MTV Unplugged in New York

MTV Unplugged in New York é un álbum en directo da banda estadounidense de grunge Nirvana, editado o 1 de novembro de 1994. Contén unha actuación en directo realizada nos Sony Music Studios en Nova York o día 18 de novembro de 1993 para a serie de televisión MTV Unplugged. O programa foi dirixido por Beth McCarthy e emitiuse por vez primeira pola cadea MTV o 14 de decembro de 1993. Ao contrario que no reto dos programas da serie, Nirvana tocou un setlist formado principalmente por temas pouco coñecidos e versións de The Vaselines, David Bowie, Meat Puppets (durante a actuación uníronse dous dos seus membros no escenario) e Lead Belly.

MTV Unplugged in New York
Álbum de directo de Nirvana
Edición1 de novembro de 1994
Gravación18 de novembro de 1993
Duración53:50
Xénero(s)grunge, rock alternativo
Selo(s)DGC Records
Producido porAlex Coletti, Scott Litt, Nirvana
Cronoloxía
In Utero MTV Unplugged in New York From the Muddy Banks of the Wishkah

MTV Unplugged in New York foi o primeiro disco de Nirvana publicado tras a morte de Kurt Cobain. O álbum estreouse no número 1 da lista Billboard 200, e converteuse no seu lanzamento máis exitoso tras a súa separación, tendo sido certificado 5 veces platino nos Estados Unidos cara 1997. Tamén gañou o Grammy ao mellor álbum de música alternativa en 1996. A actuación foi editada en DVD no ano 2007.

A actuación editar

Nirvana estivo durante un tempo negociando coa MTV a súa aparición nun MTV Unplugged. Foi durante a xira cos Meat Puppets cando finalmente Kurt Cobain aceptou[1]. A banda quería facer algo diferente na súa actuación, non o típico dun episidio normal da serie. Segundo o batería Dave Grohl, "Víramos os outros Unpluggeds e non ns gustara moito deles, debido a que a meirande parte das bandas tratábanos como concertos de rock, tocando os seus grande éxitos como se estivesen no Madison Square Garden, pero con guitarras acústicas". O grupo analizou o álbum de 1990 de Mark Lanegan, The Winding Sheet, como fonte de inspiración. Entre as ideas que se lles ocorreron aos membros da banda estaban versionar o tema de David Bowie "The Man Who Sold the World" e invitar aos membros de Meat Puppets para que se unisen a eles no escenario. Porén, a perspectiva de realizar un concerto enteiramente acústico puxo nervioso a Cobain[1].

A banda dedicou dous días a ensaiar o concerto. As sesións de ensaio foron tensas e difíciles, tendo problemas ao interpretar distintas cancións. Durante estes días Cobain non estivo de acordo coa MTV en como a actuación debía ser presentada. O produtor Alex Coletti recordou que á cadea non lle entusiasmaba a idea de levar aos Meat Puppets como convidados ("Eles querían escoitar os nomes correctos -como Eddie Vedder ou Tori Amos ou deus sabe quen", dixo Coletti) e a ausencia de éxitos de Nirvana no repertorio. Molesto, o día antes da filmación Cobain negouse a tocar. Porén, apareceu no estudio a seguinte tarde. Cobain estaba sufrindo síndrome de abstinencia e nerviosismo nese momento; un observador dixo, "Non había bromas nin risas, non se lle vía divertirse... Polo tanto, todo o mundo estaba un pouco preocupado polo seu rendemento"[1].

Nirvana gravou a súa actuación para o MTV Unplugged o 18 de novembro de 1993 nos Sony Studios de Nova York. A pesar da premisa do espectáculo, Cobain insistiu en que a súa guitarra acústica soase a través do seu amplificador pasando por pedais de efectos. Coletti construíu unha caixa falsa que colocou fronte o amplificador para disfrazalo de cuña de monitorado. Coletti dixo, "Deulle seguridade a Kurt. Estaba acostumado a escoitar esa guitarra a través do seu [amplificador] Fender". El quería eses efectos. Pódese escoitar en 'The Man Who Sold The World'. É unha guitarra acústica, pero obviamente soaba a través dun amplificador". No concerto a banda estivo acompañada polo guitarrista Pat Smear e a chelista Lori Goldston, que xiraran co grupo. Cobain suxeríu que o escenario fose decorado con lirios orientais, candeas negras e unha lámpada de araña de cristal. A solicitude de Cobain fixo que o produtor do programa lle preguntase, "Queres dicir como un funeral?", ao cal o cantante respondeu, "Exactamente. Como un funeral"[2].

A diferenza da meirande parte dos artistas ue apareceron no programa, Nirvana filmou toda a actuación nunha única toma[3]. O repertorio de catorce temas incluía seis versións. O grupo evitou tocar as súas cancións máis coñecidas; o único éxito que interpretaron foi o sinxelo de 1992 "Come as You Are"[3]. Tras dez temas, Cris e Curt Kirkwood dos Meat Puppets uníronse a Nirvana no escenario para interpretar tres das súas cancións. O concerto rematou co tema tradicional "Where Did You Sleep Last Night", arranxado polo músico de blues Lead Belly. Tras finalizar Cobain discutiu cos produtores, que querían un "bis". Cobain negouse porque sentía que nada podería superar a esa última canción.[4]

Listaxe de cancións editar

  1. "About a Girl" (Kurt Cobain) – 3:37
  2. "Come as You Are" (Cobain) – 4:13
  3. "Jesus Doesn't Want Me for a Sunbeam" (Eugene Kelly, Frances McKee) – 4:37
  4. "The Man Who Sold the World" (David Bowie) – 4:20
  5. "Pennyroyal Tea" (Cobain) – 3:40
  6. "Dumb" (Cobain) – 2:52
  7. "Polly" (Cobain) – 3:16
  8. "On a Plain" (Cobain) – 3:44
  9. "Something in the Way" (Cobain) – 4:01
  10. "Plateau" (Curt Kirkwood) – 3:37
  11. "Oh Me" (Kirkwood) – 3:26
  12. "Lake of Fire" (Kirkwood) – 2:56
  13. "All Apologies" (Cobain) – 4:23
  14. "Where Did You Sleep Last Night?" (Tradicional; arranxada por Lead Belly) – 5:08

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Cross, 2001, p. 302
  2. Cross, 2001, p. 304
  3. 3,0 3,1 "Bare Witness: Nirvana Unplugged". Nirvana: MTV Unplugged in New York [DVD]. Geffen Records/MTV Networks, 2007.
  4. Cross, 2001, p. 305

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cross, Charles R. Heavier Than Heaven: A Biography of Kurt Cobain. Hyperion, 2001. ISBN 0-7868-6505-9