gould deixa claro que atopa o argumento de Paley incorrecto cientificamente, pero afirma que o respecta como unha filosofía coherente e ben defendida. Gould respecta especialmente o método de Paley de identificar posibilidades alternativas e despois refútaas sistematicamente. Gould sinala que Paley concibe un tipo lamarckista de evoluión e refútaa coa observación de que os homes non perderon as súas mamilas pola falta de uso. Porén, Gould escribe que Paley non consegue pensar noutra alternativa, a selección natural, que non ten propósito en absoluto, pero simplemente acaba con aquilo que funciona peor en cada xeración.[15]

O biólogo evolutivo Richard Dawkins describiuse a si mesmo como un neo-paleyiano no seu libro de 1986 The Blind Watchmaker (o reloxeiro cego), no que argumentou, seguindo ao biólogo evolutivo e humanista Julian Huxley,[16] que o reloxo da analoxía de Paley falla ao non recoñecer a diferenza entre a complexidade dos organismos vivos e a dos obxectos inanimados. Os organismos vivos poden reproducirse por si mesmos e mutar, e están sometidos a procesos naturais que cambian as frecuencias dos seus xenes, polo que poden cambiar e converterse en máis complexos de xeración en xeración. Os obxectos inanimados como os reloxos son incapaces de transmitir ningún cambio, polo que nunca chegarán a ser máis complexos por si sós a non ser que un reloxeiro os redeseñe. Na visión de Dawkins, a comparación que fai Paley vense abaixo, debido a esta importante distinción.[17]

Creacionismo editar

Os argumentos do libro de Paley foron rexeitados por "virtualmente todos os biólogos".[18] No seu lugar, a teoría da evolución foi amplamente aceptada polos científicos desde Darwin en adiante,[19] e Darwin convenceu á "maioría da xente formada" de que procesos como a evolución están gobernados por leis naturais.[20] Isto non fixo que creacionistas, como os que defenden o movemento do Deseño intelixente (DI) non continúen usando os argumentos de Paley:[18]

Aínda que os propoñentes do DI afirman que as súas premisas difiren das de Paley, e, a diferenza de Paley, non especifican quen ou que é o deseñador, a maioría dos biólogos evolutivos ven o DI como unha versión dos argumentos de Paley postos ao día para ter en conta os avances nos nosos coñecementos de bioloxía.
"Although proponents of ID claim that their premises differ from Paley's, and, unlike Paley, do not specify who or what the designer is, most evolutionary biologists see ID as a version of Paley's arguments updated to account for advances in our understanding of biology."[18]

Notas editar

  1. Eddy, Matthew Daniel & Knight, David M. (2006). William Paley, Natural Theology. Introduction (Oxford University Press). 
  2. Eddy, Matthew Daniel (2004). "The Science and Rhetoric of Paley's Natural Theology". Literature and Theology 18: 1–22. doi:10.1093/litthe/18.1.1. 
  3. Eddy, Matthew Daniel (2008). Natural Theology. Oxford University Press. pp. Appendix entry on Brinkley. 
  4. Hallam, Henry (1847). Introduction to the Literature of Europe, Vol II. London: Murray. p. 385. 
  5. Paley, William (1802). Natural Theology: or, Evidences of the Existence and Attributes of the Deity (1st ed.). London: J. Faulder. 
  6. "(Ad)". The Evening Post (New York, New York). 21 Dec 1802. p. 4. Consultado o 9 November 2014. 
  7. 7,0 7,1 "Paley's "Natural Theology."". The Kansas City Times (Kansas City, Missouri). 7 Mar 1911. p. 6. Consultado o 9 November 2014. 
  8. "Paley, William". Complete Dictionary of Scientific Biography. 2008. 
  9. "Search results for 'William Paley "Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity"'". WorldCat.org. OCLC WorldCat. Consultado o 9 November 2014. 
  10. Hume, David (1948). "Part II". Dialogues Concerning Natural Religion (with introduction by Norman Kemp Smith ed.). Social Sciences Publishers. 
  11. Hume, David (1948). "Part V". Dialogues Concerning Natural Religion (with introduction by Norman Kemp Smith ed.). Social Sciences Publishers. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Anon. "Art. III. Review of Natural Theology by William Paley". Edinburgh Review 1: 287–305. Consultado o 9 November 2014. 
  13. Jenks, William, ed. (1838). "Paley, William, D.D.". The Comprehensive Commentary on the Holy Bible. Fessenden & Company. p. 172. 
  14. Citado en The Portable Atheist, editado por Christopher Hitchens, Da Capo Press, 2007. p. 94
  15. Gould, Steven Jay (2007) [1993]. Eight Little Piggies: Reflections in Natural History. Vintage. pp. 142–148. 
  16. Huxley, Julian (1953). Evolution as Process. Harper and Row. p. 4. 
  17. Richard Dawkins (1986). The Blind Watchmaker: Why the Evidence of Evolution Reveals a Universe Without Design. W.W. Norton. pp. 43–76. ISBN 978-0-393-31570-7. Consultado o 20 September 2014. 
  18. 18,0 18,1 18,2 Moore, Randy (2009). "William Paley, 1743–1805". Reports of the National Center for Science Education 29 (4): 26–27. 
  19. Rafferty, John P (2011). New Thinking about Evolution. Rosen. p. 53. 
  20. Bowler, Peter J. (2003). Evolution: The History of an Idea. University of California Press. p. 178. 

Versións editar

--- Darwin online: 12th edition
--- Archive.org: 1879 Sheldon edition

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar