Mary Toft, nada como Mary Denyer e tamén coñecida como Mary Tofts, nada c. 1701 en Goldaming, Surrey e finada en 1763, foi unha muller inglesa que no ano 1726 provocou unha controversia considerable ó enganar a varios médicos facéndolles crer que dera luz a coellos.

Modelo:BiografíaMary Toft

Gravado baseado no retrato feito por John Laguerre en 1726
Biografía
NacementoMary Denyer
c. 1701
Godalming, Surrey
Morte1763 (62 anos)
Godalming, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeInglaterra Reino de Inglaterra
Q89547790Engano e escándalo médico
Actividade
Ocupaciónaventureira Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography Editar o valor en Wikidata

En 1726 Toft quedou embarazada, pero segundo a súa propia declaración, tivo un aborto tras quedar fascinada ó ver a un coello. A súa afirmación de ter expulsado do seu corpo varias partes animais levou a que John Howard, un cirurxián local, investigase o suceso. Howard obtivo varios anacos de carne animal e notificou a outros médicos prominentes do momento, chegando o caso ata os oídos de Nathaniel St. André, cirurxián da corte do rei Xurxo I. St. André chegou á conclusión de que o caso de Toft era xenuíno, mais o rei enviou tamén o cirurxián Cyriacus Ahlers a que revisase o caso. Toft adquiriu certa fama e foi trasladada ata Londres para que os médicos estudasen alí o seu caso. Tras un intenso escrutinio dos doutores, e sen que ela chegase a expulsar máis partes animais, Toft confesou finalmente o engano e foi levada a prisión por fraude.

A burla pública resultante xerou pánico entre a profesión médica e arruinou a carreira de varios cirurxiáns prominentes. O suceso foi satirizado en varias ocasións, destacando nas obras do debuxante e crítico social William Hogarth, que criticou de forma notable a credulidade da profesión médica neste caso. Toft foi eventualmente liberada sen cargos, e volveu ó seu fogar onde pasou o resto da súa vida.

Reconto inicial

editar

A historia fíxose pública a finais de outubro de 1726, cando varios recontos do suceso chegaron ata Londres.[1] Un destes recontos apareceu no Mist's Weekly Journal o 19 de novembro de 1726:[2][3]

Dende Guildford chega unha estraña pero ben testemuñada nova. Unha pobre muller que vive en Godalmin [sic], preto desa vila, asistida hai un mes polo Sr John Howard, eminente cirurxián e parteiro, deu a luz unha criatura que semellaba un coello pero o que o corazón e pulmóns medráronlle fora do ventre, uns 14 días despois de que asistida pola mesma persoa, dera a luz un coello perfecto; e poucos días despois a 4 máis; e o venres, sábado, domingo [...] un cada día: tódolos nove faleceron ó chegar ó mundo. A muller fixera un xuramento, que hai dous meses, mentres traballaba no campo xunto a outras mulleres, viron a un coello, que escapou delas e perseguiron sen éxito: Isto provocou nela tal morriña del, que (estando embarazada) caeu enferma e tivo un aborto, e dende entón non puido parar de pensar en coellos. A xente ó fin e ó cabo, difire en gran medida na súa opinión sobre este asunto, algúns véndoo como unha gran curiosidade, axeitada para presentarse na Royal Society etc. Outros están anoxados polo reconto, e afirman que de ser un feito, debería correrse un veo sobre el, coma unha imperfección na natureza humana.
Tradución e adaptación do orixinal

A "pobre muller", Mary Toft, tiña uns 24 ou 25 anos de idade. Fora bautizada como Mary Denyer o 21 de febreiro de 1703, filla de John e Jane Denyer. En 1720 casou con Joshua Toft, un oficial de xastre co que tivo tres fillos, Mary, Anne e James.[4][5] Sendo unha campesiña inglesa no século XVIII, viuse obrigada a continuar traballando no campo tras quedar embarazada de novo en 1726.[6] No comezo do seu embarazo queixárase de complicacións dolorosas e a comezos de agosto expulsou varios anacos de carne. Isto puido ser o resultado dunha anormalidade no desenvolvemento da placenta, que puido provocar que o embrión deixase de desenvolverse e provocase a expulsión de coágulos de sangue e anacos de carne.[7][8][9] Toft pariu o 27 de setembro. Un veciño asistiu ó mesmo e declarou ver como expulsaba varias partes de animais, que posteriormente ensinou á nai e á sogra de Toft, Ann Toft, que era tamén matrona. Ann Toft envioulle os anacos a John Howard, un parteiro de Guildford con trinta anos de experiencia.[7][10]

Nun primeiro momento Howard descartou a noción de que Toft dera a luz varias partes animais, pero ó día seguinte, malia as súas reservas, foi visitala. Ann Toft amosoulle máis pezas que expulsara a noite anterior, pero Howard non atopou nada tras un exame inicial de Mary. Cando esta volveu parir, Howard volveu visitala para continuar coa súa investigación. Segundo un reconto coetáneo do 9 de novembro, nos días seguintes asistiu o parto de "tres patas dun gato de cor atigrada, e unha pata dun coello: as tripas eran coma dun gato e dentro delas había tres anacos de espiñazo dunha anguía... Os pés do gato formáronse supostamente na súa imaxinación dun gato ó que tiña aprecio e que durmira na cama pola noite". Toft caeu aparentemente enferma de novo e durante os seguintes días expulsou máis anacos de coello.[7][9]

Segundo a historia se facía máis coñecida, o 4 de novembro Henry Davenant, membro da corte do rei Xurxo I, decidiu ver por si mesmo o que estaba sucedendo. Examinou as mostras que Howard recollera e levara a Londres. Howard trasladara a Toft ata Guildford, ofrecéndose a asistir no parto de coellos en presenza de calquera que dubidase da súa historia.[11][12] Algunhas das cartas que lle escribiu a Davenant para notificarlle de calquera progreso chamaron a atención de Nathaniel St. André, cirurxián da corte de orixe suíza dende 1723.[13] St. André detallou posteriormente o contido dunha destas cartas no seu reconto de 1727, A short narrative of an extraordinary delivery of rabbets:[14]

SEÑOR,

Dende que lle escribín, saquei ou asistín ó parto da pobre muller tres coellos máis, os tres a medio medrar [...] o último deles saltou durante 23 horas no Uterus antes de morrer. Cando se sacou o 11º coello, saltou o 12º, que está saltando agora. Se ten algunha persoa curiosa que desexe vir, poderá ver outro salto no seu Uterus e sacalo dela se así o desexa; o que será unha gran satisfacción para o curioso. Se estivese embarazada dun neno, quedaríanlle dez días máis, polo que non sei cantos coellos máis virán detrás; Trouxen a muller ata Guildford para máis comodidade..

O seu humilde servidor,

JOHN HOWARD.
Tradución e adaptación do orixinal

Investigación

editar
 
Gravado a cor de Nathaniel St. André

A mediados de novembro a familia real británica estaba tan interesada na historia que enviou a St. André e Samuel Molyneux, secretario do príncipe de Gales, a que investigasen o suceso. Ó chegaren o 15 de novembro, Howard levounos a ver a Toft, que tras unhas dúas horas pariu o torso dun coello.[1] O reconto de St. André detalla o exame que fixo do coello. Para comprobar se chegara a respirar, meteu un anaco do seu pulmón en auga para ver se flotaba, cousa que fixo. Pasou entón a realizar un exame médico de Toft, concluíndo que os coellos se reproduciran nas súas trompas de Falopio. Durante unha ausencia ese mesmo día, Toft supostamente pariu o torso doutro coello, que tamén foi examinado.[12][15] Esa mesma noite atoparon a Toft sufrindo unhas contraccións violentas. Tralo exame médico que lle practicaron, St. André extraeu parte da pel dun coello, seguida en poucos minutos da cabeza dun coello. Tanto St. André como Howard examinaron os anacos de carne expulsados, indicando que algunhas destas partes semellaban anacos do corpo dun gato.[16]

Fascinado polo caso, o rei enviou o cirurxián Cyriacus Ahlers a Guildford. Ahlers chegou o 20 de novembro e viu que Toft non tiña ningún sinal que indicase un embarazo. Sospeitou que o suceso podería ser un engano, e observou que Toft semellaba premer os xeonllos o un contra o outro, como se quixese previr que "lle caese algo". Tamén considerou sospeitoso o comportamento de Howard, que non o deixou asistir no parto dos coellos, aínda que Ahlers non era parteiro e nun intento previo causáralle bastante dor a Toft.[17] Convencido de que era todo un engano mentiulles ós involucrados dicindo que cría a historia de Toft, escusándose e levando a Londres varios espécimes dos coellos. Tras un estudo máis minucioso, atopou evidencias de que estaban cortados cun instrumento manual, e detectou anacos de palla e grans nas súas feces.[1][18]

O 21 de novembro Ahlers informou o rei e outros do resultado da súa investigación.[19] Howard escribiulle a Ahlers ó día seguinte, pedíndolle que devolvese os espécimes.[18] As sospeitas de Ahlers preocupaban tanto a Howard coma a St. André, que volveu dous días despois a Guildford seguindo unha orde do rei.[17][20] Trala súa chegada reuníronse con Howard, quen informou a St. André de que Toft dera a luz dous coellos máis. Pariu varios anacos do que se supoñía era unha placenta, malia que para entón estaba bastante enferma e sufría unha dor constante no lado dereito do seu abdome.[17][21] Anticipándose a Ahlers, St. André recompilou declaracións xuradas de varias testemuñas, que provocaron dúbidas sobre a honestidade de Ahlers, e o 26 de novembro realizou unha demostración anatómica perante o rei para apoiar a historia de Toft.[20][22] Segundo o seu propio escrito, nin St. André nin Molyneux sospeitaban de ningunha actividade fraudulenta.[23]

O rei ordenoulle a St. André que volvese a Guildford para traer a Toft ata Londres, para que puidesen levar a cabo máis investigacións. Acompañouno Richard Manningham, un reputado tocólogo nomeado cabaleiro en 1721, ademais do segundo fillo de Thomas Manningham, bispo de Chichester.[17] St. André examinou a Toft e viu que tiña o lado dereito do seu abdome dun tamaño lixeiramente maior do normal. Manningham asistiu no parto do que lle pareceu unha vexiga de porco —aínda que St. André e Howard non estiveron de acordo con esta identificación— e comezou a ter sospeitas xa que ulía a urina. Porén, os involucrados acordaron non dicir nada en público e o 29 de novembro aloxaron a Toft nun hospedaxe en Leicester Fields.[20][24][25]

Exame médico

editar
 
Cunicularii, ou The Wise Men of Godliman in Consultation, de Hogarth (1726).[26]

Aparecendo nos xornais da época, a historia converteuse nunha sensación nacional, malia que varias publicacións se amosaron escépticas, e o Norwich Gazette en particular considerou o asunto como un simple "rumor de mulleres".[27] O escritor John Hervey relataríalle posteriormente a situación ó seu colega Henry Fox:[4][28]

Toda criatura na cidade, tanto homes coma mulleres, foron vela e sentila: as emocións perpetuas, ruídos e murmurios no seu ventre son algo prodixioso; tódolos médicos eminentes, cirurxiáns e parteiros de Londres están alí día e noite para ver a súa seguinte produción.
Tradución e adaptación do orixinal

Varios médicos e cirurxiáns eminentes, incluíndo a John Maubray, estudaron a Toft baixo a estrita supervisión de St. André. En The Female Physician, Maubray propuxera que as mulleres podían dar a luz unha criatura que el denominara sooterkin. Era un propoñente da "impresión maternal", unha crenza espallada de que a concepción e embarazo podían estar influenciados polos soños ou visións da nai,[29] e advertira as mulleres embarazadas de que a excesiva familiaridade coas mascotas caseiras poderían provocar que os seus fillos se asemellasen a elas. Maubray examinou con gusto a Toft, considerando o seu caso como unha vindicación das súas teorías.[30] Porén, o parteiro James Douglas, ó igual que Manningham, sospeitaba que o caso era unha fraude e malia as repetidas invitacións que recibiu por parte de St. André non se involucrou. Naquel entón Douglas era un dos anatomistas e parteiros máis respectados e coñecidos do país, mentres que a concepción xeral era que St. André era membro da corte só porque falaba alemán, a lingua nativa do rei.[31] St. André insistiu en que ámbolos dous examinasen a Toft; tralo ascenso de Xurxo I ó trono, a facción dos Whigs pasara a ser dominante, e as afiliacións de Manningham e Douglas con esta facción xunto cos seus coñecementos médicos axudarían a elevar o seu status como doutor e filósofo.[25] Douglas considerou que o feito de que unha muller dese a luz coellos era tan probable como que un coello dese a luz un neno humano, mais accedeu a examinala. Cando Manningham lle informou das súas sospeitas pola vexiga de porco, e tralo seu propio exame de Toft, Douglas rexeitou debater o asunto con St. André:[32][33]

Para poder determinar, coa satisfacción e convicción de todo tipo de persoas, precisábanse outros argumentos que a anatomía, ou calquera outra rama da fisioloxía, non poden fornecer. Destes o maior número non son xuíces. Era polo tanto sen dúbida moi natural que desexase que a xente suspendese calquera xuízo adicional por un tempo máis, ata que as probas da farsa puidesen darse como se requiría.
Tradución e adaptación do orixinal

Toft púxose de parto en varias ocasións máis baixo unha supervisión constante, pero sen ningún resultado adicional.[34]

Confesión

editar
 
Confesión de Mary Toft do 7 de decembro, tomada por Douglas

O engano descubriuse finalmente o 4 de decembro. Thomas Onslow comezara unha investigación pola súa conta descubrindo que durante o mes anterior Joshua, o marido de Toft, estivera mercando crías de coello. Convencido de que tiña probas suficientes para proceder, escribiulle unha cara ó médico Hans Sloane afirmando que o asunto "case alarmara a Inglaterra" e que publicaría en pouco tempo os resultados da súa investigación.[4][35] Ese mesmo día, Thomas Howard, un porteiro da hospedaxe, confesoulle ó xuíz de paz Thomas Clarges que fora subornado pola cuñada de Toft, Margaret, para introducir en segredo un coello na habitación de Toft's. Cando foi arrestada e interrogada, Mary Toft negou a acusación, mentres que Margaret, interrogada por Douglas, afirmou que mercara o coello só para comelo.[36]

Manningham examinou a Toft e pensaba que aínda tiña algo na cavidade do seu útero, polo que convenceu a Clarges de que lle permitise permanecer no hospedaxe.[36] Douglas, que para aquel entón xa visitara a Toft, interrogouna en varias ocasións e durante varias horas. Tras varios días Manningham ameazouna con realizarlle unha operación dolorosa, e finalmente o 7 de decembro, en presenza de Manningham, Douglas, John Montagu e Frederick Calvert, Toft confesou.[4][37] Tras sufrir o aborto e mentres aínda tiña acceso ó colo uterino, un cómplice introducíralle as gadoupas e corpo dun gato, xunto coa cabeza dun coello. Inventaran unha historia na que Toft afirmaba que quedara obsesionada cos coellos un día mentres traballaba no campo, e nos partos posteriores inseríranlle outras partes animais na vaxina.[38][39]

Baixo presión de Manningham e Douglas admitiu os feitos en dúas novas ocasións, o 8 de decembro e o 9 de decembro. Foi levada á prisión Tothill Fields Bridewell, baixo os cargos promulgados nun estatuto de Eduardo III de "vil tramposa e impostora".[34][37][40] Nas súas confesións anteriores non publicadas, culpaba do asunto a varios outros participantes, dende a súa sogra ata a John Howard. Tamén afirmaba que unha muller lle dixera como inserir os coellos no seu corpo para levar a cabo o engano.[8] O British Journal informou da súa comparecencia do 7 de xaneiro de 1727 nas cortes das sesións cuadrimestrais en Westminster, acusada de "ser unha tramposa abominable e impostora pretendendo dar a crer que tivera varios partos monstruosos".[41]

Consecuencias

editar
 
Credulity, Superstition, and Fanaticism de Hogarth, publicado en 1762
 
The Doctors in Labour, or a New Wim-Wam in Guildford, 1727

A credulidade da profesión médica converteuse nun obxectivo da burla pública tralo descubrimento do engano. William Hogarth publicou Cunicularii, or The Wise Men of Godliman in Consultation en 1726, no que se representa a Toft agonizando nun parto, arrodeada doutros participantes do engano coma o seu marido, St. André e Howard.[26][42][43] A confesión de Toft do 7 de decembro demostra unha insistencia pola súa parte de que a súa cuñada non participou no engano, pero na obra de 1726 An Exact Diary of what was observ'd during a Close Attendance upon Mary Toft, the pretended Rabbet-Breeder of Godalming in Surrey de Manningham indícanse testemuños visuais da súa complicidade.[44][45] O debuxo de Hogarth non foi a única imaxe que ridiculizou o asunto. George Vertue publicou The Surrey-Wonder e The Doctors in Labour, or a New Wim-Wam in Guildford, unha serie de 12 imaxes publicada en 1727 na que satiriza a St. André e que tamén foi popular naquela época.[46]

O momento da confesión de Toft resultou nunha incomodidade para St. André, quen o 3 de decembro publicara o seu primeiro artigo de corenta páxinas A Short Narrative of an Extraordinary Delivery of Rabbets.[43] St. André xogárase a súa reputación neste documento, e malia ofrecer un reconto máis empírico do caso de Toft que outras publicacións anteriores sobre a reprodución en xeral, finalmente foi ridiculizado publicamente.[47] Ahlers, xustificando o seu escepticismo, publicou Some observations concerning the woman of Godlyman in Surrey, no que detallou o seu reconto dos eventos e a súa sospeita da complicidade de St. André e Howard no caso.[48]

St. André retractouse o 9 de decembro de 1726. En 1729, tralo finamento de Samuel Molyneux por envelenamento, casou coa viúva de Molyneux, Elizabeth.[49][50] O primo de Molyneux acusou a St. André de ser o culpable do envelenamento, do que St. André defendeuse demandándoo por difamación, malia que para aquel entón a súa carreira profesional xunto coa de Elizabeth xa estaban danadas de forma permanente. Elizabeth perdeu a súa posición de asistenta da raíña Carolina, mentres que St. André foi humillado publicamente na corte. A parella retirouse a vivir no campo subsistindo coa considerable fortuna de Elizabeth, e St. André finaría en 1776 ós 96 anos de idade.[51][52] Manningham, desesperado por exculparse a si mesmo, publicou un diario das súas observacións de Toft, xunto a un reconto da confesión do fraude por parte dela, o 12 de decembro. Neste diario indicaba que Douglas fora enganado por Toft, polo que preocupado pola súa propia imaxe pública Douglas respondeu publicando o seu propio reconto dos feitos.[40][53] Usando o pseudónimo 'Lover of Truth and Learning', Douglas publicou tamén no 1727 The Sooterkin Dissected, unha carta dirixida a Maubray na que fixo unha crítica mordaz da teoría do Sooterkin.[54] O dano provocado á profesión médica foi tal que varios doutores sen relación co suceso sentíronse obrigados a publicar declaracións de que non creran a historia de Toft.[43] O 7 de xaneiro de 1727 John Howard e Toft asistiron a un novo xuízo, no que Howard recibiu unha multa de 800 £[a] Volveu a Surrey e continuou exercendo ata que finou en 1755.[41][50][56]

Houbo grupos de xente que durante varios meses se achegaban a Tothill Fields Bridewell agardando ver a Toft. Para entón ela estaba bastante enferma, e estando en prisión John Laguerre realizou un debuxo do seu retrato. Finalmente foi posta en liberdade o 8 de abril de 1727, xa que as autoridades non tiñan claro o cargo do que se lle podía acusar.[57] A familia Toft non sacou ningún beneficio do asunto, e Mary volveu a Surrey. En febreiro de 1727 deu a luz a unha filla, Elizabeth, indicada no rexistro parroquial de Godalming como a súa "primeira filla tralo seu suposto parto de coellos". Este nacemento confirmou que estivera embarazada durante o engano, o que puido contribuír á confusión dos doutores.[58] Non se teñen apenas rexistros da vida posterior de Toft. En 1740 foi arrestada por recibir bens roubados, e faleceu en 1763, aparecendo o seu obituario nos xornais de Londres.[56][58][59]

Os opoñentes de Robert Walpole citaron o caso como un símbolo da súa percepción de avaricia, corrupción e engano da época. O 7 de xaneiro de 1727 o Mist's Weekly Journal satirizou o caso, facendo varias alusións ó cambio político e comparando o asunto ós eventos de 1641 cando o Parlamento comezou a súa revolución contra o rei Carlos I.[60] O escándalo forneceu suficiente material ós escritores de Grub Street para producir panfletos, sátiras, follas de propaganda e baladas durante varios meses.[61] En publicacións como St. André's Miscarriage de 1727 e The anatomist dissected: or the man-midwife finely brought to bed tamén de 1727, fixeron burla da obxectividade dos parteiros, e os críticos dos asistentes de Toft cuestionaron a súa integridade, socavando a reputación da súa profesión con alusións e bromas de carácter sexual.[62] O caso suscitou dúbidas sobre o status de Inglaterra como unha nación "iluminada". Voltaire usou este caso no seu breve ensaio Singularités de la nature para describir como os ingleses protestantes estaban aínda influenciados por unha igrexa ignorante.[63]

Toft tamén foi obxectivo das sátiras, que se concentraron principalmente nas insinuacións sexuais, valéndose de xogos de palabras ou usando un corte escatolóxico. Porén, Much Ado about Nothing; or, A Plain Refutation of All that Has Been Written or Said Concerning the Rabbit-Woman of Godalming de 1727 está considerada unha das sátiras máis mordaces sobre Toft. Este documento faise pasar pola propia confesión de 'Merry Tuft', escrita de forma intencionada con diversas faltas de ortografía para mofarse da súa condición de iletrada e facendo unha serie de insinuacións obscenas sobre a súa promiscuidade.[64][65] Tamén ridiculiza a varios dos doutores involucrados no asunto e reflicte sobre a visión xeral representada polos autores das varias sátiras sobre Toft de que ela era unha muller débil e a menos cómplice dos culpables do engano. Esta noción contrasta coa visión xeral que se tiña expresado sobre ela antes da revelación do propio engano, indicando moi posiblemente unha estratexia xeral para deixar sen poder a Toft por completo. Isto reflíctese nunha das sátiras máis notables sobre o asunto, a balada satírica anónima de Alexander Pope e William Pulteney The Discovery; or, The Squire Turn'd Ferret,[66] publicada en 1726 e dirixida a Samuel Molyneux[67][68]

  1. Equivalentes a unhas 107 000 £ a data de 2017.[55]
Referencias

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.

  1. 1,0 1,1 1,2 Todd 1982, p. 27
  2. Norton, Rictor (23 de novembro de 2001). "The Rabbit Woman". Early Eighteenth-Century Newspaper Reports: A Sourcebook. 
  3. Haslam 1996, pp. 30-31
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Uglow, Jennifer S. (1997). Hogarth: A Life and a World. Faber & Faber. pp. 118–119, 121. ISBN 978-0-571-19376-9. 
  5. Wilson, Philip K. (2004). "Toft , Mary (bap. 1703, d. 1763)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/27494. (require subscrición (?)). 
  6. Cody 2005, p. 124
  7. 7,0 7,1 7,2 Todd 1995, p. 6
  8. 8,0 8,1 Three confessions of Mary Toft. Hunterian Collection 20. Library of the University of Glasgow. R.1.d., R.1.f., R.1.g. 
  9. 9,0 9,1 Haslam 1996, p. 30
  10. Cody 2005, p. 125
  11. Seligman 1961, p. 350
  12. 12,0 12,1 Haslam 1996, p. 31
  13. Todd 1995, p. 9
  14. St. André & Howard 1727, pp. 5–6
  15. St. André & Howard 1727, pp. 7–12
  16. St. André & Howard 1727, pp. 12–14
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Seligman 1961, p. 352
  18. 18,0 18,1 Todd 1995, pp. 18–19
  19. Todd 1995, p. 19
  20. 20,0 20,1 20,2 Todd 1982, p. 28
  21. St. André & Howard 1727, pp. 28–30
  22. St. André & Howard 1727, pp. 20–21
  23. St. André & Howard 1727, p. 32
  24. Seligman 1961, p. 354
  25. 25,0 25,1 Cody 2005, p. 126
  26. 26,0 26,1 Paulson, Ronald (1993). Hogarth: Art and Politics 1750–1764. James Clarke & Co. p. 168. ISBN 9780718828752. 
  27. Cody 2005, p. 135
  28. Cody 2005, pp. 127–128
  29. Toor, Kiran (2007). "‘Offspring of his Genius’: Coleridge's Pregnant Metaphors and Metamorphic Pregnancies". Romanticism (Edinburgh University Press) 13 (3): 257–270. doi:10.3366/rom.2007.13.3.257. 
  30. Bondeson 1997, pp. 129–131
  31. Todd 1995, p. 26
  32. Bondeson 1997, p. 132
  33. Todd 1995, pp. 27–28
  34. 34,0 34,1 Todd 1982, p. 29
  35. Caulfield, James (1819). Portraits, memoirs, and characters, of remarkable persons, from the revolution in 1688 to the end of the reign of George II 2. New York Public Library: T. H. Whitely. pp. 199–200. OL 14843745M. 
  36. 36,0 36,1 Seligman 1961, p. 355
  37. 37,0 37,1 Seligman 1961, p. 356
  38. Todd 1995, p. 7
  39. Haslam 1996, p. 34
  40. 40,0 40,1 Brock, H. (1974). "James Douglas of the Pouch". Medical History 18 (2): 162–172. PMC 1081542. PMID 4606702. doi:10.1017/s0025727300019402. 
  41. 41,0 41,1 "Report on Margaret Toft". British Journal. 14 de xaneiro de 1727. 
  42. Haslam 1996, pp. 28–29
  43. 43,0 43,1 43,2 Todd 1982, p. 30
  44. Manningham, Richard (1726). An exact diary of what was observ'd during a close attendance upon Mary Toft, the pretended rabbet-breeder of Godalming in Surrey (PDF). J. Roberts. ESTC T56206. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2017 – vía The Wellcome Library. 
  45. Todd 1982, p. 32
  46. Haslam 1996, p. 45
  47. Cody 2005, pp. 126–127
  48. Ahlers, Cyriacus (1726). Some observations concerning the woman of Godlyman in Surrey (PDF). J. Jackson & J. Roberts. pp. 1–23. ESTC T56024. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2017 – vía The Wellcome Library. 
  49. "Daily Journal". Daily Journal. 9 de decembro de 1726. 
  50. 50,0 50,1 Cody 2005, p. 132
  51. Bondeson 1997, pp. 142–143
  52. Todd 1995, p. 11
  53. Rhodes, Philip (2004). "Manningham, Sir Richard (bap. 1685, d. 1759)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/17982. Consultado o 28 de xuño de 2009. (require subscrición (?)). 
  54. Lover of Truth and Learning (James Douglas) (1726). The Sooterkin Dissected. p. 13. ESTC T56203 – vía The Wellcome Library. 
  55. Clark, Gregory (2017). "What Were the British Earnings and Prices Then? (New Series)". MeasuringWorth. 
  56. 56,0 56,1 Haslam 1996, p. 43
  57. Cody 2005, p. 130
  58. 58,0 58,1 Bondeson 1997, p. 141
  59. Cody 2005, pp. 131–132
  60. Cody 2005, p. 131
  61. Bondeson 1997, p. 134
  62. Cody 2005, pp. 132–134
  63. Voltaire (1785). Singularités de la nature. Oeuvres completes de Voltaire (en francés) 31 (París). p. 428. OCLC 490479358. 
  64. Lynch, Jack (2008). Deception and detection in eighteenth-century Britain. Ashgate Publishing, Ltd. pp. 33–34. ISBN 0-7546-6528-3. 
  65. Tuft, Merry (1727). Much ado about nothing: or, a plain refutation of all that has been written or said concerning the rabbit-woman of Godalming (PDF). A. Moore. pp. 12–17. ESTC T55626. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 31 de xaneiro de 2017 – vía The Wellcome Library. 
  66. Todd 1995, pp. 69–72
  67. Cox, Michael (2004). The Concise Oxford Chronology of English Literature. Oxford University Press. p. 195. ISBN 0-19-860634-6. 
  68. Pope, Alexander; Butt, John (1966). The Poems of Alexander Pope. Routledge. p. 478. ISBN 0-415-04000-0. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar