Vladimir Lossky

(Redirección desde «Lossky»)

Vladimir Nicolaievich Lossky, nado en Gotinga o 8 de xuño de 1903 e finado en París o 7 de febreiro de 1958, foi un teólogo ruso da Igrexa ortodoxa.

Vladimir Lossky
Nacemento26 de maio de 1903
Lugar de nacementoGotinga
Falecemento7 de febreiro de 1958
Lugar de falecementoParís
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoCemitério Russo de Sainte-Geneviève-des-Bois
NacionalidadeFrancia, Imperio Ruso, Unión Soviética, Alemaña e Rusia
RelixiónCristianismo ortodoxo
Alma máterUniversidade Estatal de San Petersburgo e Universidade de París
Ocupaciónfilósofo, teólogo e escritor
PaiNikolai Losski
CónxuxeMadeleine Lossky
FillosNicolas Lossky, Catherine Aslanoff, Jean Lossky e Marie Sémon
Na rede
Find a Grave: 31973047 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Viviu coa súa familia en San Petersburgo ata que, tras a revolución soviética, a seu pai tivo que exilarse de Rusia en 1922. A súa infancia estivo fondamente marcada pola execución do Metropolita de San Petersburgo polos soviéticos, que tivo ocasión de presenciar.

Estudou na facultade de Artes na Universidade de San Petersburgo e continuou os seus estudos en Praga e na Sorbona en París, especializándose en filosofía medieval. Ingresou na confraría de San Focio coa arela de contribuír a unha ortodoxia universal. Casou en 1938 e tivo catro fillos. Ensinou teoloxía dogmática no Instituto de Santo Dionisio en París.

A súa principal tarefa foi o estudo do misticismo do cristianismo oriental. Precisou conceptos como hipostasis, theosis ou theoría, ao seu xuízo mal entendidos pola teoloxía da Igrexa católica subxugada por un xuridicismo frío e legalista dende o Gran Cisma que rachou a unidade das igrexas.

Estudou aos Pais da Igrexa como Basilio o Grande, Gregorio de Nisa ou Gregorio Nacianceno ou autores bizantinos como Gregorio Palamas. Florovsky viu nel o autor dunha nova gran síntese patrística.

Pensamento editar

A orixe do mal está no trabucado uso da liberdade do home. Este optou pola soberbia autosuficiente provocando unha fractura en si mesmo e unha división cos demais comezando a parasitar o universo.

A salvación en Xesús de Nazaret restaura a verdadeira natureza do home por pura Graza. A obra salvadora de Cristo abre á persoa á participación na divindade pola acción do Espírito. Deus fíxose semellante ao home pola Encarnación, o home faise semellante a Deus pola deificación (theosis), tal como xa ensinara Atanasio de Alexandría. A acción do Espírito da vida á necesaria multiplicidade persoal da Igrexa. Se non existira a acción do Espírito isto significaría a aniquilación das persoas humanas nun único cristo, unha deificación impersoal, unha benaventuranza sen benaventurados. Por iso a obra do Espírito da como froito a pluralidade orientada cara a unidade. A importancia non subordinada da acción do Espírito é entendible e preservada na ortodoxia polo rexeitamento da cláusula engadida no credo occidental filioque, que subordina o Espírito ao Fillo, cando ambos proceden do Pai e só do Pai.

Nesta obra redentora participa tamén a vontade da humanidade a través do si de María, a humilde mociña que coa súa plena aceptación sitúase no límite entre o creado e o increado, o que explica a devoción sen límites que o pobo crente lle ofreceu recoñecéndoa como nai da persoa divina do Logos, o Verbo de Deus feito home (theotokos).

Os Pais da Igrexa acometeron unha revolución da linguaxe e dos conceptos para explicar a experiencia cristiá. Utilizaron a expresión hipostasis (que significaba cousa no seu matiz de particularidade) para designar ao Pai, ao Fillo e ao Espírito. E utilizaron a palabra ousia (que significaba cousa no seu matiz común cos demais obxectos) para denominar a súa identidade esencial. Así superaron o concepto de Un no pensamento grego platónico,para expresar a antinomía que encerra o misterio do Amor. O Un, a diferenza do que sostiña o filósofo Plotino é a superación das oposicións non polo esvaemento no impersoal, senón pola plena afirmación da persoa na plenitude do amor. O Amor é a fonte da existencia persoal.

Nos Concilios de Éfeso e Calcedonia adirmouse o carácter supranatural da persoa. Xesús é plenamente home na súa sarx (carne) e na súa psique (memoria, entendemento e vontade), pero a súa persoa atópase noutra orde de realidade. A persoa é o non cousificable, o non conceptualizable. No home a persoa expresa a irredutibilidade do individuo a súa natureza. A persoa é o abismo, que ten a súa fonte no amor, pero que no egoísmo (pecado) se inverte cara ao baleiro e o nada. Ao concepto de persoa no home chégase por unha antropoloxía negativa. En Cristo revélase o Abismo como o Amante e a persoa revélase no amor. A persoa non se explica polo contexto físico ou cósmico senón que é ela a que entrega ao mundo a súa significación. O home é unha persoa a imaxe e semellanza de Deus, e a imaxe tende ao seu modelo. A persoa é o absoluto. Só a unión de dúas liberdades persoais actualizan aquela semellanza.

En canto á Escatoloxía todo o universo creado chegará á perfecta unión con Deus no Amor, e se manifestará de distinta maneira en todas as persoas que adquiriron dentro da Igrexa a graza do Espírito. Pero os límites da Igrexa alén da morte e as posibilidades de salvación para aqueles quen non coñeceron nesta vida a luz son un misterio da misericordia, que non se debe especulativamente restrinxir consonte a medidas soamente humanas. Ábrese así en Lossky o trazo alegre da escatoloxía ortodoxa que non rexeita completamente a esperanza dunha salvación de todo e de todos (apokatastasis panton).

Obras editar

  • A Teoloxía Mística da Igrexa Oriental
  • O significado dos Iconos.
  • Historia da Filosofía Rusa.