Mobilizacións estudantís de 1968 na Universidade de Santiago de Compostela

As mobilizacións estudantís de 1968 na Universidade de Santiago de Compostela constituíron un importante movemento político e social que desafiou o sistema político ditatorial vixente na época e que tivo o seu momento culminante nun peche pacífico de máis de mil estudantes no edificio central da Universidade. O peche foi desaloxado ao terceiro día pola Policía Armada mentres os estudantes cantaban “Venceremos nós”, a popular canción americana "We shall overcome" con letra en galego de Xosé Luís Franco Grande, convertida en himno da revolución estudantil.[1]

Colexio de San Xerome, Reitorado da Universidade de Santiago.

Antecedentes editar

No curso 1967-68 o antigo SEU foi substituído na USC polo Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade Galega (SDEUG), dirixido por estudantes antifranquistas, que gaña as eleccións universitarias, fomentando un novo espírito político e reivindicativo.

Na maioría das Facultades o cambio realízase de forma pacífica, ocupando os novos líderes estudantís as vellas estruturas da Asociación de Estudantes do Réxime, incluídos os seus locais e os fondos procedentes das cotas pagas polos propios estudantes para actividades asociativas, constituíndose con normalidade as novas Xuntas de Facultade.

Pero na Facultade de Ciencias o Decano Joaquín Ocón García impediu aos representantes elixidos o acceso aos locais asociativos e negoulles a entrega das cotas abonadas polos estudantes, obstaculizando as reunións e actividades dos representantes electos.[2] O ambiente caldéase e explota na primeira semana de marzo, cando Ocón impide, de forma violenta, que se celebre unha Asemblea da Facultade de Ciencias, con asistencia de centos de estudantes, na que o Delegado de Facultade Pancho Álvarez Fontela ía informar da situación aos seus compañeiros.

Desenvolvemento das mobilizacións editar

O desaloxo da Asemblea da Facultade de Ciencias provocou unha folga xeneralizada na Universidade, seguida por máis do 90 % do alumnado. Os estudantes reclamaban a dimisión de Ocón, a retirada das denuncias contra os delegados, a súa readmisión na facultade e a devolución do diñeiro destinado a actividades universitarias que fora requisado polo Decano.[2]

O conflito tivo o seu momento culminante cun peche pacífico de mil cincocentos estudantes no edificio central da Universidade, que durou do 9 ao 12 de marzo, e foi desaloxado ao terceiro día pola Policía Armada mentres os estudantes cantaban o “Venceremos nós”. Pero antes, no interior da Universidade, produciuse unha negociación entre os delegados do novo sindicato e as autoridades universitarias, incluído o reitor Ángel Jorge Echeverri, así como un intento de mediación do Gobernador Civil, Antonio Avendaño Porrúa. Durante o peche pronunciáronse varias conferencias de intelectuais acudidos a Santiago para unhas xornadas culturais que se trasladaron ao interior do edificio central da Universidade, con relatores como Armando López Salinas que falou sobre os dereitos humanos.

 
Fachada da Catedral desde a Alameda. Santiago de Compostela.

Na data dos feitos, o diario La Voz de Galicia narrou da seguinte maneira o desaloxo:

Ás seis da madrugada, a Policía anunciou que procedería a desaloxar, se antes non o facían os estudantes voluntariamente. Estes, con toda tranquilidade, recolleron as súas cousas e sentaron no primeiro piso, en actitude de resistencia pasiva. Ás sete e media, a Policía, previos tres toques de corneta, violou o recinto universitario, rompendo os cristais dunha xanela do piso baixo, pola que entraron para desaloxar a porta principal. O capitán que mandaba as forzas de orde pública comunicou aos estudantes, por megáfono, que ía proceder a desaloxalos, instándolles a non resistirse, despois de aclarar que respectaba as súas intencións e admiraba o seu valor, pero que non facía máis que cumprir unha orde. Os estudantes, sentados, gardaron silencio e perfecta serenidade, mentres se deixaban levantar, un a un, do chan polos policías. Algúns tiveron que ser sacados até a rúa polo aire, ao negarse a facelo polo seu propio pé. As oito e media, aproximadamente, a Universidade quedou desaloxada (...) E xa fora do recinto universitario, sentados uns nas escalinatas de acceso ao edificio e de pé os demais na Plazuela da Universidade, entoaron o “Venceremos nós”, himno antisegregacionista popularizado en inglés por Joan Baez e que traducido ao galego serviu estes días como himno estudantil.
As nove da mañá, cansos, macilentos, coas mantas ao ombreiro, abandonaron a Praza da Universidade (...). Os veciños da praza e rúas adxacentes contemplaban desde as xanelas admirados un espectáculo inaudito nesta cidade. Hai que facer constar que no momento en que a Policía violaba a inmunidade universitaria, non se atopaba presente ningunha autoridade académica.[3]

Conclusión do conflito editar

 
Facultade de Medicina da Universidade de Santiago.

Ao finalizar o peche as asembleas trasladáronse á rúa e continuou a folga indefinida, producíndose numerosas mobilizacións. Nunha Asemblea de Universidade moi multitudinaria, celebrada na Facultade de Medicina o 28 de marzo, interveu a policía violentamente, causando numerosos feridos e realizando varias detencións. Esta intervención policial violenta xerou a indignación dos estudantes, que despediron a pedradas na estación de ferrocarril ao director xeral de Universidades, Hernández Díaz, desprazado a Santiago para tentar resolver o conflito.

As autoridades académicas decidiron adiantar as vacacións de Semana Santa para acougar os ánimos. Ao regreso, o Reitor anunciou a suspensión das sancións e a devolución das cotas, co que se iniciou un lento camiño cara á normalidade. O decano Ocón foi trasladado a outra Universidade e o reitor Echeverri substituído, pero a promesa de levantar totalmente as sancións non se cumpriu. No curso seguinte o SDEUG asumiu a representación asociativa dos estudantes, sen novas trabas.

Líderes estudantís editar

As mobilizacións non constituíron unha revolta caótica e espontánea, senón que estaban dirixidas por estudantes que tiñan as ideas moi claras, e que pretendían introducir os valores democráticos na vida universitaria.

 
Edificio da Facultade de Xeografía e Historia, que en 1968 era a sede central da Universidade, onde se fixo o peche

En xeral compartían un espírito antiautoritario e unha boa capacidade de análise que lles permitiu conducir o conflito de forma intelixente, actuando de maneira cohesionada e sen radicalismos, como afirma o historiador Ricardo Gurriarán, investigador das mobilizacións.[4] Tiñan, ademais, unha boa formación política e souberon trasladarlle á cidadanía santiaguesa e á sociedade galega as súas reivindicacións e inquietudes. Nese conflito formáronse boa parte dos posteriores líderes políticos galegos que destacaron tras a transición democrática.

Entre estes dirixentes estudantís estaba Vicente Álvarez Areces, delegado do SDEUG da Facultade de Matemáticas, e máis tarde Presidente do Principado de Asturias durante doce anos así como senador; Emilio Pérez Touriño, que por aquel entón era delegado da Facultade de Económicas e xa na Democracia foi Presidente da Xunta de Galicia, Pancho Álvarez Fontela, delegado da Facultade de Ciencias, Alberto Martín de Hijas, delegado de Químicas e máis tarde concelleiro socialista en Vigo, Félix Sarmiento, Nacho Casal e Fausto Dopico, tamén de Ciencias, Francisco Cerviño, que foi deputado no Parlamento de Galicia, Pedro Mariño e Lorenzo Porto, delegados da Facultade de Medicina, Rafael Bárez, Javier Castillo e Cándido Conde-Pumpido, delegados de Dereito, Branca Caamaño, da Facultade de Historia, Fermín Bouza Álvarez, Marisa Melón, Enrique Anciones, Elvira Macho Quevedo, Vitoria Díaz Cabanela, Eduardo Varela e moitos outros.

Efectos sociais e políticos editar

En xeral todos os que analizaron os acontecementos da primavera de 1968 na Universidade de Santiago destacan a enorme influencia que tiveron no desenvolvemento socio-político de Galicia nos anos seguintes. Fermin Bouza Álvarez, catedrático de Socioloxía, especializado en Opinión Pública, que exerceu na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, afirmaba que "Santiago era o marco ideal para aquel movemento que cambiou Galicia moito máis do que a historia tradicional transmitiu á xente, pois cambiou as elites universitarias de toda unha xeración...De aí saíron novos movementos sociais e novos partidos de carácter progresista, e moitos deles autóctonos e nacionalistas".[5] Nin a Universidade de Santiago, nin a sociedade galega foron as mesmas despois do 68.

Notas editar

  1. [1] Arquivado 18 de marzo de 2018 en Wayback Machine. A Universidade de Santiago celebra o 50 aniversario das mobilizacións de 1968. Compostela24horas.com, 18 de marzo de 2018.
  2. 2,0 2,1 "La generación que se anticipó al mayo del 68", Manuel Villar en Atlántico Diario, 25 de maio de 2008 (en castelán).
  3. La Voz de Galicia (A Coruña), 13 de marzo de 1968
  4. "Adoquines gallegos", Salvador Rodriguez, La Opinión de A Coruña, 2 de marzo de 2008 (en castelán).
  5. Bouza Álvarez, F.: "Polas Vereas da memoria: 1968, ano cero dunha Galicia outra", en Gurriarán, R. (2010): 1968 en Compostela, 16 testemuños.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gurriarán, R. (2008): Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nos. Obra Social Caixagalicia.
  • Gurriarán, R. (2010): 1968 en Compostela. 16 testemuños. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Gurriarán, R. (2010): Inmunda escoria. A Universidade franquista e as mobilizacións estudiantís en Compostela, 1939-1968. Edicións Xerais de Galicia.