Muralla de Santiago de Compostela

antiga defensa da vila de Santiago de Compostela

A muralla de Santiago de Compostela, da que soamente quedan algúns lenzos, rodeaba a cidade de Santiago de Compostela até o seu derrubamento no século XIX, aínda que na actualidade se conservan algúns restos, sendo o maior o arco de Mazarelos. Existen, así mesmo, algunhas partes ocultas polas casas actuais.[1] A traza da muralla é claramente visíbel aínda sobre o plano da cidade antiga de Santiago, cuxo urbanismo veu determinado pola existencia desta fortificación.[2]

Extensión da Villa Sancti Iacobi. Aparecen os barrios existentes entre o ano 900 e o 1040, así coma as liñas de muralla e a cerca de Sisnando II de Iria.
Plano de Santiago en 1595. Arquivo Xeral de Simancas. MPD, XXXIV, 21.
Porta de Mazarelos, única porta conservada da muralla.

Orixe editar

No ano 968 Sisnando II de Iria amurallou a zona que ocupaba a igrexa anterior á actual catedral de Santiago e os seus límites inmediatos, conformando o núcleo coñecido como Locus Sancti Iacobi. Este ocupaba tan só o espazo que hoxe ocupan a catedral, a praza da Quintana e o convento de San Paio de Antealtares, cunhas poucas rúas anexas. Esta muralla, que se complementaba cun segundo anel formado por fosos e estacadas, foi case totalmente destruída pola expedición de Almanzor en 997.[3]

A mediados do século XI, dado o auxe da cidade, que comezaba a ser un florecente lugar de peregrinación, unido ao medo a unha incursión normanda ou árabe, fixo que o bispo Cresconio construíse unha nova muralla moito maior sobre o anel de foso e estacadas. Esta nova muralla, que tiña uns 2 km de contorno e cubría un espazo interior de 30 ha, é en esencia a que se manterá ata o século XIX e protexía os novos arrabaldes que se ían formando arredor do Locus.[4]

Da primeira muralla, que desapareceu moi pronto baixo as novas edificacións, apenas quedan unhas poucas pegadas que se acharon na zona da Acibecharía. En 2009, durante as obras de remodelación do antigo Banco de España para habilitar as novas dependencias do Museo das Peregrinacións, atopouse unha sección en bastante ben estado desta primeira fortificación.[5]

Características editar

Os muros estaban construídos con cascotes irregulares de pedra tipo xisto, cunha altura duns 5 m e un grosor duns 2,5 m. Estaban ameados, aínda que non se coñece a forma exacta, e reforzados a intervalos regulares por torres cuadrangulares, 48 segundo o plano de 1595. A súa forma de ril dispoñía o seu eixe máis longo orientado Norte-Sur. As portas estaban construídas con cantaría máis fina e argamasa e ao exterior estaba rodeada por un foso.[6]

Portas editar

A muralla orixinal tiña 7 portas, ás que se foron engadindo outras co paso dos séculos. O Códice Calixtino describe as primeiras sete portas do seguinte xeito:

As entradas e portas da cidade son VII. A primeira entrada chámase Porta Francíxena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que conduce a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; e a sétima, Porta de Mazarelos, pola que chega á cidade o precioso Baco.[7]

No século XIII ábrese a Porta Nova da Vila (ou da Rúa da Pena) e nos séculos XIV e XV aparecen outras portas menores para uso peonil, como a das Algalias, a de San Fiz ou a do Souto.[8]

As tres portas principais da cidade foron, por orde de importancia:[8]

  • A porta Francíxena ou do Camiño: Nela desembocaba o Camiño Francés e era considerada como a porta principal da cidade. Nas súas proximidades empezaron a aparecer as tendas e albergues para os peregrinos.
  • A porta Faxeira: Por ela entraban os peregrinos procedentes do Camiño Portugués, xunto co peixe dos portos de Padrón, Noia, Pontevedra e Fisterra. O seu nome quizais veña da existencia de faias na zona.
  • A porta de Mazarelos: Comunicaba coa praza de Mazarelos de Santiago, e por ela entraba o viño da Ulla e do Ribeiro, así como os cereais de Castela. A porta de arco de medio punto peraltado ten pegada no lateral sur unha edificación que conserva as bases da torre grande defensiva que flanqueaba a porta. É a única que se conserva na actualidade.[9]

Influencia urbanística editar

Trala construción da muralla, o tecido urbano queda constrinxido dentro do límite que esta supón, o cal marca o tamaño dos edificios e mesmo a súa altura, xa que os de máis de tres plantas se vían coma unha ameaza para o sistema defensivo. Amais, as tres principais portas marcan os eixes de comunicación da cidade, que se articulan de xeito case reticular, dende as entradas ata a praza de Cervantes ou a do Obradoiro, á súa vez interconectadas. Tamén marca as construcións externas, xa que tanto os mosteiros coma os obradoiros molestos ou os bordeis se instalan extra muros pero preto das portas.[10]

Deterioración e abandono editar

 
Praza da Oliveira. A casa do fondo está construída sobre unha antiga torre da muralla, mentres que o edificio estreito que está á súa esquerda foi levantado sobre o espazo do camiño de ronda interior.

A partir do século XV as murallas van perdendo a súa utilidade ao diminuír a ameaza de ataques, o cal fai que vaian caendo nun progresivo abandono. En 1596, temendo un ataque por parte dos ingleses, Antonio Ozores fai este repaso do estado das murallas:

[Las nueve puertas precisan reparación, pues] aunque se les an puerto puertas, hes como si no las tuvieran por ser algunas tan cortas que no llegan a çerrar poco más de la mitad... y esto se bera en la puerta que cae a san Francisco que muy olgadamente caben tres o cuatro ombres por lo que queda abierto, y en otras entran e salen por debaxo. [Los muros] estan muy flacos [e es necesario hacer terraplenes e fortificarlos].

— González Méndez e Luaces Anca, [11]

Amais, co paso dos anos e os avances na artillaría, a muralla quedou anticuada e inservíbel para a defensa. Aínda que os veciños tentaron reparala en varias ocasións durante os séculos XVII e XVIII, hai constancia de que varias partes desta se utilizaron coma vertedoiro, práctica prohibida por varias ordenanzas municipais, aínda que desoída.[12]

Desaparición da muralla editar

Dende a Idade Media e até o século XIX existiu o contrato de foro, polo cal se cedía a posesión e uso do camiño de rolda interior ou dunha das partes da muralla a un particular a cambio dunha cota fixa. Co paso do tempo, a maioría dos edificios próximos á muralla estendéronse até integrala no seu interior, e mesmo se construíron edificios nos espazos de rolda e sobre as mesmas torres e murallas. Estes vestixios coñécense coma muralla fosilizada e permiten coñecer con maior exactitude a traza que tivo esta.[13]

Actuacións editar

Xa en 1994 se atoparon os restos dunha torre da muralla e un foso no n.º 18 da Rúa da Senra, que hoxe en día poden observarse a través dun cristal. A partir de entón atopáronse e estudáronse algúns fragmentos da muralla ao longo da cidade antiga, destacando os achados da rúa de Entremuros,[14] nos que se descubriu un dos tramos mellor conservados da cidade, de 10 m de longo e 5 de alto, nas paredes dunha vivenda. Nel distínguese, entre outros elementos construtivos, a silueta das ameas.[15][16]

En 2009, a Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación do concello de Santiago realizou unha ruta chamada A cerca da Cidade co fin de achegar a historia e a traza da antiga muralla ao público en xeral.[1] Esta ruta sinalouse ao longo do seu percorrido cuns puntos de referencia incrustados no chan que van sinalando o percorrido da muralla arredor da cidade antiga.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 4
  2. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 6
  3. "Muralla urbana de Santiago de Compostela". CastillosNet (en castelán). Arquivado dende o orixinal (html) o 08 de setembro de 2011. Consultado o 27 de xaneiro de 2010. 
  4. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 7
  5. E. P (20 de marzo de 2009). "Encuentran un trozo de la primera muralla de Santiago en el sótano del antiguo Banco de España". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal (html) o 23 de marzo de 2009. Consultado o 27 de xaneiro de 2010. 
  6. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 9
  7. Calisto II (1135-1140). Códice Calixtino ou Liber Sancti Iacobi (en latín). V (Guía do Peregrino). 
  8. 8,0 8,1 González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 10
  9. "Arco de Mazarelos" (html). TurGalicia (en castelán). Xunta de Galicia. 2010. Consultado o 27 de xaneiro de 2010. 
  10. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 12
  11. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 13
  12. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 15
  13. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 16
  14. González Méndez e Luaces Anca (2009) p. 37
  15. "Al rescate de la muralla medieval" (html). El País (en castelán). 20 de novembro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2010. 
  16. "La muralla en el salón de casa" (html). El País (en castelán). 8 de decembro de 2008. Consultado o 27 de xaneiro de 2010. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar