Museo de Papel Moeda do Banco Xónico

museo numismático en Grecia

O Museo de Papel Moeda do Banco Xónico (en grego: Μουσείο Χαρτονομισμάτων Ιονικής –Mouseio Chartonomismaton Ionikis–; en inglés: Banknote Museum of the Ionian Bank) é un museo propiedade do Alpha Bank, situado en Corfú, Grecia, que exhibe a colección case completa dos billetes emitidos nese país entre 1822 e 2002, cando o dracma foi substituído polo euro.[1][2][3]

Museo de Papel Moeda do Banco Xónico
Μουσείο Χαρτονομισμάτων Ιονικής
Banknote Museum of the Ionian Bank
Edificio sede do
Museo de Papel Moeda do Banco Xónico


Coordenadas39°37′29″N 19°55′21″L / 39.62472, -19.92250
PaísGrecia Grecia
Cidade Corfú
DirectorAris Rapidis.
Inauguración1981
Na rede
http://www.alphapolitismos.gr/en/05-banknote-museum
editar datos en Wikidata ]

Ademais do papel moeda, entre os seus aproximadamente 2.000 obxectos expostos hai tamén esbozos, libros, fotografías e pranchas de impresión para a produción de billetes. A colección do museo está considerada como unha das máis completas do mundo no seu xénero.[3][4][5]

Historia editar

O museo do papel moeda foi establecido en 1981 polo Banco Xónico (Ionian Bank) no primeiro andar da antiga sede central deste banco, un edifico de estilo neoclásico deseñado arredor de 1840 polo arquitecto de Corfú Ioannis Chronis.[5] Esta foi a sede do banco desde a súa apertura en 1846 ata 1873, cando esta se trasladou a Atenas. En 2000, o Ionian Bank foi absorbido polo Alpha Bank.[1]

En 2003, o historiador e conservador do museo Aris Rapidis emprendeu unha profunda renovación do edificio e unha reorganización das exposicións para se axustar aos estándares museísticos internacionais, para o que contou coa colaboración de John Keyworth, conservador do Banco de Inglaterra. Como resultado deste proceso, durante o cal o museo permaneceu pechado, en 2005 reabriu as súas portas totalmente renovado. [1]

Entre ese ano e 2007 visitaron as novas instalacións arredor de 10.000 persoas. En xullo de 2007 construíuse unha nova sala de exposicións no segundo andar do edificio, que se inaugurou cunha mostra acerca da vestimenta grega a partir de fontes impresas dos séculos XVI a XX, organizada en conxunto co Museo Benaki, de Atenas.[2]

A colección editar

O museo está dividido en catro salas, nas que se exhibe unha completa colección de billetes gregos, desde 1822 ata a substitución do dracma polo euro en 2002, cun total de arredor de 2.000 pezas.[2] Entre os espécimes da colección áchanse algúns exemplares raros do papel moeda grego, como os primeiros billetes emitidos por Ioannis Kapodistrias, o primeiro xefe de Estado da Grecia moderna, co seu valor facial expresado en fénix.[1][5][6]

Amósanse tamén os primeiros billetes expresados en dracmas, imprimidos polas compañías inglesas Perkins Bacon e Bradbury Wilkins, así como pola estadounidense American Banknote Company. Unha das pezas máis valiosas é un billete de 1920 que representa a antiga igrexa bizantina de Santa Sofía (en Istambul) sen minaretes, consonte a Megáli Idéa, e que nunca chegou a circular, como consecuencia da guerra greco-turca de 1919-1922.[1]

Consérvanse tamén algúns billetes de estilo art decó impresos en Francia e nos que aparece Hermes, como representación alegórica da continuidade do comercio e da moeda de Grecia desde a Antigüidade. Así mesmo, inclúese papel moeda emitido durante a segunda guerra mundial en tanto que Grecia estaba ocupada polas potencias do Eixe.[1]

Pódense observar tamén os billetes emitidos polo provisional "Goberno da montaña" (κυβέρνηση του βουνού, kivérnisi tu vunú), nos que o valor se establecía consonte o seu equivalente en quilogramos de trigo, así como o billete de cen mil millóns de dracmas (100.000.000.000) emitido durante a hiperinflación de 1944, a denominación máis alta emitida en Grecia, aínda que logo do período de hiperinflación o seu valor caeu a apenas dous dracmas.[1]

Á parte das pezas gregas, o museo posúe a serie completa das derradeiras emisións dos billetes nacionais dos estados da Eurozona, antes de seren substituídas polas series en euros.[1]

Ademais de amosar papel moeda, no Museo de Papel Moeda do Banco Xónico tamén se explica a historia do Ionian Bank, a primeira entidade financeira que operou en Grecia, así como o proceso de produción dos billetes. Nun taller pódese ver o proceso de gravado en placas de metal.[1]

Inclúese tamén un bo número de documentos e de obxectos relacionados coa historia do Banco Xónico, como fotografías, selos, cheques, accións ou as placas coas que se imprimían os billetes e as accións.[5] Revisten particular interese os primeiros bonos do Estado emitidos polo primeiro Goberno grego en 1822.[1]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Koroxenidis , A. (2006). "A history of Greece’s banknotes". En Ekathimerini.com. 18 de xaneiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Banknote Museum of the Ionian Bank - Corfu Arquivado 24 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". Alpha Bank. Culture.
  3. 3,0 3,1 "New Permanet Exhibition at Corfu's Banknote Museum". En Coins We ekly. 19 de xullo de 2016.
  4. "The Banknote Museum of Greece in Corfu". Greek-coins.net
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Corfu Museums: The Banknote Museum Arquivado 28 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Corfu City Pass. 3 de maio de 2018.
  6. "Banknote Museum of the Ionian Bank: Permanent Exhibition Arquivado 24 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". Alpha Bank. Culture.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar