Museo do Ferrocarril de Galicia
O Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA) está situado en Monforte de Lemos, provincia de Lugo. Foi inaugurado en 2001.
Museo do Ferrocarril de Galicia | |
---|---|
Entrada ao Museo do Ferrocarril de Galicia | |
País | Galicia |
Cidade | Monforte de Lemos |
Tipo | Ferrocarril |
Administrador | Fundación dos Ferrocarrís de Galicia |
Director | Luis Blanco |
Inauguración | 2001 |
Na rede | |
http://www.muferga.es/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Sitúase nas antigas instalacións ferroviarias que no seu día albergaron un dos máis importantes depósitos de tracción vapor do norte de España.[1] Estas históricas instalacións dispoñen dunha nave circular cun deseño propio da arqueoloxía industrial de principios do século XX e unha praia con 40 vías que se enlazan a través dunha ponte xiratoria que se utiliza tamén para inverter a marcha da locomotora de vapor.
Historia
editarO Museo do Ferrocarril de Galicia foi inaugurado en 2001.[2] O 30 de abril de 2011,[3] con motivo da "Festa do Tren - I Xuntanza de Minitréns", o MUFERGA inaugurou o circuíto de cinco polgadas, que se converteu no segundo parque ferroviario de Galicia logo do do colectivo "Carrileiros" de Foula de Ourense. Trátase dun circuíto de máis de 300 metros para recreacións de trens a escala.[4][5] En 2016, logo dos bos resultados colleitados polo circuíto de trens en miniatura, decidiuse ampliar o seu trazado ata uns 600 metros, co que o circuíto dos minitréns pasaría a chegar ata a rotonda ferroviaria do museo.[6]
Instalacións
editarA rotonda ferroviaria
editarA chamada rotonda ferroviaria é unha nave en forma de ferradura que conta cunha ponte xiratoria mecánica de 25 metros que permite o acceso de locomotoras a 38 vías que e á súa vez fan posible o acceso ás cocheiras da rotonda.[7] A nave era unha das instalacións que conformaban o antigo depósito e era empregada para a revisión e mantemento das locomotoras de vapor que tiñan como base a estación monfortina.[8] Trátase da única estrutura destas características existente en Galicia e unha das poucas conservadas en España.[7][a]
En 2007 o edificio da rotonda foi rehabilitado polo obradoiro de emprego Galaico Expreso III da Consellería de Traballo. Dende a súa rehabilitación alberga material móbil do museo.[7] En 2015, coincidindo co "Ano do Patrimonio Industrial e Técnico en Europa", o edificio foi incluído no catálogo do patrimonio industrial europeo.[9]
Material ferroviario emblemático do museo
editarLocomotora de vapor "Mikado"
editarDe deseño inglés, foi construída en 1953 en Gran Bretaña pola factoría North British Locomotive Company de Glasgow, Escocia. Foi adquirida por RENFE para prestar servizo en todas as liñas españolas arrastrando trens de viaxeiros e mercancías ata o final da época do vapor, en 1975. Evitouse o seu despezamento ao asignarse, en 1980, ao Museo Nacional do Ferrocarril. En 1983 é reparada nos talleres cataláns de Caldensa para traccionar o tren turístico "Da fresa" que circula entre Madrid e Aranjuez.[10]
A locomotora Mikado 141 F 2111 monta un bastidor con seis eixos, dous portadores e catro motores. Un eixo portador (bisel) na parte anterior, catro motores e outro na parte posterior. Dispón dun ténder axustado onde se sitúan os depósitos de auga e fuel. A máquina pesa 170 toneladas e desenvolve unha forza de tracción de dous mil cabalos. Alcanza unha velocidade máxima de 100 quilómetros por hora arrastrando trens de 15 mil toneladas.[10]
Locomotora Diésel-Eléctrica Alco, serie 1800
editarA locomotora Alco 1812 (American Locomotive Company) foi construída por esta firma americana na súa factoría do Canadá, en 1954. Chegou a Galicia en 1958 e quedou asignada ao depósito de tracción de Monforte de Lemos. Desde Monforte destinouse a remolcar os trens expresos nas relacións León-Ponferrada-A Coruña e Ourense-Vigo-Santiago-A Coruña. Desde 1962, ata a súa retirada do servizo, arrastrou o popular tren "Xangai" Barcelona-Monforte-A Coruña. Deixou de prestar servizo en 1993.[10]
A locomotora Alco 1812 monta un bastidor con dous Bogies e seis rodas de 1.016 mm. Dispón dun motor diésel de 1.800 cabalos que xera electricidade para os seus seis motores de tracción que desenvolven unha potencia de 1.105 Kw. O peso da locomotora é de 110 toneladas.[10]
Coche salón ZZ1 (coche presidencial)
editarO coche salón ZZ1 é un vagón con caixa de madeira construído en Beasaín en 1929 para o director da Compañía dos Ferrocarrís do Norte. Dispón dun salón, dormitorio con gabinete de traballo, aseo con ducha, cociña e compartimento de acompañantes. Está dotado con calefacción, aire acondicionado e teléfono.[10]
Locomotora eléctrica 7722
editarA locomotora eléctrica 7722, foi recuperada polos alumnos do Obradoiro de Emprego "Galaico Expreso II" (2002-2003), os membros do taller traballaron un ano no seu arranxo, ao atoparse seriamente danadas diferentes partes da máquina.[10]
As 75 locomotoras da serie 7700, foron compradas en Gran Bretaña, de aí a súa vén o cualificativo das "inglesas" e foron principalmente asignadas para prestar servizo, entre outros, nas empinadas ramplas de Pajares e Brañuelas polas liñas electrificadas de Xixón-León e León-Monforte de Lemos.[10]
Só hai tres, RENFE comprara na década dos anos 50 do século pasado un total de 75 unidades, das que soamente quedan cinco. Tres, entre elas a que foi recuperada na cidade do Cabe, están operativas e outras dúas están moi danadas. O resto foron despezadas.[10]
A 7722 pesa 120 toneladas e dispón de 3.000 cabalos de potencia. Os seus seis motores exercen unha forza de tracción de 13.800 kg.[10]
Notas
editar- ↑ A rotonda ferroviaria de Monforte de Lemos é a instalación destas características máis grande e a mellor conservada de España, xa que aínda está operativa e supera lixeiramente en tamaño á situada en Vilanova i la Geltrú e de maior interese arquitectónico que a de Santander.[9]
- Referencias
- ↑ "Museo del Ferrocarril de Galicia". Sapos y princesas (en castelán). El Mundo. Consultado o 15 de maio de 2018.
- ↑ Pato, Silvia (27 de abril de 2017). "Los diez museos más curiosos de Galicia. Museo del Ferrocarril de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2018. Consultado o 16 de maio de 2018.
- ↑ Arnáiz, Ángel (1 de maio de 2011). "Monforte, capital de los minitrenes para revivir los viejos ferrocarriles". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2018. Consultado o 17 de maio de 2018.
- ↑ "Nuevo parque ferroviario en el Museo del FC. de Monforte" (en castelán). Círculo Madrileño Ferroviario. 30 de abril de 2011. Consultado o 17 de maio de 2018.
- ↑ "FESTA DO TREN. I XUNTANA DE MINITRENES" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 17 de maio de 2018.
- ↑ "El tren en miniatura de Monforte será ampliado para atraer más visitantes". El Progreso (en castelán). 26 de xuño de 2016. Consultado o 17 de maio de 2018.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "Monforte recupera un edificio ferroviario único en Galicia". El Correo Gallego (en castelán). 9 de setembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2018. Consultado o 15 de maio de 2018.
- ↑ Díaz, Luis (8 de abril de 2015). "La rotonda de Renfe entra en el patrimonio industrial europeo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 15 de maio de 2018.
- ↑ 9,0 9,1 Arnáiz, Ángel (1 de abril de 2015). "Monforte, en el catálogo del patrimonio industrial europeo". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2018. Consultado o 15 de maio de 2018.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 10,8 "Sobre el “MUSEO DO FERROCARRIL DE GALICIA”" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 16 de maio de 2018.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo do Ferrocarril de Galicia |