Lorenza Cobián

modelo española

Lorenza Cobián González, nada en Bodes, Principado de Asturias, o 21 de maio de 1851, e finada en Madrid o 31 de xullo de 1906, foi unha modelo española da segunda metade do século XIX, pintada por artistas como Emilio Sala e José María Fenollera. Pasou á historia por ser amante de Benito Pérez Galdós entre 1879 e 1891, e máis en concreto por ser a nai da única filla recoñecida polo escritor canario, María Pérez-Galdós Cobián.[1][2]

Lorenza Cobián
Lorenza Cobián - Fenollera ca. 1890.jpg
Nome completoLorenza Cobián y González
Nacemento21 de maio de 1851
 sen etiquetar
Falecemento31 de xullo de 1906
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmodelo
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Lorenza Cobián y González naceu o 21 de maio de 1851 en Bodes (Parres), Principado de Asturias, España. Os sucesivos biógrafos de Galdós calcularon que o escritor e a modelo puidéronse coñecer en Santander, cidade do norte de España na que a moza parraguesa pasaba longas tempadas cuns tíos. Todo parece indicar —e segundo testemuños do propio Galdós— que Lorenza era unha moza atractiva pero inculta, e que o escritor complementou os seus ardores máis ou menos amorosos co desexo de que a modelo e amante aprendese a ler e escribir. Quedou noticia de que pronto quedou embarazada, dando a luz un primeiro fillo que faleceu ó pouco de nacer.

Mediada a década de 1880, Lorenza trasladouse a Madrid, mais non queda claro se por problemas familiares ou por desexo de Galdós. Queda noticia tamén de que na Exposición Nacional de Pintura de 1884, e ó fío desa relación, Galdós saudou ós pintores Emilio Sala e José María Fenollera, para quen Lorenza pousara como modelo. Co tempo, Galdós púxolle casa a Lorenza en Madrid e tamén en Santander durante o verán.

En xullo de 1906, con 55 anos de idade, Lorenza, vítima dende había tempo de depresións e outros síntomas de inestabilidade mental, tentou suicidarse na estación de Príncipe Pío de Madrid. Segundo relata a páxina de sucesos do diario santanderino El Cantábrico do 26 de xullo de 1906, Lorenza Cobián foi detida por tentar guindarse sobre a vía ó paso do tren. Conseguiu suicidarse finalmente aforcándose no calabozo do Goberno Civil da capital de España. Pedro Ortiz-Armengol recolle como data da súa morte o día 31 de xullo.[3]

NotasEditar

  1. Parroquia de Santo Tomás de Collía no municipio de Parres
  2. Manuel Herrera Hernández: "Amores, amoríos e rumores na vida de Galdós", estudo no Centro Virtual Cervantes. Consultado en decembro de 2014.
  3. Calendario biográfico de Galdós. Ano 1906. Consultado en decembro de 2014.