Manuel González Ramos
Manuel González Ramos, nado na Baña o 25 de marzo de 1889 e finado en Alacant o 31 de marzo de 1979, foi un mestre e político socialista galego.
Manuel González Ramos | |
---|---|
Nacemento | 25 de marzo de 1889 |
Lugar de nacemento | A Baña |
Falecemento | 31 de marzo de 1979 |
Lugar de falecemento | Alacant |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político e mestre |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
En 1903 emigrou á Habana, onde ingresou no Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Cara 1913 volveu a Galicia, e exerceu como mestre en Antes (Mazaricos), Carreira (Zas) e Biduído (Ames) (1924-1928), onde coincidiu con Manuel Moure Gómez. Colaborou en Eco de Galicia. En novembro de 1928 foi expedientado polo Ministerio de Instrución Pública e sancionado con suspensión de emprego e soldo durante un ano e perda de escola, pola súa actividade política[1]. Estableceuse en Alacant en 1929 e foi nomeado director de Mundo Obrero de Alicante e secretario da Oficina de Información e Propaganda socialista da provincia de Alacant[2]. Alí foi elixido en 1930 secretario-contador da Agrupación Socialista de Levante e foi encarcerado por participar nos sucesos revolucionarios de decembro de 1930. En 1931 foi elixido concelleiro do concello de Alacant, e posteriormente deputado pola provincia de Alacant nas eleccións xerais de 1931 e 1933, aliñado sempre na tendencia de Julián Besteiro. Participou en 1935 xunto con Andrés Saborit na creación do diario Democracia, que se opuña á tendencia prosoviética do PSOE. Nas eleccións xerais de 1936 intentou formar unha lista disidente dentro da Fronte Popular con Juan Botella Asensi, Romualdo Rodríguez de Vera e Gregorio Ridaura, pero non obtiveron escano. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi detido e encarcerado en setembro. Ao saír en liberdade apartouse da actividade política. Nos anos sesenta viviu en Venezuela, onde estaba establecido un dos seus fillos. Regresou a España e en 1977 incorporouse ao sector histórico do PSOE, sendo presidente da organización en Alacant.
ObrasEditar
- Tesis histórica de Colón gallego, 1927.
- Cartas autógrafas de Pablo Iglesias, fundador del Partido Socialista Obrero Español, a Angel Martínez, de Alicante, 1976.
NotasEditar
- ↑ El Pueblo Gallego, 27-11-1928, p. 14.
- ↑ El Pueblo Gallego, 30-10-1929, p. 8.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Martínez de Sas, María Teresa (2000). Diccionari biogràfic del moviment obrer als països catalans. Abadía de Montserrat. pp. 687–688. ISBN 84-8415-243-X.