Luís Antônio Corrêa da Costa
Luís Antônio Corrêa da Costa, máis coñecido como Müller, nado en Campo Grande o 31 de xaneiro de 1966 ) é un exfutbolista brasileiro que xogaba como dianteiro. Quinto máximo goleador da historia do São Paulo, gañou con este club numerosos títulos, entre eles dúas Copas Libertadores e dúas Copas Intercontinentais. Foi internacional coa selección brasileira, coa que se proclamou campión do mundo no Mundial de 1994.
Müller | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | Luís Antônio Corrêa da Costa | ||
Nacemento | 31 de xaneiro de 1966 | ||
Lugar de nacemento | Campo Grande, Mato Grosso do Sur | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
1983 | Operário (MS) | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1984–1988 | São Paulo | 60 | (25) |
1988–1991 | Torino | 65 | (24) |
1991–1994 | São Paulo | 41 | (13) |
1995–1996 | Kashiwa Reysol | 24 | (8) |
1995–1996 | → Palmeiras | 20 | (8) |
1996 | São Paulo | 20 | (11) |
1997 | Perugia | 6 | (0) |
1997–1998 | Santos | 27 | (10) |
1998–2001 | Cruzeiro | 43 | (9) |
2000–2001 | → Corinthians | 6 | (1) |
2001–2002 | São Caetano | 16 | (4) |
2003 | Tupi | 0 | (0) |
2003 | Portuguesa | 7 | (1) |
2004 | Ipatinga | 0 | (0) |
2015 | Fernandópolis | 1 | (1) |
Selección nacional | |||
1986–1998 | Brasil | 56 | (12) |
Adestrador | |||
2009 | Grêmio Maringá | ||
2010 | Sinop | ||
2011 | Imbituba | ||
2014 | Grêmio Maringá | ||
Na rede | |||
![]() ![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
TraxectoriaEditar
Desenvolveu a maior parte da súa carreira en clubs do seu país e destacou especialmente no São Paulo, no que xogou en tres etapas diferentes e do que é o quinto máximo goleador histórico con 158 goles. Debutou co club paulista en 1984 e conquistou con el catro Campionatos Paulistas, dous Campionatos Brasileiros, dúas Copas Libertadores, unha Supercopa Suramericana e dúas Copas Intercontinentais. En 1987 foi o máximo goleador do Campionato Brasileiro, con 10 tantos.
En 1993 marcou un gol na final da Libertadores diante do Universidad Católica de Chile e foi o autor do gol da vitoria na Copa Intercontinental ante o Milan de Fabio Capello, marcando de costas o terceiro e definitivo tanto (2-3). En 1994 volveu acadar a final da Copa Libertadores e marcou o único gol do seu equipo, que acabou perdendo o título na quenda de penaltis.
En 1996 formou parte do histórico equipo do Palmeiras que bateu varios récords no fútbol paulista. O equipo, dirixido por Vanderlei Luxemburgo e con xogadores como Cafu, Flávio Conceição, Djalminha, Luizão e Rivaldo, comezou a tempada marcando 13 goles nos dous primeiros partidos do Campionato Paulista, un preludio do que sería a tempada. O conxunto verde completou un campionato para a historia, rematando en primeira posición con 83 puntos (récord aínda non superado), 28 máis que o segundo clasificado, o São Paulo. Marcaron a cifra récord de 102 goles en 30 partidos, 15 deles obra de Müller.[1]
Tamén xogou en Italia, nas filas do Torino e do Perugia, e no Xapón, vestindo a camiseta do Kashiwa Reysol, ademais de pasar por varios equipos brasileiros máis como o Santos, o Cruzeiro e o Corinthians. Retirouse do fútbol profesional en 2004.[2]
Selección brasileiraEditar
Foi 56 veces internacional coa selección brasileira, coa que marcou 12 goles. Debutou en marzo de 1986, nun amigable contra Alemaña Occidental. Continuou participando nos seguintes amigables do equipo e marcou o seu primeiro gol coa selección nunha vitoria por 3-0 diante da RDA. Foi convocado polo seleccionador Telê Santana para o Mundial de 1986 en México, no que foi participou en tódolos encontros do equipo suramericano, caendo na quenda de penaltis dos cuartos de final ante Francia.[3][4]
Ao ano seguinte participou coa canarinha na Copa América, sen conseguir pasar da primeira fase. Non acudiu á Copa América de 1989, pero volveu á selección no Mundial de 1990 en Italia. Marcou dous goles no torneo mundial, ambos na primeira fase, nas vitorias pola mínima diante de Costa Rica e Escocia. Formou na dianteira titular xunto a Careca e Valdo nos oitavos de final contra a Arxentina, caendo eliminados tras un solitario gol de Caniggia.[5]
Perdeu protagonismo na selección tralo Mundial e non participou na Copa América de 1991, pero foi convocado de novo por Carlos Alberto Parreira para a Copa América de 1993, na que foi titular en tódolos partidos. Marcou dous goles, pero o seu equipo foi eliminado nos cuartos de final a mans da Arxentina nunha quenda de penaltis.
Foi convocado tamén para o Mundial de 1994 nos Estados Unidos, na que foi a súa terceira Copa do Mundo. Relegado á suplencia por detrás de Bebeto e Romário, disputou só uns minutos na vitoria por 3-0 da primeira fase contra o Camerún. Viu dende o banco o resto do torneo, no que o seu equipo se proclamou campión do mundo tras derrotar na final a Italia.
Disputou o seu último partido internacional en setembro de 1998 contra Iugoslavia.
Vida persoalEditar
O seu irmán Cocada tamén foi futbolista e xogou entre outros no Flamengo, o Vasco da Gama ou o Fluminense.[6]
PalmarésEditar
São Paulo
- Campionato Paulista (4): 1985, 1987, 1991, 1992.
- Campionato Brasileiro (2): 1986, 1991.
- Copa Libertadores (2): 1992, 1993.
- Copa Intercontinental (2): 1992, 1993.
- Supercopa Suramericana (1): 1993.
Torino
- Serie B (1): 1989/90.
- Copa Mitropa (1): 1991.
Palmeiras
- Campionato Paulista (1): 1996.
Cruzeiro
- Campionato Mineiro (1): 1998.
- Recopa Suramericana (1): 1998.
- Copa do Brasil (1): 2000.
Corinthians
- Copa Sul-Minas (1): 2001.
Selección sub-20 do Brasil
- Copa do Mundo Xuvenil (1): 1985.
Selección do Brasil
- Copa do Mundo (1): 1994.
- Copa Rous (1): 1987.
Individual
- Máximo goleador do Campionato Brasileiro (1): 1987.
- Bola de Prata (1): 1997.
NotasEditar
- ↑ "El gran Palmeiras de los 90" (en castelán). 7 de abril de 2018. Consultado o 9 de novembro de 2022.
- ↑ "Campeão mundial, ex-jogador Muller mora de favor e vive dificuldade financeira" (en portugués). 14 de maio de 2011. Consultado o 9 de novembro de 2022.
- ↑ "Brasil 1-1 Francia 1986". FIFA (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2022.
- ↑ "France edge Brazil in World Cup 1986 quarter-final – as it happened". The Guardian (en inglés). 28 de abril de 2020. Consultado o 9 de novembro de 2022.
- ↑ "Brasil no Mundial de 1990". FIFA (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2022.
- ↑ Micheletti, Rogério. "Cocada" (en portugués). Consultado o 9 de novembro de 2022.
Véxase taménEditar
Ligazóns externasEditar
- Datos do xogador en ogol.com.br (en portugués).
- Datos do xogador na J1 League (en xaponés).