María Domínguez Remón

xornalista española

María Domínguez Remón, nada en Pozuelo de Aragón, Zaragoza, o 1 de abril de 1882 e finada en Fuendejalón, Zaragoza, o 7 de setembro de 1936, foi unha xornalista, poeta e política republicana socialista e feminista española. En 1932, foi a primeira alcaldesa da Segunda República Española na localidade de Gallur, en Zaragoza. Defendía especialmente a educación de todos, especialmente das mulleres[1] e, tras abandonar a alcaldía en 1933, dedicouse á docencia e ao xornalismo. Foi fusilada polas tropas franquistas ao comezo da Guerra civil. Durante anos a súa historia foi esquecida ata que se recuperou a mediados dos anos 90 do século XX.

Infotaula de personaMaría Domínguez Remón

(1932) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1 de abril de 1882 Editar o valor em Wikidata
Pozuelo de Aragón, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte7 de setembro de 1936 Editar o valor em Wikidata (54 anos)
Fuendejalón, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Alcaldesa de Gallur
29 de xullo de 1932 – 6 de febreiro de 1933 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista , escritora , poeta , política , alcaldesa Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Socialista Obrero Español Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

 
Concello de Gallur, Zaragoza.

Foi a segunda filla dunha familia humilde de campesiños. Apenas puido ir uns anos á escola, polo que a súa formación obtívoa de forma autodidacta.[2] «Os meus pais eran uns pobres xornaleiros do campo que non sabían ler nin escribir. Naturalmente, a min tamén, en canto puiden, puxéronme a traballar. Ía espigar, vendimar, arrincar trigo e cebada, recoller olivas, ao que saía. Nos intres libres soletreaba todos os impresos que caían nas miñas mans, romances de cego, libros, contos da escola e cousas así. Gustábame moito. Á miña nai en cambio, enfadábaa», explicou sobre a súa propia historia ao xornal Ahora cando foi elixida alcaldesa de Gallur en 1932.[3]

Tamén lembrou nas súas memorias a obediencia a mensaxes da súa nai como o de "Mira filla, pola rúa vaise sempre coa vista baixa. Aos homes non se lles mira" que lle granxearon o alcume de "María, la tonta" pseudónimo que despois utilizou para asinar algúns escritos.[3][4]

Por imposición da súa familia casou con Bonifacio Ba Cercé aos 18 anos.[5] Sete anos despois, cansada de humillacións e vítima de maos tratos fuxiu do fogar a Barcelona, onde traballou como serventa.[2][4] En 1907, denunciada polo seu marido foi posta en "busca e captura" e perseguida pola policía aínda que non foi detida.[1]

Regresou a Pozuelo de Aragón e cos aforros que conseguira reunir comprou unha máquina de facer medias que lle proporcionou unha forma de gañarse a vida.[2]

Comezou a escribir e enviou un artigo ao diario El País de Madrid que foi publicado. Empezou a estudar maxisterio. En 1914 presentouse ao exame con resultado negativo. Instalouse en Zaragoza matriculándose na quenda nocturna da Escola de Artes e Oficios mentres traballaba cosendo medias a máquina no seu domicilio.[2]

Pronto se converteu en asidua colaboradora do semanario republicano Ideal de Aragón, órgano de expresión do recentemente creado Partido Republicano Autónomo Aragonés, onde escribiu co pseudónimo Imperia. En 1917 traballou como mestra non titulada durante uns meses nunha escola do casarío de Mendiola no val navarro de Baztán, mais tivo que abandonalo por problemas de saúde. No entanto, tivo tempo de presentarse aos exames da Escola de Maxisterio de Pamplona nos que desta vez aprobou. Estivo gravemente enferma pola epidemia de gripe de 1918, permanecendo en cama máis dun ano.[2]

Traballou de serventa na casa do sogro do político republicano Venancio Sarría.[6]

En 1922 quedou viúva e dous anos despois, aos 44, contraeu segundas nupcias Arturo Segundo Romanos na igrexa de San Gil de Zaragoza, un tosquiador viúvo de ideas socialistas.[1] Instaláronse na vila veciña do seu Gallur[7] e xuntos crearon a sección local da UXT[4] sindicato fundado en 1888, participando na construción do sindicato a finais da Ditadura de Primo de Rivera.[2]

Colaborou no semanario socialista Vida Nueva de Zaragoza, cuxo primeiro número apareceu o 4 de maio de 1930. A partir do 14 de abril de 1931 realizou un intenso labor de propaganda feminista, socialista e republicana.[2] Desde os seus escritos defendía a República da vella política, combatía os inimigos da democracia, pregoaba o papel activo da muller e denunciaba as inxustizas próximas.[7]

En xullo de 1932 o concello de Gallur elixido nas eleccións de abril de 1931 dimite en pleno ante a presión popular e os conflitos políticos que enfrontan ao país.[2]

O Gobernador civil da provincia designouna a ela como presidenta dunha Comisión Xestora converténdose así na primeira muller en estar á fronte dunha alcaldía. Ocupou o cargo de alcaldesa de Gallur desde o 29 de xullo de 1932 ao 6 de febreiro de 1933.[6]

Durante o seu mandato:

  • Aplicou a lexislación laboral da República.
  • Creou as bolsas de traballo rural para reducir os niveis de desemprego.
  • Constituíu unha escola unitaria de nenos e nenas.
  • Ofreceu subvencións aos mestres para que contratasen a limpadoras para que os nenos non tivesen que limpar.
  • Aprobou unha subvención de sacos de carbón para que os nenos non tivesen que levalo das súas casas á escola.
  • Aprobou o branqueo das escolas para que estivesen máis dignas.[8]

Asistiu ao XVII Congreso da UXT en 1932, onde foi secretaria da 10ª sesión.[2] O 6 de febreiro de 1933 tivo que dimitir do cargo por unha lei aprobada no Congreso que substituía as comisións xestoras creadas con carácter transitorio. Marchou satisfeita do seu labor, mais desilusionada e cansa de tanta censura aos seus desvelos polo municipio.[7]

Tras deixar a alcaldía dedicouse á docencia e ás colaboracións xornalísticas.[2] Os seus textos eran militantes e incisivos, cargados de ironía, intelixencia e unha mirada propia sobre o mundo. Algúns dos seus artigos asinábaos co pseudónimo María la tonta.[4]

Os valores que defendeu foron: a igualdade da muller, a liberdade de pensamento, o sufraxio universal, o voto feminino, a loita contra a opresión, a liberación dos prexuízos culturais e relixiosos, o ensino, a cultura como motor de cambio, a superación, o valor, o amor non imposto senón elixido libremente e o feito de plasmar os ideais en accións concretas.[8]

En 1934 a progresista Editorial Castro de Madrid publicou o libro Opiniones de mujeres, no que se recolleron catro das súas conferencias: Feminismo, La mujer en el pasado, en el presente y en el porvenir, El socialismo y la mujer e Costa y la República e na que defende a lei de divorcio e a igualdade.[3] O volume complétase cun prólogo e unha conferencia da avogada e xornalista Hildegart Rodríguez.[6]

Ao producirse o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 buscou refuxio en casa da súa irmá en Pozuelo de Aragón. Alí foi detida poucos días despois e fusilada polo bando franquista o 7 de setembro de 1936 nas tapias do cemiterio de Fuendejalón, vila próxima á súa. O seu marido, Arturo Romanos, foi fusilado ao pouco tempo na vila zaragozana de Tabuenca.[2]

Os seus restos foron presuntamente recuperados da fosa onde foran enterrados o 30 de xaneiro de 2021. A investigación para a súa recuperación foi levada a cabo conxuntamente polo Concello de Fuendejalón, a Asociación de Familiares y Amigos de los Asesinados y Enterrados en Magallón (AFAEM) e a Asociación por la Recuperación e Investigación Contra el Olvido (ARICO). O Goberno de Aragón fíxose cargo da identificación exacta dos restos atopados[9] e comprobou a súa fiabilidade.[10]

Citas editar

Só un constante labor de propaganda feminista podería levar a bo termo o proxecto de conseguir a igualdade entre sexos.[7]
A través da difusión da cultura a calquera nivel é posíbel a transformación da sociedade.[7]
Non teño que ser escrava de ninguén.[7]
Consagro a miña vida á República e non desmaiarei aínda cando sufra desenganos.[7]

Documentais editar

En xaneiro de 2015 a directora Vicky Calavia realizou a documental María Domínguez. La palabra libre con participación de Javier Barreiro, Arturo Cejudo, Julita Cifuentes, Javier Fernández, Herminio Lafoz, Pilar Maluenda, Rosa Montero, Rosa María Pérez, Alberto Sabio e Mari Carmen Sánchez.[8]

Recoñecementos póstumos editar

 
Placa da rúa de Zaragoza dedicada a María Domínguez Remón.

Durante anos a historia de María Domínguez permaneceu no esquecemento ata que a mediados dos anos 90 se recuperou a súa historia. En 1995 no I Congreso Internacional "Escritura y Feminismo" as historiadoras Pilar Maluenda e Julita Cifuentes presentaron un relatorio sobre María Domínguez e en 1997 foi incluída na Gran Enciclopedia Aragonesa. En 1998, Lola Campos publicou no Heraldo de Aragón unha serie de artigos baseados nunha reportaxe que este xornal publicou o 27 de outubro de 1932 sobre "a primeira muller alcalde de España".

En 1999 a Deputación Provincial de Zaragoza concedeulle, a título póstumo, a medalla de Santa Isabel.[5]

O Concello de Zaragoza dedicoulle unha rúa no barrio do Picarral que antes estaba dedicada ao xeneral Monasterio do bando franquista.[7]

A escola municipal de Gallur e unha das súas rúas tamén levan o seu nome.[7]

A Fundación María Domínguez de Zaragoza, do PSOE, está dedicada a ela.[7]

En Gallur existe a Asociación de Mujeres María Domínguez que se dedica ao traballo comunitario e en prol das mulleres.[7]

En xullo de 2018 a Asociación “Herstóricas. Historia, Mujeres y Género” e o Colectivo “Autoras de Cómic” creou un proxecto de carácter cultural e educativo para visibilizar a achega histórica das mulleres na sociedade e reflexionar sobre a súa ausencia consistente nun xogo de cartas. Unha destas cartas está dedicada a Domínguez Remón.[11][12]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Montero, Rosa (24 de abril de 2005). "Para honrar la memoria". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Fundación Pablo Iglesias (ed.). "María Domínguez Remón". Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Bernal-Triviño, Ana. "María Domínguez, la primera alcaldesa republicana". Público (en castelán). Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Alegre, Luis (4 de marzo de 2015). "María la tonta". The Huffington Post. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 "María Domínguez, un símbolo rescatado del olvido" (PDF). Diputación Provincial de Zaragoza. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "María Domínguez Remón". Gran Enciclopedia Aragonesa. 9 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2021. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 Salvador, David (15 de abril de 2009). "La aragonesa María Domínguez, mucho más que la primera mujer alcaldesa en España". Aragón Digital. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  8. 8,0 8,1 8,2 La palabra libre (Documental HD). CalaDoc Producciones. 2015. Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  9. "Hallan en una fosa los restos de María Domínguez, la primera alcaldesa republicana de España, fusilada en 1936". Consultado o 2 de febreiro de 2021. 
  10. "Hallados los restos de María Domínguez, la primera alcaldesa democrática de España, fusilada por los franquistas en 1936". ElDiario.es (en castelán). 2021-03-02. Consultado o 2021-03-03. 
  11. "Participa en el Crowdfunding "Herstóricas Pioneras" en Verkami" (en castelán). Consultado o 18 de novembro de 2019. 
  12. Madridiario. "Paseos urbanos con historia y mirada feminista" (en castelán). Consultado o 2 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Campos, Lola (2001). "María Domínguez Remón: Pozuelo de Aragón, 1882, Fuendejalón, 1936: Primera alcaldesa de la República". Mujeres aragonesas. Zaragoza: Ibercaja. pp. 113–118. ISBN 84-8324-111-0. 
  • Domínguez Remón, María (1934). Opiniones de mujeres. Madrid: Castro. 
  • Illion, Regine (2002). Mujer, política y sindicalismo: Zaragoza, 1931-1936. Zaragoza: Institución "Fernando el Católico". ISBN 8478206744. 
  • Ruiz Franco, Rosario; Nielfa Cristóbal, Gloria (2015). "La nueva ciudadanía de las mujeres en el ámbito municipal: alcaldesas y concejalas en la Segunda República (1931-1939)". En Nielfa, Gloria (coord.). Mujeres en los gobiernos locales: Alcaldesas y concejalas en la España contemporánea (en castelán). Madrid: Biblioteca Nueva. pp. 73–127. ISBN 978-84-16345-05-2. 

Ligazóns externas editar