Abrir o menú principal

Trátase da linguaxe propia dos suxeitos autistas. A característica máis destacable é que a linguaxe non funciona como medio de comunicación, caracterizándose por frecuentes ecolalias que poden ser inmediatas (prohibicións dos adultos: ‘non berres’, que eles repiten) ou diferidas (referidas a anuncios publicitarios, frases feitas fóra de contexto, ás veces tamén prohibicións etc.); ausencia total de fala espontánea, de xeito que imita, pero non comunica, os seus sentimentos, emocións, gustos, necesidades etc.; non utiliza-lo eu ata os 7-8 anos, fálando de si mesmos en terceira persoa; con frecuencia presentan dislalias; vocabulario escaso e inadecuado; presenza de estereotipias verbais; os aspectos formais están menos deteriorados cós semánticos, posiblemente polo déficit cognitivo que sofren; outros autores recordan que algúns destes rapaces posúen unha intelixencia normal, por iso a resposta estaría no feito de que os símbolos representan un nivel de relación comunicativa co interlocutor e eles, sen sentiren a necesidade de comunicación, rompen con iso.