Movemento obreiro en España

(Redirección desde «Movemento obreiro español»)

A singularidade histórica de España, a influencia dos distintos países europeos, pero con especial relevancia o escuro e longo período franquista, marcarán un antes e un despois nos movementos obreiros e organizacións empresariais.

O movemento obreiro ata a guerra civil española

editar

Sobre o ano 1868, na época da revolución burguesa e na época da República Federal dos anos 1873-74, naceu o movemento obreiro español, o primeiro movemento revolucionario da clase obreira española. A Primeira Internacional (1864) organizouse en España a través da AIDS (Alianza Internacional da Democracia Socialista). Así pois, o movemento obreiro español contou cunha preponderancia dos sectores anarquistas, fronte á preponderancia socialista da maior parte de Europa.

A principal característica deste movemento sería a defensa da "ausencia de restrición" e da liberdade total dos grupos locais. Os seus prantexamentos resúmense na fórmula "anarquía política, ateísmo relixioso, socialismo-colectivismo en economía". En definitiva defínense coma partidarios da "acción revolucionaria directa" e como abertamente "anti-electorais". Ademais, moitos anarquistas empezaron a defender o terrorismo individual coma "excitante revolucionario".

En 1870 a Federación Rexional Española da Internacional de traballadores contaba con 30.000 sindicalistas. Influencia nela, no leste e no Sur, a Alianza da Democracia Socialista, grupo que conseguiu co tempo o dominio da Federación, impóndose no congreso de Barcelona dese mesmo ano o programa anarquista: absterse da actividade política (non crear partido obreiro - non votar) e a defensa da "acción directa". Mentres, o marxismo defendía a necesidade dunha democracia obreira organizada e centralizada, e para chegar a ela defendía a necesidade dun partido político obreiro.

A ruptura entre Karl Marx e Mikhail Bakunin produciuse en 1872, quedando a Federación Española aliñada co segundo, sen se crear polo tanto partido obreiro ningún, o que se suplía coas consignas antielectorais ou co apoio puntual ós republicanos federais. Entrementres, o minoritario grupo marxista tratou de encher ese baleiro coa creación do partido obreiro PSOE en 1879 e do sindicato de clase obreira UXT en 1888.

Co novo século XX, desenvolveuse o movemento obreiro coincidindo coa industrialización de Asturias, País Vasco, e Cataluña. Tamén producíronse neste momento diverxencias no anarquismo español. Existían correntes "puristas" antisindicais, correntes partidarias do terrorismo individual e por último existían correntes anarcosindicalistas, baseadas na teoría do sindicalismo revolucionario coherentemente formulada por teóricos revolucionarios franceses.

En España sería onde o anarcosindicalismo logre crear unha verdadeira forza de masas. En 1907 fúndase o grupo "Solidaridad Obrera" en Barcelona, de tendencia anarcosindicalista, e que publica un órgano de expresión do mesmo nome, periódico coñecido popularmente como a "Soli". Cá recesión económica de 1908/9, fronte ós despedimentos e a redución salarial, a "Soli" propón a posibilidade da folga xeral. Co chamamento a filas de recrutas para a guerra colonial en Marrocos, esta folga estala. O resultado: a "Semana Tráxica de Barcelona.

Os anarcosindicalistas, có control da "Soli", convocan un Congreso Nacional de Traballadores en Barcelona en 1910. Acordan crear a CNT (Confederación Nacional do Traballo), que chegaría a converterse no principal sindicato de masas da clase obreira española ata a guerra civil, superando á UXT. Composta de sindicatos "sen ideoloxía" en principio, teñen pouca disciplina organizativa, intentan evitar o fomento da folga como arma económica que freara a "acción directa". O carácter anarcosindicalista ou sindicalista revolucionario da CNT quedaba claro.

Esta gran central sindical, se no conxunto do estado superou á UXT, en Cataluña converteuse en case a única central (especialmente importante porque Cataluña era a maior rexión obreira española). A CNT tiña un carácter case exclusivamente obreiro, con moi poucos intelectuais de clase media. O seu ton, podería dicirse, era "rudo" e dun anti-intelectualismo decididamente proletario. E, porén, as revistas e bibliotecas que as súas agrupacións fomentaban contribuíron decisivamente á culturización da clase obreira nese anos en que a ensinanza pública brillaba pola súa ausencia.

Inda que teoricamente, non se apoiaban as folgas parciais nin económicas; obviamente os Sindicatos membros da CNT víronse inmersos nelas. Se o sindicato CNT, nas súas bases non tivera apoiado estas mobilizacións nunca tivera sido un sindicato de masas. Foi o instinto de clase dos militantes da base o que se impuxo ás teorizacións da "dirección". Evidentemente, o carácter asembleario e federalista da organización permitiu que cada federación da confederación, a nivel sectorial ou local, tomara as decisións que lle pareceran pertinentes.

As folgas industriais estendíanse polo norte, as folgas campesiñas por Andalucía a finais da década de 1910. Este foi o ambiente no que foi recibido o triunfo da revolución bolxevique en Rusia. A clase obreira española, como a mundial, quedou moi impresionada cá vitoria da revolución bolxevique soviética. O impacto no PSOE e a UXT é bastante coñecido, levando á creación do primeiro PCE; pero non se insiste tanto no feito de que produciu gran simpatía entre os medios confederais, chegándose a afiliar á III Internacional, por un tempo, a CNT.

O feito de que a república soviética fora neses tempos unha democracia de traballadores, que funcionaba a través das asembleas obreiras ou "soviets", permitiu que os anarcosindicalistas españois, con moita razón, viran nela a encarnación dos seus ideais colectivistas.

O lugar onde a CNT tiña máis influencia, Cataluña, tiña a parte máis activa da clase media e a parte máis poderosa do movemento obreiro. O catalanismo burgués premía forte, e temía á vez a forza dos traballadores.

A finais da década dos 10, os patróns organizáronse en toda España contra o socialismo e o sindicalismo revolucionario. A policía era desbordada polo movemento obreiro. Moitos obreiros viron o terrorismo individual anarquista como unha manobra de provocadores para xustificar a persecución e a represión policial. O terrorismo "branco" dos pistoleiros da patronal empeorou as cousas.

O que na primeira guerra mundial a economía dunha España neutral crecera, fortaleceu a clase obreira e a CNT.

En 1917-18 deuse un incremento da actividade folguística. O goberno prohibiu a "Soli" (Solidaridad Obrera, órgano oficial da confederación), pechou centros obreiros e detivo dirixentes. En 1919 produciuse a folga da empresa eléctrica "La Canadiense", que se estendeu e produciu unha folga xeral na industria e no campo cataláns. Vitoria parcial da CNT, tras unha dura loita. E é que a mobilización foi importante: o 24 de marzo de 1919 a CNT volveu a convocar unha folga xeral para liberar os presos da folga anterior. Houbo 3 semanas de loita social en Barcelona e outras cidades.

O goberno reaccionou con pánico á loita, e o 3 de abril o Parlamento aprobou a xornada de 8 horas. O goberno ordenou formar as comisións mixtas de negociación. Eran triunfos arrancados pola clase traballadora coa súa loita. Pero a detención de sindicalistas levou á dirección da CNT a anarquistas puros, que responderon ó terrorismo "branco" con accións de terrorismo individual. Isto foi criticado por moitos sectores da mesma organización. Antigos policías da "Brigada político-social" encargáronse de dirixir as bandas de pistoleiros da patronal contra os confederais e as organizacións obreiras en xeral.

A finais de 1919, o goberno intentou pactar có sector sindicalista da CNT, pero a Federación de Patronos planteou o "lock-out" e a loita recruouse. A patronal formou a obreiros desclasados no Sindicato Libre (ultracatólico e reaccionario) contra os Sindicatos Únicos da CNT. A loita pistoleira entre ambos grupos produciu unha nova escalada terrorista. A extensión do terrorismo en 1920, xunto cos "lock-out " e a Folga Xeral convocada para o 24 de xaneiro, produciron unha tensión extrema.

O terrorismo e a loita social estendéronse a toda España. Tamén en 1920, o goberno pasou da liña reformista á liña dura, deixando de negociar e reprimindo á CNT, cá policía e o exército. Aplicábase a criminal "ley de fugas", que permitía o asasinato dos detidos alegando intento de fuxida. Houbo unha espectacular resposta anarcosindicalista, finalizada có asasinato en Madrid do primeiro ministro Eduardo Dato, a principios de 1921, por tres pistoleiros anarquistas.

O exército reaccionou brutalmente contra a CNT. En 1922 descendeu a violencia pola vitoria da represión. A clase obreira resultou queimada pola "acción directa". En conclusión, podemos dicir que o terrorismo individual foi contraproducente ó conseguir a oposición das clases medias e provocar a antipatía da clase obreira. Facilitou o aumento da represión e a chegada de Primo de Rivera en 1923.

Durante o primeiro bienio da II República, o movemento obreiro goza dun período de bonanza relativa, por canto as autoridades eran favorables a este, aínda que non así as circunstancias económicas. Son precisamente estas circunstancias as que fan impacientarse os obreiros que non ven chegar todos os beneficios prometidos polos republicanos e prodúcense desordes revolucionarias, como as ocorridas en Arnedo, Castilbranco e Casas Viejas que co tempo haberían de prexudicar o movemento obreiro, por canto provocan a saída dos partidos progresistas do goberno.

Culmina esta situación cando, tras o triunfo electoral da CEDA en novembro de 1933, comeza o recorte dos avances sociais obtidos no bienio anterior, o que dá lugar ó movemento revolucionario de outubro de 1934 e a súa dura represión polo goberno, especialmente en Asturias e Cataluña.

A situación en Europa, cós réximes nazi e fascista no goberno en Alemaña e Italia respectivamente e aumentando a súa influencia noutros países, motiva a decisión dos sindicatos de esquerda de apoiar a coalición electoral do Frente Popular e a volta ó goberno da república dos partidos de esquerda.

Dende a guerra civil ó retorno constitucional

editar

Indubidabelmente, o indicio de revolución española de 1936 é un exemplo de como a clase obreira pode cambiar a súa sorte acabando có capitalismo e dirixindo o seu propio destino. Se acabou esta loita derrotada polo fascismo foi pola inoportunidade do momento en que se produciu, distraendo enerxías ó esforzo prioritario de gañar a guerra e ás divisións internas do bando revolucionario, polas indecisións, e as traizóns incluso, de moitos dirixentes.

Trala guerra civil española e durante o período franquista, todos os movementos obreiros e partidos políticos somérxense no exilio e a clandestinidade.

Durante este período a política social do franquismo anulou en primeiro lugar as disposicións da República, sobre todo a reforma agraria, e restituíu así mesmo propiedades e fábricas incautadas na zona republicana durante a guerra ós seus antigos donos. Os organismos do sindicalismo vertical deron unha clara vantaxe en todo momento ós empresarios, e os traballadores soamente terán unha posibilidade de defensa dos seus intereses nos cargos de elección directa (enlaces sindicais, xurados de empresa desde 1954). O Estado regulaba a través do Ministerio de Traballo as condicións ás que se habían de axustar as relacións laborais, nas que podían intervir os patróns adaptando a regulamentación do ramo ás características específicas da empresa.

Houbo, con todo, algúns conflitos obreiros importantes desde a segunda metade dos anos corenta, como a folga xeral do primeiro de maio de 1947 en Biscaia e Guipúscoa, alentada polo Goberno Vasco desde o exilio e secundada tanto por nacionalistas como por esquerdistas, que foron reprimidos duramente.

A principios dos cincuenta os baixos salarios e a alza de prezos provocaron aínda varios conflitos laborais: a folga dos tranvías de Barcelona de 1951, que se estendeu a varios sectores; as folgas xerais de abril dese mesmo ano en Biscaia e Guipúscoa, e algúns conflitos máis en Vitoria, Pamplona e Madrid. En 1956 - 58 rexistráronse tamén folgas en varios puntos de España. A isto tamén se uniron disturbios nas Universidades, sobre todo na de Madrid en 1956.

Á calor dos cambios sociais e destas mobilizacións, xunto có relevo xeracional que ten lugar entón, xurdiron novos grupos de activistas obreiros, vinculados a movementos cristiáns de base, Hermandades Obreiras de Acción Católica (HOAC) fundadas en 1946; a Xuventude Obreira Cristián (JOC).

A conflitividade laboral, viuse favorecida pola nova estrutura de oportunidades políticas que ofrecía a Lei de Convenios Colectivos de 1958. Esta potenciaba os xurados de empresa e o papel dos enlaces sindicais, o que levou a que os salarios e condicións laborais foran fixadas en convenios directos entre os representantes dos empresarios e os traballadores. Así, multiplicáronse os conflitos laborais.

A mobilización laboral favoreceu o crecemento dunha organización sindical clandestina: as Comisións Obreiras (CC.OO.), sobre todo desde 1962. As CC.OO. xurdiron como comité, para negociar os convenios colectivos á marxe do sindicalismo oficial, e foron dirixidas maiormente por activistas vinculados ó PCE. Tamén xurdiron ó abeiro da nova estrutura de relacións laborais outros sindicatos clandestinos, como a Unión Sindical Obreira (USO), formada en 1960 en Asturias e no País Vasco a partir de núcleos dá JOC; a ela uniuse a pervivencia da UXT nalgunhas zonas, e a máis débil de ELA-STV no País Vasco. Desde comezos dos anos setenta farán a súa aparición algúns sindicatos máis, como a CSUT ou o Sindicato Obreiro Galego (SOG).

Era Constitucional: Do movemento obreiro ás organizacións sindicais

editar

O 28 de abril de 1977 iniciase o período democrático das organizacións sindicais en España. Así ábrese unha nova etapa na realidade sindical española, Enrique de la Mata Gorostizaga, entón ministro de Relacións Sindicais, abriu a porta ó pluralismo sindical có recoñecemento de UXT, Comisións Obreiras, USO, ELA-STV, SOC e CNT.

Durante os anos posteriores iniciase un período de confrontación que dura tres ou catro anos, en torno ó que se chamou modelos sindicais, que reflectían, sen dúbida, cuestións de fondo, pero que así mesmo respondían a intereses tácticos tan evidentes coma conxunturais. Comisións Obreiras quería prolongar, e sobre todo capitalizar, hábitos e inercias da clandestinidade, e UXT, estaba interesada en defender as prácticas e estruturas habituais dun sindicalismo na legalidade, común ó resto de Europa.

UXT defendeu unha lóxica sindical, mentres que Comisións Obreiras era dunha lóxica movementista. En realidade, os comunistas descubriron durante a clandestinidade que para eles era infinitamente máis operativa unha plataforma, un movemento, que un sindicato: por iso liquidaron o que tiñan, a OSO, e pasaron a formar parte de Comisións Obreiras. Pero agora, na legalidade, lles era imposta de forma inevitable a necesidade de facer das mesmas un sindicato. Isto implicaba tempo, cambio de mentalidade e, sobre todo, tratar de capitalizar a inercia anterior no novo sistema de medir: as eleccións sindicais de 1978.

De aí que a polémica se centrase en torno a cuestións como listas abertas ou pechadas, preponderancia dos líderes ou das siglas sindicais, fincapé sobre os comités ou as seccións sindicais, asembleísmo ou democracia representativa etcétera. A preponderancia do modelo sindical (é dicir, estruturas representativas de carácter sectorial e territorial, centralidade da negociación colectiva, primacía das propostas xerais sobre o espontaneísmo de base etc., que definen a realidade sindical na democracia) creando con iso as bases para un novo marco de relacións laborais, que atopa a súa expresión legal no Estatuto dos Traballadores (aprobado a comezos de 1980) e na Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS), de 1985.

Breve descrición das organizacións sindicais maioritarias actuais

editar

Na actualidade, os dous sindicatos con maior representación son Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT).

As Comisións Obreiras xurdiron a raíz das folgas mineiras asturianas de 1962 e 1963 (sendo o seu primeiro antecedente as comisións de fábrica do País Vasco de 1956 e a comisión obreira de 1958 en Xixón). Apoiadas polo Partido Comunista de España (PCE) lograron unha rápida difusión e caracterizáronse por loitar, desde o seu interior, contra o sindicalismo vertical da Central Nacional de Sindicatos (CNS). Declaradas ilegais en decembro de 1966, perderon parte da súa influencia durante o período de clandestinidade, Aínda que volveron a ser o principal sindicato tras ser declaradas legais en 1977.

Nas eleccións sindicais de 1978 tiñan unha posición superior á da UXT, predominio que perderon nas eleccións sindicais de 1986 recuperándose posteriormente. En 1987 Antonio Gutiérrez substituíu na presidencia ó seu líder histórico, Marcelino Camacho. Antonio Gutiérrez deixou paso ó actual presidente José María Fidalgo.

A Unión Xeral de Traballadores - UXT, experimentou un crecemento espectacular durante a II República, á que defendeu nas grandes cidades tras o alzamento de 1936. Foi declarada ilegal durante o franquismo, polo que perdeu gran parte da súa influencia e todo o seu patrimonio. Tras a morte do xeneral Francisco Franco en 1975, recuperou a legalidade e a partir de 1986 afianzou o seu liderado dentro do movemento sindical español. Creou unha plataforma de acción sindical con CCOO en 1988 para protestar, na opinión destes sindicatos, pola política social-liberal do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), convocando unha folga xeral en toda España o 14 de decembro de 1988, cunha resposta de apoio masivo por parte da poboación. En 1992 volveron convocar outra folga xeral, esta vez de media xornada, que tivo menos repercusión cá anterior. Durante o XXXVI Congreso da UXT (1994), o que fora o seu secretario xeral desde 1976, Nicolás Redondo, foi substituído por Cándido Méndez.

Organizacións empresariais. CEOE

editar

A CEOE, siglas de Confederación Española de Organizacións Empresariais, é unha asociación española fundada en Madrid en 1977 para a defensa dos intereses empresariais e a súa representación ante o goberno, os sindicatos e as agrupacións internacionais. Presidiuna Carlos Ferrer Salat ata 1984 e, dende entón está á súa cabeza José María Cuevas. En 1984 integrou á Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME). A afiliación dun empresario individual ou dunha central patronal á CEOE é voluntaria.