María del Pilar Acedo y Sarriá


María del Pilar de Acedo y Sarriá, Marquesa de Montehermoso, nada en Tolosa (Guipúscoa) o 10 de marzo de 1784 e finada en Bearne (Francia) o 27 de febreiro de 1869, foi unha aristócrata española. Foi unha das persoas máis relevantes de España durante o reinado de José Bonaparte, pola súa íntima relación co rei.[1]

Infotaula de personaMaría del Pilar Acedo y Sarriá

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Pilar Josefa Luisa Antonia Ramona Vizenta Patricia Gabriela Azedo Sarria Editar o valor em Wikidata
10 de marzo de 1784 Editar o valor em Wikidata
Tolosa, España Editar o valor em Wikidata
Morte27 de febreiro de 1869 Editar o valor em Wikidata (84 anos)
Carresse-Cassaber, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónaristócrata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Outro
TítuloMarqués
Condesa Editar o valor em Wikidata
CónxuxeOrtuño María de Aguirre y del Corral (1800–1811) Editar o valor em Wikidata
ParellaXosé I de España Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

María del Pilar de Acedo y Sarriá, V condesa do Vao e III condesa de Echauz por herdanza, era tamén coñecida como a Marquesa de Montehermoso polo seu matrimonio en 1800 co alavés Ortuño de Aguirre y del Corral, marqués de Montehermoso. Tras casar foi vivir a Vitoria (Áraba).

Durante a Guerra da Independencia, Napoleón Bonaparte nomeou rei de España ao seu irmán, Xosé I de España. O 22 de setembro de 1808 Xosé Bonaparte chegou a Vitoria, onde se hospedou no Palacio de Montehermoso. A marquesa de Montehermoso converteuse na súa amante coa compracencia do marqués, a quen Xosé I nomeou Xentilhome de Cámara e Grande de España, e comproulle o Palacio de Montehermoso.

En novembro de 1808 o rei e os marqueses de Montehermoso partiron cara a Madrid, onde a marquesa converteuse na favorita do rei. O seu esposo faleceu en Francia en 1811. A marquesa e Xosé I abandonaron definitivamente España a véspera da batalla de Vitoria (21 de xuño de 1813), en dirección a Francia, onde se instalou a marquesa até a súa morte.

Faleceu en Carrese, Béarn (Francia), o 27 de febreiro de 1869.

 
Palacio de Montehermoso en Vitoria.

Infancia editar

A marquesa de Montehermoso naceu en Tolosa, filla de José María Manuel Acedo y Atodo, II conde de Echauz e Luisa de Sarria e Villafañe, IV condesa do Vao; tiña unha irmá máis nova, María Manuela. Foi educada entre Vitoria e Aranxuez, onde compartiu preceptores, xogos e confidencias con Teresa Cabarrús.

Á morte dos seus pais herdou o Condado de Echauz como III condesa, así como o palacio familiar en Tolosa, ao que estaban adscritos os morgados de Acedo, de Riocavado, de Során, e de Doipa e outros dereitos e posesións na Rioxa, Burgos e Vitoria. Co falecemento da súa tía materna María Fausta Sarria, herdou o Condado do Vao, como V condesa, e os morgados de Sarria e Villafañe en Zamora, e o señorío de Erenchun, coa Torre-Forte de Ascarza, en Áraba.

O seu pai, o seu avó, o seu marido e o seu sogro, así como moitos outros dos seus familiares máis próximos foron membros activos da Real Sociedade Bascongada de Amigos do País, o que lle deu a oportunidade de educarse nun ambiente liberal e ilustrado. O seu sogro foi o segundo presidente da entidade, tras a morte do marqués de Peñaflorida, e o seu marido sucedeu no cargo ao seu pai tras o seu falecemento.

Matrimonio e descendencia editar

María Pilar casou o 11 de maio de 1800, con dezaseis anos, na igrexa de San Vicente de Vitoria con Ortuño de Aguirre y del Corral, VI marqués de Montehermoso, quen desde 1797 exercía o posto de Maestre de Campo, Comisario e Deputado Xeral de Áraba. O mesmo ano da súa voda herdou o marido diversos morgados en Álava e o Condado de Treviana, do que foi X titular.

En 1801 naceu a súa única filla, María Neves Amalia, posteriormente III duquesa de Castro-Terreño, IV condesa de Echauz etc.

Personalidade editar

A marquesa era unha persoa de gran beleza, culta, que falaba francés e italiano, escribía versos, pintaba miniaturas e tocaba a guitarra. No palacio reuníanse faladoiros de ilustrados que dirixía ela mesma ou o marqués, persoa liberal, anticlerical e contrario á Inquisición.

Franz Friedrich Steinmetz, de orixe alemá, e Tenente Coronel do 4º batallón de artillaría do exército francés, chegou a Vitoria a finais de 1808, e quedou prendado da beleza e virtudes da marquesa, de quen di: «Non é grande, pero é unha muller moi bela, e é moi alegre e ten moita intelixencia. Fala moi ben francés, inglés e italiano. É unha gran música e toca tan ben o piano como xamais ouvín tocalo tan perfectamente a unha muller, con tanta rapidez, prontitude, expresión e bo gusto, tal que non se podería esperar máis nin dun virtuoso. Tamén sabe cantar moi ben. Fun un visitante asiduo da súa casa e podo dicir que obtiven un gran pracer da compañía desa tan fermosa muller en todos os sentidos».

O marqués de Girardin, nas súas Memorias, di da marquesa, en 1808, o seguinte: «Era unha muller que sen estar na primeira mocidade aínda era extremadamente agradable; elegante, ben formada, falaba perfectamente italiano e francés, cantaba agradablemente, tanguía a guitarra, recitaba poemas en todas as linguas e pintaba retratos en miniatura con gran destreza. A todos estes talentos, ela engadía o coñecemento do mundo e un espírito coqueto».[2]

Relación con José Bonaparte editar

En outubro de 1807 as tropas de Napoleón entraron en España co fin de preparar supostamente a campaña de Portugal ao amparo do Tratado de Fontainebleau, no que se acordou repartir Portugal entre Francia e España por ignorar as ordes francesas de pechar todos os portos europeos á frota británica. O Motín de Aranjuez, que tivo lugar o 17 e 18 de marzo de 1808, apartou do poder a Manuel Godoy, primeiro ministro de Carlos IV, e favorito de réina María Luisa de Parma. O rei Carlos IV pediu axuda a Napoleón quen, nunha reunión celebrada en Baiona, obrigoulle a abdicar a favor do seu irmán José Bonaparte. As tropas francesas apoderáronse do país, e o 2 de maio estalou en Madrid un movemento popular que iniciou a Guerra da Independencia.

En outubro de 1807 os primeiros efectivos franceses estableceran en Vitoria unha gornición de seis mil homes ao mando do conde de Verdier, acuartelamento que supuña solapadamente unha ocupación militar.

O 22 de setembro de 1808 Xosé Bonaparte I chegou a Vitoria e decidiu establecer o seu Corte temporalmente na cidade, onde xa existía unha importante gornición militar francesa, xa que consideraba pouco seguro Madrid, pois se produciu o 19 de xullo a derrota francesa na batalla de Bailén. Elixiu como residencia o Palacio de Montehermoso, recentemente restaurado. O inmoble dispuña dunha estupenda biblioteca e un fermoso xardín, algo extraordinario na España daquela época, segundo testemuño de diplomáticos franceses. Vitoria foi, durante uns meses, a residencia da corte do rei Xosé I.

Wilhelm von Humboldt, deixou constancia da importancia da biblioteca do palacio de Montehermoso, que acollía nos seus estantes unha gran cantidade de obras, entre as que se achaban todas as da Ilustración. Refire Humboldt, que nos seus estantes atopou «o Dicionario de Música de Rousseau co título oculto: así se persegue o máis inocente se leva ese apelido».

Xosé Bonaparte tivo inicialmente relacións coa aia dos marqueses de Montehermoso. Dise que a marquesa comentou «que lle estrañaba que non escollese unha persoa de máis alto rango». Por iso Bonaparte convidou a comer aos seus anfitrións, e namorouse da marquesa, á que converteu na súa amante, sen que aparentemente o marqués puxese ningún reparo. Ortuño Aguirre foi un dos primeiros afrancesados, ao que Bonaparte fixo Grande de España e Xentilhome de Cámara, e así mesmo lle condecorou como Cabaleiro da Orde de España, institución que acababa de fundar.

Aguirre vendeu o seu palacio ao rei Bonaparte por 300 000 reais, unha enorme cantidade para a época. «Paréceche moito?», preguntoulle José I a un cortesán de confianza, o seu primeiro cabaleirizo, o conde Girardin. «Non os vale, nin coa marquesa dentro», respondeu este. A súa impertinencia custoulle o posto, o rei expulsoulle de España e converteu o palacio de Montehermoso no seu Palacio Real en Vitoria.

Estancia en Madrid editar

O 9 de novembro marchou Napoleón cara a Madrid, levando no seu séquito aos marqueses de Montehermoso, quen a partir de entón viviron no Palacio Real. O marqués converteuse en persoa de confianza do rei, e o 15 de outubro de 1809 viaxou á fronteira francesa para recibir ao emperador Napoleón Bonaparte.

Os amores da marquesa corrían en coplas por Madrid (“A Montehermoso / ten un tinteiro / onde molla a súa pluma / José Primeiro”).

Posteriormente os marqueses alóxanse no palacio Masserano, onde a marquesa coincide coa muller e fillos do xeneral Hugo, quen aproveitando as súas actividades militares, convive co seu amante, mentres a súa familia queda en Madrid. Entre os pequenos Hugo, atópase o que logo sería famoso novelista e poeta Victor Hugo e o seu irmán Abel, quen deixou constancia por escrito da súa estancia madrileña na revista Deux Mondes. O mozo Victor Hugo e a pequena Amalia, filla dos marqueses, pasaron xuntos longas horas das que o escritor deixou pegada nos seus escritos. É tamén nestes anos nos que Goya inmortalizará á nena Amalia no seu cadro A marquesa de Montehermoso.

Falecemento do esposo da marquesa editar

O 4 de maio de 1811 volveu José Bonaparte a Vitoria de viaxe cara a París para asistir ao bautizo do fillo de Napoleón, en compañía dos marqueses. A marquesa quedou en Vitoria, mentres que o seu esposo acompañou ao rei Xosé Bonaparte a París, onde faleceu o 8 de xuño de 1811.

Estancias en Vitoria editar

Xosé Bonaparte quedou á volta en Vitoria desde o 20 de xuño ao 5 de xullo, e retornou logo a Madrid. En marzo de 1813, ante o temor de que o exército aliado ocupase Madrid, Xosé Bonaparte abandonou a Corte. O rei francés chegou a Vitoria o 19 de xuño cos seus servidores, incluída a marquesa, xa viúva.

En Vitoria tivo lugar a última batalla importante da Guerra da Independencia, o día 21, na que as tropas francesas foron derrotadas por un exército aliado integrado por soldados ingleses, portugueses e españois, e comandado por lord Wellington. Xosé Bonaparte e o seu séquito, incluída a marquesa, abandonaron a cidade camiño de Francia.

Instalación en Francia editar

María del Pilar Acedo residiu a partir desa data en Francia, primeiro na estación termal de Barèges, nos Baixos Pireneos, onde formou unha pequena corte.

Máis tarde, concluída a súa relación con Xosé Bonaparte, volveuse a casar co oficial francés Amadeo de Carabène, en agosto de 1816, en París. Ambos se instalaron no castelo de Carresse, situado na rexión de Bearn, preto de Orthez.

En Carresse a marquesa viviu como condesa de Echauz, ao recuperar o uso do seu título familiar pois o título ostentado por matrimonio foille retirado pola Xustiza de Vitoria e concedido á súa filla Amalia. Segundo algunhas fontes, instaurou en Carresse unha especie de sanidade pública, pois cada mes custeaba a factura do médico e do farmacéutico do pobo ás persoas que non podían custearse os tratamentos necesarios. Tamén financiou a construción dunha escola e realizou melloras na vila, con total discreción e desexando que non constasen as súas doazóns.[3]

En Carrese dona María del Pilar Acedo, agora condesa, acolleu a Joaquín Ignacio de Mencos e Manso de Zúñiga, conde de Guendulain, perseguido en 1841 polo xeneral Espartero.[4] No seu castelo de Carresse tamén recibirá a personaxes da vida pública española no exilio como o pintor Francisco de Goya ou Godoy.

Falecemento editar

A marquesa morreu en febreiro de 1869, herdando a súa filla Amalia os seus títulos e propiedades.

En 1817 Amalia, duquesa de Castro-Terreño, condesa de Echauz e Triviana, marquesa de Montehermoso, casou en Vitoria con José Mª de Ezpeleta, conde de Ezpeleta, fillo do vicerrei de Navarra, partidario de Fernando VII.

Notas editar

  1. Ortiz de Zárate, Iker. «La marquesa de Montehermoso.»
  2. [1] Marquesa de Montehermoso. Emilio Latorre Zubiri
  3. [2] La Marquesa de Montehermoso. Iker Ortiz de Zarate
  4. Gárate Goñi, Alberto. «María del Pilar Acedo Sarria.»

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Mercador Riba, J. (1971-1983): José Bonaparte, Rey de España. Madridː Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2 vols.
  • Vidal Abarca, J. (1975): "Linajes alaveses. Los Aguirre: Marqueses de Montehermoso”. Boletín Sancho el Sabio, XIX, páxs. 181-244.
  • Vives Casas, F. (1996): El palacio de Montehermoso. Vitoria-Gasteiz
  • Abella, R. (1997): José Bonaparte. Barcelonaː Ed. Planeta
  • Ichas, A. (2001): Madame de Montehermoso, Marquise des plaisirs et dáme de Carresse. Parísː Atlantica
  • Manzanos Arreal, P. e Vives Casas, F. (2001): Las mujeres en Vitoria-Gasteiz a lo largo de los siglos. Recorridos y biografías. Vitoria, páxs. 98-100.

Ligazóns externas editar