Manifesto do Partido Comunista
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
O Manifesto do Partido Comunista[1] ou O manifesto comunista[2][3][4][5] (Manifest der Kommunistischen Partei, polo seu título en alemán) é unha proclama encargada pola Liga dos Comunistas a Karl Marx e Friedrich Engels en 1847. Publicouse o 21 de febreiro de 1848.
Manifesto do Partido Comunista | |
---|---|
Autor/a | Karl Marx e Friedrich Engels |
Orixe | Confederación Xermánica e Reino Unido |
Lingua | lingua alemá |
Xénero(s) | political manifesto |
Data de pub. | 21 de febreiro de 1848 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Relevancia histórica
editarO manifesto comunista considérase[quen?] un dos tratados políticos máis influentes da historia. Este manifesto, do que son especialmente famosas as frases de comezo e final (Un espectro percorre Europa: o espectro do comunismo e o lema Proletarios de tódolos países, xuntádevos!, respectivamente), favoreceu unha gran revolución social e política e foi a base ideolóxica do movemento obreiro internacional e do proceso revolucionario ruso, que culminou en 1917 coa creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).
Contido e estrutura
editarO texto do manifesto describe sucinta e explicitamente os principios da teoría marxista do materialismo dialéctico e anuncia os propósitos e o programa da Liga. Suxire un curso de acción para unha revolución proletaria que derrocaría o capitalismo e instauraría unha ditadura do proletariado.
Está estruturado en catro grandes capítulos:
- Burgueses e proletarios. Neste apartado introdutorio desenvólvese a idea de que a historia do mundo se basea na loita entre opresores e oprimidos, e concibe o modelo social de entón coma un espazo de enfrontamento entre a burguesía, obrigada a revolucionar constantemente os medios de produción para a súa propia supervivencia, e o proletariado, que aproveitará os cambios desencadeados polo capital para volverse contra el e derrubar a orde capitalista.
- Proletarios e comunistas. Os autores identifican o proxecto comunista da Liga cós intereses do proletariado internacional, de xeito que define o comunismo coma a ideoloxía obreira final ou vangarda proletaria. Neste apartado desenvólvese propiamente o programa do comunismo e rebate as críticas vertidas contra o proxecto comunista. Así, establécese neste apartado a abolición da propiedade privada, a creación dun elevado imposto progresivo, a omnipotencia do Estado e o igualitarismo entre tódolos cidadáns. Mediante estas medidas (ditadura do proletariado) os autores buscan a desaparición das desigualdades de clase; e teoricamente, trala superación desta fase terá lugar o establecemento dunha sociedade libre e socialista na que o poder político xa non será necesario.
- Literatura socialista e comunista. Entre a nebulosa de propostas de tendencia esquerdistas ou socialista da época, os autores do Manifesto destacan varias tendencias:
- Socialismo reaccionario, apoiado polos pequenos comerciantes e campesiños que, vendo ameazada a súa supervivencia pola voracidade burguesa, súmanse ao comunismo para derribar ao gran capital.
- Socialismo alemán, segundo eles é unha desafortunada imitación da literatura socialista francesa que queda relegada a unha función simplemente teórica e idealista, sen ningún valor práctico.
- Socialismo burgués, entendido coma a coiraza dalgúns sectores da burguesía para resistir o pulo do proletariado. Segundo esta tendencia, a burguesía é unha clase boa e necesaria para o proletariado.
- Socialismo utópico, conxunto no cal son enmarcadas as correntes de Saint-Simon, Robert Owen ou Charles Fourier, que non contemplan a loita de clases como necesidade para chegar a unha orde socialista.
- Actitude dos comunistas ante os outros partidos da oposición. Tras unha enumeración da situación do partido comunista en diferentes países europeos e nos Estados Unidos de América, os autores chegan á conclusión de que o comunismo se sitúa en tódolos sitios enfronte do poder establecido e ao lado dos revolucionarios, sexan estes burgueses nun país feudal, campesiños nunha nación burguesa etc.
Notas
editar- ↑ Marx, Karl; Engels, Friedrich (1976). Manifesto do Partido Comunista. Nova Galiza.
- ↑ Marx, Karl; Engels, Friedrich (1998). O manifesto comunista. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 8483023067.
- ↑ Marx, Karl; Engels, Friedrich (2005). O manifesto comunista. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-9782-363-X.
- ↑ Marx, Karl; Engels, Friedrich (2014). O manifesto comunista. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-96276-48-2.
- ↑ O manifesto comunista e outros escritos políticos. Tradución de Ramón Máiz e Xosé Manuel García (USC, 2021)