Lois XIV de Francia

rei de Francia e de Navarra
(Redirección desde «Luís XIV»)

Lois XIV de Borbón[2] ou Luís XIV de Borbón (en francés Louis XIV), nado en Saint-Germain-en-Laye o 5 de setembro de 1638 e finado en Versalles o 1 de setembro de 1715, foi rei de Francia e de Navarra dende o 14 de maio de 1643 até a súa morte con case 77 anos de idade e 72 de reinado. Cando era menor de idade, unha revolta da nobreza francesa e do Parlamento de París puxo en perigo o seu trono. Aínda que a revolta foi sufocada polo 1º ministro o cardeal Mazarino, cando Lois XIV accedeu ao trono decidiu reforzar a autoridade monárquica.

Lois XIV de Francia
Rei de Francia e Rei de Navarra

Rei de Francia e Rei de Navarra
14 de maio de 1643 - 1 de setembro de 1715
PredecesorLois XIII
SucesorLois XV

Coroación7 de xuño de 1654
Catedral de Reims, Reims, Francia
Nome completoLouis-Dieudonné de France
Outros títulosDelfín de Viennois (1638 - 1643)
copríncipe de Andorra (1654-1715)
Nacemento5 de setembro de 1638
Saint-Germain-en-Laye, Francia
Falecemento1 de setembro de 1715
(76 anos)
Palacio de Versalles, Versalles, Francia
RexenteAna de Austria (1643-1651)
HerdeiroFilipe de Francia (1643-1661)
Lois de Francia (1661-1711)
Lois de Francia (1711-1712)
Lois de Francia (1712)
Lois de Francia (1712-1715)
ConsorteMaría Tareixa de Austria e Borbón (1660-1683)
Madame de Maintenon (1683-1715)
DescendenciaLois de Francia
Ana Isabel de Francia
María Ana de Francia
María Teresa de Francia
Filipe Carlos de Francia
Lois Francisco de Francia
Casa realCasa de Borbón
Himno realVive Henri IV (de facto)
ProxenitoresLois XIII
Ana de Austria

Escudo de Lois XIV de Francia
Na rede
Musicbrainz: db0186be-b2da-450d-a86c-5cfb89a9a8bc WikiTree: Bourbon-106 Find a Grave: 7531 Editar o valor em Wikidata

Coñecido como o Rei Sol (le Roi Soleil) ou Lois o Grande (Louis le Grand), foi o primoxénito e sucesor de Lois XIII e de Ana de Austria (filla do rei Filipe III de España). Lois XIV incrementou o poder e a influencia francesa en Europa, combatendo en tres grandes guerras: a guerra de Holanda, a guerra dos Nove Anos e a guerra de Sucesión española.

Baixo o seu mandato, Francia non só conseguiu o poder político e militar, senón tamén o dominio cultural con personaxes coma Molière, Racine, Boileau, La Fontaine, Lully, Rigaud, Le Brun e Le Nôtre. Estes logros culturais contribuíron ao prestixio de Francia, do seu pobo, da súa lingua e do seu rei. Lois XIV, un dos máis destacados reis da historia francesa, conseguiu crear un réxime absolutista e centralizado, até o punto de que o seu reinado é considerado o prototipo da monarquía absoluta na Europa. A frase "L'État, c'est moi" ("O estado son eu") atribúeselle frecuentemente, aínda que é considerada polos historiadores como unha imprecisión histórica (se se fai caso ás datas, Lois tería cinco anos cando o dixo), sendo máis probable que a devandita frase fose forxada polos seus inimigos políticos para resaltaren unha visión estereotipada do absolutismo político que Lois representaba. En contraposición a esa cita apócrifa, Lois XIV dixo antes de morrer a causa das queimaduras do Sol, algo moi común na súa época: "Je m'en vais, mais l'État demeurera toujours." ("Marcho, mais o Estado sempre permanecerá").

Infancia e ascenso ao trono editar

 
Coroación de Lois XIV en Reims, ano 1654.

O nacemento de Lois, en Saint-Germain-en-Laye no ano 1638, foi recibido como un don divino polos seus pais: Lois XIII e Ana de Austria, os cales non tiveran descendencia en vinte e tres anos; por iso foi bautizado como "Louis-Dieudonné" (Dieudonné significa "dado por Deus"); á parte outorgáronselle os títulos de premier fils de France ("Primeiro Fillo de Francia") ademais do máis tradicional de Delfín de Viennois. Lois XIV proviña dun ambiente multicultural xa que os seus avós paternos, Henrique IV de Francia e María de Médicis, eran navarro e italiana respectivamente e os seus avós maternos, Filipe III de España e Margarida de Austria, eran Habsburgos, el español e ela austríaca.

Lois XIII e Ana tiveron o seu segundo fillo, Filipe d'Anjou que posteriormente sería Filipe I, Duque de Orleáns no ano 1640.

Lois XIII non se fiaba da habilidade da súa esposa para gobernar Francia trala súa morte, polo que decretou que un consello rexente gobernase no nome do seu fillo durante a súa minoría de idade, para reducir así o poder da Raíña Nai durante a rexencia. De feito, trala morte de Lois XIII e o ascenso ao trono, con cinco anos, de Lois XIV o 14 de maio de 1643, Ana anulou o testamento de Lois XIII no Parlamento, rompeu co consello e quedou como única rexente. Durante a súa rexencia, confiou o poder ao seu primeiro ministro, o italiano Cardeal Mazarino, ao que a maioría dos círculos políticos franceses desprezaban pola súa orixe non francesa.

Ao finalizar a guerra dos Trinta Anos, no ano 1648, comezou unha guerra civil francesa coñecida como a Fronda. Mazarino continuou coas políticas de centralización emprendidas polo seu predecesor, Richelieu, aumentando así o poder real a expensas da nobreza. En 1648, intentou impoñer un imposto aos membros do Parlamento, o cal estaba constituído, principalmente, por membros da nobreza e altos cargos eclesiásticos. Os membros do Parlamento non só rexeitaron o imposto, senón que tamén ordenaron a queima de tódolos editos financeiros de Mazarino. Nunha ocasión na que o cardeal ordenou arrestar algúns dos membros do Parlamento, París estalou en insurrección. Un grupo de parisienses molestos irrompeu no palacio real demandando ver o rei. Tras seren conducidos á alcoba real, ficaron mirando para Lois XIV, o cal se facía o durmido, e marcharon tranquilamente. Debido ao perigo que corría a familia real e a monarquía, Ana fuxiu de París co rei e os seus cortesáns. Pouco tempo despois, a sinatura da Paz de Westfalia permitiu ao exército francés volver a axudar a Lois XIV e á súa corte real. Xa en xaneiro de 1649 comezou o asedio da rebelde París. A subsecuente Paz de Rueil rematou co conflito, cando menos temporalmente.

 
Lois XIV nunha moeda dun luís de ouro de 1709

A segunda Fronda comezou ao rematar a primeira Fronda (Fronde Parlementaire), en 1650. Nobres de todo rango, dende princesas de Sangue Real e curmáns do rei, como Gastón, duque de Orleáns, a súa filla, Ana María Luísa de Orleáns e Montpensier, Lois II de Borbón-Condé e Armando de Borbón-Conti, a nobres de longa liñaxe como François VI, Duque da Rochefoucauld, Frédéric Maurice de La Tour d'Auvergne, o seu irmán, Turenne e Marie de Rohan-Montbazon, incluso nobres de descendencia real lexítima como Henrique II de Orleáns e Francisco de Vendôme, participaron na rebelión contra o poder real. Incluso o clero tiña representación na rebelión na persoa de Jean-François Paul de Gondi. Como resultado a estes días tumultuosos, nos que se di que a Raíña Nai tivo que vender as súas xoias para alimentar aos seus fillos, Lois XIV desenvolveu unha gran desconfianza da nobreza.

Fin da guerra e reinado persoal editar

 
O seu casamento en 1660.

Namentres, a guerra coa España continuaba. Os franceses recibiron apoio militar de Inglaterra, dirixido por Oliver Cromwell. A alianza anglo-francesa venceu en 1658 na Batalla das Dunas. O resultado da guerra foi o Tratado dos Pireneos que fixou a fronteira entre a España e máis a Francia nos Pireneos, cedendo a España varias provincias e cidades á Francia nos Países Baixos españois e no Rosellón. Este tratado cambiou a balanza de poder, Lois XIV casou coa filla de Filipe IV de España: María Tareixa de Austria e Borbón. O matrimonio celebrouse o 9 de xuño de 1660.

Guerra nos Países Baixos editar

Trala morte de Filipe IV de España, tío e sogro de Lois XIV, en 1665, o seu fillo (da súa segunda esposa) ascendeu ao trono como Carlos II de España. Lois XIV reclamou o territorio de Brabante, nos Países Baixos, gobernados até entón polo rei de España, que debían ser "devoltos" á súa esposa, María Tareixa, medio irmá máis vella de Carlos II (filla do primeiro matrimonio do pai de ámbolos dous). Lois argumentou que os costumes de Brabante non permitían que un fillo sufrise prexuízos polas consecuencias de que o seu pai volvese casar, polo que tiña prioridade sobre os fillos dos seguintes matrimonios á hora de herdar. Estas reclamacións darían pé á guerra de Devolución de 1667, na cal Lois participou persoalmente.

Os problemas internos da República dos Sete Países Baixos Unidos beneficiaron os intereses de Lois nos Países Baixos. O político máis importante do momento nas Provincias Unidas, Johan de Witt, temía que o mozo Guillerme III, Príncipe de Orange, se fixese co poder nas Provincias Unidas. De Witt pensaba que unha guerra naval contra Francia se podería levar, mais non unha guerra terrestre, que permitiría a intervención de Guillerme III, deixándolle co poder. Así, coas Provincias Unidas divididas nun conflito interno entre os seguidores de De Witt e os de Guillerme de Orange, xunto coas refregas entre ingleses e holandeses, Francia non tivo ningunha dificultade en conquistar Flandres e o Franco Condado. Ante a velocidade do triunfo francés, as Provincias Unidas uníronse a Inglaterra e Suecia nunha Tripla Alianza no ano 1668. A formación da Tripla Alianza puña a Lois XIV ante o problema de verse no medio dunha guerra de maiores dimensións, polo que aceptou firmar a paz no Tratado de Aquisgrán, polo cal a Francia se quedaba co control de Flandres, pero devolvía o Franco Condado á España.

 
Expansión francesa baixo Lois XIV (en laranxa).

A Tripla Alianza non durou moito. En 1670, Carlos II de Inglaterra, atraído por subornos franceses, asinou en segredo o Tratado de Dover, converténdose en aliado francés. Ámbolos dous reinos declararon a guerra ás Provincias Unidas en 1672. A rápida invasión e ocupación da práctica totalidade dos Países Baixos, salvo Ámsterdan, provocou un golpe de estado contra De Witt, o que lle permitiu a Guillerme III facerse co poder. Guillerme III aliouse coa España e o Sacro Imperio, e, tras dous anos de loita en 1674, asinou un tratado de paz coa Inglaterra forzando aos ingleses a se retiraren dos Países Baixos. Guillerme incluso chegou a casar con María II de Inglaterra, sobriña de Carlos II de Inglaterra. Porén, e a pesar destes movementos diplomáticos, a guerra continuou con grandes vitorias francesas sobre as forzas da coalición opoñente. De feito, as nacións implicadas, extenuadas pola guerra, comezaron a negociar unha paz, chegando no 1678 á Paz de Nimega. No devandito tratado Lois XIV, malia devolver todo o territorio holandés capturado, gañou a posesión de máis cidades e retivo o Franco Condado, que fora invadido en poucas semanas.

O tratado de Nimega incrementou aínda máis a influencia francesa en Europa, pero non satisfixo a Lois XIV. O rei despediu o seu ministro de asuntos exteriores, Simon Arnauld de Pomponne, no ano 1679, porque consideraba a súa actitude demasiado comprometida cos aliados. Lois XIV continuou agrandando o seu exército, aínda que en vez de conseguir as súas reclamacións territoriais polas armas, fíxoo por medio de xuízos. Debido ás redaccións ambiguas dos tratados da época, Lois conseguiu reclamar que os territorios que se lle cederan nos tratados asinados previamente, debíanse ceder xunto coas dependencias e terras que tivesen pertencido a eses territorios formalmente. A anexión destes territorios tiña o obxectivo de proporcionar á Francia unha fronteira máis defendible. Lois tamén desexaba a cidade de Estrasburgo, unha localización estratéxica. Estrasburgo estaba situada na Alsacia, territorio que non se lle cedera a Lois na Paz de Westfalia. Porén, Lois XIV ocuparíao en 1681, usando pretextos legais.

Dominación na década de 1680 editar

Na década de 1680 o poder francés sobre Europa, baixo o mandato de Lois XIV, aumentara enormemente. A xestión económica dun dos ministros máis famosos de Lois, Jean-Baptiste Colbert, morto en 1683, produciu un gran cambio na tesouraría real; os ingresos da coroa triplicáronse so a súa supervisión. Os príncipes europeos comezaron a imitar o modelo francés en tódolos seus aspectos. As colonias francesas no estranxeiro multiplicáronse, tanto na América como na África ou na Asia, iniciándose relacións diplomáticas con nacións como Siam e Persia. Por exemplo, o explorador René Robert Cavelier de La Salle reclamou para a Francia, no 1682, a cunca do Río Mississippi, nomeándoa "Luisiana" en honor de Lois XIV. Incluso os xesuítas franceses tiñan presenza na corte Manchú na China.

Nun intento de aumentar máis o seu dominio na Europa, Lois XIV reforzou o galicanismo, unha doutrina que limitaba o poder papal en Francia. Ademais, Lois XIV tomou medidas para diminuír a influencia e o poder da nobreza e o clero. Estas medidas incluían conservar o control sobre o segundo estado (a nobreza), empregando a táctica de manter a alta nobreza na corte do palacio de Versalles, conseguindo así que os nobres quedasen a meirande parte do ano baixo a vixilancia de Lois XIV, e non nos seus territorios, onde podían planear rebelións e insurreccións. Alén disto, manténdose preto do rei era o único xeito posible para poder gañar favores reais, como pensións e privilexios necesarios para a posición social. Lois divertía a estes visitantes permanentes con festas extravagantes e outras distraccións, feito que contribuía notablemente ao control real sobre unha nobreza pouco disciplinada.

No apartado da diminución da influencia nobiliaria, Lois seguiu o traballo emprendido polos Cardeais Richelieu e Mazarino. Trala experiencia da Fronda, Lois cría que o único xeito de manter o seu poder era colocar plebeos ou, cando menos, membros da nova aristocracia nos cargos importantes. A devandita política baseábase na idea de que Lois podería reducir a un plebeo que tivese unha grande influencia polo seu cargo tan só con despedilo, cousa que non podería facer coa influencia dun gran nobre. Por iso, Lois adicou a toda a grande aristocracia no posto de cortesáns, á vez que nomeaba ministros a plebeos e novos aristócratas. Como cortesáns, o poder da nobreza diminuíu notablemente. Esa falta de poder vese reflectida na ausencia de rebelións, como a Fronda, tras Lois XIV. De feito, esta vitoria da coroa sobre a nobreza asegurou que non houbese ningunha guerra civil importante en Francia, até a ‘’Revolución’’ e a ‘’Era Napoleónica’’.

 
O palacio de Versalles, construído por Lois XIV.

Lois XIV converteu o palacio de Versalles, orixinariamente nun refuxio de caza construído polo seu pai, nun espectacular palacio real. O 6 de maio de 1682 mudouse oficialmente aló con toda a súa corte. Lois tiña varias razóns para crear un palacio extravagante de tanta opulencia e mudar para alá a residencia da monarquía. A afirmación, con todo, de que odiaba París é imprecisa porque Lois non deixou de embelecer a súa capital con monumentos, mentres a melloraba e a desenvolvía. Versalles cumpría como o sitio admirable e sorprendente para os asuntos de estado e para recibir os mandatarios estranxeiros, onde a atención non se dividía entre a capital e a xente, senón que recaía totalmente sobre o rei. A vida da corte centrábase na grandeza. Os cortesáns rodeábanse de vidas luxosas, vestidos con gran magnificencia, sempre asistindo a ceas, representacións, celebracións etc. De feito, moitos nobres víronse na obriga de deixaren toda a súa influencia ou a dependeren totalmente dos subsidios e subvencións reais para poder manter o custoso estilo de vida versallés. Esta situación fixo que os nobres deixasen de tentar retomar o poder, o que podería resultar en potenciais problemas para a coroa, centrándose, porén, en competiren por seren invitados a cear na mesa do rei ou polo privilexio de levaren unha candea cando o rei se retiraba aos seus apousentos.

A unificación nacional: O galicanismo editar

A continuación, Lois XIV intentou incrementar o seu control sobre a Igrexa. Convocou unha asemblea do Clero (Assemblée du Clergé) en novembro de 1681. Trala súa disolución en xuño de 1682, a asemblea aceptara a Declaración do Clero Francés. O poder real incrementouse, en detrimento do poder papal. Entre outras medidas, o Papa non podía enviar legados papais sen o consentimento de Lois; os susoditos legados, ademais, só podían exercer a súa función tras outra aprobación unha vez entrasen en Francia. Os bispos non podían abandonar o país sen aprobación real; ningún axente gobernamental podía ser excomungado polos seus actos en misión oficial; e non se podía apelar ao Papa sen a aprobación do rei. O rei obtivo o poder de promulgar leis eclesiásticas e tódalas regras papais eran inválidas en territorio francés sen o consentimento real. A Declaración, con todo, non foi aceptada polo Papa, por razóns claramente obvias.

A unificación nacional: A revogación editar

 
Madame de Maintenon, segunda esposa de Lois XIV.

A esposa de Lois XIV, María Tareixa, morreu no ano 1683. Lois non se mantivo fiel a ela por moito tempo tralo seu matrimonio de 1660: entre as súas amantes estaba Luísa de La Vallière, Françoise Athénaïs de Rochechouart de Mortemart, Madame de Montespan e María Anxélica de Fontanges. Así e todo, mantívose máis fiel no seu segundo matrimonio, con Madame de Maintenon. O matrimonio morganático entre Lois XIV e Madame de Maintenon tivo lugar, probablemente, a finais de 1685.

Madame de Maintenon, antes protestante, convertérase ao catolicismo. Antes críase que, ademais, participara moi activamente na persecución dos protestantes, e que instara a Lois XIV a revogar o Edicto de Nantes, o cal proporcionaba algo de liberdade relixiosa aos Hugonotes (os membros da protestante Igrexa reformada). Porén, esta implicación de Madame de Maintenon cuestiónase actualmente. O mesmo Lois XIV estaba de acordo co plan, posto que, como o resto de Europa, católica ou protestante, cría que para manter a unidade nacional, debía antes conseguir a unidade relixiosa; no seu caso unha unidade baixo o catolicismo. Esta idea estaba definida no principio "cuius regio, eius religio", política relixiosa en vixencia dende o seu establecemento na Paz de Augsburgo de 1555. De feito, xa comezara a persecución dos hugonotes.

A Liga de Augsburgo editar

A revogación do Edicto de Nantes tivo grandes consecuencias políticas e diplomáticas, principalmente nos países protestantes, nos cales dita revogación contribuíu a crear un crecente sentimento contra Francia. En 1686, dirixentes tanto católicos como protestantes fundaron a Liga de Augsburgo, un pacto defensivo para protexer a zona del Rin, pero que era realidade unha alianza ofensiva contra Francia. A alianza incluía entre os seus membros ao Emperador do Sacro Imperio e varios dos gobernantes dos estados alemáns que formaban parte do Imperio, principalmente o Palatinado, Baviera e Brandeburgo. As Provincias Unidas, España e Suecia tamén se uniron á Liga.

Lois XIV mandou ás súas tropas ao Palatinado en 1688, debido a que o ultimato que lle propuxo aos príncipes xermánicos, polo cal estes debían ratificar a Tregua de Ratisbona (confirmando así a posesión de Lois dos territorios anexionados nesa tregua) así como recoñecer publicamente o dereito das reclamacións da súa cuñada, expirou. Aparentemente, o exército de Lois XIV tiña como ordes apoiar militarmente as reclamacións territoriais da súa cuñada, Elizabeth Charlotte duquesa de Orleáns, no Palatinado. Porén, a invasión tiña outro propósito, o de forzar o Palatinado para que abandonase a Liga, conseguindo así debilitala.

As accións francesas uniron aos príncipes no bando do Emperador. Lois esperaba que Inglaterra, gobernada polo católico Xacobe II, se mantivera neutral no conflito, pero a Revolución Gloriosa inglesa derrocou a Xacobe, que foi substituído no trono pola súa filla María II, que gobernou xunto co seu marido Guillerme III (Príncipe de Orange). Debido á inimizade que xurdiu entre Lois e Guillerme na guerra en Holanda, este decidiu unirse á Liga, a cal pasou a denominarse dende ese momento Grande Alianza.

 
Adquisicións entre 1643 e 1715.

As campañas da coñecida como guerra dos Nove Anos (16881697) estiveron dominadas, polo xeral, polas tropas francesas. As forzas Imperiais resultaron pouco efectivas, xa que a maioría do seu exército seguía a enfrontarse ao otomán. En pouco tempo Francia conseguiu unha gran cantidade de vitorias, desde Flandres, no norte, ata o val do Rin, no leste Italia. Ao mesmo tempo, Lois XIV apoiou a Xacobe II no seu intento de recuperar o trono británico, pero este non tivo éxito. Este feito provocou que Inglaterra puidese entrar con máis forza no conflito continental. No obstante, a pesar do tamaño da coalición rival, os franceses derrotaron o exército aliado na Batalla de Fleurus, así como na Batalla de Steenkerque (1692) e na Batalla de Neerwinden (27 de xullo de 1693). Baixo a supervisión persoal do rei, as tropas francesas capturaron Mons en 1691 e a fortaleza de Namur, no ano 1692. Porén, a vitoria naval francesa na Batalla de Beachy Head en 1690 foi contrarrestada pola vitoria angloholandesa na Batalla da Hogue en 1692. A guerra durou aínda catro anos máis, ata que o Duque de Savoia firmou un acordo de paz, aliándose así cos franceses no ano 1696, reforzando os exércitos franceses e facilitando a captura de Milán e Barcelona.

A guerra dos Nove Anos rematou en 1697 co Tratado de Ryswick. Lois XIV devolveu Luxemburgo e outros territorios dos que se apoderara na guerra holandesa de 1679, pero conservou Estrasburgo. Tamén adquiriu de iure a posesión de Haití así como a devolución dos territorios de Pondicherry e Acadia. Lois, por outra banda, tivo que recoñecer o reinado de Guillerme III e María II como soberanos de Gran Bretaña e Irlanda; de igual modo renunciou ás súas reclamacións sobre o Palatinado. España recuperou Cataluña e outros territorios perdidos, tanto na guerra dos Nove Anos coma noutras anteriores, nos Países Baixos. Lois tamén devolveu neste tratado a Lorena ao seu duque, pero baixo a condición de permitir a libre circulación francesa no seu territorio.

Notas editar

  1. Data da capitulación de Barcelona ante as tropas de Filipe IV
  2. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-07. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Beik, William. "The Absolutism of Louis XIV as Social Collaboration." Past & Present 2005 (188): 195–224. edición en liña
  • Bluche, François, Louis XIV, (Franklin Watts, 1990)
  • Buckley, Veronica. Madame de Maintenon: The Secret Wife of Louis XIV. Londres: Bloomsbury, 2008
  • Cambridge Modern History: Vol. 5 The Age Of Louis XIV (1908), old, solid articles by scholars; edición completa en liña
  • Campbell, Peter Robert. Louis XIV, 1661–1715 (Londres, 1993)
  • Church, William F., ed. The Greatness of Louis XIV. (1972).
  • Cowart, Georgia J. The Triumph of Pleasure: Louis XIV and the Politics of Spectacle (U of Chicago Press, 2008) 299 pp; focus on opera and ballet
  • Cronin, Vincent. Louis XIV. Londres: HarperCollins, 1996 (ISBN 0-00-272072-8)
  • Erlanger, Philippe, Louis XIV (Praeger 1970)
  • Fraser, Antonia. Love and Louis XIV: The Women in the Life of the Sun King. Londres: Weidenfeld & Nicolson, 2006 (tapa dura, ISBN 0-297-82997-1); Nova York: Nan A. Talese, 2006 (hardcover, ISBN 0-385-50984-7)
  • Jones, Colin. The Great Nation: France from Louis XIV to Napoleon (1715–1799) (2002)
  • Lewis, W. H. The Splendid Century: Life in the France of Louis XIV (1953) excerpt and text search; also edición completa en liña
  • Nolan, Cathal J. Wars of the Age of Louis XIV, 1650–1715: An Encyclopedia of Global Warfare and Civilization . (2008) 607pp; over 1000 entries; ISBN 978-0-313-33046-9
  • Rowlands, Guy. The Dynastic State and the Army under Louis XIV: Royal Service and Private Interest, 1661–1701 (2002) edición en liña
  • Rubin, David Lee, ed. Sun King: The Ascendancy of French Culture during the Reign of Louis XIV. Washington: Folger Books and Cranbury: Associated University Presses, 1992.
  • Rule, John C., Louis XIV and the craft of kingship 1969.
  • Shennan, J. H. Louis XIV (1993) edición en liña
  • Thompson, Ian. The Sun King's Garden: Louis XIV, André Le Nôtre And the Creation of the Gardens of Versailles. Londres: Bloomsbury Publishing, 2006 ISBN 1-58234-631-3
  • Treasure, Geoffrey. Louis XIV (Londres, 2001).
  • Wilkinson, Rich. Louis XIV (2007)

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Precedido por:
Lois XIII de Francia
Rei de Francia e de Navarra
Copríncipe de Andorra
1643 - 1715
 
Sucedido por:
Lois XV
Conde rival de Barcelona
(en guerra contra Filipe IV de España)
1643 - 1652
 
Sucedido por:
Carlos II de España