Abrir o menú principal

Morning Star (novela)

Morning Star é unha novela de Xosé Miranda, publicada por Edicións Xerais en 1998. Gañadora do Premio Xerais, xa se levan editadas 16 edicións.

Morning Star
Autor/aXosé Miranda
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Novela
EditorialEd. Xerais
Data de pub.1998
Formatorústico cosido a fío
14,5 x 22 cm
Páxinas272
ISBNISBN 978-84-8302-330-3

TramaEditar

A novela está ambientada a mediados do século XIX. Lourenzo é un rapaz de 16 anos que vive en Verducido, a poucos quilómetros de Pontevedra. Os seus pais rexentan unha taberna ao pé do monte Acival.

Na taberna hospédase Lázaro Rivadulla, un bandoleiro, coñecido do seu pai. No seu cuarto, que pecha con moito coidado, garda un cofre de madeira. Á taberna comezan a achegarse outros membros da súa gavela de criminais e atracadores, utilizándoa como base das súas operacións. Lourenzo comeza a sospeitar que o seu pai tamén fora bandoleiro, e malia que lle pregunta á súa nai, esta só lle recomenda que non siga os pasos del.

Trala morte da súa nai, enferma desde un ano atrás, o pai comeza a colaborar activamente coa banda, e o pequeno Lourenzo, máis ou menos conscientemente, tamén, achegando datos das persoas ás que ían atracar. Por outro lado, descobre que dous membros da banda tamén o son doutra gavela rival, dirixida polo portugués Tomás das Congostras. As dúas bandas buscan o tesouro que o pirata Benito Soto escondera.

Logo do paso pola taberna do párroco de Beluso, que viña de Lugo coa súa sobriña de cobrar unha herdanza de 600.000 reais, a banda decide ir á casa do relixioso para roubarlle os cartos. Logo de ir até Noalla, cruzan a ría de Pontevedra e comeza o atraco á casa do cura. En principio o papel de Lourenzo limitábase a cortar a corda de tocar as campás para evitar que se dese alarma, pero axiña se ve superado pola situación. Enfróntase aos membros da banda para evitar que violen e maten á sobriña do cura, da súa idade, e emprenden unha fuxida.

Tras pasar polo lago de Castiñeiras chegan a Pontevedra, onde se ven soprendidos polo levantamento militar contra o goberno de Narváez. Alí contacta con Campanachoca e a Pindonga, un cego e a súa muller, aos que coñecera como membros da banda de Tomás das Congostras. Os catro deciden ir cara a Lugo, onde Helena, a sobriña do cura, se reunirá coa súa familia. Porén, fanlle crer ao cego e a súa muller que Helena é o seu curmán.

De man do cego coñece a historia do seu pai, ao cantar o romance da infame vida e o triste desastre de Lourenzo Tasende. Así, sabe que seu pai é fillo dun escribán, e que en Compostela, a onde fora estudar na Universidade, deuse á mala vida.

Logo de pasaren polas feiras de Caldas, Cuspedriños, A Bandeira e outras vilas, onde se gañaban o pan e roubaban, chegan a Compostela o 23 de abril de 1846, véndose sorprendidos pola batalla de Cacheiras entre as tropas de Miguel Solís (defensores da Xunta Superior do Reino de Galiza), e as tropas chegadas de Madrid. Finalmente chegan a Lugo, onde se separan de Helena.

Lourenzo regresa a Pontevedra e intenta contactar co seu curmán carlista, pero vese ameazado por Lázaro. Como mellor saída, decide dicirlle onde está o tesouro do pirata (que resulta estar no pozo da casa onde reside Tomás das Congostras, en Gatomorto, Xeve) e lévanno á casa do seu curmán, na rúa Cega de Pontevedra. Pero cando descansaban no que fora a súa casa, vense atacados pola banda de Tomás. Logo dunha dura batalla é capturado e lévaos xunto o tesouro, pero finalmente a Garda Civil o captura.

Logo de varios meses en prisión sabe que parte do tesouro foi collido polos da súa banda, pero el desespera ante a imposibilidade de volver ver a Helena. Porén, un día é liberado por mediación do seu avó, co que contactara Helena, e remata casando coa rapaza.

NarraciónEditar

O título do libro está tomado do barco Morning Star, que fora abordado por Benito Soto e os seus compañeiros da Burla Negra. O nome do barco está inscrito nun pequeno cofre de madeira, que é o que escondía Lázaro. Ademais, o nome está vinculado ao Luceiro da Alba (Venus), a estrela da mañá que Helena e Lourenzo miran para lembrarse un do outro.

O libro, narrado en primeira persoa, é unha homenaxe á Illa do tesouro, de R. L. Stevenson, pero ambientada no espazo xeográfico e histórico de Galiza no século XIX.

Véxase taménEditar