María de las Mercedes González Bará, nada en Portonovo (Sanxenxo) en 1927 e finada en Pontevedra o 2 de xaneiro de 2017[1], foi unha artista e pintora galega, coñecida no eido artístico coma Mercedes Bará.

Infotaula de personaMercedes Bará
Biografía
Nacemento1927 Editar o valor em Wikidata
Sanxenxo, España Editar o valor em Wikidata
Morte2 de xaneiro de 2017 Editar o valor em Wikidata (89/90 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Tanto Mercedes coma a súa irmá máis vella, a tamén pintora Alicia Bará, tiveron unha formación autodidacta. Ámbalas dúas foron quen de alimentar a súa creatividade mutuamente e, ao mesmo tempo, crear estilos moi diferentes e obras de gran e recoñecida calidade. Reservadas, procuraron sempre estar afastadas -no posible- do foco dos media, da ditadura dos ambientes artísticos e dos purismos. Iniciaron a súa carreira artística nunha sociedade moi pechada, que non acollía con normalidade nin prestaba axuda ás mulleres que decidían adicarse de xeito vocacional ás artes[2][3].

Mercedes, o mesmo que Alicia, presentou ó longo da súa carreira artística os seus traballos en numerosas exposicións individuais ao longo da xeografía galega, aínda que foi máis activa nas mostras colectivas, sobre todo a partir da década de 1970, e principalmente en Pontevedra, cidade na que residía e na que acadou gran consideración.

Participou na III Bienal Nacional de Arte de Pontevedra de 1975, na II Bienal Internacional de 1976, na IV Bienal Nacional de 1977, na III Bienal Internacional de 1978, na V Bienal Nacional de 1979 e na IV Bienal Internacional de 1980. Tamén na mostra Arte en Pontevedra I, en 1998, e expuxo nas mostras de Artistas con UNICEF de 2005[4] e 2007[5].

Así mesmo ensinou os seus cadros en multitude de ocasións nas salas da Caixa de Aforros de Pontevedra, o referente cultural pontevedrés. Un dos últimos eventos nos que se puideron ver obras de Mercedes Bará antes do seu pasamento, foi na exposición de Nadal da Galería Soho de Vigo, en decembro do 2015, na que compartiu sala con outros 25 artistas galegos coma Xurxo Alonso, Miguel Lubiáns, Ramón García "Almuiña" ou Miguel Sánchez Lareo[6].

En canto aos medios de expresión artística, Mercedes preferiu sobre todo a acuarela, a pintura ao pastel e o debuxo. Afastábase aquí tamén de Alicia, que gustaba máis das posibilidades plásticas do óleo, aínda que as dúas percorreron nalgún momento case que tódalas técnicas.

O tema que se atopa máis a miúdo na obra de Mercedes Bará é o das maternidades. Sempre quixo afondar nas figuras maternas, plasmar o agarimo sinxelo e profundo das nais. Tamén as paisaxes galegas, campo e natureza, foron tema predominante. En canto ao estilo, mostra sempre a pegada do vangardismo galego máis enxebre.

Tanto Mercedes como Alicia prescindiron na rúbrica artística do seu primeiro apelido, inda que en ocasións aparecen citadas tamén como "G. Bará". Hoxe, moitas das súas obras pertencen a coleccións privadas ou corporativas, e nalgúns casos atópanse fóra de España.

Notas editar

  1. Obituario da Sra. Dona María de las Mercedes González Bará, na web Necrolóxicas de Galicia.
  2. El Progreso - Diario de Pontevedra, ed. (2003). Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada, Tomo 21. ISBN 84-87804-23-3. 
  3. Editorial Compostela, S. A., ed. (Santiago de Compostela, 2002). Gallegos: Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. ISBN 84-8064-113-4. 
  4. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, ed. (Santiago, 2005). Artistas con UNICEF. ISBN 84-453-4135-9. 
  5. Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ed. (Santiago, 2007). Artistas con UNICEF 2007. ISBN 978-84-453-4525-2. 
  6. Atlántico Diario (17 de decembro de 2015). "El arte vigués domina la propuesta colectiva navideña en el Soho". 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Aurora Marco: Dicionario de mulleres galegas: (das orixes a 1975), Santiago, 2007.
  • VV. AA.: Arte en Pontevedra I (comisario Álex Vázquez e fotografías Alfonso Lubián), Pontevedra, 1998.
  • VV. AA.: IV Bienal Internacional de las Artes Plásticas, Pontevedra, 1980.
  • VV. AA.: V Bienal Nacional de Arte, Pontevedra, 1979.
  • VV. AA.: III Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, Pontevedra, 1978.
  • VV. AA.: IV Bienal Nacional de Arte, Pontevedra agosto 1977, Pontevedra, 1977.
  • VV. AA.: II Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, Pontevedra, 1976.
  • VV. AA.: III Bienal Nacional de Arte de Pontevedra, Pontevedra, 1975.