A loita turca é un variedade de loita moi popular en Turquía.

Características editar

 
Torneo de Yağlı güreş en Istambul

A semellanza da loita libre olímpica, a loita turca dispútana dous contrincantes que tentan derrubar o opoñente e situar os seus dos ombros no chan. Os combates duran 30 minutos, prorrogábeis ata 45 se o resultado acabou en empate, se ben antes de 1975 os combates non tiñan límite de tempo. Os loitadores reciben o nome turco de pehlivan, que significa heroe. Pódense sinalar tres tipos fundamentais de loita turca: a serbest, que equivale á loita libre olímpica e onde se poden usar as pernas, a greko-romen, que equivale á loita grecorromana e que impide o emprego das pernas, e o tipo tradicional, que se conserva en distintas áreas do país e que ten o seu exemplo máis coñecido na loita de aceite ou yağlı Güreş' (ˈjɑːlɯ ˈɟyrεʃ), que se disputa basicamente na rexión da Tracia e onde as regras se viron lenemente modificadas ao ter o opoñente o corpo bañado en aceite de oliva: o único punto de apoio na loita é o kisbet, unha especie de faixa de coiro que cobre o loitador dende o cinto ata o xeonllo. Tamén existe un tipo de loita na provincia de Hatay, no sur do país, denominado aba, e onde a indumentaria, e polo tanto o punto de apoio, consiste nun conxunto de cinto e chaleco semellante ao sambo ruso. Este tipo de loita tamén ten regras particulares no que respecta a posicións e técnicas válidas.

O torneo de Kırkpınar, que se celebra todos os anos en Edirne dende 1362 é a competición deportiva máis antiga que se leva disputando ininterrompidamente. Nela danse cita un milleiro de loitadores. Nos últimos anos, a loita turca fíxose común tamén noutras zonas, coma os Países Baixos ou o Xapón.

A loita turca é semellante á loita uzbeka e á loita tártara.

Historia editar

Diversas formas de loita deportiva foron comúns ás civilizacións e culturas antigas e clásicas, e probablemente tamén ás culturas que conformaron o Imperio Otomán. Nesta época, os loitadores adestraban en escolas particulares chamadas تکیه tekke, que combinaban o adestramento atlético co ensino relixioso. A semellanza destes ximnasios cos zurkhanes de Irán podería ser unha razón para a presenza de termos persa no léxico da loita turca.

Na actualidade, a loita turca é contemplada como un deporte nacional[1], pero ao mesmo tempo como unha tradición marcadamente rural e "pouco contemporánea"[2], e como un símbolo identitario da turquidade. De feito, as zonas de Turquía onde máis se practica este deporte é na Tracia e na rexión do Mármara, onde se produciron os repoboamentos máis importantes con turcos que fuxían dos Balcáns logo da caída do Imperio Otomán a partir de 1923. De feito, unha das primeiras medidas da Bulgaria independente (1878) foi prohibirlles a práctica da loita aos musulmáns.

Porén, e aínda que algúns loitadores turcos chegaron a proclamarse campións en disciplinas olímpicas tanto nos mundiais de loita como nos Xogos Olímpicos, o público non lles dedica demasiada atención a estas probas non-turcas[3]. O primeiro turco en gañar un ouro olímpico foi Yasar Erkan, nos Xogos de Berlín (1936).

Notas editar

  1. Stokes, Martin. Strong as a Turk. in Sport, Identity and Ethnicity (Jeremy MacClancy, ed.), Oxford: Berg, 1996. Páxinas 26-27
  2. Stokes, Martin. Ibídem, páx. 28
  3. Stokes, Martin. Ibídem, páx. 26-27

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar