Miguel Ferro Caaveiro
Miguel Ferro Caaveiro, nado contra 1740 en Santiago de Compostela,[1][2] e finado na mesma cidade o 1 de xullo de 1807,[3] foi un arquitecto galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | ca. 1740 Santiago de Compostela, España |
Morte | 1 de xullo de 1807 (66/67 anos) Santiago de Compostela, España |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto, escritor, inventor |
Período de actividade | Barroco e Neoclasicismo |
Familia | |
Pai | Lucas Ferro Caaveiro |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Dicionario biográfico de Galicia Diccionario bio-bibliográfico de escritores |
Home da Ilustración, con amplos coñecementos en varias ramas do saber (arquitectura, debuxo, matemáticas, mecánica) e de gran capacidade de traballo, estaba preocupado, como todos os ilustrados, polo atraso económico e social de España.
O seu labor arquitectónico iniciouse, da man do seu pai, no estilo barroco, pero pronto entrou no mundo do neoclasicismo, seguindo as propostas da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (pese á disputa que mantivo, non sendo el académico, con Melchor de Prado, que o era).
Deseñou e dirixiu numerosas obras nas cidades de Santiago, Lugo e A Coruña, e en numerosas vilas de toda Galicia, e foi benfeitor da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.
Traxectoria
editarFillo do tamén arquitecto Lucas Ferro Caaveiro, residiu case toda a súa vida na súa cidade natal, aínda que por motivos profesionais debeu viaxar a numerosos puntos de toda Galicia, xa que foron numerosos os proxectos levados a cabo por Miguel Ferro Caaveiro e as obras que lle foron encomendadas en diferentes pobos e cidades do país.[1]
Foi un home de gran capacidade e moi laborioso, como se pode comprobar pola relación das súas principais obras,[4] demostrando os seus saberes moi precozmente, como se deduce dun expediente transcrito por Couselo Bouzas:[5]
Fué Ferro Caaveiro perito mapista en un litigio sobre terrenos pertenecientes a San Pelayo del Monte a los 18 años, substituyendo con tan corta edad a su padre don Lucas por sus enfermedades y ausencias en su empleo de arquitecto de la Santa Iglesia.
En 1767, co mestre de obras frei Ignacio Trasmonte, redactou un informe sobre o estado da porta da Mámoa de Santiago e,[6] dous anos máis tarde, aparece revisando o importe das partidas do fogo do Apóstolo, traballo que até entón realizara seu pai, quen aínda seguía cobrando o salario correspondente ao mestre de obras do Cabido catedralicio. Á morte do seu pai, en 1770, herdou o seu posto de mestre de obras da catedral de Santiago, percibindo diariamente por tal concepto cinco reais e medio.[2]
Obras proxectadas
editarObras de carácter relixioso
editarMiguel Ferro Caaveiro xa figuraba desde 1769 cobrando esporadicamente algún traballo para a catedral compostelá, pasou a desempeñar interinamente a comezos de 1770 o cargo de mestre de obras da mesa, cargo que ocuparía en propiedade a partir de 1772. A súa primeira obra como arquitecto da catedral santiaguesa, segundo Couselo Bouzas, foi o zócolo da reixa do coro e, segundo o mesmo autor, seguramente con anterioridade realizara os planos da capela de Don Lope (hoxe capela da Comuñón), xa que o Cabido lle pagou 1 000 reais por este concepto.[2]
Foi durante o goberno do arcebispo Bartolomé Rajoy cando se procede á reedificación desta capela, situada no lugar no que estivera á da Nosa Señora do Perdón (máis coñecida como de Lope de Mendoza, que a fundara en 1435 e na que este arcebispo tiña a súa sepultura) e que naquela época se encontraba derruída. En 1764 o arcebispo fixo unha doazón ao Cabido, con este propósito, de 15 000 ducados e, tres anos máis tarde, cóntase xa con dous planos desta obra. Despois de dous anos de silencio, o arquitecto da catedral, Domingo Lois Monteagudo, que nestas datas, e desde 1765 ocupaba o cargo en substitución de Lucas Ferro Caaveiro na dirección das obras realizadas polo Cabido, expuxo nun memorial certos inconvenientes, o que comunica ao prelado para que decidira o que estimase oportuno. Descoñécese a resposta de Rajoy e tamén a autoría dos planos; probabelmente pertenceran a Domingo Lois, pero cabe a posibilidade de que se deban a este último, coa orientación do seu pai, que tiña a experiencia das capelas da Virxe dos Ollos Grandes e de San Roque, en Lugo, ambas as dúas de planta circular e coroadas por unha gran cúpula.[7]
En 1771 Miguel foi requirido polo veciños da parroquia de San Fiz de Solovio para construír a capela dos Milagres situada naquel templo e, no mesmo ano, á parte das obras que realizaba para o Cabido, interveu nas que daquela se estaban realizando no mosteiro de San Martiño Pinario.[2]
A capela de Ánimas de Santiago construíuse no último terzo do século XVIII, dentro dos principios xa triunfantes do neoclasicismo. Deron planos para ela, á Confraría Xeral de Ánimas, a súa promotora, Miguel Ferro Caaveiro e Juan López Freire, sendo elixidos os do primeiro, como consta documentalmente en 1784, correspondendo ao segundo a dirección das obras.[7]
Probabelmente contra 1770 Miguel presentou a planta para a igrexa de Santa María do Camiño,[8] e posteriormente dirixiu as obras da súa construción. Esta igrexa, polo seu reducido tamaño e lugar, parece case unha casa máis da rúa Travesa; tan só o seu frontón neoclásico e o pequeno campanario, sobresaíndo das construcións do contorno denotan a súa función.[7]
Outras obras de carácter relixioso atribuídas a Miguel Ferro Caaveiro son a capela das Dores, na igrexa de San Miguel dos Agros e a capela dos Milagres na igrexa de Santa María Salomé,[1] así como os retablos das igrexas de San Mamede de Carnota, de San Paio de Aranga e o de San Pedro de Fiopáns, na A Baña.[9]
Obras de carácter civil
editarA arquitectura civil de Miguel Ferro Couceiro presenta unha serie de características comúns: busca da simetría, separación de corpos mediante listeis resaltados, alternancia de portas e ventás na estrutura do primeiro corpo, na superposición de vans, no marco liso das ventás —ou acobadado nalgunhas partes—, no cuarteirón de realce como elemento decorativo,[10] e nos entaboamentos con remate en dúas faixas e coa parte superior sobresaínte.[11] Os edificios para vivendas que deseñou responden a tres tipos:[12]
- as construcións enmarcadas por pilastras de orde toscana,
- as edificacións nas que as pilastras se substitúen por resaltes ou mesmo se suprimen, e
- as vivendas cuxo primeiro corpo ou outras partes do conxunto presentan almofadados.
En 1774 foi nomeado polo rei Carlos III director das obras hidráulicas do porto da Coruña, necesarias para a construción de diques para os buques correo, obras que dirixiu até 1778 por mor da ausencia da Corte de Madrid do marqués de Grimaldi, ministro de Estado, de viaxe a Roma, á Corte pontificia. Así mesmo, foi nomeado para o recoñecemento das ruínas da ponte de Pontedeume, orde que lle comunicou o Capitán Xeneral de Galicia Pedro Martínez Cermeño, despois de que recoñecera un enxeñeiro mandado polo Capitán Xeneral. Máis adiante, e en diferentes ocasións, recoñeceu tamén as pontes de As Pontes de García Rodríguez, a Ponte Nafonso, e a de Constante (no límite dos actuais concellos de Muxía e Cee), que estaba arruinada xa desde había moitos séculos, facendo os planos de todas estas pontes ao pé de obra.[5]
Miguel Ferro Caaveiro fixo tamén o recoñecemento e os planos da ponte da cidade de Lugo, cos da fachada e corpo da catedral, sendo nomeado director único das obras, que desempeñou e concluíu a satisfacción do Cabido lucense. Ademais fixo o recoñecemento e os planos, e o cálculo do importe para a reparación da ponte do río Quiroga; os planos, cálculos e condicións para os novos cárceres da cidade de Ourense; en Allariz, vila na que nunca houbera fonte ningunha, deseñou tres, executadas baixo a súa dirección; foi enviado outra vez á Coruña, por mandato do Capitán Xeneral, para o arranxo de edificios, empedrado de rúas, construción de cloacas, e outras obras.[13]
O Claustro da Universidade de Santiago mandoulle facer os planos dun novo edificio, baixo a dirección de Ventura Rodríguez, e a Xunta da Academia de San Fernando aprobou o seu proxecto para a construción da escaleira para dito edificio. As Xuntas dos Hospicios das cidades de Santiago e Lugo encargáronlle o proxecto das súas respectivas casas de misericordia.[14]
Actuación en Asturias
editarCon motivo de estar arruinada unha parte considerábel do mosteiro de San Xoán Bautista de Corias (considerado O Escorial de Asturias), foi chamado Miguel Ferro Caaveiro para que coñecera o seu estado e, por orde do Padre Xeneral da orde beneditina, trazou os planos para a reconstrución do edificio, que mereceron a aprobación do Capitán Xeneral e máis de Ventura Rodríguez, reconstruíndose o mosteiro de acordo con ditos planos.[14]
Conflito con Melchor de Prado
editarPor un Real Auto, do 24 de outubro de 1780 nomeábase a Miguel Ferro Caaveiro arquitecto director das obras públicas e privadas da cidade de Santiago, e ningunha obra podía levarse a cabo se non era coa súa aprobación. Isto levouno a un enfrontamento co tamén arquitecto Melchor de Prado, a causa dunha disputa pola dirección das obras en Compostela. Este conflito foi importante porque achegou informacións sobre unha serie de edificacións nas que Miguel intervira, e tamén porque enfrontou a un académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando —Melchor de Prado— cun arquitecto non académico —Caaveiro—. Este alegou no seu favor que, pese a non ser arquitecto formado ou titulado en ningunha academia, intervira en tal número de realizacións que case non existía obra nin edificio público ningún en toda Galicia, no espazo de máis de trinta anos, que non fora, polo menos, proxecto seu.[2] A querela resolveuse en 198 cunha concordia entre ambos os dous arquitectos na que, máis ou menos, se delimitban aas súas respectivas áreas de actuación.[15]
Compromiso co avance da sociedade
editarEntre as súas obras meritorias, cómpre salientar o apoio que prestou para o sostemento da "escola patriótica de debuxo" da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, fundada en 1784, á que cedeu innumerábeis deseños, ofrecéndose para ser mestre de debuxo, gratuitamente, durante toda a súa vida. Ademais, á súa morte legoulle á Sociedade todos os seus libros sobre arquitectura.[4]
Miguel Ferro Caaveiro, escritor e inventor
editarMiguel Ferro Caaveiro escribiu en 1792 a obra titulada Divertimento de geometría mixta.[1] [7]
Ademais, foi inventor de varios aparatos, como o "Prontuario Cronológico" ou "Esfera Terráquea y Máquina Gnómica-Cronológica", que servía para pescudar o mes, o día, o ano e as horas de todas as partes do mundo, que comprendía desde o nacemento de Xesucristo até a final do século XXXI, e un aparato músico-matemático, denominado "Músico-Matemático Tablero de las Máquinas Armónicas", que anunciou na Gaceta de Madrid do 4 de setembro de 1798, entre outros. [7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Miguel Ferro Caaveiro en Galegos. Galicia Digital.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ortega Romero 1974, p. 157.
- ↑ Couselo Bouzas 1932, p. 342.
- ↑ 4,0 4,1 Couselo Bouzas 1932, pp. 341-342.
- ↑ 5,0 5,1 Couselo Bouzas 1932, p. 339.
- ↑ A porta da Mámoa, situada moi próxima á actual praza de Galicia, soportaba, igual que a porta Faxeira, un notábel tráfico de mercadorías e peregrinos que entraban na cidade pola actual rúa das Orfas procedentes dos camiños do sur. O topónimo "mámoa" posibelmente derive da existencia dun enterramento megalítico nesta zona.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Ortega Romero 1974, p. 159.
- ↑ Templo neoclásico, reconstruído substituíndo ao primitivo, de época románica, situado na confluencia das rúas Travesa e Oliveira de Santiago de Compostela.
- ↑ Couselo Bouzas 1932, p. 341.
- ↑ O "curateirón" é cada un dos cadros que hai entre os listóns situados entre os traveseiros de portas e ventás.
- ↑ Ríos Miramontes, María Teresa (1974-1975): "Miguel Ferro Caaveiro. El caserío compostelano". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXIV, Nº 87-89, páxs. 165-176.
- ↑ Ortega Romero 1974, p. 161.
- ↑ Couselo Bouzas 1932, pp. 339-340.
- ↑ 14,0 14,1 Couselo Bouzas 1932, p. 340.
- ↑ Vigo Trasancos 1974, pp. 202-203.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Couselo Bouzas, José (1932): Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX. Santiago: Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. CSIC. ISBN 84-0008-276-1.
- López Ferreiro, Antonio (1908): Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, Tomo X. Santiago de Compoostela: Impresión y encuadernación del Seminario Conciliar Central.
- Ortega Romero, María do Socorro (1970): "El arquitecto Miguel Ferro Caaveiro". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXV 25, Nº 76, páxs. 143-164.
- Ortega Romero, María do Socorro(1971): "Planos de Miguel Ferro Caaveiro para construir un hospicio en Santiago". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXVI 26, Nº 80, páxs. 307-318.
- Ortega Romero, María do Socorro (1973): "Aspectos urbanísticos del barroco compostelano: voladizos y soportales". Revista de la Universidad Complutense, XXXIII, páxs. 163-187.
- Ortega Romero, María do Socorro (1973): "Influencia de la Academia en la formación de los artistas (Problema entre los arquitectos de la Academia y los no titulados)". Actas del XXXIII Congreso Internacional de Historia del Arte. España entre el Mediterráneo y el Atlántico, III, Granada.
- Ortega Romero, María do Socorro (1974): "Ferro Caaveiro, Manuel" na Gran Enciclopedia Gallega, Tomo XII. Santiago / Gijón: Silverio Cañada, Editor. ISBN 84-7286-046-9.
- Ríos Miramontes, María Teresa (1974-1975): "Miguel Ferro Caaveiro. El caserío compostelano". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XXIV, Nº 87-89, páxs. 165-176.
- Vigo Trasancos, Alfredo (1974): "Prado y Mariño, Melchor", na Gran Enciclopedia Gallega. Santiago / Gijón: Silverio Cañada, Editor. Tomo 25. ISBN 84-7286-193-7.