Lingua sa’ídica

O sa'ídico, tamén chamado saítico, foi o dialecto da lingua copta máis estendido no período pré-islámico e é no que se están escritos a maioría dos textos coptos.

Pénsase que o sa'ídico foi orixinariamente un dialecto rexional da zona de el-Ashmunein (en copto Ϣⲙⲟⲩⲛⲉⲓⲛ, Shmounein) que adquiriu forma literaria arredor do ano 300, incluíndo traducións de partes importantes da Biblia. No século VI existía unha ortografía padrón en todo Exipto e era utilizado por case todos os autores nativos. Desde comezos do século IX enfrontouse co bohárico e desapareceu no XIV.

Mentres que os textos escritos noutros dialectos coptos son fundamentalmente traducións de textos literarios e relixiosos gregos, o sa'ídico é o único dialecto que conta cun corpo orixinal de textos literarios e non literarios. Debido a que comparte a maioría das súas características con outros dialectos do copto, a que ten poucas peculiaridades enxebres e ao corpus tan grande de textos coñecidos, é o dialecto que aprenden quen estudan copto, especialmente os que non pertencen á Igrexa Copta.