Mika Etchebéhère

(Redirección desde «Mika Feldman»)

Mika Feldman de Etchebéhère, nada en Moisés Ville, Santa Fe (Arxentina), o 14 de marzo de 1902 e finada en París o 7 de xullo de 1992, foi unha política e militante arxentina. Chegou a ser capitá dunha milicia do POUM na Guerra civil española.

Infotaula de personaMika Etchebéhère

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento2 de febreiro de 1902 Editar o valor em Wikidata
Moisés Ville, Arxentina (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte7 de xullo de 1992 Editar o valor em Wikidata (90 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónactivista polos dereitos das mulleres Editar o valor em Wikidata
Partido políticoMujeres Libres Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarBrigadas Internacionais Editar o valor em Wikidata
Rango militarcapitán Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata
Mika Etchebéhère, 1936

Traxectoria editar

Nada como Micaela Feldman, pertencía a unha familia xudía escapada dos pogromos do tsarismo en Rusia. Estudou Odontoloxía en Buenos Aires e nos seus anos universitarios militou activamente en diversos grupos políticos anarquistas, comunistas e socialistas. Nese activismo coñece a quen será o seu compañeiro e logo o seu marido, Hipólito Etchebéhère, estudante de enxeñaría de orixe francesa. Xuntos participaron na creación dun grupo político ao redor da revista Insurrexit e en 1924 entraron no Partido Comunista Arxentino. Porén, en 1926 foron expulsados, debido aos seus desacordos coa política estalinista do PCA e pola súa simpatía con Lev Trotski.

Pasaron catro anos na Patagonia, onde Mika alternou o exercicio da odontoloxía coa investigación, o estudo e a militancia política. En 1931 trasladáronse a Europa, e tras breves estancias en España e Francia instaláronse en Berlín. Os anos que viviron en Alemaña foron de intensa actividade política e de relacións con grupos comunistas e trotskistas. O ascenso de Adolf Hitler e a derrota do socialismo e do comunismo levounos a trasladárense a París, onde se relacionaron co grupo Que Faire, de orientación trotskista. Entrementres, a saúde de Hipólito empeorara e a tuberculose que padecía xa en Buenos Aires levouno a ingresar nun sanatorio. Este feito fixo que a parella decidise casar, para que ela puidese visitalo no centro hospitalario. A tradición francesa de que a muller tome o apelido do marido causa frecuente confusión do nome dela. Unhas veces figura como Micaela (ou Mika) Feldman, outras, como Mika Etchebéhère, e outras como Mika Feldman Etchebéhère ou como Mika Feldman de Etchebéhère, nome empregado neste caso.

En España editar

Co triunfo electoral da Fronte Popular en España, decidiron instalarse en Madrid. En xullo de 1936, ambos partiron nunha columna formada por militantes do POUM, partido co que sentían identificados, malia non chegaren nunca a ser militantes orgánicos. No primeiro combate no que participaron, a toma de Atienza, Hipólito morreu e Mika ocupou o seu posto. Polo seu valor, sentido común e humanitarismo, conseguiu as estrelas de Capitán. Foi coñecida como La Capitana por ser a única muller estranxeira que alcanzou ese rango no exército republicano. A súa compañía centrárase na defensa de Sigüenza e despois de Madrid, en Pineda de Húmera e en Cerro del Águila.

En abril de 1937 foi detida en Madrid, enviada a unha cheka e interrogada como trotskista e inimiga da República. Grazas ás xestións dos seus amigos, especialmente do anarquista Cipriano Mera, foi posta en liberdade, e reincorporouse á fronte de combate.[1] Posteriormente, trala desmobilización das mulleres, incorpórase á organización Mujeres Libres.[1]

Permaneceu en Madrid até uns días antes da caída desta. Deixou testemuño da súa actividade como miliciana na guerra nun libro, Ma guerre d'Espagne à moi, publicado en París en 1975 e onde deixou escrito: «Imos vir a España a atopa [...] a vontade da clase obreira de loitar contra as forzas da reacción que apoian ao fascismo».[1]

En Francia editar

En abril de 1939 xa estaba en París. Porén, debido á inminente toma da cidade polo exército nazi e á súa condición de xudía e militante de esquerdas, decidiu regresar a Buenos Aires, onde ficou até o fin da segunda guerra mundial. Desde 1945 viviu en Francia, entre as cidades de Perigny e París, onde participou nas protestas de maio do 68. Os últimos anos pasounos nunha residencia de maiores da rue Alésia, precisamente no mesmo cuarto en que residira o escritor irlandés Samuel Beckett.

Trala súa morte, o 7 de marzo de 1992, en Antony, Illa de Francia, foi incinerada e os seus amigos franceses esparexeron os seus restos de xeito clandestino no Sena.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Galera i Lèger, Guillem (28 de outubro de 2020). "10 HISTÒRIES DE BRIGADISTES INTERNACIONALS QUE VAL LA PENA RECORDAR". elcritic.cat (en catalán). Consultado o 27 de novembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gabbay, Cynthia (2020). "Babilonia y Revolución en España: Prácticas de escritura cosmopolita de una miliciana - Mika Feldman Etchebehere". En Kölbl, Julia; Orlova, Iryna; Wolf, Michaela. ¿Pasarán? Kommunikation im Spanischen Bürgerkrieg. Interacting in the Spanish Civil War (en castelán). Viena: New Academic Press. pp. 82–99. ISBN 978-3-7003-2179-8. 

Ligazóns externas editar