María de las Mercedes Goicoa Fernández
María de las Mercedes Goicoa Fernández, nada na Coruña o 10 de xullo de 1928 e finada na mesma cidade o 11 de novembro de 2022, foi unha pianista e docente galega, presidenta da Real Academia Galega de Belas Artes entre 2003 e 2014.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xullo de 1928 A Coruña, España |
Morte | 11 de novembro de 2022 (94 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | pianista, bibliotecaria, profesora de música, conservadora |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Traxectoria
editarComezou a súa formación musical e a tocar o piano coa súa tía Honoria Goicoa, Alberto Garaizabal e Pilar Castillo, antes de ingresar no Real Conservatorio de Música de Madrid grazas a unha bolsa de estudos da Deputación da Coruña. Alí, baixo a dirección de José Cubiles, tivo a mestres como Benito García de la Parra, José Moreno Bascuñana, Juan Tellería, Juan Ruiz-Casaux e Enrique Aroca.[1] Tras graduarse en Madrid con méritos como o primeiro Premio Fin de Carreira, o Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e o Premio Extraordinario de Virtuosismo, trasladouse a París onde foi alumna de Lazare Lévy e George Enescu. Concertista dende os 16 anos, fixo xiras por España e Francia, sendo recoñecida co primeiro Premio de Música de Cámara e o Premio de Interpretación de Música Francesa.[2] Traballou con profesionais como Salvador Bacarise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes.[3]
Como docente empezou no Conservatorio de Madrid mais entre 1963 e 1993 foi profesora superior de piano no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.[3] En 1987, foi comisaria da exposición Rubinstein y España, organizada co gallo do centenario de Arthur Rubinstein.[2] Tamén fixo publicacións de crítica e divulgación musical para editorais como Labor ou Santillana e artigos para xornais como La Voz de Galicia e revistas especializadas como Ritmo e Montsalvatge.[1]
Ingresou, o 13 de decembro de 1986, na sección musical da Real Academia Galega de Belas Artes co discurso "De lo estéctico expresivo a la interpretación musical" que foi respondido por Rogelio Groba.[4] Posteriormente, integrouse na mesa directiva desta institución como Bibliotecaria-Conservadora, e, en 2003, foi escollida presidenta, sendo a primeira muller en ocupar un cargo semellante en España.[5] Mantívose no cargo ata 2014, cando renunciou por mor da saúde, ocupando dende entón a presidencia de honra.[6] Na Real Academia Galega de Belas Artes promoveu a creación e dirixiu o Arquivo Musical de Galicia para recoller a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX, así como, a rehabilitación da Casa do Consulado, sede da Academia, para acoller actos abertos á cidadanía.[7] Faleceu o 11 de novembro de 2022 na Coruña aos 94 anos de idade.[8]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "María de las Mercedes Goicoa Fernández" (PDF). Academia Galega de Belas Artes.
- ↑ 2,0 2,1 "María de las Mercedes Goicoa Fernández - Álbum de Galicia". Consello da Cultura Galega. Consultado o 2022-11-12.
- ↑ 3,0 3,1 "María de las Mercedes Goicoa Fernández - Álbum de mulleres". culturagalega.gal. Consultado o 2022-11-12.
- ↑ "De lo estéctico expresivo a la interpretación musical" (PDF). culturagalega.gal.
- ↑ "La pianista Mercedes Goicoa, presidente de la Academia Gallega de Belllas Artes". Mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 2022-11-12.
- ↑ "Mercedes Goicoa renuncia a seguir al frente de la Academia de Bellas Artes". La Opinión de A Coruña (en castelán). 2014-11-19. Consultado o 2022-11-12.
- ↑ "No pasamento da pianista Mercedes Goicoa, Presidenta da Academia Galega de Belas Artes". www.academiagallegabellasartes.org. Consultado o 2022-11-16.
- ↑ "Muere María de las Mercedes Goicoa, primera mujer en presidir una de las trece Reales Academias de Bellas Artes de España". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-11-12. Consultado o 2022-11-12.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Goycoa Fernández, Mercedes". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. ISBN 84-8064-113-4.