Marianne Weber, de solteira Marianne Schnitger, nada en Oerlinghausen o 2 de agosto 1870 e finada en Heidelberg o 12 de marzo de 1954, foi unha socióloga, historiadora do dereito, política e feminista alemá.[1] Centrou o seu traballo na investigación sobre a protección xurídica das mulleres, a súa independencia económica e educación, como medios para conseguir a igualdade.[2][3]

Marianne Weber
Nome completoMarianne Schnitger
Nacemento2 de agosto de 1870
Lugar de nacementoOerlinghausen
Falecemento14 de xuño de 1954
Lugar de falecementoHeidelberg
SoterradaBergfriedhof (Heidelberg)
NacionalidadePrincipado de Lippe, Reich alemán e Alemaña do Oeste
Alma máterMarianne-Weber-Gymnasium
Ocupaciónpolítica, escritora, historiadora do dereito e socióloga
CónxuxeMax Weber
PremiosHonorary doctor of the Heidelberg University
Na rede
WikiTree: Schnitger-8
editar datos en Wikidata ]

Biografía editar

Marianne Schnitger era filla do doutor Eduard Schnitger e de Anna Weber, que á súa vez era filla dun prominente home de negocios de Oerlinghausen, Karl Weber. No ano 1873 despois da morte da súa nai ao dar a luz a un novo fillo, a familia mudouse a Lemgo onde Marianne foi educada pola súa avoa e a súa tía. Entre 1877 e 1886 acudiu á “Töchterschule” a cal hoxe se chama “Marianne-Weber-Gymnasium”. Cando morreu a súa avoa, Marianne volveu a Oerlingshausen para vivir coa súa tía Alwine.[4]

O 20 de setembro de 1893 casou con Max Weber en Oerlingshausen. A parella mudouse a Friburgo.[5] A partir de 1894 comeza a formar parte de actividades feministas, movemento no que se iniciou pola súa amizade coa dirixente da Federación de Asociacións de Mulleres Alemás, Gertrud Baümer. Ademais traballou co seu marido para aumentar a cota das mulleres nas universidades.[6]

En 1897, vivindo en Heidelberg, fundou a asociación “Frauenbildung- Fauenstudium” na cal as mulleres recibían clases de historia da relixión e historia do imperialismo, ciencias naturais, ergonomía e ciencias económicas, así como unha formación en profesións artesanais e agrarias.[3]

Os problemas familiares e mentais do seu marido afectaron moito a vida de Marianne Weber. Xa en 1898 Max sofre un colapso psicolóxico, que é probábel que tivese a súa causa na morte do seu pai, a cal aconteceu pouco despois de que Max expulsase o seu pai (déspota e maltratador da súa nai) da casa paterna, onde estivera vivindo durante un tempo despois do seu matrimonio. É así como Max se retira da vida pública, entrando e saíndo de institucións mentais, viaxando compulsivamente entre 1898 e 1904, e mesmo renunciando á súa cátedra no ano 1918, dous anos antes de morrer.[3][4]

Durante a viaxe a Estados Unidos en 1904, Marianne Weber reuniuse con dúas feministas e activistas políticas: Jane Addams e Florence Kelley.[6] Nesta época publica varios artigos sobre a experiencia das mulleres e involúcrase nas teorías de Charlotte Perkins Gilman. No ano 1907 morre o seu avó Karl, deixándolle á parella o diñeiro suficiente para vivir de forma folgada.[3]

Cando estalou a primeira guerra mundial (1914-1916), Max Weber traballou como organizador de hospitais militares, como asesor na negociación da paz e para a oficina da recentemente nada República de Weimar.

En 1920, a irmá de Max, Lili, suicídase, Max e Marianne adoptarán os seus catro fillos, e ese mesmo ano Max Weber morre de pneumonía, o 14 de xuño, entrando Marianne nunha etapa de forte depresión, o que supuxo afastarse de maneira provisional do seu traballo intelectual e político.

En 1921 Marianne Weber volveu a Heidelberg e empezou a publicar algúns ensaios do seu marido falecido, e comezou un traballo biográfico: Max Weber. Ein Lebensbild (Max Weber, unha biografía), publicado en 1926. Logo de obter o seu título de doutoramento en 1924, comezou a súa carreira de conferenciante, chegando a reunir nalgunha conferencia a máis de cinco mil persoas. Está carreira acabouse cando Adolf Hitler disolveu a Federación Alemá da Organización das Mulleres, aínda que Marianne Weber seguiu escribindo e publicou en 1935 o seu libro Die Frauen und die Liebe (As mulleres e o amor) e en 1946 Erfülltes Leben (A vida plena).

Morreu en Heidelberg o 12 de marzo de 1954.[4]

Traxectoria editar

Durante moitos anos coñeceuse a Marianne Weber como esposa de Max Weber, malia ser unha das primeiras mulleres en conseguir un doutoramento en Alemaña, ser a única muller do Partido Democrático Alemán (DDP) cun cargo no parlamento dun Land, e contribuír de maneira extraordinaria á recompilación e publicación da obra do seu marido. A pesar diso, practicamente se descoñece a súa propia obra sociolóxica, que apenas foi traducida, mesmo ao inglés. Ademais Marianne Weber pode ser considerada como unha líder intelectual do movemento feminista liberal alemán.[7][8]

Marianne Weber inicia a súa vida pública como intelectual cando publica unha obra sobre o matrimonio, a maternidade e a lei (1907), obra á que seguirá outra sobre a cuestión do divorcio (1909), publicando despois sobre a autoridade e a autonomía no matrimonio (1912), sobre a valoración do traballo doméstico (1912) e as mulleres e a cultura obxectiva (1913). Tamén publicou sobre "a nova muller" e sobre "o ideal do matrimonio" (en 1914), sobre a guerra como un problema ético (1916), tipos de cambio de mulleres universitarias (1917), as forzas que configuran a vida sexual e as especiais tarefas culturais da muller (en 1919) (as dúas en 1919).[4].

Nestas obras presenta temas como a moral e o matrimonio que foran obxecto de debate entre a parella Weber, nuns momentos nos que Max Weber enganaba a súa muller con Else Jaffe, unha amiga común.[3]

En 1918 Marianne Weber fíxose membro no Partido Democrático Alemán e pouco tempo despois foi elixida como deputada do parlamento do estado federal de Baden.[9] Desde 1919 até 1923 foi a primeira presidenta da Bund Deutscher Frauenvereine (Asociación das Mulleres Alemás).[4] En 1924 recibiu o seu doutoramento pola Universidade de Heidelberg.

Obra e pensamento editar

A súa crítica feminista está baseada na súa experiencia no matrimonio e no traballo. A súa teoría sociolóxica ten como punto de partida o estudo das diferenzas entre as mulleres en relación á clase social, a educación, a idade e a ideoloxía. Loitaba para alcanzar a autonomía da muller e defendía a igualdade da muller na educación, na participación na vida socioeconómica e na achega das mulleres á ciencia e á cultura. Entende a familia como esencial para a sociedade e na cal cada membro ten os mesmos dereitos. Defende a ética sexual no matrimonio.[10]

A súa obra principal Ehefrau und Mutter in der Rechtsentwicklung (matrimonio, maternidade e lei) analiza a historia e a estrutura da institución do matrimonio, ademais doutros asuntos como os dereitos das mulleres, o punto de partida na vida matrimonial e familiar, a coeducación e os problemas morais. Marianne Weber centra a súa análise histórica na ética protestante para explicar a autonomía das mulleres. Entende que cada persoa (muller ou home) é moralmente independente e tan só debe render contas ante Deus:

“Nas comunidades relixiosas do Novo Mundo animadas polo espírito puritano, a idea da igualdade relixiosa da muller empezou a ser tomada en serio por primeira vez... A liberdade de conciencia, nai de todos os dereitos persoais do individuo, estivo tamén, do outro lado do océano, na orixe dos dereitos das mulleres” (1912, Marianne Weber [Cómpre referencia])

Outros libros importantes son Die Frauen und die Liebe (As mulleres e o amor) e a súa propia autobiografía Lebens-Erinnerungen (Memorias), na cal define unha nova concepción do matrimonio fronte á tradicional co ideal da igualdade moral e xurídica da muller como esposa.[11]

Foi amiga do sociólogo George Simmel. Ambos investigaban "a cuestión da muller" e a interrelación entre os modos dos xéneros individualizados e a diferenciación social de xénero. Marianne Weber criticou o ensaio de Simmel do ano 1911 "O relativo e o absoluto do problema dos sexos" (The relative and the absolute in the problem of sexes) e o concepto das relacións de xénero no traballo do seu colega.[7]

Obras editar

[12]

  • Fichte's Sozialismus und sein Verhältnis zur Marx'schen Doktrin. Tübingen: Mohr, 1900.
  • Ehefrau und Mutter in der Rechtsentwicklung : eine Einführung . Tübingen : J.C.B. Mohr (P. Siebeck), 1907[13]
  • Vom Typenwandel der studierenden Frau : Die Formkräfte des Geschlechtslebens. Berlin : Moeser, 1918
  • Frauenfragen und Frauengedanken : Gesammelte Aufsätze. Tübingen : Mohr, 1919
  • Max Weber : Ein Lebensbild. Tübingen : J.C.B. Mohr, 1926.
  • Die Idee der Ehe und die Ehescheidung. Frankfurt Main : Frankfurter Societäts-Druckerei: 1929.
  • Die Ideale der Geschlechtergemeinschaft. Berlin : F. A. Herbig, 1929
  • Die Frauen und die Liebe. Königstein ; Leipzig : Langewiesche: 1935.
  • Erfülltes Leben. Heidelberg : Lambert Schneider, 1946
  • Lebens-Erinnerungen. Bremen : Storm, 1948.

Notas editar

  1. ZEITTAFEL MARIANNE WEBER Cronoloxía Arquivado 11 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (en alemán) Consulta o 22 de decembro de 2016
  2. BIOGRAPHIEN Marianne Weber FemBio (en alemán) Consulta o 22 de decembro de 2016
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Marianne Weber" (en inglés). Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Marianne Weber. 2 de agosto de 1860 – 12 de marzo de 1954" (PDF) (en castellano). Fundacio Isonomia. Universitat Jaume I. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de decembro de 2016. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  5. Fundamentos de Teoría Sociológica. Antonio Lucas Marín. Tecnos 1996. Páx. 115. ISBN 84-309-1231-2
  6. 6,0 6,1 "Marianne Weber: madre de la sociología" (en castellano). Zapateando. Espacio de Comunicación Autónoma. 21 de maio de 2013. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  7. 7,0 7,1 Gina Zabludovsky (febreiro de 2012). "MARIANNE WEBER: PIONERA DEL FEMINISMO" (en castellano). Gina Zabludovsky.com. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  8. Arango Gaviria, Luz Gabriela; Arias Pinilla, Giovanna (2006). "En busca de las sociólogas fundadoras: Marianne Weber.". Revista Colombiana de Sociología. ISSN 0120·159X. Nº 26 (2006) pp. 193·204. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  9. Adams, Bert N.; Sydie, R.A. (2002). SAGE Publications, Inc, ed. Classical Sociological Theory (Sociology for a New Century) (en inglés). Pine Forge Press. p. 172. ISBN 978-0761987802. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  10. Cobo Bedía, Rosa (1996). "Marianne Weber: Max Weber. Una biografía [recensión do libro]". Sociológica. Revista de pensamiento social (1): 181–185. ISSN 1137-1234. 
  11. "Lección 14. Sociología de Género" (en castellano). Universidad Nacional Abierta y a Distancia. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2016. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  12. "Katalog der Deutschen Nationalbibliothek". portal.dnb.de (en alemán). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  13. Weber, Marianne (1870-1954) en SUDOC (en francés)