Luís (moeda)

antiga moeda francesa de ouro
(Redirección desde «Louis d'or»)
Luís de Lois XIII (1601-1643) [1]
Busto do monarca cara á dereita; data no exergo.

Lenda: LVD XIII D. G. - FR. ET. NAV. REX

Cruz con coroas e flores de lis.

Lenda: CHRS. - .REGN. - .VINC. - .IMP.

O luís ou luís de ouro (en francés: louis ou louis d'or) foi unha moeda francesa de ouro introducida en 1640 por Lois XIII (1601-1643) e que continuaron cuñando os seguintes reis francesas ata 1792, en tempos da Convención Nacional, cando foi substituída pola efémera moeda de 24 libras e, posteriormente, pola moeda de 20 francos, do mesmo valor, que comezou a coñecerse coa denominación de "napoleón".[2][3][4][5][6][7]

Historia editar

Nacemento: Lois XIII (1601-1643) editar

En 1640, Lois XIII, asesorado polo seu ministro de Finanzas Claude de Bullion (1569-1640), tomou a decisión de reformar o sistema monetario francés, co propósito de estabilizar a moeda, restaurar a confianza nela e poder combater en pé de igualdade coas moedas europeas máis existosas da época, sinaladamente a española de 2 escudos, coñecida como en Francia como doublon.[8][9]

Antes dese momento, a moeda de ouro circulante en Francia era o escudo (écu d'or). Os derradeiros escudos cuñados a nome de Lois XIII tiñan un peso de 3,375 gramos e o valor de cinco libras tornesas e 15 soldos, consonte o sistema vixente ata 1795: 1 libra = 20 soldos = 240 diñeiros (a libra contiña algo máis de 0,6 gramos de ouro puro).[10]

A creación do luís foi establecida pola declaración que tivo lugar en Saint-Germain-en-Laye o 31 de marzo de 1640.[11][12][13] O seu peso fixouse en 6,752 gramos, é dicir, o dobre que o anterior escudo, ou 11 libras e 10 soldos.[1]

A nivel contable, as grandes cantidades pasaron a expresarse tanto en luíses como en libras (por exemplo, un cadro comprado por 10 luíses en 1645 equivalía a 110 libras). Como unidade de conta, o luís non substituíu o antigo sistema, senón que o complementou e, sobre todo, desprendeuno dos vaivéns da cotización da libra, xa que o rei podía decidir variacións na relación entre ambas as unidades. Xa que logo, o louis d'or converteuse nunha moeda refuxio que se mantivo ata a época revolucionaria.[9]

Valores emitidos por Lois XIII editar

 
Anverso dos 10 luíses de 1640, da ceca de París, deseñados por Jean Varin.

Unicamente en 1640 se emitiu a serie completa de múltiplos e submúltiplos do luís, todos eles deseñados por Jean Varin (1607-1672) e con tipoloxía case idéntica, coa diferenza das súas características métricas:[14]

  • Medio luís: equivalente a 5 libras tornesas ou 100 soldos, cun diámetro de 20 mm e un peso de 2 diñeiros e 15 grans (3,376 g).[15][16]
  • Luís: equivalente a 10 libras, cun diámetro de 25 mm e un peso de 5 diñeiros e 6 grans (6,752 g).[1]
  • Dobre luís: equivalente a 20 libras, cun diámetro de 29 mm e un peso de 10 diñeiros e 12 grans (13,504 g).[17][18]
  • 4 luíses: equivalente a 40 libras, cun diámetro de 35 mm e un peso de 27,004 g.[19]
  • 8 luíses: equivalente a 80 libras, cun diámetro de 45 mm e un peso de 54,014 g.[20]
  • 10 luíses: equivalente a 160 libras, cun diámetro de 46 mm e un peso de 67,518 g. Tratábase dunha peza de prestixio, non circulante, da que se cuñaron moi poucos exemplares. Un deles vendeuse en poxa pública en 2014 por 298.750 euros, o que a converte na moeda francesa máis cara do mercado numismático ata a data.[21][22]

Exemplos de luíses posteriores editar

Lois XIV (1643-1715) editar

Este exemplar, cuñado en 1669, é coñecido como "luís dos oito L" (louis aux huit L), polo deseño do seu reverso:

 
Luís de 1669 a nome de Lois XIV (1643-1715). 6,69 g.[23]
  • Outros tipos deste monarca: jeune à la mèche longue, à l'écu, vieux aux 4 L etc.

Lois XV (1715-1774) editar

 
Luís de 1726 a nome de Lois XV (1715-1774). 14 mm. 8,158 g.[24]

Esta moeda, cuñada en 1726, responde ao modelo coñecido como "luís con anteollos" (louis aux lunettes):

  • Anverso: busto do monarca cara á esquerda, con lenda latina: LVD XV DG - FR ET NAV REX ("Lois XV, rei de Francia e de Navarra pola graza de Deus").
  • Reverso: escudos de armas de Francia e de Navarra ovalados e inclinados, cunha coroa na parte superior, e a marca de ceca (neste caso E = Tours) na parte inferior. A lenda é CHRS REGN VINC IMPER ("Cristo reina, vence e manda").
  • Gravador: Norbert Roettiers (1666-1727).
  • Outros tipos deste monarca: au soleil (1715), aux insignes (1716), de Noailles (1717), à la croix de Malte (1718-1719), aux deux L (1720-1723), mirliton (1723-1725), au buste habillé (1734), au bandeau (1769) e à la vieille tête (1771).

Lois XVI (1674-1793) editar

 
Dobre luís de 1789 a nome de Lois XVI (1674-1793). 28 mm. 15,3 g.[25]

Xurdido da reforma de 1785 decidida polo ministro de Finanzas Charles-Alexandre de Calonne (1734-1802), este tipo foi cuñado ata 1792.

  • Anverso: busto real cara á esquerda. Lenda LUD.XVI. D. G. FR ET NAV. REX ("Lois XVI pola graza de Deus rei de Francia e de Navarra). Sinal do gravador baixo o busto.
  • Reverso: escudos de Francia e de Navarra cunha coroa, coa marca de ceca (neste caso K = Bordeos) debaixo. Lenda CHRS REGN VINC IMPER ("Cristo reina, vence e manda") e data.
  • Gravador: B. Duvivier (1730-1819).
  • Outros tipos deste monarca: aux palmes (1774), au buste habillé (1774-1785) e à la corne (1786) na ceca de Estrasburgo).

Substitución polo napoleón de ouro editar

 
Moeda de 24 libras de 1793, coñecida como "luís constitucional", co característico xenio no anverso, deseñado por Augustin Dupré. 23 mm. 7,649 g.[26]

A finais de 1792, o luís co busto de Lois XVI, que daquela era de 24 libras e pesaba 7,649 g, foi substituído por outro caracterizado pola representación dun xenio, deseñado por Augustin Dupré, que levaba nas súas lendas alusións constitucionais e, sobre todo, a indicación do valor facial (o que non sucedía nas moedas do Antigo Réxime). Logo do cambio monetario, da decimalización e da emisión dos primeiros francos, viu a luz unha moeda de 20 francos de ouro co peso de 6,451 g co busto do primeiro cónsul, Napoleón Bonaparte, o futuro emperador. Esta moeda, de oro de 900 milésimas (xa que logo, 5,805 gramos de ouro puro) estivo vixente de 1801 a 1914 e para a designar xurdiu o termo "napoléon", en concorrencia co de "luís".[27][28][29]

No entanto, strictu senso, o termo luís aplícase unicamente ás moedas desta tipoloxía cuñadas en Francia entre 1640 e 1792, a nome dos monarcas Lois XIII, Lois XIV, Lois XV e Lois XVI.[3]

Evolución do valor e do peso editar

Nesta gráfica amósase a evolución do valor legal do luís no período 1640-1785:[11]

Data Pezas por marco Peso Valor en libras tornesas
1640
36 ¼
6,752 g 11 ½
1709
30
8,16 g 19 (guerra)
1716
40
6,12 g 29 (sistema de Law)
1718
25
9,79 g 52 (desvalorización)
1723
37 ½
6,53 g 26 (reforma)
1726
30
8,16 g 23
1785
32
7,65 g 24 (reforma)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "1 Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
  2. Entrada "Luís" no DRAG, no Portal das palabras e en Digalego.
  3. 3,0 3,1 "Luis". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 111.
  4. "Louis d'Or". Frey, A. R. (1916). Páxina 138.
  5. "Louis, Luigi, Louises Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (19 15). Páxinas 253-255.
  6. "Louis d'or". Sacra-moneta.com
  7. "Louis d'or". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  8. Déclaration du roy, portant que toutes les espèces d'or et d'argent de poids qui ont à présent cours, seront exposées en la manière accoustumée, comme aussi l'or et l'argent au marc ; le tout, suivant le dernier règlement du mois de septembre 1641, avec défenses d'y apporter aucune difficulté, sur les peines y mentionnées. Cramosy, París. 1643.
  9. 9,0 9,1 Valance, G. (1998). Histoire du franc, 1360-2002. Flammarion. Páxina 71. ISBN 978-2080814142
  10. "1 Écu d'Or - Louis XIII". Numista.com
  11. 11,0 11,1 Antonetti, G. (2001). "Du louis à l'assignat" [conferencia no Ministère de l'Économie et des Finances. 21 de novembro].
  12. Jambu, J. (2007). "Changer de système de compte ou de monnaie, à l'époque moderne et sous la Révolution (à travers l'exemple normand)". En Revue européenne des sciences sociales. Vol. 45. Nº 137. Páxinas 141-152.
  13. Salaün, G. (2016). "La création du louis d'or". En Monnaie magazine. Marzo. Páxinas 38-41. ISSN 1626-6145.
  14. Cuhaj, George S., ed. (2009). Páxinas 375-403.
  15. "Louis XIII le Juste. Demi-louis d'or". cgb.fr
  16. "½ Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
  17. "Louis XIII le Juste. Double louis d'or". cgb.fr
  18. "Double Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
  19. "Quatre Louis d'or - Louis XIII". Numista.com
  20. "Huit Louis d'or - Louis XIII". Numista.com
  21. "La plus grosse pièce d'or française". Sacra-moneta.com
  22. "Dix Louis d'or, col nu - Louis XIII". Numista.com
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 "Louis d'Or - Louis XIIII". Numista.com
  24. "1 Louis d'Or - Louis XV". Numista.com
  25. "2 Louis d'Or - Louis XVI". Numista.com
  26. "24 Livres". Numista.com
  27. "Louis d'or" e "Napoleon". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  28. "Napoleon". Frey, A. R. (1916). Páxina 158.
  29. "Napoleone, Napolione Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (19 15). Páxina 339.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar