Moeda de 3 centavos de dólar estadounidense

antiga moeda estadounidense

A moeda de 3 centavos de dólar foi unha moeda deste valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de Nova Orleáns entre os anos 1851 e 1873, inicialmente en prata e posteriormente en cuproníquel.

Historia editar

Moeda de prata (1851-1873) editar

3 centavos de prata
 
A/: Escudo nunha estrela de seis puntas. Data.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA

R/: Valor facial en números romanos dentro dun C estilizado. Arredor, 13 estrelas.

Lenda: III C

Deseño orixinal (Tipo 1) [1]

En 1851 propúxose a creación dunha moeda de prata con valor facial de 3 centavos de dólar, como consecuencia da rebaixa das tarifas postais de 5 a 3 centavos e para responder á necesidade dunha moeda de baixo valor e de doado manexo.[2]

A moeda foi autorizada pola Lei do 3 de marzo de 1851. Na súa primeira versión, deseñada polo daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, James Barton Longacre, a moeda presentaba no seu anverso un escudo da Unión inserido nunha estrela de seis puntas, e no reverso o valor III en numeración romana, inserido nunha letra C (de cents) estilizada.[1][3][4]

Nun principio, a moeda estaba cuñada nunha aliaxe composta por un 75 % de prata e un 25 % de cobre, con motivo de que fose considerada unha moeda de boa calidade e que ao mesmo tempo non compensase acumulala nin fundila polo seu contido en prata. Tratábase da moeda máis lixeira das cuñadas ata o momento nos Estados Unidos, cun peso de soamente 0,8 gramos e un diámetro de 14 milímetros, máis pequena aínda que o dólar de ouro.[1][3][4][5]

A partir de 1854, o seu contido en prata elevouse ata o 90 %, para favorecer a súa circulación, ao tempo que o seu peso se reduciu a 0,75 gramos, mediante a equivalente mingua do seu espesor.[4] Nese momento realizáronse tamén algúns axustes no seu deseño —que deron lugar ao coñecido como "tipo 2"—, consistentes nunha dobre liña para bordear a estrela do anverso e na adición dunha poliña de oliveira por encima e un feixe de frechas por debaixo dos números romanos do reverso.[3][6]

En 1859 producíronse os derradeiros retoques relevantes no deseño da moeda —"tipo 3"—, ocasionados por problemas na súa cuñaxe: a dobre liña que rodeaba a estrela reduciuse a unha liña simple e o tipo de letra fíxose algo máis alto e lixeiramente máis estreito.[7][3]

A moeda de prata de 3 centavos de dólar cuñouse anualmente entre os anos 1851 e 1873 na Ceca de Filadelfia, e unicamente no seu primeiro ano se produciu tamén na Ceca de Nova Orleáns.[8] Os últimos anos, a súa tiraxe foi moi pequena, ata o punto de que a emisión de 1873 foi exclusivamente de 600 exemplares con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— para os coleccionistas. Desde 1865 coexistiu coa emisión en cuproníquel do mesmo valor, que tiña tiraxes moito máis amplas. Finalmente, a Lei da Moeda de 1873 determinou a cancelación da versión en prata dos 3 centavos, do mesmo xeito que outras moedas, como a de 5 centavos de prata (half dime) ou a de 2 centavos de bronce, e suspendeu a produción do dólar estándar en favor do dólar de comercio.[3][9]

Moeda de cuproníquel (1865-1889) editar

3 centavos de cuproníquel [12]
 
A/: Cabeza coroada da Liberdade cara á esquerda. Data.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA (LIBERTY (na coroa)

R/: Valor facial en números romanos dentro dunha coroa vexetal.

Lendas: III

A escaseza de prata como consecuencia da guerra civil dos Estados Unidos provocou un acaparamento xeneralizado de todas as moedas deste metal, así como doutras como a dun centavo e a de cinco centavos,[5][13] e o Estado viuse obrigado a utilizar selos postais e a emitir un papel moeda provisional coñecido como "moeda fraccionaria", en substitudión das moedas dos valores faciais máis baixos. Mais estes billetes non resultaron populares, xa que se deterioraban doadamente e eran de difícil manexo en cantidades grandes.[14]

A resposta a este problema chegou en 1965, cando o 3 de marzo se aprobou un proxecto de lei polo que se introdución dunha nova moeda de 3 centavos cuñada en cuproníquel, unha aliaxe do 75 % de cobre e o 25 % de níquel, que se produciu nun tamaño algo máis grande que a súa antecesora de prata.[15] Esta moeda reproducía no seu anverso unha cabeza da Liberdade, en tanto que para o reverso recuperaba a expresión do valor facial en números romanos, aínda que cun aspecto diferente. Este deseño mantívose inalterado durante toda a vida da moeda.[12][13]

Os 3 centavos de cuproníquel non se concibiron con vocación de permanencia no sistema, senón como unha medida provisional ata que cesase o acaparamento provocado polo tempo de guerra. En 1865 —o primeiro ano de produción— cuñáronse máis de 11 millóns de exemplares e ata 1870 as tiraxes seguiron superando o millón de pezas, mais a partir desta data comezaron a descender, ata que a moeda foi abolida en 1889.[13] Unha das razóns que se aducen adoito para explicar esta cancelación é que a moeda de 10 centavos (dime) tiña un diámetro idéntico, o que inducía á confusión. Outro factor pode ser o feito de que en 1883 a taxa de franqueo do Servizo Postal baixou de 3 a 2 centavos, o que facía menos necesaria unha moeda dese valor.[16]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "3 Cents type 1". Numista.com
  2. "The Unusual Journey of the Three Cent Silver Coin". En Coin Week. 6 de xuño de 2019.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Silver Three Cent Pieces". Threecentsilvers.com
  4. 4,0 4,1 4,2 "Composition and Specifications". Threecentsilvers.com
  5. 5,0 5,1 "Can you spare a trime? 3-cent silver coins popular with collectors". En Monthly. 1 de marzo de 2018. CDN Publishing.
  6. "3 Cents type 2". Numista.com
  7. "3 Cents type 3". Numista.com
  8. "Silver Three Cents. 1851 O 3CS MS". Numismatic Guaranty Company.
  9. Wells, J. (2015). "Numismatic History: Crime of 1873 Creates Coinage Chaos Arquivado 29 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin Week. 12 de xuño.
  10. "3 Cents type 2". Numista.com
  11. "3 Cents type 3". Numista.com
  12. 12,0 12,1 "3 Cents "Three Cent Nickel"". Numista.com
  13. 13,0 13,1 13,2 "Nickel Three Cent Pieces". Threecentnickel.com
  14. Spaulding, E. G. (1869). History of the Legal Tender Paper Money issued during the Great Rebellion. Express Printing Co., Buffalo. Páxinas 165-166.
  15. "Composition and Specifications". Threecentnickel.com
  16. "The Three-Cent Piece". En The New York Times. 2 de setembro de 1883.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar