Moeda de 3 dólares estadounidenses

antiga moeda de ouro estadounidense
Moeda de 3 dólares estadounidenses [1]
A/: Cabeza de princesa india cara á esquerda, con coroa de plumas.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY (na coroa).

R/: Valor facial e data dentro dunha coroa de tabaco, trigo, millo e algodón.

Lendas: 3 DOLLARS.

A moeda de 3 dólares estadounidenses é unha moeda de ouro dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre os anos 1854 to 1889.

A moeda de 3 dólares foi autorizada pola Lei da Moeda de 1853, do 21 de febreiro, e foi cuñada nas cecas de Filadelfia, Dahlonega, Nova Orleáns e San Francisco en ouro de 900 milésimas, cun peso de 5,01 gramos e un diámetro de 20,55 milímetros.[2]

O seu deseño é obra do daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James Barton Longacre. No anverso reprodúcese unha representación da Liberdade a modo de princesa indíxena americana e o reverso amosa unha coroa vexetal aberta, composta por pólas e follas de tabaco, trigo, millo e algodón.[3]

En 1851, o Congreso autorizara unha nova moeda de prata de 3 centavos para que con ela puidese o franqueo postal máis común sen ter que botar man dos pesados centavos de cobre. Segundo algunhas opinións, a aprobación da moeda de 3 dólares só dous anos máis tarde foi para facilitar a adquisición de pregos de cen selos de correos correspondentes a este franqueo estándar.[3]

Aínda que no primeiro ano se cuñou a considerable tiraxe de máis de 100.000 exemplares, a moeda non tivo un uso moi estendido. Circulou algo máis na costa Oeste, onde se preferían as moedas de ouro e de prata ao papel moeda, mais a súa escasa presenza no mercado do Leste perdeuse totalmente co trastorno ocasionado pola guerra civil estadounidense. A moeda cuñouse por derradeira vez en 1889 e o Congreso cancelou a serie o ano seguinte.

Aínda que en varias datas a tiraxe da moeda de 3 dólares foi moi escasa, a máis rara é a cuñada en 1870 en San Francisco, da que só se coñece con certeza a existencia dun exemplar.

Antecedentes editar

En 1832, o congresista por Nova York Campbell P. White procurou un método para devolver á circulación as moedas de ouro estadounidense, xa que, ao estar o ouro sobrevalorado con respecto á prata, as moedas de ouro foran exportadas ou fundidas no país desde principios do século XIX, o que motivara a súa desaparición da circulación. A solución proposta por White consistía en cuñar o dólar de prata e a moeda de ouro de 10 dólares polo seu valor íntegro, pero cuñar a maiores moedas de ambos os metais máis pequenas, entre elas a de 3 dólares, que contivesen menos metal nobre que o correspondente ao seu valor nominal. Aínda que o Congreso, ao aprobar a Lei da Moeda de 1834, fixo axustes na relación entre o ouro e a prata, non autorizou daquela a moeda de 3 dólares proposta por White.[4]

A Lei do e de marzo de 1845 autorizou a emisión dos primeiros selos de correos do Servizo Postal dos Estados Unidos e fixou en 5 centavos a tarifa das cartas locais prepagadas.[5] Nos anos seguintes, esa taxa considerouse demasiado alta e un impedimento para o comercio e, en consecuencia, o Congreso rebaixouna a 3 centavos e, o 3 de marzo de 1851, autorizou un selo postal de 3 centavos e unha moeda de prata dese mesmo valor, para facilitar a súa adquisición.[6] Segundo o historiador numismático Walter Breen, "o principal obxectivo da nova moeda de 3 centavos era facilitar a compra dos selos postais sen a obriga de utilizar os impopulares, pesados e con frecuencia sucios centavos de cobre", que ademais case non circulaban en amplas zonas do país.[5]

Proceso lexislativo editar

A Lei da Moeda de 1853 editar

 
O secretario do Tesouro Thomas Corwin, promotor da lei pola que se autorizou a moeda de 3 dólares.

En 1853 a sobrevaloración da prata con respecto ao ouro continuaba, unha situación motivada polos grandes achados de ouro, principalmente en California, e polo feito de que a prata se exportaba en gran medida. Coa intención de arranxar este desaxuste, o secretario do Tesouro, Thomas Corwin, promoveu un proxecto de lei no que se avogaba por reducir o contido de metal precioso da maioría das moedas de prata para evitar a súa exportación. A oposición a este proxecto estivo encabezada polo representante de Tennessee Andrew Johnson, quen consideraba que o Congreso non tiña autoridade para alterar a relación dos prezos do ouro e a prata, e que, no caso de tela, non debería exercela. Non obstante, o Congreso aprobou o proxecto de Corwin, que se converteu na Lei da Moeda de 1853, logo da súa sinatura por parte do presidente Millard Fillmore o 21 de febreiro. Nesta lei autorizábase tamén a creación da nova moeda de ouro de tres dólares.[7][8]

Motivos para a creación da moeda editar

Consonte o escritor numismático Don Taxay, a disposición pola que se creaba a nova moeda fora incluída na lei para satisfacer os intereses dos produtores de ouro.[9] Pola súa banda, Walter Breen considera que a nova moeda "sería conveniente para adquirir rolos ou pequenas bolsas de moedas de 3 centavos, así como para comprar follas de selos de 3 centavos evitando, en todo caso, o uso dos centavos de cobre".[5] En 1889, o daquela director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James P. Kimball, escribiu: "suponse que a moeda de 3 dólares foi deseñada para ser un múltiplo da peza de 3 centavos, por conveniencia das transaccións postais".[10]

No entanto, o numismático Walter Hagans, no seu artigo de 2003 acerca desta moeda, descarta calquera vinculación coas tarifas postais para a súa creación e asegura que "a verdadeira razón da moeda de ouro de 3 dólares foi a abundante oferta de ouro descuberta en California".[11] E para o comerciante e autor numismático Q. David Bowers, "se a moeda de 3 dólares era realmente necesaria ou pagaba a pena foi obxecto de debate entre os numismáticos durante máis dun século".[12]

Preparación e deseño editar

 
O gravador xefe da US Mint, James Barton Longacre, creador do deseño da moeda de 3 dólares.[13]

Unha gran parte do que se coñece acerca do proceso de deseño da moeda de 3 dólares procede dunha carta do 21 de agosto de 1858, enviada polo gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James B. Longacre, autor do seu deseño, ao daquela director da institución, James Ross Snowden. Ao parecer, esta carta supón unha resposta a certas críticas e nela Longacre achega os seus puntos de vista sobre o deseño de varias moedas, sinaladamente en relación coa moeda de 3 dólares.[14] Nela, Longacre di que inicialmente se sentiu abraiado, xa que era a primeira vez que se lle permitía elixir o deseño dunha moeda. Malia ter experiencia no gravado de moedas anteriores, entre elas a de 3 centavos, con anterioridade ao período de dirección de Snowden, sempre se lle deran directrices acerca dos motivos que debía representar nelas.[15]

Longacre sinalou que, aínda que os responsables dos deseños das moedas adoitaban ditar adaptacións da arte romana ou grega, para a moeda de 3 dólares tiña a intención de crear algo verdadeiramente americano:[15]

Pregúntome por que, ao procurar un tipo para a ilustración ou o símbolo dunha nación que non ten por que se considerar inferior á virtude romana ou á ciencia grega, deberiamos preferir o período bárbaro dun pobo remoto, do cal extraer un emblema de nacionalidade, ao período aborixe da nosa propia terra, especialmente cando este último nos presenta unha distinción característica non menos interesante e máis peculiar que a que aínda lanza a súa cadea sobre a porción civilizada do continente máis antigo. Por que non sermos americanos desde a orixe dentro do noso propio dominio? Desde as beiras de cobre do lago Superior ata as montañas de prata de Potosí, desde os ojibwa ata os araucanos, o diadema de plumas é unha característica do primitivismo do noso hemisferio do mesmo xeito que o turbante o é para o asiático.

As personificacións nacionais de América como unha muller nativa americana remóntanse ao século XVI, cando os cartógrafos recorrían a esta representación, adoito adobiada cun toucado de plumas, para ilustrar os seus mapas deste continente. Isto evolucionou ata se converter na imaxe dunha princesa ou dunha raíña india e, aínda que Columbia foi a que finalmente triunfou como encarnación feminina principal dos Estados Unidos, a imaxe da princesa india mantense na tradición popular con figuras como Pocahontas e Sacagawea.[16] Algunhas fontes suxiren que Longacre puido inspirarse para os trazos da princesa india nos da súa propia filla, Sarah. Esta hipótese asóciase máis habitualmente co centavo Indian Head, tamén obra de Longacre, aínda que os trazos en ambas as moedas —e tamén no dólar de ouro tipo I, nos 20 dólares Liberty Head e nos 3 centavos de níquel— son case idénticos.[17]

Para axudar a diferenciar a nova moeda de 3 dólares da xa existente de 2½ dólares, tamén de ouro, Longacre utilizou un disco máis fino, para que a moeda acadase un diámetro maior, e tamén aplanou o dólar de ouro, para o agrandar, e deulle a este o mesmo deseño da princesa india.[18] Para o reverso, Longacre creou unha "coroa agrícola", composta por follas e pólas de millo, algodón, tabaco e trigo. Este reverso foi tamén utilizado para o dólar de ouro, para o centavo Flying Eagle, e nunha versión revisada, para os 5 centavos e os 10 centavos Seated Liberty.[19] A intención deste reverso era mesturar produtos agrícolas característicos do Norte e do Sur, nun momento de fortes tensións territoriais nos Estados Unidos.[20] O numismático Walter Hagans considera que o reverso creado por Longacre é "tan tipicamente americano como a doncela india do anverso".[11]

O historiador da arte Cornelius Vermeule afirmou que "o único ámbito en que Longacre deixou fluír a súa imaxinación foi no dos seus toucados de fantasía das súas representacións femininas da Liberdade. Os seus gorros de plumas, os seus barretes da liberdade e os seus diademas estrelados son un pracer para a vista".[21] Porén, Vermeule ten unha opinión negativa da representación da figura do anverso da moeda de 3 dólares: "a princesa das moedas de ouro é unha versión elegante dun gravador de billetes da arte popular da década de 1850. Os penachos ou as plumas parécense máis á cimeira do helmo do príncipe de Gales que a nada visto na fronteira occidental, agás, quizais, unha beleza do music hall".[19]

No momento da autorización da moeda de 3 dólares seguía na presidencia do país Millard Fillmore, do partido Whig, mais só dous meses despois foi sucedido no cargo polo demócrata Franklin Pierce. Este cambio na Administración levou consigo que o ata entón director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George N. Eckert, lle cedese o posto a Thomas M. Pettit.[22] Xa que logo, Longacre presentoulle dúas propostas de deseño ao novo director e, antes de que este falecera o 31 de maio de 1853, seleccionou un deles; os modelos en relevo producíronse rapidamente despois desta escolla.[5] Os modelos de Longacre, tanto para o anverso como para o reverso, non levaban letras, xa que as lendas e os números debían engadirse logo de realizada a redución; isto permitía utilizalos varias veces para moedas de diferentes tamaños e valores faciais.[17] Como Longacre estaba ocupado coa redución de peso das moedas de prata ordenada polo Congreso na mesma lei que autorizara os 3 dólares, o traballo de elaboración dos cuños desta non comezou ata 1854.[23]

Produción editar

As primeiras pezas cuñadas da nova moeda de ouro de 3 dólares foron 15 exemplares con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—, que foran encargadas ao secretario do Tesouro, James Guthrie, polo director da Casa da Moeda, James Ross Snowden, o 28 de abril de 1854, probablemente para a súa entrega aos lexisladores.[24] A Ceca de Filadelfia iniciou daquela a maior produción de moedas de 3 dólares da historia desta moeda. O cuñador xefe, Franklin Peale, entregou 23.140 pezas o 8 de maio e outras 29.181 catro días despois. No entanto, despois do 8 de xuño Peale só fixo unha entrega máis, o 10 de novembro, consistente nun derradeiro lote de 22.740 exemplares,[24] da tiraxe total de 138.618 pezas dese primeiro ano, xa que faleceu o 2 de decembro. Ademais das cuñaxes na Ceca de Filadelfia, nese primeiro cuñáronse tamén 24.000 exemplares na Ceca de Nova Orleánsmarca de ceca O— e 1.120 exemplares na Ceca de Dahlonega —marca D—. Tamén consta nos rexistros un envío dun par de cuños desde Filadelfia ata a Ceca de Charlotte o día 1 de xuño, aínda que estes non foron utilizados. Ese mesmo día enviouse outro par de cuños a Dahlonega, a onde chegaron o 10 de xuño, e o 15 de xullo enviáronse os calibradores e outros equipamentos necesarios. As cuñaxes na Ceca de Dahlonega tiveron lugar en agosto e hoxe son de gran rareza, dado o exiguo da súa tiraxe e os poucos exemplares que sobreviviron.[25] Tamén se enviaron cuños a Nova Orleáns en 1855, 1856, 1859 ee 1861, mais non chegaron a utilizarse; logo das cuñaxes do primeiro ano non se produciu ningunha nova cuñaxe nas dúas cecas do sur.[26][27][28]

 
A partir de 1855, as letras da palabra DOLLARS fixéronse máis altas que na primeira tiraxe.

A partir de 1855, agrandouse o tamaño das letras da palabra DOLLARS do reverso, atendendo ás queixas da poboación.[29] Este segundo ano de existencia da moeda, comezou a súa produción no Oeste, na Ceca de San Francisco —marca de ceca S—, onde se cuñaron 6.600 pezas, fronte ás 50.555 de Filadelfia. As cuñaxes de Filadelfia diminuíron durante o resto da década de 1850, ata as 7.036 pezas en 1860. A Ceca de San Francisco produciu tamén esta moeda en 1856, 1857 e 1860.[28][30]

En 1859, un dos primeiros autores numismáticos, Montroville W. Dickeson, escribiu acerca da moeda de 3 dólares: "é moi impopular, xa que se confunde adoito co cuarto de aguia [a moeda de 2½ dólares], e ás veces cóntase como unha moeda de 5 dólares. [...] cremos que a súa retirada contaría coa aprobación da poboación".[31] Entre os numismáticos estadounidenses da época, moi poucos lle prestaban atención a esta moeda nas súas coleccións, e os poucos que o facían encargaban na Casa da Moeda as versións con acabamento proof.[32] As moedas en condición proof cuñáronse todos os anos e exclusivamente na Ceca de Filadelfia, inicialmente con tiraxes testemuñais de 5 exemplares, mais a partir de 1857 as tiraxes aumentaron a varias decenas, atendendo ao aumento do coleccionismo motivado pola aparición ese ano do centavo Flying Eagle, e a partir de 1884 non baixaron do cento de exemplares.[1][33]

A moeda de 3 dólares tivo certa circulación no Leste e no medio Oeste, polo menos ata 1861, cando a axitación económica provocada pola guerra civil estadounidense fixo que o ouro e a prata desaparecesen do comercio desas zonas. Coas moedas de ouro acaparadas, en decembro de 1861 os bancos e, posteriormente, o Tesouro, deixaron de pagar as moedas de ouro ao seu valor nominal. A moeda de 3 dólares xa non regresaría nunca máis á circulación na parte oriental do país. Mais no Vello Oeste, onde a prata e o ouro seguían en uso, a moeda mantívose no comercio e podía atoparse na circulación, aínda que ocasionalmente. As moedas máis habituais naquela zona eran as cuñadas na Ceca de San Francisco.[34][35] Malia a súa nula circulación no Leste, a moeda de 3 dólares seguía a cuñarse na Ceca de Filadelfia, xa que o daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, James Pollock, tiña a política de emitir cada ano todos os valores faciais, tanto se circulaban como se non, aínda que fose con tiraxes moi pequenas.[36] Algunhas moedas cuñadas en Filadelfia acabaron no Oeste en pagamento de transaccións comerciais, xa que alí só se aceptaba o ouro ou a prata, e non o papel moeda.[37] Ata que se retomaron os pagamentos en especie a finais de 1878, as moedas de ouro só se podían adquirir na Casa da Moeda de Filadelfia, pagando unha prima en billetes, e as pezas non vendidas almacenábanse alí.[38]

 
Exemplar único da moeda de 1870 cuñada na Ceca de San Francisco (S).[39]

En 1870, o Departamento de Gravado da Ceca de Filadelfia —que era a sucursal principal da Casa da Moeda dos EEUU— enviou un xogo de cuños á de San Francisco. O 14 de maio de 1870, Oscar Hugh La Grange, superintendente da Ceca de San Francisco, envioulle un telegrama ao director Pollock no que o informaba de que se recibiran cuños para as moedas de ouro dun dólar e de 3 dólares, pero que carecían da habitual marca de ceca "S". Pollock deulle a instrución a La Grange de que enviase os cuños de volta a Filadelfia, mais este informou a Pollock de que, para se asegurar unha peza de tres dólares que lle permitise colocar unha serie completa na primeira pedra do novo edificio da Ceca de San Francisco, o cuñador J. B. Harmistead gravara un "S" no cuño do reverso para cuñar ese exemplar. Descoñécese que ocorreu posteriormente coa peza que se colocou como recordo na primeira pedra do edificio, aínda que tamén se sabe que Harmistead cuñou outro espécime para si mesmo, que no seu día se montou como unha peza de xoiaría e cuxa existencia se descoñeceu ata 1907. Non hai ningunha outra moeda de ouro estadounidense circulante cun único exemplar coñecido dunha data e cunha marca de ceca concretas. Este exemplar saíu á venda en varias ocasións, entre elas en 1982, cando acadou o prezo de 687.500 dólares e posteriormente pasou a formar parte da colección do Museo do Diñeiro da American Numismatic Association, en Colorado Springs,[40][39] a única que conta coa colección completa das moedas de 3 dólares, por data e ceca.[41][42] A partir de 1860 non se cuñaron máis moedas de 3 dólares en San Francisco —agás a excepción vista de 1870—; entre 1861 e 1873 case todos os anos foron enviados a esa ceca os cuños para esta moeda, mais finalmente non chegaron a utilizarse.[43]

O 18 de xaneiro de 1873, o cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Archibald Loudon Snowden, queixouse de que o número "3" da data desta e doutras moedas dese ano se parecía demasiado a un "8", nas moedas cuñadas ata o momento. Como resposta, o director Pollock ordenoulle ao gravador xefe da Casa da Moeda, William Barber, que gravase novamente os cuños, abrindo un pouco máis os brazos do "3" en varias moedas, entre elas a de 3 dólares.[44] Xa que logo, hai dúas variantes da moeda de 1873, ambas extremadamente raras. Con todo, aínda que os datos oficiais da tiraxe son 25 pezas, coñécense máis exemplares e os investigadores apuntan a algúns centos de pezas cuñadas.[45] En 2014 un destes exemplares acadou nunha poxa numismática o prezo de 61.687 dólares.[46]

En 1875 e 1876 non se cuñou exemplar ningún para a súa posta en circulación, senón unicamente moedas para coleccionistas, con acabamento especial proof. A cantidade oficial destas emisións para coleccionistas é de 20 pezas en 1875 e 45 en 1876, aínda que é moi probable que con posterioridade se cuñase de novo de xeito ilícito un número indeterminado de cada data.[47][48][49] No relativo ás relativamente amplas tiraxes de 1874 e de 1878 para a circulación —arredor de 42.000 no primeiro caso e 82.000 no segundo—, o escritor numismático R. Julian considera que se fixeron en previsión de que se retomasen os pagamentos en especie, o cal sucedeu a finais de 1878.[50]

Fin da serie e coleccionismo editar

Na década de 1880, malia o retorno do ouro á circulación en todo o país co restablecemento dos pagamentos en especie a finais de 1878, a moeda de 3 dólares continuou a cuñarse con tiraxes moi modestas. Produciuse un pequeno auxe especulativo por parte da poboación, que apartaba algunhas destas moedas, mais aínda así milleiros de exemplares continuaban almacenadas na Ceca de Filadelfia, que era a única que as cuñaba. Poucas delas foron enviadas aos bancos; estes vendíanas cunha prima cando tiñan algunhas ou cando llas adquirían a corredores de cambio. O principal uso destas moedas na década de 1880 era a xoiaría.[32] O numismático daquela época S. H. Chapman indicou que das emisións finais, de 1879 a 1889, "grandes cantidades foron fundidas novamente na Ceca de Filadelfia".[51] Ao parecer, en tanto que a Casa da Moeda favoreceu determinados comerciantes de Filadelfia na distribución das moedas dun dólar de ouro, a moeda de 3 dólares podía obterse sen sobreprezo no portelo da caixa da Ceca de Filadelfia.[52] Ademais, un gran número de pezas de 3 dólares datadas en 1879, 1880 e 1881 foron acaparadas polo antigo coleccionista e comerciante de moedas Thomas L. Elder, quen lles pedía aos caixeiros dos bancos que as buscasen. Elder non puidera obtelas directamente da Casa da Moeda, xa que en 1880 era aínda un cativo e non comezou a coleccionar moedas ata 1887.[53]

A tiraxe relativamente alta de 6.000 exemplares en 1887 debeuse a unha moda que naquela época se estendeu por todo o país, consistente en que os homes regalaban ás súas amigas unha moeda cunha face esmerilada e substituída polas iniciais da muller. Por outra parte, en 1888 produciuse unha cantidade de moedas de 3 dólares en condición proof moi superior á de costume, que a Casa da Moeda conservou en previsión de futuros intercambios con coleccionistas por outros espécimes que a Casa da Moeda desexaba para a súa propia colección numismática.[50][54]

 
O cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Oliver Bosbyshell, foi o responsable de que saísen desa ceca moitas pezas non oficiais.

Co aumento do interese polo coleccionismo desta moeda producido na década de 1880, algúns empregados da Ceca de Filadelfia enriquecéronse ilicitamente ao cuñar fraudulentamente moedas con datas anteriores, sinaladamente 1873, 1875 e 1876. O comerciante e autor numismático Q. David Bowers, no seu traballo acerca da Colección Bass, culpa especialmente destas irregularidades a Oliver Bosbyshell, que ocupou o cargo de cuñador xefe da Ceca de Filadelfia entre 1876 e 1885. Durante ese período, algúns coleccionistas e comerciantes cos contactos adecuados fixéronse con rarezas numismáticas, entre elas cuñaxes de proba en diferentes metais, e o propio Bosbyshell vendeu a súa importante colección destas rarezas ao pouco de abandonar o seu cargo de cuñador xefe. Aínda que Bosbyshell regresou á Ceca de Filadelfia como superintendente entre 1889 e 1894, non parece que nese novo período recuncase nas súas actividades ilícitas.[55]

En 1889, o director da Casa da Moeda dos EEUU, James P. Kimball, enviou unha carta á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, na que se instaba á cancelación da moeda de 3 dólares. Kimball escribiu: "trátase dun valor facial que non ten utilidade ningunha; de feito a súa produción actual limítase ao coleccionismo. O valor de máis de 153.000 dólares en moedas de 3 dólares aínda na Ceca de Filadelfia non pode ser liberado, por mor da impopularidade desta moeda para a súa circulación".[10] Nin o dólar de ouro nin a moeda de 3 dólares se cuñaron despois de 1889, e ambas foron canceladas formalmente polo Congreso o 26 de setembro de 1890.[52]

Na década de 1890, a Ceca de Filadelfia fundiu por obsoletas 49.087 moedas de 3 dólares. Aínda que non se levou un rexistro por anos de emisión, Bowers suxire que moitas destas pezas estaban datadas en 1874 ou 1878 —ambos os anos con tiraxes relativamente altas—, ou eran dos derradeiros anos da serie.[56] Na década de 1890, os 3 dólares adoitaban ter un sobreprezo de 25 ou 50 centavos nas casas de cambio.[32] Na década de 1920, as moedas de 3 dólares seguían a venderse con sobreprezo, en tanto que outras moedas de ouro se mantiñan no seu valor nominal.[11] Na edición de 2014 do traballo de R. S. Yeoman A Guide Book of United States Coins catalógase a moeda de 3 dólares de 1854 como a máis accesible no mercado do coleccionismo, á que se lle atribúe un prezo de 825 dólares nun estado de conservación medio. Pola súa banda, o récord de prezo acadado por unha moeda de 3 dólares nunha poxa numismática correspóndelle a un exemplar de 1855 da Ceca de San Francisco, que se vendeu en 2011 por 1.322.500 dólares.[57][58]

En 1934, a daquela directora da Casa da Moeda dos EEUU, Nellie Tayloe Ross, escribiu no seu informe anual que se cuñara un total de 539.792 moedas de 3 dólares,[59] das cales 452.572 procedían da Ceca de Filadelfia, 62.350 da Ceca de San Francisco —sen incluír a 1870-S—, 24.000 á Ceca de Nova Orleáns e 1.120 á Ceca de Dahlonega.[60] Segundo Breen, a moeda de 3 dólares "representa a reliquia dun experimento interesante pero abortado; hoxe en día atópanse entre as moedas de ouro estadounidenses máis cobizadas".[61] O comerciante numismático de Nova York Norman Stack declarou na década de 1950: "todas son raras; non hai ningunha peza común de 3 dólares de ouro".[62]

Tiraxes e cecas editar

Na moeda de 3 dólares de ouro, a marca de ceca aparece como unha inicial na parte inferior do reverso, debaixo da fita coa que se ata a coroa vexetal.[2]

Ano Ceca Tiraxe [1][28]
Serie Proof Circulación
1854 15 138 618
D 0 1.120
O 0 24.000
1855 5 50.555
S 0 6.600
1856 5 26.010
S 0 34.500
1857 5 20.891
S 0 14.000
1858 15 2.233
1859 80 15.558
1860 119 7.036
S 0 7.000
1861 113 5.959
1862 35 5.750
1863 39 5.000
1864 50 2.630
1865 25 1.165
1866 30 4.000
1867 50 2.600
1868 25 4.850
1869 25 2.500
1870 35 3.500
S 1
1871 30 1.300
1872 30 2.000
1873 33 ?
1874 20 41.820
1875 20 0
1876 45 0
1877 20 1.468
1878 20 82.304
1879 30 3.000
1880 36 1.000
1881 54 500
1882 76 1.500
1883 89 900
1884 106 1.000
1885 110 800
1886 142 1.000
1887 160 6.000
1888 291 5.000
1889 129 2.300

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "3 Dollars "Indian Princess Head"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "Composition and Specifications". Threedollargold.com
  3. 3,0 3,1 "Indian Princess Three Dollar Gold Pieces". Threedollargold.com
  4. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 195.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Breen, W. (1988). Páxina 504.
  6. Hahn, K. (1962).
  7. Texto da Lei da Moeda de 1853. Memory.loc.gov
  8. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 220-221.
  9. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 210.
  10. 10,0 10,1 Bowers, Q. David (2001). Páxina 164.
  11. 11,0 11,1 11,2 Hagans, W. E. (2003). Páxina 58.
  12. Bowers, Q. David (2001). Páxina 161.
  13. "James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution.
  14. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 211.
  15. 15,0 15,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 214.
  16. Hagans, W. E. (2003). Páxina 56.
  17. 17,0 17,1 DeLorey, T. (1985). Páxina 1.976.
  18. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 210-211.
  19. 19,0 19,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 55.
  20. Snow, R. (2009). Páxinas 9-12, 224.
  21. Vermeule, C. (1971). Páxina 51.
  22. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 386.
  23. DeLorey, T. (1985). Páxina 1.975.
  24. 24,0 24,1 Bowers, Q. David (2001). Páxina 168.
  25. "1854-D Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  26. Breen, W. (1988). Páxinas 504-505.
  27. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 168-171.
  28. 28,0 28,1 28,2 "Indian Princess Three Dollar Gold Piece Mintages". Threedollargold.com
  29. Hagans, W. E. (2003). Páxina 60.
  30. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxinas 144-146.
  31. Bowers, Q. David (2001). Páxina 169.
  32. 32,0 32,1 32,2 Bowers, Q. D.; Winter et al. (2005). Páxina 44.
  33. Bowers, Q. David (2001). Páxina 80.
  34. Bowers, Q. David (2001). Páxina 79.
  35. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 141.
  36. Julian, R.W. (1998). Páxina 35.
  37. Bowers, Q. David (2001). Páxina 163.
  38. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 177-178.
  39. 39,0 39,1 "1870-S Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  40. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 184-186.
  41. "Harry W. Bass Jr. Gallery Arquivado 16 de decembro de 2022 en Wayback Machine.". American Numismatic Society.
  42. "United States 1870-S $3 Gold Coin". En Coin Week. 25 de xullo de 2021.
  43. Breen, W. (1988). Páxinas 507-508.
  44. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 504.
  45. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 187-189.
  46. "1873 Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  47. "1875 Proof Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  48. "1876 Proof Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  49. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 164.
  50. 50,0 50,1 Julian, R.W. (1998). Páxina 36.
  51. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 196-204.
  52. 52,0 52,1 Bowers, Q. David (2001). Páxina 96.
  53. Bowers, Q. David (2001). Páxinas 197-198.
  54. Bowers, Q. D.; Winter et al. (2005). Páxinas 170-171.
  55. Bowers, Q. David (2001). Páxina 92.
  56. Bowers, Q. David (2001). Páxina 99.
  57. "1855-S Proof Indian Princess Three Dollar Gold Piece". Threedollargold.com
  58. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 250-251, 427.
  59. Annual Report of the Director of the Mint. Department of the Treasury. Bureau of the Mint. 1 de xaneiro e 1916.
  60. Bowers, Q. David (2001). Páxina 165.
  61. Breen, W. (1988). Páxinas 505.
  62. Bowers, Q. David (2001). Páxina 167.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar