Mariner 7

Sonda espacial estadounidense enviada a Marte.

Mariner 7 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 27 de marzo de 1969 mediante un foguete Atlas SLV-3C Centaur D desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para sobrevoar e estudar Marte.[1][2][3]

Mariner 7
Mariner 7
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualÓrbita heliocéntrica.[1][2][3]
Data de lanzamento27 de marzo de 1969, 22:22 GMT[1][1][4][5]
Foguete portadorAtlas SLV-3C Centaur D[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36A[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID1969-030A
Masa411,8 kg[1]
Potencia449 W[1]

Características editar

Mariner 7 pertenceu ó programa Mariner da NASA. Fixo, xunto con Mariner 6, un sobrevoo conxunto de Marte para facer medicións e observacións científicas, usando a experiencia de Mariner 6, que sobrevoou o planeta cinco días antes, para obter mellores datos científicos. A misión principal era estudar a atmosfera e superficie de Marte para establecer unha base para futuras investigacións, probar novas tecnoloxías e adquirir máis práctica en voo interplanetario. A diferenza de noutras misións, nin Mariner 6 nin Mariner 7 recolleron datos do medio interplanetario, centrándose tan só en estudar Marte.[1][2][3]

A nave estaba composta por un corpo octagonal de magnesio de 138,4 cm de diagonal e 45,7 cm de altura que albergaba a electrónica, a cablaxe, o sistema de propulsión e reguladores. Na parte superior da estrutura atopábase unha superestrutura cónica que sostiña a antena parabólica de alta ganancia, de 1 metro de diámetro. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares sobresaíndo da estrutura, cunha envergadura de 579 cm entre cada par de paneis. Cada panel medía 215 x 90 cm e en conxunto proporcionaban ata 449 W de potencia á distancia de Marte (800 W á distancia da Terra), alimentando unha batería cunha enerxía de 1200 vatios hora e feitas de prata e cinc.[1][2][3]

As comunicacións corrían a cargo dunha antena parabólica de alta ganancia e dunha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,23 metros de lonxitude situado ao lado da antena parabólica, o que daba unha altura total á nave de 3,35 m. Os transmisores traballaban en banda S e os datos podían gardarse nunha grabadora de cinta analóxica cunha capacidade de 195 Mbit para retransmitilos máis tarde.[1][2][3]

O sistema de propulsión alimentábase con hidracina, cun motor principal de 223 N de pulo para as correccións de curso e doce pequenos propulsores alimentados por nitróxeno frío para o control de actitude. Para o coñecemento da posición, Mariner 7 usaba sete sensores solares e varios sensor para localizar a Terra, Marte e Canopus.[1][2][3]

Instrumentación científica editar

 
Marte visto por Mariner 7.

Mariner 7, igual que Mariner 7, levaba a bordo unha cámara de televisión con capacidade de gran angular e teleobxectivo, un espectroscopio e radiómetro para o infravermello e un espectroscopio para o ultravioleta. Os instrumentos atopábanse nunha plataforma móbil situada na parte inferior do octágono do corpo principal e pesaban un total de 57,6 kg.[1][2][3]

Desenvolvemento da misión editar

Tras o lanzamento o 27 de marzo de 1969, Mariner 7 foi inxectada nunha órbita de transferencia cara Marte, tras o cal despregáronse os paneis solares. O 8 de abril dese mesmo ano Mariner 7 executou unha manobra de corrección e uns días máis tarde despregouse a plataforma coa instrumentación científica. Previamente ó despregue da plataforma científica a nave foi posta no modo de navegación inercial para evitar o problema que afectou a Mariner 6, no que partículas brillantes liberadas tras o funcionamento dos pernos explosivos que retiñan á plataforma confundiron ó seguidor estelar, co que a nave perdeu a súa actitude de maneira temporal. O 31 de xullo perdeuse comunicación coa sonda. Automaticamente Mariner 7 comezou a transmitir pola antena de baixa ganancia, retomándose o contacto, conseguindo máis tarde conmutar as comunicacións de novo á antena de alta ganancia. A causa probable foi a exección de gases dunha batería, hipótese que foi reforzada pola perda da batería uns días antes do sobrevoo de Marte.[1][2][3]

O 2 de agosto de 1969 ás 9:32:33 UTC, a plataforma de instrumentos de Mariner 7 quedou apuntada cara ao planeta e os instrumentos acenderon, obténdose 93 imaxes do planeta durante as 57 horas seguintes. Grazas ó sobrevoo previo de Mariner 6, Mariner 7 foi reprogramada para obter máis datos e máis ao sur do planeado inicialmente. A máxima aproximación tivo lugar ás 5:00:49 UTC do 5 de agosto, obténdose 3 imaxes de cerca e pasando a 3430 km da superficie marciana. Durante os días seguintes retransmitíronse os datos obtidos durante o sobrevoo, tras o cal a nave foi posta de novo en modo cruceiro, facéndose diversos experimentos de enxeñería e científicos.[1][2][3]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 NASA (1 de xullo de 2013). "Mariner 7" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2017. Consultado o 7 de agosto de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Mark Wade (2011). "Mariner 6-7" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2013. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mariner 6, 7" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARINER 7 (MARS)" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2013. 
  5. Claude Lafleur (2010). "Mariner 7" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar