Mosteiro de San Cibrán de Cálago

antiga construción relixiosa en Cálago, Vilanova de Arousa

O mosteiro de San Cibrán de Cálago[1] foi un mosteiro da Alta Idade Media, derruído e reconstruído en diversos momentos históricos ata rematar desaparecendo a principios do século XX. Hoxe, o único resto que se conserva in situ [2] é unha parte do campanario, que dá nome ó lugar: Campanario. Esta torre está situada no lugar de Cálago, hoxe incluído no centro urbano de Vilanova de Arousa, e aparece representada no escudo do concello, como símbolo de identidade da vila.

Mosteiro de San Cibrán de Cálago
Torre de Cálago
PaísEspaña
LocalizaciónCálago (Vilanova de Arousa)
Coordenadas42°34′01″N 8°49′41″O / 42.56699036698, -8.8281788294262Coordenadas: 42°34′01″N 8°49′41″O / 42.56699036698, -8.8281788294262
editar datos en Wikidata ]
Escudo do Concello de Vilanova.

Historia editar

O mosteiro foi fundado no século VII por San Froitoso [3] no contexto da expansión do cristianismo na Idade Media [4]. Nun documento do ano 846 descríbese como xa existente, pois nesa data dóase o mosteiro ó abade Viliato e 16 monxes que obedecían alí a regra de San Bieito.

No ano 884 foi arrasado durante os ataques na costa galega dos viquingos normandos, e consta que foi reconstruído. Nun documento do ano 929, Afonso IV de León e Galiza, o Monxe, fai doazón ó abade André e ós monxes do mosteiro dos beneficios dunhas salinas próximas. Foi arrasado de novo no ano 997 polas tropas de Almanzor, na mesma expedición na que chegou a saquear a cidade de Santiago de Compostela e a Basílica construída por Afonso II o Casto no 899.

No ano 1114 está documentada na Historia compostellana a doazón que fai Ramiro Muñiz á Catedral compostelá da vila e igrexa de Caleiro[5] (hoxe, unha das parroquias de Vilanova) e do mosteiro de Cálago, así como outras propiedades na actual Comarca do Salnés, o que implica que se tratara dun edificio de nova construción pero mantendo a advocación. Posteriormente, o mosteiro pasou a pertencer á Catedral compostelá e logo a San Martiño Pinario, como priorado.

A igrexa mantívose como igrexa parroquial de Vilanova, que aínda hoxe segue tendo a San Cibrán como o seu patrón, ata esmorecer e arruinarse ó longo dos séculos XIX e XX. Cara a 1810 a igrexa parroquial foi trasladada á igrexa da Pastoriza (que se construíu aproveitando pedras do mosteiro de Cálago [6]) e o vello mosteiro rematou por desaparecer. En Vilanova afírmase que moitas casas se levantaron coas pedras do mosteiro[7]. Pode supoñerse que a conservación da torre obedeceu a constituír un posible punto de vixilancia e defensa costeira ante posibles inimigos que se achegasen á costa, dada a súa proximidade á ría, ou ben para facer sinais de advertencia á outras torres de vixilancia próximas (como as Torres de Oeste, en Catoira, ou a torre que aínda no século XVIII existía na Illa de Arousa). O Padre Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia de 1745, cita esta torre da Illa como derruída había pouco. Cómpre sinalar que na descrición da viaxe que fai Sarmiento cita brevemente o seu paso por Vilanova (px. 60) pero non fai mención do mosteiro de Cálago.

Antonio López Ferreiro (1837-1910) escribe que no seu tempo aínda se conservaban en pé algunhas partes da igrexa. O Museo de Pontevedra conserva nos seus fondos dous debuxos de Ramón Fontenla, datados en 1905, dunhas pezas que había na entrada ó cemiterio e da ábsida da igrexa; así como unha fotografía de Francisco Zagala (datada en 1906) da ábsida, xa en ruínas.

Suponse que a igrexa se situaba no terreo que hoxe ocupa o cemiterio municipal (a pouco máis de 100 metros ó norte da Torre de Cálago), constando nos rexistros parroquiais canto tiñan que satisfacer os veciños para ser enterrados no interior ou no adro da igrexa. O terreo comprendido entre o cemiterio e a Torre segue baleiro nos primeiros anos do século XXI.

Recuperación editar

 
Relevo procedente -probablemente- do mosteiro de Cálago, hoxe na parede dunha vivenda de Vilanova.

Desde o ano 2017 a Xunta de Galicia e o Concello de Vilanova están realizando sucesivas campañas de escavación na base da Torre e nese espazo baleiro comprendido entre a Torre e o cemiterio, no chamado Castro de Cálago; posteriormente, as áreas de prospección estendéronse tamén cara ao sur. O devandito castro, recollido no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, dátase na Idade de Ferro, e ocupaba a croa do outeiro sobre o que se levanta a Torre ou Campanario de Cálago. Suponse que toma unha forma elíptica e que posúe unhas dimensións de 105 por 80 metros, aínda que resulta probable que se estenda polo socalco que descende ó norte cara ao cemiterio. O arqueólogo que dirixiu as escavacións calcula que o castro estivo habitado desde o século IV a.C. ata o século IV d.C.

A tarefas de prospección xeofísica, con xeorradar, e as catas realizadas ata agora puxeron en evidencia a presenza a escasa profundidade de restos castrexos (unha vivenda de 6 metros de diámetro), algunhas pezas de bronce (entre os que se conta o que parece ser unha pulsera) e restos de cerámica tardorromana, con exemplos procedentes de fóra de Galicia, o que indicaría a práctica de comercio marítimo. Así mesmo, en 2020 atopouse na zona sur unha tumba de inhumación[8] de cronoloxía altomedieval, entre os séculos V e VI d.C.[9]. Baixo a tumba atopáronse estruturas arqueolóxicas e un cuncheiro.

Polo de agora -ata maio de 2022-, estas prospeccións non evidenciaron ningún vestixio do mosteiro.

Variante Espiritual do Camiño Portugués editar

 
Vilanova como parte integrante do Camiño de Santiago.

En 2012 a Mancomunidade do Salnés deseñou a Variante Espiritual do Camiño Portugués, unha vía alternativa ó Camiño de Santiago Portugués que une Pontevedra con Vilanova de Arousa, pasando polos mosteiros –e de aí o nome de Variante Espiritual- de Poio, A Armenteira (en Meis) e o de Cálago, en Vilanova. Desde aquí pode retomarse o itinerario tradicional do Camiño Portugués en Pontecesures, ben a pé por Vilagarcía de Arousa e Catoira, ou ben en barco dentro da chamada Ruta do Mar de Arousa, que une por mar os diferentes concellos de ámbalas dúas beiras da ría de Arousa con Pontecesures.

Ruta do Padre Sarmiento editar

Do mesmo xeito, a Ruta do Padre Sarmiento atravesa Vilanova e pasa a carón das ruínas da Torre de Cálago. Trátase tamén dun itinerario alternativo do Camiño Portugués desde Pontevedra ata Pontecesures, bordeando pola costa todo o Salnés (Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía). Pretende reproducir o itinerario da peregrinación que realizou o Padre Martín Sarmiento en 1754 desde Pontevedra a Santiago na súa Viaxe a Galicia, á vez que potenciar o turismo polos concellos do Salnés.

Notas editar

  1. Tamén mosteiro de Calogo, forma que Hipólito de Sa Bravo considera orixinal e que derivou co paso do tempo á actual Cálago (Gran Enciclopedia Galega, tomo VII, 25).
  2. Existen restos escultóricos reutilizados noutros lugares de Vilanova, e os achados que as sucesivas escavacións no entorno están a descubrir.
  3. Tal como nos di San Valerio, discípulo de San Froitoso na biografía que escribiu do santo.
  4. Gran Enciclopedia Galega, 2003, tomo 44, px. 9.
  5. Románico digital.com
  6. GEG, px. 10
  7. "Os muros do mosteiro foron desmantelados co paso dos séculos ata o punto de que, hoxe en día, aínda se poden ver polo centro do pobo casas levantadas con pezas de granito do antigo mosteiro, a do alcalde incluída" (traducido de La Voz de Galicia, 1.05.2015).
  8. Á parte doutros restos humanos descontextualizados.
  9. Estes restos foron bautizados co nome de Ventura (La Voz de Galicia, 30.05.2020).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gran Enciclopedia Galega, Lugo 2003, s.v. Calogo, Mosteiro de e Vilanova de Arousa
  • Martín Sarmiento: Viaje a Galicia de 1745. Edición e estudo por José Luis Pensado. Museo de Pontevedra e Universidad de Salamanca, 1975.

Ligazóns externas editar