Mary Quintero

fotógrafa galega

María del Carmen Quintero Corredoira, máis coñecida como Mary Quintero, nada en Melide (Provincia da Coruña) o 9 de novembro de 1931, é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia, pioneira na utilización en España do proxector de fondos e o retoque fotográfico. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, entre eles o Premio "Mejor Fotógrafo de España", outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía en 1981 e a Medalla de Bronce de Galicia (2002).

Mary Quintero
Nome completoMaría del Carmen Quintero Corredoira
Nacemento9 de novembro de 1931
Lugar de nacementoMelide
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfotógrafa
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios e primeiras exposicións editar

Mary Quintero iniciouse no campo da fotografía co seu pai Aurelio Quintero e a súa nai Amadora Corredoira. O seu pai tiña un estudio en Melide e tamén facía fotografía minuteira no exterior. A súa nai encargábase do retocado das fotos. No ano 1940 a familia desprazouse a Lugo e abriron un estudio chamado Fotografía Quintero. Aos nove anos, Mary Quintero ingresou nunha academia para estudar piano e pintura, formándose na composición, a luz e a cor. Mentres, no estudio fotográfico familiar, daba cor e retocaba fotografías dun xeito lúdico. Aos catorce anos, marchou a Madrid a estudar co fotógrafo Pedro Jaraba, con quen aprendeu a perfeccionar a técnica do retoque e da pintura con cores transparentes. Ademais, matriculouse nunha escola para estudantes de arquitectura, onde estudou co pintor Carlos Pascual de Lara para mellorar a técnica do debuxo.[1]

De volta en Lugo, o director de Radio Lugo viu fotografías de Mary e animouna para facer unha exposición, que se realizou en 1947 no Círculo das Artes baixo o título "Nuevos horizontes de la fotografía". Foi a súa primeira exposición, a idade de quince anos"[2] e converteuse na primeira fotógrafa en asinar unha exposición en Galicia.[3]

En 1950, apoiada pola pintora Lola Ponte, realizou a súa segunda exposición, no Centro de Turismo de Lugo, titulada "Cincuenta retratos de mujer", composta por retratos de mulleres da alta sociedade luguesa. Grazas a este traballo empezou a ser coñecida e reclamada para a realización de novos retratos. Acompañada do seu pai, viaxou periodicamente a Vigo e, establecendo o seu estudio no Hotel Alameda da Praza de Compostela, retratou gran parte da alta sociedade viguesa.[1]

En 1952,de novo co apoio de Lola Ponte, realizou a súa primeira exposición en Vigo, no salón da pastelaría "El Molino", titulada "Novos valores". O éxito da exposición, onde entre outros retratos, se expoñía un realizado ás fillas de Enrique Lorenzo Docampo, incrementou a súa clientela viguesa. Ese mesmo ano casou con José Álvarez e un ano máis tarde naceu o seu primeiro fillo José Manuel.[1][4]

Establecemento en Vigo editar

En 1954, debido ao aumento do traballo en Vigo, o marido  de Mary  deixou noutras mans a súa granxa de vacún en Monterroso -cos anos quedou á fronte dela, como Granxa Maruxa, a súa filla Marta -  e decidiron trasladarse a vivir nesa cidade[5], onde naceron o seu fillo Carlos e as súas fillas María e Marta.

Co fin de combinar o traballo doméstico co profesional, alugaron un piso o suficientemente grande para cumprir a dobre función de fogar e estudio fotográfico. Mary Quintero instalouse no número 32 da rúa Urzáiz e co tempo chegou a ter ata once empregados, aínda que o seu equipo de traballo até a súa xubilación estivo formado por catro mulleres: Ana, María Jesús, Marilí e (anos máis tarde) a súa filla María.[1]

Nesta época Mary Quintero realizou varias exposicións. En 1963, a exposición "Bellos rostros", realizada no Salón de exposicións de foto Club en Vigo, que representaba uns vinte retratos de mulleres viguesas, foi recollida na prensa e difundida nunha reportaxe de Televisión Española. A revista Información Profesional Kodak publicou tres retratos da súa autoría acompañados dun artigo e Francisco Torres Díaz, autor do libro Un siglo de fotografía en España, destacouna como unha das fotógrafas da década dos sesenta máis sobresaíntes en retrato do panorama español.[1]

Entre as innovacións de Mary Quintero, destacou por ser a primeira que deu cor ao branco e negro co pincel, en tempos nos que na fotografía non existía, aproveitándose dos seus coñecementos de pintura.

"Na época dos retratos en branco e negro, souben achegar a partir da miña propia paleta o condimento equilibrado e harmónico da cor. O que me fixo famosa foi pintar fotos a man, con cores transparentes"[6]

Adaptación á fotografía en cor editar

Nos anos setenta, Mary Quintero logrou adaptarse aos cambios da fotografía en branco e negro á de cor e converteuse na vangarda na utilización de tecnoloxías como o proxector de fondos (do que foi pioneira na súa introdución e uso en España e Portugal) e na elaboración dunha nova técnica de retoque fotográfico para a fotografía en cor. Conseguiu ser recoñecida como unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudio e a máis prestixiosa retratista galega.

Participou como relatora en numerosos congresos e seminarios do España, Europa, Rusia, América do Sur para expoñer os seus coñecementos xunto aos máis importantes fotógrafos españois e internacionais, sendo durante moitos anos a única muller nos congresos da industria fotográfica. Realizou numerosas exposicións e o seu traballo foi publicado en revistas especializadas como Foto Profesional, Información Profesional de Kodak, Foto/VENTAS etc.[1][7]

A finais dos oitenta, realizou as fotografías dos carteis publicitarios de candidatos á presidencia da Xunta de Galicia, como Manuel Fraga ou Xosé Manuel Beiras, entre outros. Desta época destaca tamén a campaña publicitaria que fixo para as liñas aéreas Aviaco.[8]

En 1994, a revista Hiposulfito, publicación estatal da Federación Española de Profesionais da Fotografía, destacando a súa produción artística, a súa profesionalidade e o seu estilo, afirmou: “Se Mary Quintero nacese nos EE.UU., multitude de libros internacionais incluirían o seu nome xunto a Hamilton, Lord Snowdon, Yussuf Karsh, Steichen, Sarah Moon ou Hideki Fujii e sería coñecida en todo o mundo. Como naceu en Vigo, a súa fama só transcendeu aos países contiguos (Francia e Portugal) e a América do Sur, onde a través de conferencias e demostracións, significouse como un exemplo do retrato comercial español”.[9]

Xubilouse a finais do ano 2002 aos setenta anos, deixando o negocio familiar en mans da súa filla María, aínda que seguiu asistindo a seminarios e conferencias e continuou recibindo premios e recoñecementos[8]. A súa relación coa fotografía continuou a través da pintura.[10]

En 2014 a súa filla María pechou o negocio familiar, cesando definitivamente a actividade cando se cumprían seis décadas da apertura do primeiro estudio en Vigo.[6] En 2022 legou o seu arquivo á Xunta de Galicia"A obra da fotógrafa Mary Quinteiro custodiarase no Arquivo Histórico de Pontevedra". Pontevedra Viva. 11 de novembro de 2022. </ref>.

Publicacións editar

  • Quintero, Mary. Álbum de carnaval. Madrid: Grupo foto, 1987. ISBN 84-404-0487-5
  • Quintero, Mary. Así os viu a súa cámara. Vigo: Concellería de Cultura, Educación e Muller, 1995. ISBN 84-87637-29-9. (Catálogo da exposición presentada na Casa das Artes en Vigo en 1994).
  • En novembro de 2015 presentouse en Vigo o libro Mary Quintero, retratista desde os 15 anos, con textos de Fernanda Padín e editado por Xerais. O libro recolle os máis de sesenta anos de profesión de Quintero, con datos privados e técnicos, referencias a artigos periodísticos e anécdotas contadas pola propia fotógrafa. ISBN 978-84-9914-937-0.[11]

Recoñecementos editar

 
Mary Quintero con Isaura Abelairas e a súa filla María Quintero en Vigo, 2013

Ao longo da súa vida profesional recibiu numerosos premios e homenaxes[1]:

  • 1981. Premio "Mellor Fotógrafo de España", outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía celebrado en Oviedo.
  • 1981. Granada de Ouro da asociación Profesional Andaluza.[12]
  • 1981. Homenaxe na Coruña dos fotógrafos galegos.[12]
  • 1984. Medalla Meritxell do Principado de Andorra.[12]
  • 1985. Premio "Máster de popularidade", entregado por Pepe Domingo Castaño e Julia Otero no transcurso dunha cea.
  • 1986. Premio "La novia de año Kodak " patrocinado por Kodak e Pronovias.
  • 1988. Premio "libro del Año" de imaxes polo seu libro Álbum de carnaval.
  • 1990. Óscar do ano por ser elixida a Fotógrafa máis Popular de España nunha enquisa realizada pola revista especializada, Foto/VENTAS a fotógrafos profesionais españois.
  • 1991. Representación de España para asistir a unha conferencia a petición da Oficina Cultural Soviética.
  • 1994. Premio Viguesa Distinguida, outorgado polo Concello de Vigo.
  • 1998. Homenaxe da Asociación de Fotógrafos da provincia de Pontevedra, no marco das IX Xornadas Galegas de Fotografía.
  • 2001. Medalla de Ouro e Brillantes de Sevilla.
  • 2002. Medalla de Bronce de Galicia, outorgada pola Xunta de Galicia.[13]
  • 2004. Homenaxe pola súa traxectoria fotográfica no 1º salón Internacional Galaico-Portugués de Fotografía e Vídeo "Atlantimag", na Feira Internacional de Galicia.
  • 2005. Elixida Profesional do ano (Óscar 2005) pola revista Foto Ventas dixital.
  • 2006. Medalla de Ouro da Comunidade Valenciana como homenaxe a toda a súa carreira.
  • 2011. O Concello de Monterroso asignoulle o seu nome a unha rúa.[14]
  • 2013. O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo invitouna a participar nun ciclo de charlas titulado "Historias vividas e contadas polas súas protagonistas" para homenaxear a mulleres que fixeron historia na cidade de Vigo.[15]
  • 2013. A Agrupación Fotográfica Galega rendeulle unha homenaxe inaugurando un ciclo de conferencias coa súa presenza.[16]
  • 2015. A Deputación da Coruña recoñeceuna como "Fotógrafa histórica", destacándoa como a primeira muller galega que expuxo fotografía nunha sala. Deste xeito, Quintero converteuse na primeira muller en recibir este nomeamento que ata ese momento só recaera en artistas homes como Manuel Ferrol, Ramón Caamaño, Tino Quián, Alberto Martí, Virxilio Viéitez ou Manuel Blanco, entre outros.[17]
  • 2015. A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organizou unha xornada titulada "A luz que alumea a vida" para visibilizar e homenaxear o seu legado.[18]
  • 2015. Homenaxe en Mondariz Balneario organizada por amizades, colaboradores e compañeiros.[19]
  • 2017. Premio Empresarias Galicia, outorgado pola Asociación Empresarias Galicia[20]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Padín, Fernanda. Mary Quintero : retratista desde os 15 anos. Vigo. ISBN 978-84-9914-937-0. OCLC 933227790. 
  2. "Mary Quintero: “Fotógrafa es un trabajo fantástico para mujer”". Atlántico Diario (en castelán). 2017-10-25. Consultado o 2021-01-16. 
  3. Rosende, Rubén de (1 de febreiro de 2010). "Retrato de una pionera". elprogreso.es (en castelán). Consultado o 19 de xaneiro de 2021. 
  4. Bragado, Manuel (2015-10-27). "Mary Quintero homenaxeada". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-01-16. 
  5. Franco, Fernando. "Desde aquel Lugo dos 50 en que vivía, Vigo parecíame Hollywood". galego.farodevigo.es. Consultado o 2021-01-20. 
  6. 6,0 6,1 "Un flash de Vigo se apaga". Faro de Vigo (en castelán). 2014-09-14. Consultado o 2021-01-18. 
  7. "Presentación do libro "Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos"". xornal.vigo.org. Consultado o 2021-01-17. 
  8. 8,0 8,1 "A fotógrafa Mary Quintero está no foco das homenaxes polo seu labor pioneiro". Radiofusion - A programación das Emisoras Municipais Galegas. 2015-10-29. Consultado o 2021-01-17. 
  9. "Mary Quintero – fotógrafas pioneiras". Consultado o 2021-01-17. 
  10. "«Cuando la mujer no pintaba nada, yo ya pintaba»". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-06-29. Consultado o 2021-01-18. 
  11. "‘Soy una enamorada del digital, aunque la primera vez que lo usé me parecía imposible que saliese algo’". Atlántico Diario (en castelán). 2015-11-14. Consultado o 2021-01-18. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Quintero, Mary ([1995]). Así os viu a súa cámara : [exposición]. Vigo: [Concellería de Cultura, Educación e Muller]. ISBN 84-87637-29-9. OCLC 431272460. 
  13. "Medallas de Galicia. 2002 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2021-01-18. 
  14. "Cinco calles de Monterroso cambiarán de nombre en un acto convocado para el día 29". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-04-26. Consultado o 2021-01-18. 
  15. "Nova charla de "Historias vividas… e contadas polas súas protagonistas". xornal.vigo.org. Consultado o 2021-01-17. 
  16. "Mary Quintero, pintando fotografías". Faro de Vigo (en castelán). 2013-03-21. Consultado o 2021-01-18. 
  17. "Mary Quintero entra en la estela de los fotógrafos históricos gallegos". Faro de Vigo (en castelán). 2015-10-24. Consultado o 2021-01-18. 
  18. "O traballo fotográfico de Mary Quintero centra unha xornada do Consello da Cultura Galega". Consello da Cultura Galega. Consultado o 2021-01-18. 
  19. "Colaboradores y compañeros se unen en un homenaje a Mary Quintero". Faro de Vigo (en castelán). 2015-11-13. Consultado o 2021-01-18. 
  20. Redacción (2017-10-18). "Mary Quintero, premio Empresarias Galicia". Atlántico Diario (en castelán). Consultado o 2021-01-17. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Multimedia externa
Imaxes
  Galería de fotografías en Faro de Vigo.
Vídeos
  María Quintero entrevista a Mary Quintero no marco da actividade Historias vividas e contadas polas súas protagonistas, organizadas polo Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo. 17/4/2013 (CCG xornada "Mary Quintero, a luz que alumea a vida". 2015).
  Encarna Otero explora o universo de Mary Quintero no especial "O fío de Penélope" CCG.
  Entrevista, Zigzag diario, 2015 (minuto 14:9)

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar