O macizo Vinson é un gran macizo montañoso da Antártida, de 21 km de longo e 13 km de largo. Está situado a uns 1200 km do polo Sur. Foi descuberto en xaneiro de 1958 por unha nave da mariña estadounidense. En 1961, o Advisory Committee on Antarctic Names (US-ACAN) deulle o seu nome en honra de Carl G. Vinson, congresista estadounidense polo estado de Xeorxia, polo seu apoio á exploración antártica. O 1 de novembro de 2006, a US-ACAN declarou que o monte Vinson e o macizo Vinson eran entidades separadas.[1][2]

O monte Vinson é o pico máis alto da Antártida, con 4892 m.[3] Está localizado na parte setentrional da planicie do macizo Vinson.[2] Foi escalado por primeira vez en 1966 por un equipo estaodunidense liderado por Nicholas Clinch. Unha expedición de 2001 foi a primeira en escalalo pola ruta leste e tomou medidas por GPS da altura do cumio.[4]

Xeografía editar

O macizo Vinson esténdese entre Goodge Col e glaciar Branscomb ao noroeste, o glaciar Nimitz e o glaciar Gildea ao sueste e ao sur, e o glaciar Dater e o seu tributario o glaciar Hinkley ao leste. A parte suroriental do macizo acaba en Hammer Col, que o une ao macizo Craddock, do que o punto máis alto é o monte Rutford (4477 m). O macizo comprende a alta parte cenral do Vinson Plateau con varios picos que acadan os 4700 metros e varias cristas laterais sobre todo cara ao suroeste e ao nordés.

A altura de 4892 metros do monte Vinson foi medida mediante GPS nun estudo dirixido por un equipo da Omega Foundation en 2004 no que participaron o australiano Damien Gildea e os chilenos Rodrigo Fica e Camilo Rada.[5] Dende 1998 ata 2007, a fundación colocou receptrores de GPS durante períodos axeitados para recibir lecturas precisas dos satélites.[5]

Notas editar

  1. "Vinson Massif". Geographic Names Information System. United States Geological Survey". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2020. 
  2. 2,0 2,1 Stewart, J. (2011) Antarctic An Encyclopedia McFarland & Company Inc, Nova York. 1776 pp. ISBN 9780786435906.
  3. Antarctica. In The Kingfisher Children’s Encyclopedia. Nova York: Kingfisher. 2012. p. 16. 
  4. NOVA. "Mountain of Ice". WGBH. Consultado o 2004-12-28. 
  5. 5,0 5,1 Gildea, Damien; Splettstoesser, John (2007-08-27). "Craddock Massif and Vinson Massif remeasured". 10th International Symposium on Antarctic Earth Sciences (ISAES), 2007. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 2008-09-20. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar