Margarida II de Dinamarca
Margarida II (Margrethe Alexandrine Þorhildur Ingrid), nada en Copenhague o 16 de abril de 1940, foi raíña de Dinamarca dende o 14 de xaneiro de 1972 ata o 14 de xaneiro de 2024.
Traxectoria
editarInfancia e formación
editarMembro da Casa de Glücksburg, naceu no palacio de Amalienborg, Copenhague, filla do futuro Frederico IX de Dinamarca, daquela herdeiro e Ingrid de Suecia. O nacemento tivo lugar só unha semana máis tarde de que os nazis invadiran Dinamarca no marco da segunda guerra mundial. Bautizárona o 14 de maio de 1940 na Igrexa Naval, levando o nome de Margarida pola súa avoa materna, a princesa Margarida de Suecia, Alexandrina pola súa avoa paterna, a raíña Alexandrina de Mecklenburg-Schwerin e Ingrid pola sú nai. Ao ser o seu avó, Christian X de Dinamarca, soberano de Islandia, recibiu tamén o nome islandés de Þorhildur.
En 1944 e 1946 naceron as súas irmás, a princesa Benedita de Dinamarca e a princesa Ana María, posteriormente raíña de Grecia polo seu matrimonio co rei Constantino II.
Malia a que seu pai foi rei dende 1947, Margarida non foi proclamada princesa herdeira ata 1953 cando se fixo unha reforma constitucional que permitiu ás mulleres herdar o trono dinamarqués no caso de ausencia de fillo varón.
Estudou a educación primaria e secundaria no centro privado N. Zahles Skole. O curso 1955-1956 fíxoo na escola North Foreland Lodge en Gran Bretaña. Confirmouse na Capela do Palacio de Fredensborg en 1955.[1]
Logo de aprobar o acceso á universidade en 1960 comezou a súa formación universitaria en diversos centros europeos: estudou arqueoloxía, especializándose na prehistórica, na Universidade de Cambridge entre 1960 e 1961, Ciencias Políticas na Universidade de Aarhus en 1961-1962, na Sorbona en 1963 e na London School of Economics en 1965. Dende 1958 e ata 1970 foi voluntaria no corpo feminino da Forza Aérea Danesa, e dende os 18 anos foi membro do Consello de Estado de Dinamarca, presidíndoo no caso de asuencia do seu pai, o rei Frederico IX.[2][3]
Matrimonio e descendencia
editarCasou na Igrexa Naval de Copenhague co diplomático e conde francés Henrique de Laborde de Monpezat o 10 de xuño de 1967, adoptando este o nome danés de Henrik e o título de príncipe consorte. O compromiso fora anunciado en outubro de 1966 e a voda tivo lugar na Igrexa Naval e os festexos no Palacio de Fredensborg.[4]
Do matrimonio naceron dous fillos:
- Frederico X de Dinamarca, nado en Copenhague o 26 de maio de 1968, que é o herdeiro ao trono. Casou en 2004 con Mary Donalson, de orixe australiana, e é pai dos príncipes Cristián, Sabela, Vicente e Xosefina.
- O príncipe Xaquín de Dinamarca, nado en Copenhague o 7 de xuño de 1969. Casado con Alexandra Manley entre 1995 e 2005 e coa princesa María Cavallier dende 2008. É pai de catro fillos, Nicolás e Félix de Monpezat, do seu primeiro matrimonio, e de Henrique e Atenea de Monpezat, do segundo.
O matrimonio mercou o castelo de Cayx, en Cahors (Francia), en 1974. Nel a familia pasou estadías no verán e o príncipe consorte Henrique asumiu a produción de viño.[5][6]
Problemas co príncipe Henrique
editarO matrimonio mantívose por máis de 50 anos, ata a morte do príncipe Henrique no 2018. Mais, a relación conxugal estivo condicionada pola vontade de Henrique de ser nomeado rei consorte, algo alleo á tradición monárquica e constitucional de Dinamarca. O reixeitamento a esta petición fixo que Henrique fixera críticas en público á súa dona e aos xeitos da monarquía dinamarquesa.[7] En 2002, Henrique manifestou a súa disconformidade con que, en ausencia da raíña por doenza, a recepción de aninovo fose presidida polo seu fillo Frederico e non por el. Henrique marchou a Francia e non retornou a Dinamarca ata que a raíña e os fillos se escusaron diante del en Cayx.[8][9]
No 2008, Margarida anunciou que os seus fillos levarían o título de conde de Monpezat en honra da familia paterna canda aos seus títulos daneses.[10] En varias ocasións, Margarida amosou comprensión cara a actitude do marido, considerando que asumira un "alto custo" casando con ela.[11]
Con todo, tiveron máis crises. No 2015, Margarida non foi acompañada no seu 75 aniversario polo seu home, supostamente doente, mais deuse a coñecer que estaba pasando uns días de vacacións con amigos en Venecia.[12]
En diversas declaracións aos xornalistas, Henrique criticou o que considerou un trato "humillante" e "degradante" por parte da monarquía e falou de "discriminación" por parte dos dinamarqueses.[13][14][11]
Viuva dende o 13 de febreiro de 2018, a raíña Margarida respectou a vontade do seu esposo dándolle un funeral pequeno, permitindo a súa incineración e que non fose enterrado na Catedral de Roskilde ao carón dela, como a tradición dinamarquesa esixe para os reis e consortes.[15]
Raíña de Dinamarca
editarO seu pai Frederico IX enfermou gravemente na noitevella de 1971-1972 falecendo o 14 de xaneiro de 1972. Seguindo o costume, o anuncio e proclamación da raíña foi feito dende o balcón do Palacio de Christiansborg polo primeiro ministro Jens Otto Krag. O lema oficial da raíña Margarida II é "A axuda de Deus e o amor do pobo é a forza de Dinamarca". Foi a primeira raíña de Dinamarca titular dende que no ano 1412 falecera Margarida I. Deixou de usar algúns dos títulos históricos vencellados á monarquía dinamarquesa: raíña dos vendos, raíña dos godos, duquesa de Schleswig, de Holstein, Stormarn, Dithmarschen, Lauenburg e Oldenburgo. Dende entón emprega o de "pola graza de Deus, raíña de Dinamarca".
O 31 de decembro de 2023 anunciou que abdicaría do cargo de raíña o 14 de xaneiro de 2024.[16] Ese día as 14 horas, a raíña Margarida II e o seu herdeiro, Frederico X, celebraron unha reunión do Consello de Estado, é dicir, canda o goberno, no Palacio de Christiansborg en Copenhague. Logo desta xuntanza, Margarida II asinou formalmente a abdicación e as 15 horas, a primeira ministra Mette Frederiksen proclamou a Frederico X dende o balcón do palacio.[17]
Margarida II foi a primeira monarca dinamarquesa en abdicar dende 1116, cando renunciou Erik III. Margarida II conservará o seu título e o tratamento de maxestade.[18]
Intereses
editarMargarida II participou en diferentes campañas de escavacións arqueolóxicas, mesmo co seu avó Gustavo VI Adolfo de Suecia.[19] Tamén deseñou decorados de teatro e ballet, e os monogramas de varios membros das familias reais dinamarquesa e norueguesa. Foi a ilustradora de O Señor dos Aneis e a tradutora de Todos os homes son mortais de Simone de Beauvoir á lingua dinamarquesa.[16]
Notas
editar- ↑ "Confirmation of Queen Margrethe II of Denmark, 1955". The Royal Watcher (en inglés). 2021-05-14. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "HM The Queen". www.kongehuset.dk. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "80 fakta om H.M. Dronningen". www.kongehuset.dk. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "The wedding of a queen and a prince who longed to be a king". Royal Central (en inglés). 2023-06-10. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Château de Cayx". www.kongehuset.dk. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Château de Cayx -". www.chateau-de-cayx.com. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ Allagui, Slim (2024-01-01). "Le Prince danois qui voulait être Roi". La Libre.be (en francés). Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Runaway prince returns home" (en inglés). 2002-02-13. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Denmark's Prince Henrik, who wanted to be king, dies at 83" (en inglés). 2018-02-14. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Monpezat til Frederik og Joachim". Berlingske.dk (en dinamarqués). 2008-04-30. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ 11,0 11,1 Hall Meares, Hadley (2022-11-16). "The Ashtray Queen: Denmark’s Queen Margrethe II Does It Her Way". Vanity Fair (en inglés). Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Denmark's Prince Henrik, who wanted to be king, dies at 83" (en inglés). 2018-02-14. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Escándalo en la Casa Real danesa por las críticas del príncipe Enrique". Clarín (en castelán). 2017-08-10. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Queen’s husband feels 'discriminated' by Danes". 16-10-2015. Consultado o 2-1-2024.
- ↑ CNN, Sheena McKenzie. "Prince Henrik of Denmark dies, refused to be buried next to his queen". CNN. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ 16,0 16,1 "Margarida II de Dinamarca anuncia a súa abdicación tras 52 anos no trono". G24. Consultado o 2024-01-02.
- ↑ "Margarida II de Dinamarca abdica este domingo en favor do seu fillo Federico". G24. Consultado o 2024-01-14.
- ↑ "Danish Royal House Announces New Titles amid Queen Margrethe's Shock Abdication". Peoplemag (en inglés). Consultado o 2024-01-14.
- ↑ "The 50th anniversary of HM Queen Margrethe ll's accession to the throne". Denmark.dk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2024. Consultado o 2024-01-02.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Margarida II de Dinamarca |
Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |