Rexións do Suroeste Europeo

Rexións do Suroeste Europeo (RESOE) é unha macrorrexión da Unión Europea localizada no noroeste da Península Ibérica, e formada por Galicia, Asturias, Castela e León -comunidades autónomas españolas- e o Norte e o Centro -rexións administrativas portuguesas-.

Antecedentes editar

A cooperación transfronteiriza entre España e Portugal comezou o 31 de outubro de 1991 cando, impulsada pola Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDRN), se constituíra, ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980, con apoio das administracións da Unión Europea, España e Portugal,[1] a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que tiña entidade xurídica propia, o que supuña "unha nova etapa" e unha "vía innovadora" para a colaboración entre Galicia e Portugal, segundo afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, despois de reunirse con Carlos Cardoso Lage, presidente da CCDRN.

Posteriormente, no ano 2000, Castela e León creou unha comunidade de traballo coa rexión Centro de Portugal co mesmo propósito.[2]

O 27 de setembro de 2007, o daquela director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López falou en Ponferrada,da posibilidade de creación dunha eurorrexión. Indicou que, segundo os estudos dos expertos da Caixa, a comarca do Bierzo entraría de cheo na Macrorrexión que eles contemplan que se crearía co Norte de Portugal, «desde Porto, e que incluiría Galicia, Asturias e boa parte de León». Máis que birrexionalidade «os medios están postos, falta algunha comunicación, pero cando chegue o ferrocarril de alta velocidade aquí vai contar esta zona con magníficos portos loxísticos competitivos con todos os do Canal». A súa reflexión causou a satisfacción do rexedor ponferradino, quen insistira sempre sobre a necesidade dunha relación infraestrutural e económica de Ponferrada con Vigo e o Porto: «creo que os que estades aquí veredes que se identifica co que nós sempre pensáramos», dixo o alcalde.[3]

En setembro de 2008 constituíuse a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que foi a primeira eurorrexión da Península Ibérica, que só tiña daquela dous referentes en Europa: a agrupación Francia-Bélxica, con sede en Lille, e Hungría-Eslovaquia, con sede na cidade húngara de Esztergom. Vigo foi o centro de operacións da terceira eurorrexión. O responsábel da Comisión para o Desenvolvemento do Norte de Portugal, Carlos Lage, comentou o "grande interese" que tiña nela o presidente da Xunta: "sería desagradábel discutir", engadiu.[4]

Os gobernos de Galicia, da rexión Norte de Portugal (que xa se uniran na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal), e de Castela e León constataron, ao igual que outras rexións europeas, que existen intereses comúns con outras rexións españolas e de países veciños, coas que cumpriría emprender unha estratexia de cooperación interrexional que transcendese a simple cooperación transfronteiriza. En consecuencia, reuníronse o 17 de xaneiro de 2010 en Zaragoza con representantes das Comunidades Autónomas de Aragón, País Vasco, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Navarra, e das rexións de Aquitania (Francia e Centro de Portugal, para sentar as bases dunha futura macrorrexión. Segundo explicou a Directora Xeral de Relacións Institucionais e Acción Exterior do goberno de España, María de Diego, ao finalizar a reunión, esta constituía un "primeiro paso" cara á creación da macrorrexión.[5]

Cara á Macrorrexión editar

Véxase tamén: Macrorrexión.

As macrorrexións, tal e como as define a propia Unión Europea, son territorios de rexións pertencentes a diferentes países asociados por un ou máis trazos ou desafíos comúns, é dicir, unha unión de rexións que se unen para facer un camiño xuntos e alcanzar obxectivos conxuntos en base a intereses e recursos comúns.

As macrorrexións son unha innovación na arquitectura da Europa a 27 (agora xa a 28). A día de hoxe están constituídas só dúas, unha nas rexións do mar Báltico, denominada "Báltico", na que participan oito estados membros da UE, e outra na conca do río Danubio, chamada "Danubio", con seis estados membros involucrados, aínda que outra estrutura deste tipo se prepara tamén para unir forzas en torno ao mar do Norte e o Canal da Mancha.[6]

O 17 de setembro de 2010, o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-N), Carlos Cardoso Lage, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, asinaron en Valladolid o convenio polo que se constitúe a Macrorrexión "Rexións do Suroeste Europeo (RESOE)", a primeira deste tipo que se pon en marcha no territorio ibérico.[7]

Portugal e España analizarían, no seguinte cumio bilateral luso-español, en decembro, en Elvas, a creación da primeira macrorrexión ibérica, un espazo de nove millóns de habitantes que abre novas perspectivas de negocio e investigación científica. O paso seguinte sería o recoñecemento, por parte dos dous gobernos, da importancia estratéxica deste novo modelo de cooperación, que xorde das experiencias bilaterais e transfronteirizas. A idea que subxace nesta iniciativa ibérica non é da creación de novos organismos, senón a de complementar as comunidades de traballo xa existentes. Se os dous Estados estivesen de acordo na importancia da constitución da macrorrexión do Suroeste Europeo (como así sucedeu), a proposta sería presentada a instancias comunitarias.[8]

Na perspectiva portuguesa, a macrorrexión sería unha nova oportunidade para estreitar relacións e contactos coas rexións veciñas. «O Norte é a maior rexión exportadora de Portugal e necesita articularse máis con outras rexións», afirmou o responsábel da CCDR-N, engadindo que «o movemento da cooperación transfronteiriza xa está en marcha; cómpre intensificalo». Se até o de agora as relacións con Galicia privilexiaran a beira marítima e con Castela e León as potencialidades da conca hidrográfica común do Douro, a macrorrexión, ao promover lazos tripartidos, abre novas oportunidades de negocio e de desenvolvemento, segundo Carlos Lage.[8]

A industria do automóbil, as universidades e a investigación, o fomento do emprego, a protección e aproveitamento do patrimonio ambiental e a promoción da cultura e o turismo son as áreas fundamentais que se inclúen no documento de constitución desta unión de forzas de Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal.[6]

As tres rexións da nova RESOE constitúen un espazo que reúne a máis de nove millóns de habitantes repartidos entre os tres territorios, cunha extensión superior aos 145 000 km2, nos que se asentan unha vintena de universidades e sete aeroportos de diferente tamaño, como recursos potenciais de desenvolvemento económico.[6]

A nova macrorrexión nacía aberta á incorporación doutras autonomías -no caso de España- e rexións do resto de Europa que compartan intereses estratéxicos, xa que neste tipo de estrutura non é necesario que se comparta fronteira, como ocorre no caso das eurorrexións.[6]

Primeira ampliación da RESOE editar

A ampliación da nova macrorrexión tivo unha xestación longa. Cerca de tres anos despois do anuncio do proxecto, a idea da ampliación da macrorrexión europea recuperou o 25 de setembro de 2013 o impulso que perdera desde 2010. Os presidentes da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), Emídio Gomes, o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, e o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, reuníronse en Salamanca para reanimar a macrorexión do Suroeste Europeo.[9]

Finalmente, o 9 de maio de 2014 prodúcese a primeira ampliación da macrorrexión RESOE coa incorporación de dous socios máis, Asturias e a Rexión Centro de Portugal, nun acto no que se asinou, no Porto, o memorando que formalizou ditas incorporacións. No acto tomaron a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, os presidentes das Comisións de Coordinación e Desenvolvemento Rexional (CCDR) das rexións Norte e Centro de Portugal, Emídio Gomes e Pedro Saraiva, e o presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández Fernández. Con estas dúas incorporacións a macrorrexión conta xa con once millóns de habitantes, máis que ningunha outra comunidade da Península Ibérica, e ocupa o 30% do seu territorio.[2][10][11]

Neste acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, subliñou «a aposta da macrorrexión por impulsar a cooperación para erixirse en referencia do crecemento intelixente, sostíbel e integrador» que preconiza a Unión Europea. O xefe do executivo galego destacou que a ampliación da macrorrexión se produce «no momento preciso», xa que ten lugar cando comeza a programarse o destino dos fondos europeos até o 2020. As cinco rexións que rubricaron o acordo no Porto comparten dificultades como a caída da natalidade, o envellecemento e a perda de poboación. Feijóo sinalou, ao respecto deste grave problema demográfico, que «desde esta macrorrexión estamos convencidos de que temos que levalo, en primeiro lugar ás axendas nacionais dos nosos países e, asemade, ás axendas europeas, tanto no Comité das Rexións[12] como na propia Comisión Europea».[10]

Pola súa parte, o presidente asturiano no seu discurso manifestou que a macrorrexión así conformada constitúe unha alianza para «alentar o progreso das nosas rexións dentro da Unión Europea» e para «lograr melloras para os nosos cidadáns; a pesar de que este é un desafío que afecta a partes importantes do territorio, segundo Fernández «nin as instituciónes nacionais nin as europeas deron até agora unha resposta suficiente». O memorando de adhesión de Asturias destaca tres ámbitos de actuación prioritarios: transportes e loxística, competitividade industrial mediante o impulso da investigación e o desenvolvemento (I+D) nos procesos industriais e investigación e excelencia universitaria, defendendo a creación dunha área de excelencia dentro do Espazo Europeo de Educación Superior que implique as universidades da macrorrexión. Tamén alentarán a colaboración entre as universidades e as empresas, con prioridade para a cooperación tecnolóxica e o desenvolvemento de actividades de I+D+i. Sobre a mellora das comunicacións, o presidente asturiano destacou que a construción do Corredor Atlántico[13] «ten que ser prioritaria, porque falamos dunha infraestrutura vertebral para a península Ibérica e para a propia Unión Europea»; unha obra que -advertiu- «só cumprirá a súa finalidade de completarse co despregamento das infraestruturas previstas no Noroeste peninsular».[2]

A macrorrexión RESOE amplíase nun momento en que as tres comunidades autónomas españolas concernidas deixarán de ser para a UE obxectivo número 1, o que significa a perda de axudas comunitarias como as percibidas até agora. O novo escenario orzamentario prima as alianzas territoriais para optar aos fondos destinados a fomentar a economía produtiva e xeradora de emprego. A Comisión Europea propuxo favorecer estas fórmulas de cooperación interterritorial cunha nova liña de subvencións e propiciar unha maior racionalidade no gasto público.[2]

Galería editar

Mapas indicando a situación xeográfica dos territorios que forman na actualidade a macrorrexión.

Notas editar

  1. Sitio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Arquivado 27 de xuño de 2012 en Wayback Machine..
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Web do Goberno do Principado de Asturias Arquivado 12 de maio de 2014 en Wayback Machine. Consultada o 10/05/2014.
  3. Méndez inscribe al Bierzo en la eurorregión Porto-Galicia-Asturias Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Diario de León, 28/09/2007.
  4. La 'eurorregión' Galicia-Norte de Portugal se constituirá en septiembre El País (Madrid), 2/8/2008.
  5. Ocho regiones del noroeste peninsular estudian adherirse a la macrorregión Regiones del Sudoeste Europeo (RESOE) Web oficial da Xunta de Castela e León.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Galicia, Norte de Portugal y Castilla León ultiman nacimiento de tercera macrorregión UE. Eixo Atlántico. Consultada o 10/05/2014.
  7. Creación de la Macrorregión del suroeste europeo Vídeo da Xunta de Castela e León. Consultado o 10/05/2014.
  8. 8,0 8,1 El Norte de Portugal se vuelca con España en búsqueda de negocios y ciencia en Eixo Atlántico. Consultada o 10/05/2014.
  9. Norte de Portugal, Galiza e Castela e Leão voltam a tentar criar uma macro-região europeia Arquivado 12 de maio de 2014 en Wayback Machine. Diario Público, 26/09/2013.
  10. 10,0 10,1 La eurorregión gana peso en la UE con Asturias y el Centro luso La Voz de Galicia, 10/05/2014.
  11. Norte de Portugal, Galiza e Castela e Leão voltam a tentar criar uma macro-região europeia Arquivado 12 de maio de 2014 en Wayback Machine. Diario Público (Portugal), 26/09/2013.
  12. O Comité das Rexións (CDR) é a asemblea consultiva dos representantes locais e rexionais da Unión Europea, que dá voz directa aos entes subnacionais (é dicir, as rexións, provincias, municipios e cidades) dentro do marco institucional da UE. Foi creado en 1992 en virtude do Tratado de Maastricht, aínda que non entrou en vigor até 1994.
  13. O Corredor Atlántico vai ser un corredor ferroviario de pasaxeiros e mercadorías que conectará os portos da fachada atlántica ibérica co interior e o resto de Europa. Pertence á rede básica da Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T). Segundo as previsións, debe estar finalizado antes do ano 2031.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar