Martha Coston

inventora americana

Martha Jane Coston, nada en Baltimore o 12 de decembro de 1826 e finada en Filadelfia o 9 de xullo de 1904, foi unha inventora e empresaria estadounidense, coñecida pola invención da bengala Coston, un dispositivo de sinalización no mar patentado en Estados Unidos e países europeos e utilizado por Salvamento Marítimo a nivel mundial.

Martha Coston
MarthaCoston.jpg
Nacemento12 de decembro de 1826
 Baltimore, Maryland
Falecemento9 de xullo de 1904
SoterradaCemitério Laurel Hill
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupacióninventora e empresaria
PremiosSalón da Fama dos Inventores Nacionais
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Coston comezou unha relación aos 14 anos, con Benjamin Franklin Coston, de 19 anos, que xa se gañara unha reputación de inventor prometedor e co que formou parella tanto no persoal como profesional.[1]

Deseño da bengala e o negocioEditar

Trala morte do seu marido e durante case dez anos, Coston traballou para desenvolver un sistema de sinalización de bengalas a partir do traballo do seu marido. Cun coñecemento limitado de química e pirotecnia, confiou no consello de químicos contratados e expertos en fogos artificiais, con resultados diversos.

En 1858, mentres presenciaba o espectáculo de fogos artificiais na cidade de Nova York para celebrar a finalización do cable telegráfico transatlántico, deuse conta de que o seu sistema necesitaba un escintileo azul brillante, xunto co vermello e o branco que xa desenvolvera. Entón creou a Coston Manufacturing Company para fabricar as bengalas de sinalización e comezou unha relación comercial cun desenvolvedor de pirotecnia para proporcionar a cor azul necesaria.[2]

O 5 de abril de 1859, concedéuselle a patente número 23.536 de EE.UU. para unha sinal pirotécnica nocturna e un sistema de código (a patente foille concedida como administradora do seu defunto esposo, que foi nomeado como inventor). Usando diferentes combinacións de cores, permitía aos barcos facerse sinais uns a outros e tamén á costa.

O Capitán C.S. McCauley da Mariña dos Estados Unidos recomendou o uso das súas bengalas ao Secretario da Mariña, Isaac Toucey, en 1859. Despois de extensas probas que demostraron a efectividade do sistema, a Mariña dos Estados Unidos ordenou un pedido inicial de 300 bengalas e máis tarde fixo un segundo pedido por un valor de 6.000 dólares.[3]

Éxitos internacionais e a Guerra de SecesiónEditar

Coston obtivo patentes tamén en Inglaterra, Francia, Italia, Dinamarca, Suecia e os Países Baixos. Viaxou en barco a Inglaterra para comezar a comercializar a súa invención alí e noutras partes de Europa. Permaneceu en Europa até 1861, cando regresou aos Estados Unidos ao estalar a Guerra de Secesión naquel país.

Ao volver, foi directamente a Washington, onde solicitou ao Congreso a compra da patente para que as bengalas puidesen ser utilizadas no conflito que se aveciñaba. Despois dalgún atraso, o Congreso aprobou unha lei o 5 de agosto de 1861 autorizando á Mariña da EE.UU. a comprar a patente.

As bengalas Coston foron utilizadas amplamente pola Mariña dos Estados Unidos durante a Guerra Civil. Resultaron particularmente efectivas no descubrimento e captura de corredores de bloqueo do bando confederado durante o bloqueo dos portos do sur por parte do bando unionista. As bengalas de Coston tamén xogaron un papel importante na coordinación das operacións navais durante a batalla de Fort Fisher en Carolina do Norte do 13 ao 15 de xaneiro de 1865.[4]

En 1871, Coston obtivo unha patente no seu propio nome, a patente número 115.935 de Mellora en Sinais Nocturnos Pirotécnicas.

Uso da bengala Coston no Servizo de Salvamento de EEUUEditar

Finalmente, todas as estacións do Servizo de Salvamento dos Estados Unidos foron equipadas con bengalas Coston, que se utilizaron para sinalizar aos barcos, advertir das perigosas condicións costeiras e convocar a surfistas e outros rescatadores en caso do naufraxio. Moitos relatos de naufraxios e rescates describen o uso da bengala Coston, que foi fundamental para salvar miles de vidas.

Martha Coston morreu en 1904. pero a súa compañía sobreviviulle, pasando máis tarde a chamarse Coston Signal Company e Coston Supply Company, e permaneceu en activo até 1985.[5]

RecoñecementosEditar

En 2006 Martha Coston foi admitida no Salón da Fama dos Inventores Nacionais.[6]

NotasEditar

  1. "Martha Jane Hunt Coston (1826-1904) Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-12-15. Consultado o 2020-06-16. 
  2. "Martha Coston". Consultado o 25 de xuño de 2011. 
  3. Mary Bellis. "Martha Coston - Maritime Signal Flares". Consultado o 25 de xuño de 2011. 
  4. Pilato. "Martha Coston". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 25 de xuño de 2011. 
  5. "Martha Coston, la bonne fée des fusées éclairantes" (en francés). 14 de agosto de 2018. Consultado o 17 de abril de 2019. 
  6. "Spotlight | National Inventors Hall of Fame". Invent.org. 21 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2016. Consultado o 29 de maio de 2016. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Coston, Martha J. A Signal Success. The Life and Travels of Mrs. Martha J. Coston, Lippincott Co., Philadelphia, PA, 1886.
  • Shanks, Ralph, and York, Wick, The United States Life-Saving Service, at pages 123-125, Costaño Books, Petaluma, CA 1996 ISBN 0-930268-16-4   

Ligazóns externasEditar

  • A Woman With Flare (en español, Una muller con bengala), por C. Kay Larson, New York Times, 2 de novembro de 2012 (en inglés)
  • Martha Coston en Find a Grave (en inglés)