Mergullón de pescozo negro
O mergullón de pescozo negro[2][3] ou mergullón orelleiro[4] (Podiceps nigricollis) é unha ave acuática da familia Podicipedidae. Foi descrito en 1831 por Christian Ludwig Brehm. Actualmente acéptanse tres subespecies, incluíndo a subespecie nominal. A súa plumaxe reprodutora é dunha distintiva cor ocre que se estende por detrás do ollo e sobre as plumas cobertoiras dos oídos. O resto das partes superiores, incluíndo a cabeza, pescozo, e peito, son de cor negra a marrón anegrada. Os flancos son de cor avermellada leonada a castaña e o abdome é branco. Cando leva a plumaxe non reprodutora, esta ave ten unhas partes superiores negras cincentas, incluíndo a parte superior da cabeza e unha banda vertical no dorso e pescozo. Os flancos son tamén negros cincentos. O resto do corpo é dunha cor branca ou abrancazada. Os xoves teñen máis cantidade de cor marrón nas súas áreas máis escuras. A subespecie californicus pode distinguirse da nominal porque a primeira ten o peteiro xeralmente máis longo. A outra subespecie, P. n. gurneyi, pode diferenciarse pola súa cabeza e partes superiores máis cincentas e polo seu menor tamaño. P. n. gurneyi pode tamén distinguirse pola súa falta de plumaxe non reprodutor. O mergullón de pescozo negro está presente en partes de África, Eurasia e as Américas.
Mergullón de pescozo negro Podiceps nigricollis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar da subspecie nigricollis, adulto en plumaxe reprodutora
| |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Distribución de P. nigricollis Área reprodutora Residente De paso Área non reprodutora
|
O mergullón de pescozo negro usa moitas técnicas para buscar o seu alimento. Os insectos, que constitúen a maioría da súa dieta, son capturados na superficie da auga ou en voo. Ocasionalmente recólleos na vexetación. Mergúllase para capturar crustáceos, moluscos, cágados e pequenas ras e peixes. Cando muda en lagos salinos, aliméntase principalmente de crustáceos Artemia. Constrúe un niño con forma de copa flotante nun lago de augas abertas. Este niño é cuberto por un disco e pode estar localizado nunha colonia ou nun sitio máis arredado. Durante a estación reprodutora, que varía dependendo da localización, esta especie fai unha posta (ás veces dúas) de tres ou catro ovos. O número de ovos é ás veces maior debido ao parasitismo de crianza ou de posta conespecífico. Despois dun período de incubación de 21 días, os ovos fan eclosión e despois o niño é abandonado. Dez días despois, os proxenitores reparten os fillos entre eles para coidalos por separado. Despois disto, os polos fanse independentes nuns dez días e empluman en tres semanas.
Aínda que xeralmente evita voar, viaxa ata 6 000 km durante a súa migración. Ademais, queda sen a capacidade de voar durante dous meses unha vez que completa a migración que realiza a unha zona na que poida mudar con seguridade. Durante esta muda, pode dobrar o seu peso. As migracións para alcanzar estas zonas son perigosas, e ás veces a vizxe cóbrase a vida de miles de exemplares. Malia todo isto, a especie está clasificada como pouco preocupante pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). Probablemente este sexa o mergullón máis numeroso do mundo. Enfróntase a ameazas potenciais, como as verteduras de petróleo, pero estas probablemente non supoñen un risco importante para a poboación mundial.
Taxonomía
editarEsta especie foi descrita cientificamente por Carl Ludwig Hablitz en 1783 como Colymbus caspicus, a partir dun exemplar recollido en Bandar-e Anzali. Pensouse orixinalmente que este era un sinónimo do mergullón real, ata que Erwin Stresemann descubriu en 1948 que a descrición aplicábase máis ao mergullón de pescozo negro. Antes diso, pensábase que a primeira descrición era a feita por Christian Ludwig Brehm[5] en 1831, que lle deu a esta ave o seu nome científico actual de Podiceps nigricollis[6] a partir dun exemplar alemán. Para resolver isto, a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica suprimiu o nome C. caspicus.[5] O nome de xénero Dytes foi ás veces usado para esta especie,[7] unha clasificación que foi formalizada por Robert Ridgway en 1881.[8]
Esta ave está estreitamente relacionada co Podiceps occipitalis e o Podiceps taczanowskii. O extinto Podiceps andinus de Colombia é ás veces considerado unha subespecie do mergullón de pescozo negro, ademais das outras tres subespecies existentes, que son:[7]
- P. n. nigricollis – (Brehm, CL, 1831): a subespecie nominal, que se encontra no oeste de Europa ata o oeste de Asia (invernando no sur e oeste), en Asia central e do leste e no leste de África[7]
- P. n. gurneyi – (Roberts, 1919): encóntrase no sur de África[7]
- P. n. californicus – (Heermann, 1854): encóntrase no suroeste do Canadá e oeste dos Estados Unidos. Inverna ao sur ata Guatemala.[7]
O nome xenérico Podiceps vén de dúas palabras latinas: podicis, 'ano' e pes, 'pé'.[9] Isto fai referencia á posición das patas do animal moi atrás no seu corpo. O epíteto específico nigricollis en latín significa 'pescozo negro'.[10] O epíteto subespecífico californicus refírese a 'de California', e gurneyi procede do nome do ornitólogo británico John Henry Gurney[11]
Os nomes comúns desta ave fan referencia á cor negra do seu pescozo ou ben ás plumas vistosas da cara que parecen unha orella (mergullón orelleiro). En varios idiomas ten nomes equivalentes a estes.[12][13][14]
Descrición
editarNormalmente mide entre 28 e 34 cm de lonxitude e pesa de 265 a 450 g. A subespecie nominal en plumaxe reprodutora ten a cabeza, pescozo, peito e partes superiores dunha cor de negra a marrón anegrada, coa excepción do abano de plumas de cor ocre que se estende por detrás do ollo sobre as cobertoiras oculares e os laterais da caluga. O ollo é principalmente vermello, cun anel amarelo claro estreito nas partes inferiores do ollo e un anel orbital de amarelo-laranxa a vermello rosa.[7] O peteiro é delgado e curvado cara a arriba[15] e de cor negra e está conectado co ollo por unha liña anegrada que empeza na comisura do peteiro. Ás veces, a parte anterior do pescozo pode estar principalmente tinguida de marrón. A parte superior das ás é de anegrada a verde oliva e ten unha mancha branca formada polas secundarias e parte das primarias internas. Os flancos están coloreados de cor avermellada leonada a castaña e teñen unha ocasional mancha anegrada. A parte inferior da á e o abdome son brancos, coa excepción de que na á ten terciarias escuras e as primarias externas son maiormente marróns cincentas claras. As patas son grises escuras. Os sexos son similares.[7]
En plumaxe non reprodutora, a subespecie nominal ten partes superiores negras agrisadas, pileo, caluga e parte posterior do pescozo coa cor da parte superior deste último contida nunha liña vertical. A cor escura do píleo chega por debaixo do ollo e pode verse, difusa, ata as cobertoiras do oído. Detrás das cobertoiras do oído nos laterais do pescozo, hai óvalos brancos. O resto do pescozo é de gris a gris amarronado e ten algo de branco en cantidade variable. O peito é branco, e o abdome é abrancazado. Os flancos están coloreados nunha mestura de gris anegrado con flecos brancos. A cor do peteiro cando están en período non reprodutor difire de cando teñen plumaxe reprodutora, xa que no primeiro é significativamente máis gris.[7]
Os individuos xoves son similares aos adultos en plumaxe non reprodutora. Porén, hai diferenzas, como que as áreas escuras teñen xeralmente máis tons marróns nos xoves e con menos negro. Os loros están a miúdo tingidos de gris, con marcas abrancazadas detrás do ollo. Nos laterais da cabeza e parte superior do pescozo presentan un ton leonado ou beixe. O polo está cuberto de penuxe e ten unha cabeza gris anegrada con liñas e manchas brancas ou grises con tons beixes. A gorxa e parte anterior do pescozo son principalmente claras. As partes superiores son principalmente grises escuras e o abdome é branco.[7]
A subespecie californicus adoita ter un peteiro máis longo comparada coa subespecie nominal e ten primarias internas grises amarronadas durante a estación reprodutora. Cando non está en época reprodutora, a subespecie nominal ten con menor fecuencia loros difusos e claros que Podiceps nigricollis californicus. A outra subespecie, P. n. gurneyi, é a menor das tres e ademais ten unha cabeza e partes superiores máis grises. O adulto desta subespecie tamén ten un ton marrón avermellado nas cobertoiras alares menores, carece dunha plumaxe non reprodutora e os penachos da parte lateral da cabeza son máis claros.[7]
Vocalizacións
editarCando se reproduce fai un acougado son "ooeec" que ascende en agudeza desde un ton inicial xa moi agudo[16]. Esta chamada tamén se utiliza como chamada territorial, xunto cun trilo de ton baixo e rápido, que á súa vez tamén usa durante o cortexo. Outra chamada é un curto "puuii" ou "uit". É unha ave silenciosa cando non está na tempada reprodutora[7] e cando se almenta ou descansa.[17]
Distribución e hábitat
editarEsta especie reprodúcese en áreas con vexetación de lagos de auga doce de Europa, Asia, África, norte de América do Sur e suroeste e oeste dos Estados Unidos.[18] Despois de reproducirse, esta ave migra a lagos salinos para mudar.[19] Despois de completar a muda e esperar ás veces varios meses,[16] migra para invernar en lugares como o suroeste do Paleártico e partes do leste de África e Asia. Tamén inverna no sur de África, outro lugar onde se reproduce. Nas Américas, inverna ata o sur ata Guatemala,[1] aínda que a poboación invernante está restrinxida principalmente a illas do golfo de California, o Salton Sea, e Baixa California.[16] Cando non se está a reproducir, o seu hábitat son principalmente os lagos salinos e estuarios costeiros.[1]
Comportamento
editarÉ un mergullón moi gregario, que xeralmente forma grandes colonias cando se reproduce e grandes bandadas cando non.[20]
Reprodución
editarConstrúen niños flotantes nas augas xeralmente de pouca profundidade de lagos abertos.[21] O propio niño está ancorado ao lago por plantas.[22] Colaboran na súa construción tanto o macho coma a femia utilizando materia vexetal.[23] A maioría do niño está mergullado baixo a superficie da auga, co fondo interno da copa do niño xeralmente ao mesmo nivel que as augas. Sobre a copa hai un disco plano.[22] Nidifica tanto en colonias[23] coma en solitario. Cando non nidifica só, adoita facelo en colonias de especies mixtas formadas pola gaivota chorona, patos, e outras aves acuáticas.[22] O espazo entre os niños nestas colonias adoita ser de 1 a 2 m.[24] O feito de que nidifique en colonias ou non ten un efecto sobre as dimensións do niño. Cando a ave non está nunha colonia, o niño ten un diámetro que como media é de 28 cm, aínda que isto pode variar, con niños que van desde os 20 cm a 30 cm. Isto é comparado a nidificar en colonias, onde os niños teñen un diámetro de 25,5 cm.[22][25]
A formación de parellas nesta especie empeza xeralmente durante as pausas na migración cara aos terreos reprodutores, aínda que ocasionalmente ocorre incluso antes, en parellas invernantes. Esta formación de parellas continúa despois de que o mergullón chega aos tereos de reprodución.[14] O cortexo ocorre cando chegan ao lago onde criarán. As exhibicións realízanse no centro do lago. Non hai un territorio delimitado para realizar o cortexo; os individuos utilizan toda a área do lago. Cando un exemplar se anuncia a unha posible parella, achégase a outros mergullóns coas plumas do corpo esponxadas e o pescozo ergueito. Pecha o peteiro e realiza unha chamada que soa puu-ii-chk, no que a última nota apenas é audible. O cortexo xeralmente remata ao inicio da nidificación.[26]
No hemisferio norte, esta ave reprodúcese de abril a agosto. No leste de África a estación reprodutora é polo menos de xaneiro a febreiro, mentres que no sur de África, dita estación vai de outubro a abril.[7]
É unha ave socialmente monógama.[23] O parasitismo de crianza ou de posta conespecífico ou intraespecífico, no cal a femia pon os seus ovos no niño doutra ave da súa especie, é común e case o 40% dos niños son parasitados como media.[24] En canto a territorio, este mergullón defende só o seu sitio de nidación.[21]
Esta especie fai unha posta normalmente e ás veces dúas postas,[7] cada unha de tres ou catro ovos verdosos abrancazados ou azulados.[23] Porén, os niños que foron parasitados, teñen dous ovos máis como media.[24] Os ovos, aínda que inicialmente están inmaculados, líxanse despois con materia vexetal coa cal foi construído o niño. Os ovos miden 45 × 30 mm como media e son incubados por ambos os proxenitores durante uns 21 días.[23] A data da posta dos ovos está bastante sincronizada, e as aves de pequenas colonias teñen datas de posta que abranguen só uns poucos días, comparadas coas colonias grandes, onde a data de posta esténdese nun período de máis de 10 días.[26]
Despois da eclosión dos ovos, estas aves abandonan o seu niño.[23] A pesar de que os xoves poden nadar e mergullarse durante este tempo, raramente o fan, senón que permanecen sobre o lombo dos proxenitores durante catro días despois da eclosión.[17] Este comportamento dáse en todos os mergullóns e é probable que evolucionase para reducir os custos de desprazarse, especificamente os de ir de volta ao niño para darlle calor e comida aos polos.[27] Pasados uns 10 días, o pai e nai repártense os polos, e cada un encárgase do coidado de aproximadamente a metade da rolada.[23] Despois deste repartimento, os polos fanse independentes nuns 10 días máis,[7] e empluman nunhas tres semanas.[23]
Cando é molestada durante a incubación, esta ave xeralmente cobre en parte os ovos con material do niño se a perturbación non é súbita, pero unha ave cunha posta incompleta xeralmente non intenta cubrir os ovos. Por outra parte, cando a perturbación non é repentina non cobre os ovos. En comparación, outras especies de mergullóns cobren os seus ovos cando abandonan o niño.[28] A predación normalmente non é a causa principal da perda de ovos, e a maioría dos fracasos na crianza ocorren despois de que os polos fixeron eclosión. Unha causa principal desta é a morte por frío dos xoves.[17]
Alimentación
editarBusca comida principalmente mergullándose[7][17] durante menos de 30 segundos.[7] Estes mergullos son normalmente máis curtos en tempo cando están en augas menos profundas.[29] Entre mergullos, esta ave descansa unha media de 15 segundos.[30] Cando se alimenta de camaróns Artemia en lagos hipersalinos, probablemente usa a súa longa lingua para bloquear a cavidade oral. Hipotetízase que despois esmaga a presa contra o padal e expulsa o exceso de auga.[31] Tamén busca comida sobre a follaxe, ou apañando obxectos sobre a superficie da auga, somerxendo a cabeza e ás veces capturando insectos voadores.[7]
Come principalmente insectos, tanto adultos coma en estado larvario, así como crustáceos, moluscos, cágados e pequenas ras e peixes.[7] Porén, cando mudan en lagos con alta salinidade, esta ave aliméntase principalmente de Artemia. O comportamento dos mergullóns de pescozo negro cambia en resposta á dispoñibilidade de Artemia; os corpos de auga con máis cantidade destes crustáceos teñen máis mergullóns, e os mergullóns pasan máis tempo alimentándose cando a cantidade de camaróns e a temperatura da auga decrecen.[32]
Os xoves son alimentados un por un polos pais, e un deles transporta no lombo as crías mentres que o outro os alimenta. As crías toman a comida agarrándoa cos seus peteiros dos peteiros dos seus pais ou recollen a comida que caeu na auga. Cando unha ave non pode agarrar a comida, os adultos somerxen o seu peteiro na auga e axitan o seu peteiro para separar a comida.[17]
Muda e migracións
editarCando acaba a reprodución, o mergullón de pescozo negro xeralmente realiza unha migración para mudar a pluma a lagos salinos. Prefire especialmente lagos con gran número de invertebrados presa, polo que poden engordar mentres mudan e antes de marchar para facer a migración invernal.[33] Non obstante, algúns exemplares, mudan cando están nos tereos de reprodución, pero a maioría non muda ata que finaliza a migración de muda.[34] Esta migración é perigosa e centos e ás veces miles de aves morren por causa das nevaradas cando viaxan a lugares como o lago Mono.[35]
Cando finaliza a migración de muda, fai a muda das súas plumas rémixes entre agosto e setembro,[36] o que o deixa sen capacidade de voar. Esta muda é precedida por un incremento de peso. Durante a muda, os músculos da ave atrófianse. Cando remata a muda, continúa gañando peso, a miúdo ata teren máis do dobre do seu peso orixinal.[33] Esta graxa adicional utilízase para acumular enerxía para a migración de outono nocturna cara aos seus terreos de invernada. A graxa concéntrase principalmente no abdome, e en menor medida no tórax e aínda menos no peito.[37] Esta ave xeralmente empeza a súa migración máis cedo cando os camaróns son máis abondosos e cando o lago de muda está a unha temperatura superior á media. Xeralmente parte nunha noite clara e con temperaturas da superficie inferiores á media.[38]
Movemento
editarEste mergullón é unha das aves con voo menos eficiente. Xeralmente, evita voar a toda costa e só realiza voos a gran distancia durante a migración.[39] Ademais, a ave perde completamente a capacidade de voar durante dous meses ao ano durante a súa muda.[33] Porén, cando migran, viaxan ata 6 000 km para alcanzar as áreas ricas en alimento que son explotadas por poucas especies máis.[39] En voo, a forma deste mergullón é como a das movellas: pescozo recto, arrastra as patas e ten un batido rápido das ás.[17]
Cando se mergullan, esta ave bota a cabeza para atrás e seguidamente arquéaa para adiante meténdose na auga, seguida do corpo e cun lixeiro salto. As patas empezan a moverse só despois de que está baixo a auga. Cando nadan na superficie, o seu corpo é relativamente lixeiro, aínda que non se lle ve nada da parte inferior. O pescozo sitúase ergueito dereito de meneira relaxada, co peteiro situado cara a adiante e paralelo á auga. Cos pés vai dando padas alternativas.[17]
Enfermidades
editarInformouse de mortes a grande escala (de ata 150 000 aves no Salton Sea en 1992) por erisipela, cólera aviario, botulismo aviario,[40] e infección polo virus do Nilo Occidental. En 2013 no Gran Lago Salgado, por exemplo, houbo un gromo de virus do Nilo Occidental que podería ser o máis grande rexistrado nas aves nos Estados Unidos.[41] A causa do gromo e os modos de transmisión son descoñecidos, pero fixéronse diversas especulacións. Como o virus do Nilo Occidental sobrevive nos crustáceos Artemia e, temporalmente, na auga do Gran Lago Salgado aproximadamente á temperatura que era a que había cando ocorreu a mortaldade, é probable que os mergullóns se tivesen infectado por comer crustáceos enfermos ou estar en augas contaminadas polo virus.[42] Tamén se teorizou que o virus do Nilo Occidental podería ser transmitido entre os mergullóns por contacto cos excrementos doutros mergullóns infectados.[41] O cólera aviario, outra doenza que pode causar mortaldades a grande escala nesta especie,[41] pode ser causada por biotoxinas descoñecidas, patóxenos e problemas coa impermeabilidade das plumas.[40]
Status
editarEn 2016, o mergullón estaba clasificado como "especie pouco preocupante" na lista da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). A tendencia da poboación é incerta, xa que algunhas poboacións están decrecendo, mentres que outras son estables, teñen unha tendencia incerta, ou están a se incrementar. A xustificación da actual clasificación desta especie é a súa grande poboación (estimada en de 3,9 a 4,2 millóns de individuos) combinada coa súa área de distribución enorme (duns 155 millóns de km2).[1] Este mergullón é probablemente o mergullón máis numeroso do mundo.[7]
Biotoxinas descoñecidas, patóxenos e a deterioración da impermeabilidade das plumas poden causar hipotermia e cólera aviaria. Como este mergullón xeralmente inverna na costa, é tamén vulnerable á contaminación por petróleo.[40] Doenzas a grande escala como o cólera aviario, poderían ameazar esta especie. Estes e outros factores, como as perturbacións humanas, incluíndo os choques contra cables de alta tensión, contribúen ao declive da poboación en certas áreas. Esta especie adoitaba estar ameazada en Norteamérica pola industria de fabricación de sombreiros, que impulsaba a caza destas aves, e polos coleccionistas de ovos. Este mergullón aínda se caza en Irán na provincia de Gilan, tanto con fins comerciais coma recreativos. Porén, non hai probas que suxiran que estas ameazas poderían ter como resultado un significativo risco para o conxunto da poboación.[1]
En Galicia
editarO somorgullo de pescozo negro é un visitante invernal, escaso, en Galicia, onde pode verse desde decembro até marzo.[4]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 BirdLife International (2018). "Podiceps nigricollis". The IUCN Red List of Threatened Species 2018: e.T22696610A132584321. Consultado o 23 de decembro de 2018.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ "mergullón de pescozo negro". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ 5,0 5,1 Mlíkovský, Jiří. "Types of the Podicipedidae". British Ornithologists' Club Occasional Publications 5: 132–136.
- ↑ Brehm, Christian Ludwig (1831). Handbuch der Naturgeschichte aller Vögel Deutschlands: worin nach den sorgfältigsten Untersuchungen und den genauesten Beobachtungen mehr als 900 einheimische Vögel-Gattungen ... beschrieben sind : mit 47 ... nach der Natur gezeichneten illuminirten Kupfertafeln (en alemán). B.F. Voigt. p. 963.
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 7,15 7,16 7,17 7,18 Llimona, F.; del Hoyo, Josep; Christie, David A.; Jutglar, F.; Kirwan, G. M. (2017). del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A.; de Juana, Eduardo, eds. "Black-necked Grebe (Podiceps nigricollis)". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. Consultado o 28 de xuño de 2017.
- ↑ Baird, Spencer Fullerton; Brewer, Thomas Mayo; Ridgway, Robert (1884). The Water Birds of North America. Little, Brown and Company. p. 434.
- ↑ Ogilvie & Rose (2003), p. 98.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 271, 341. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Jobling, James A. del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A.; de Juana, Eduardo, eds. "Key to Scientific Names in Ornithology". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. Consultado o 7 de agosto de 2017.
- ↑ Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2017). "Grebes, flamingos & tropicbirds". World Bird List Version 7.3. International Ornithologists' Union. Consultado o 26 de setembro de 2017.
- ↑ Ogilvie & Rose (2003), pp. 102–103.
- ↑ 14,0 14,1 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic (BWP) concise edition (2 volumes). Oxford: Oxford University Press. pp. 24–26. ISBN 0-19-854099-X.
- ↑ Ted Floyd (27 de maio de 2008). Smithsonian Field Guide to the Birds of North America. New York City: HarperCollins. p. 77. ISBN 978-0-06-112040-4.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Cullen, S. A.; Jehl Jr., J. R.; Nuechterlein, G. L.; Poole, A.; Gill, F. (1999). "Eared Grebe (Podiceps nigricollis)". The Birds of North America Online. Consultado o 4 de novembro de 2019.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 17,6 McAllister, Nancy Mahoney (1955). Reproductive behaviour of the eared grebe, Podiceps caspicus nigricollis (Master of Arts). University of British Columbia.
- ↑ Herrera, Néstor; Rivera, Roberto; Ibarra Portillo, Ricardo; Rodríguez, Wilfredo (2006). "Nuevos registros para la avifauna de El Salvador" [New records for the avifauna of El Salvador] (PDF). Boletín de la Sociedad Antioqueña de Ornitología (en castelán e inglés) 16 (2): 1–19. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de outubro de 2007. Consultado o 14 de setembro de 2019.
- ↑ Jehl, Joseph R.; Henry, Annette E. (2010). "The postbreeding migration of eared grebes". The Wilson Journal of Ornithology 122 (2): 217–227. doi:10.1676/09-047.1.
- ↑ Bull, John L.; Farrand, Jr., John (1994). The National Audubon Society Field Guide to North American Birds: Eastern region (2 ed.). New York City: Knopf. p. 344. ISBN 978-0-679-42852-7.
- ↑ 21,0 21,1 Faaborg, John. "Habitat selection and territorial behavior of the small grebes of North Dakota". The Wilson Bulletin 88 (3): 390–399.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 Bochenski, Zygmunt (1961). "Nesting biology of the black-necked grebe". Bird Study 8 (1): 6–15. doi:10.1080/00063656109475982.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 23,6 23,7 Hauber, Mark E. (1 de agosto de 2014). The Book of Eggs: A Life-Size Guide to the Eggs of Six Hundred of the World's Bird Species. Chicago: University of Chicago Press. p. 70. ISBN 978-0-226-05781-1.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Lyon, Bruce E.; Everding, Susanne (1996). "High frequency of conspecific brood parasitism in a colonial waterbird, the eared grebe Podiceps nigricollis". Journal of Avian Biology 27 (3): 238. ISSN 0908-8857. JSTOR 3677228. doi:10.2307/3677228.
- ↑ Broekhuysen, G. J.; Frost, P. C. H. (1968). "Nesting hehaviour of the black-necked grebe Podiceps nigricollis in Southern Africa. II: Laying, clutch size, egg size, incubation and nesting success". Ostrich 39 (4): 242–252. doi:10.1080/00306525.1968.9634310.
- ↑ 26,0 26,1 McAllister, Nancy M. (1958). "Courtship, hostile behavior, nest-establishment and egg laying in the eared grebe (Podiceps caspicus)". The Auk 75 (3): 290–311. ISSN 0004-8038. JSTOR 4081975. doi:10.2307/4081975.
- ↑ Lyon, Bruce (2018). "Why do some birds carry their chicks?". Ecology 99 (1): 241–243. ISSN 0012-9658. PMID 29178481. doi:10.1002/ecy.2025.
- ↑ Broekhuysen, G. J.; Frost, P. C. H. (1968). "Nesting hehaviour of the black-necked grebe Podiceps nigricollis (Brehm) in Southern Africa. I. The reaction of disturbed incubating birds". Bonner zoologische Beiträge 19 (3): 350–361.
- ↑ Ladhams, D. E. (1968). "Diving times of grebes". British Birds 61 (1): 27–30.
- ↑ Caudell, Joe N.; Conover, Michael R. (2006). "Behavioral and physiological responses of eared grebes (Podiceps nigricollis) to variations in brine shrimp (Artemia franciscana) densities". Western North American Naturalist 66 (1): 12–22. doi:10.3398/1527-0904(2006)66[12:baproe]2.0.co;2.
- ↑ Mahoney, Sheila A.; Jehl, Joseph R. (1985). "Avoidance of salt-loading by a diving bird at a hypersaline and alkaline lake: Eared grebe". The Condor 87 (3): 389–397. ISSN 0010-5422. JSTOR 1367221. doi:10.2307/1367221.
- ↑ Varo, Nico; Green, Andy J.; Sánchez, Marta I.; Ramo, Cristina; Gómez, Jesús; Amat, Juan A. (2011). "Behavioural and population responses to changing availability of Artemia prey by moulting black-necked grebes, Podiceps nigricollis". Hydrobiologia 664 (1): 163–171. doi:10.1007/s10750-010-0596-x. hdl:10261/35709.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 Jehl, Joseph (1988). Biology of the eared grebe and Wilson's phalarope in the nonbreeding season : a study of adaptations to saline lakes. Os Ánxeles, California: Cooper Ornithological Society. ISBN 0-935868-39-9.
- ↑ Gaunt, Abbot S.; Hikida, Robert S.; Jehl, Joseph R. (1990). "Rapid atrophy and hypertrophy of an avian flight muscle". The Auk 107 (4): 649–659. ISSN 0004-8038. JSTOR 4087994. doi:10.2307/4087994.
- ↑ Jehl, Joseph R.; Henry, Annette E.; Bond, Suzanne I. (1999). "Flying the gantlet: Population characteristics, sampling bias, and migration routes of eared grebes downed in the Utah Desert". The Auk 116 (1): 178–183. ISSN 0004-8038. JSTOR 4089464. doi:10.2307/4089464.
- ↑ Winkler, David W.; Cooper, Scott D. (2008). "Ecology of migrant black-necked grebes Podiceps nigricollis at Mono Lake, California". Ibis 128 (4): 483–491. ISSN 0019-1019. doi:10.1111/j.1474-919X.1986.tb02700.x.
- ↑ Straker, Lorian Cobra; Jehl, Joseph R. (2017). "Rapid mobilization of abdominal fat in migrating eared grebes". Journal of Avian Biology 48 (4): 465–471. ISSN 0908-8857. doi:10.1111/jav.01007.
- ↑ Frank, Maureen G.; Conover, Michael R. (2017). "Weather and prey availability affect the timing of fall migration of eared grebes (Podiceps nigricollis) from Great Salt Lake". The Wilson Journal of Ornithology 129 (1): 98–111. ISSN 1559-4491. doi:10.1676/1559-4491-129.1.98.
- ↑ 39,0 39,1 Jehl, J. R.; Henry, A. E.; Ellis, H. I. (2003). "Optimizing migration in a reluctant and inefficient flier: The eared grebe". Avian Migration. pp. 199–209. ISBN 978-3-642-07780-7. doi:10.1007/978-3-662-05957-9_13.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 Jehl, Joseph R. (1996). "Mass Mortality Events of Eared Grebes in North America". Journal of Field Ornithology 67 (3): 471–476. JSTOR 4514141.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 Ip, Hon S.; Van Wettere, Arnaud J.; McFarlane, Leslie; Shearn-Bochsler, Valerie; Dickson, Sammie Lee; Baker, JoDee; Hatch, Gary; Cavender, Kimberly; Long, Renee; Bodenstein, Barbara (2014). "West Nile virus transmission in winter: The 2013 Great Salt Lake bald eagle and eared grebes mortality event". PLoS Currents 6. ISSN 2157-3999. PMC 3994192. PMID 24761310. doi:10.1371/currents.outbreaks.b0f031fc8db2a827d9da0f30f0766871.
- ↑ Lund, Melissa; Shearn-Bochsler, Valerie; Dusek, Robert J.; Shivers, Jan; Hofmeister, Erik; Dudley, Edward G. (2017). "Potential for waterborne and invertebrate transmission of West Nile virus in the Great Salt Lake, Utah". Applied and Environmental Microbiology 83 (14): e00705–17. ISSN 0099-2240. PMC 5494636. PMID 28500043. doi:10.1128/AEM.00705-17.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mergullón de pescozo negro |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Mergullón de pescozo negro |
Bibliografía
editar- Ogilvie, Malcolm; Rose, Chris (2003). Grebes of the World. Uxbridge, UK: Bruce Coleman. ISBN 1-872842-03-8.
Ligazóns externas
editar- Informe sobre a especie – Cornell Lab of Ornithology