Los Chikos del Maíz
Los Chikos del Maíz é un grupo de rap político formado polos rapeiros Nega e Toni el Sucio, xunto co Dj Plan B.[2] As letras do grupo tratan temas como a monarquía, a crítica social, a situación laboral ou a escena do hip hop en España. Os seus membros declaráronse marxistas e antifascistas, e as súas cancións salientan pola utilización do humor negro.[3][4]
Los Chikos del Maíz | |
---|---|
Concerto en Tabernes de Valldigna (2014). | |
Orixe | Valencia, Comunidade Valenciana |
Período | 2005-2016 e dende 2019 |
Xénero(s) | hip hop |
Membros | Nega Toni el Sucio Dj Plan B |
Antigos membros | Dj Bokah[1] |
Na rede | |
loschikosdelmaiz.com | |
O nome do grupo provén dun dos relatos titulado (Children of the Corn) que forma parte do libro de relatos curtos Night Shift, escrito en 1977 por Stephen King, do que se adaptou unha serie de filmes de terror iniciada en 1984 con Children of the Corn.
Traxectoria
editarO grupo nace da unión no ano 2005 de El Toni, pertencente daquela ao grupo La Nota Más Alta,[5] e El Nega, quen formaba parte entón do grupo 13 Pasos.[5] Ese mesmo ano sae á luz a maqueta, coa que se dan a coñecer e a partir da cal organizan varios concertos na provincia de Valencia.[2] Dous anos máis tarde, o grupo publica a maqueta A D10s le Pido, dedicada ao futbolista Diego Maradona. Logo destas cancións a súa popularidade medra e comezan a dar concertos en distintos lugares de España.
En 2008, Nega publica en solitario a maqueta Geometría y Angustia, que se converteu nun grande éxito de descargas en Internet. No tema desta maqueta «Vais a tragar saliva», a instrumental é un sampler de «Die Another Day» de Madonna. Un ano despois, en 2009, Nega anuncia a fichaxe por un selo discográfico e a preparación do esperado Pasión de Talibanes. Ese mesmo ano, tras a onda de detencións de membros de Segi, Los Chikos del Maíz publicaron un manifesto proclamando a súa solidariedade cos detidos.[6]
O 7 de febreiro de 2011, Los Chikos del Maíz sacan un adianto do disco Pasión de talibanes, chamado «Confesiones». Un mes despois, sacan o seu primeiro videoclip «El de en medio de los Run DMC», cadrando co 80º aniversario da Segunda República Española. O disco viu a luz finalmente o 31 de maio dese mesmo ano da man de Boa Music, alcanzando o posto 48 na lista Promusicae dos discos máis vendidos en España. En novembro, o grupo visita Venezuela, participando no festival urbano Aragua teno todo, que tivo lugar na cidade venezolana de Aragua. Durante o ano 2012, Los Chikos del Maíz visitaron Colombia para clausurar na cidade de Cartaxena de Indias El Cabildo Nacional de Juventud, dentro das mobilizacións da Marcha Patriótica, movemento político e social de corte popular e bolivariano. O 4 de setembro, lanzan unha reedición do álbum Pasión de talibanes, acompañado dun DVD documental con entrevistas e concertos, e tres temas inéditos: «Cultura y compromiso», «El secreto del acero» e «Terrorismo».
Os dous anos seguintes, en 2013, o grupo publica unha nova maqueta como "agasallo de reis" xunto á banda de hardcore punk Habeas Corpus, titulada United Artists of Revolution baixo o sobrenome de Riot Propaganda, que foi gravada en Corleone Estudio en decembro do 2012. O ano seguinte, en 2014, sacan o seu segundo disco, La Estanquera de Saigón, xunto cun libro con textos de políticos como Alberto Garzón de Esquerda Unida (EU), Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, Tania Sánchez Melero, membro de Convocatoria por Madrid e Deputada de Podemos, entre outras personalidades da esquerda española.
En 2016 anuncian un parón temporal con motivo do seu novo álbum e posterior xira con Riot Propaganda. O seu último concerto foi o 31 de decembro de 2016.
Logo dun hiato de máis de dous anos, volveron cun novo sinxelo, «Barrionalistas» o 12 de abril de 2019. Finalmente o 4 de outubro de 2019, lanzan o seu sexto álbum, Comanchería e anunciaron unha nova xira por España e Latinoamérica entre finais do 2019 e todo o 2020.
Estilo
editarLos Chikos del Maíz caracterízanse dentro do movemento hip hop polas súas constantes alusións a temas de actualidade política e polo uso de referencias culturais, salientando as referencias cinematográficas. Ambos os integrantes defenden a liberdade de expresión e manifestaron abertamente opinións contrarias á Igrexa, á monarquía e ao capitalismo.
A súa cultura está altamente asociada á de grupos marxistas, onde gozan de gran popularidade. Mantéñense máis fieis á corrente que utiliza o rap como canción protesta que á corrente que utiliza o movemento hip-hop para un desenvolvemento lírico, musical e creativo.
Polémica
editarO 7 de abril de 2010, Los Chikos del Maíz propúñanse dar un concerto nun festival organizado por Esquerda Unida (EU) en Sevilla con motivo do aniversario da II República, cando o Partido Popular (PP) da cidade, e a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) denunciaron ao grupo por enaltecemento do terrorismo e pediron ao concello de Sevilla que prohibise o concerto.[7] O PP e a AVT xustificaban a denuncia baseándose na letra das cancións «Trabajador@s», «A D10s le pido» e «Spain is different».[8]
Los Chikos del Maíz publicaron un manifesto no que declaraban que eles en todo momento condenaron as accións armadas de ETA, e que se trataba simplemente de humor negro.[9][10] O concerto levouse a cabo sen incidentes e con preto de 4.000 asistentes segundo o consistorio sevillano. Tras iso, o PP sevillano e diferentes medios conservadores, encabezados pola exalcaldesa e eurodeputada Soledad Becerril, pediron a dimisión do alcalde Alfredo Sánchez Monteseirín por permitilo. Finalmente, o xuíz Fernando Andreu da Audiencia Nacional optou por arquivar a denuncia, aínda que José Alcaraz declarou na cadea COPE que recorrerían e chegarían até o final.[11]
Segundo declararon os mesmos Chikos del Maíz, recibiron ameazas de morte de grupúsculos neonazis e/ou fascistas.[12]
O 10 de xaneiro de 2020, Los Chikos del Maíz tiñan programado un concerto en Salamanca, este concerto estaba dentro dunha programación municipal, mais uns días antes, o 2 de xaneiro, o concello da cidade decide cancelar o concerto alegando a incitación á violencia nas letras das cancións do grupo. O grupo respondeu pechando un concerto na cidade, na mesma data e hora nunha sala privada. Ademais doaron os 500€ de indemnización por romper o contrato á Asociación de Memoria Histórica e declararon que o concello cometera un claro acto de censura.
Discografía
editar- 2005: Miedo y asco en Valencia
- 2007: A D10s le Pido
- 2011: Pasión de talibanes
- 2014: La Estanquera de Saigón
- 2016: Trap Mirror
- 2019: Comanchería
- 2021: Interestelar
Notas
editar- ↑ "Dj Bokah abandona Los Chikos del Maíz". Consultado o 27 de febreiro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 Los Chikos del Maíz. "Myspace de Los Chikos del Maíz" (en castelán). Consultado o 10 de abril de 2010.
- ↑ HH Directo (novembro de 2009). "Vídeo-entrevista realizada al Nega por HH directo" (en castelán). Consultado o 10 de abril de 2010.[Ligazón morta]
- ↑ La Haine (27 de xullo de 2009). "Entrevista a Los Chikos del Maíz" (en castelán). Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ 5,0 5,1 VersosPerfectos (2009). "Biografía Los Chikos del Maíz" (en castellano). Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ Kaos en la red (25 de novembro de 2009). "Comunicado de Los Chikos del Maíz ante las detenciones" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2009. Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ Público (7 de abril de 2010). "PP pide suspensión del concierto de Los Chikos del Maíz" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2010. Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ El Mundo (7 de abril de 2010). "El PP insta al PSOE a suspender el concierto de un grupo pro abertzale en Sevilla" (en castellano). Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ HHDirecto (6 de miyo de 2010). "Video Entrevista a Nega 2010" (en castellano). Arquivado dende o orixinal o 9 de maio de 2010. Consultado o 19 de maio de 2010.
- ↑ VersosPerfectos (8 de abril de 2010). "Los Chikos del Maíz responden a ABC y La Razón" (en castellano). Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ Diario ADN (10 de abril de 2010). "Juez archiva denuncia que pedía suspender concierto de grupo rap en Sevilla" (en castellano). Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2010. Consultado o 10 de abril de 2009.
- ↑ Nega (6 de setembro de 2010). "Respuesta al señor Scheuermann y a la izquierda "heterodoxa"" (en castelán). p. Kaosenlared. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2010. Consultado o 13 de xullo de 2011.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Páxina oficial (en castelán)