Lidia Gueiler Tejada, nada en Cochabamba o 28 de agosto de 1921 e finada na Paz o 9 de maio de 2011, foi presidenta da República de Bolivia desde 1979 até 1980. Converteuse na primeira muller en presidir dito país e a segunda muller na historia de América Latina en asumir a presidencia dun país, despois de Isabel Perón acceder á presidencia da Arxentina o 1 de xullo de 1974. Destacou a súa loita polas causas políticas e sociais, a defensa da paz e a igualdade de xénero. Á súa morte foi despedida como un dos referentes da recuperación do Estado de dereito en Bolivia.[1]

Infotaula de personaLidia Gueiler

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Lidia Gueiler Tejada Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento28 de agosto de 1921 Editar o valor em Wikidata
Cochabamba, Bolivia Editar o valor em Wikidata
Morte9 de maio de 2011 Editar o valor em Wikidata (89 anos)
A Paz, Bolivia Editar o valor em Wikidata
67ª Presidente de Bolivia
16 de novembro de 1979 – 17 de xullo de 1980
← Alberto Natusch Busch (pt) TraducirLuis García Meza Tejada (pt) Traducir →
Deputado da Bolivia (pt) Traducir
Embaixador
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeBolivia Editar o valor em Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónDemocratization (en) Traducir , diplomática Editar o valor em Wikidata
Partido políticoRevolutionary Party of the Nationalist Left (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

O seu pai, o suízo-alemán Moisés Gueiler Grunewelt, faleceu cando Lidia tiña dous anos.[2] A súa nai, Raquel Tejada Albornoz, prohibíralle chorar de nena porque dicía que «o pranto en Bolivia é unha especie de deporte nacional que habería que empezar a eliminar».[3]

Lidia Gueiler foi das poucas mulleres da época que estudaron no Instituto Americano da súa cidade natal e obtivo o título de contadora xeral. Desde a mocidade dedicouse especialmente ao deporte e destacou no tenis.[4] Durante a Guerra do Chaco dedicouse un tempo a escribir cartas para mulleres que non sabían escribir que tiñan familiares no campo de batalla.

Casou aos 19 anos co capitán Mareirian Pérez-Ramírez, un oficial paraguaio apresado na batalla de Cañada Strongest, durante a Guerra do Chaco. Cando o conflito bélico co Paraguai concluíu, o matrimonio marchou vivir a Asunción onde naceu María Teresa, a súa única filla. O matrimonio co oficial paraguaio non perdurou e Lidia regresou a Bolivia a principios da década de 1940.

«Teño unha soa filla. Desde que estivo no colexio quedou interna. Como eu xa estaba separada do pai dela, deixeina interna e dediqueime de cheo á política e ela é a que sufriu as consecuencias».

Gueiler era prima carnal da actriz estadounidense Raquel Welch (nada Raquel Tejada).[5]

De regreso en Bolivia, fixa a súa residencia na Paz e a mediados de 1942 empeza a traballar no Banco Central de Bolivia.

A partir de 1948, con 27 anos, militou no Movimiento Nacionalista Revolucionario (MNR). Alí axudou a organizar os denominados grupos de honra, células do movemento que actuarían durante a Revolución boliviana do 9 de abril de 1952. Participou en dita revolución asistindo aos feridos, mais tamén lles repartiu armas ás forzas revolucionarias.

En abril de 1951, durante o goberno de Mamerto Urriolagoitia, participou nunha folga de fame no Palacio de Xustiza da Paz, xunto con outras 27 mulleres afíns ao MNR. O seu obxectivo era esixiren a liberdade de compañeiros presos e exiliados, amais do retorno de Víctor Paz Estenssoro, xefe do MNR, exiliado en Buenos Aires.

En 1953 foi acusada de conspirar para matar o presidente Víctor Paz Estenssoro. Despois da acusación foi designada secretaria do Consulado Xeral de Bolivia en Hamburgo e máis tarde agregada civil na misión diplomática a Bonn. Finalmente foi nomeada embaixadora. En 1957 asistiu en México á Reunión de Técnicas e Dirixentes das Oficinas do Traballo da Muller, en representación do entón goberno de Bolivia.

En 1963 cofundou o Partido Revolucionario da Esquerda Nacionalista (PRIN) e en 1978 integrou a Fronte Revolucionaria de Esquerda. Retornou ao MNR o ano seguinte, cando foi elixida deputada polo departamento da Paz, e nesa ocasión foi presidenta da Cámara de Deputados.

Foi deputada nas lexislaturas 1956-1960 e 1960-1964. Militou no Partido Revolucionario da Esquerda Nacionalista (PRIN) até a década de 1970, cando retornou ao seu partido de orixe, o MNR. Acabou por exiliarse en Santiago de Chile en tempos do goberno do xeneral Barrientos Ortuño.[6]

O 1 de novembro de 1979 o xeneral Alberto Natusch Busch derrocou o goberno interino de Walter Guevara Arze mediante un violento golpe de estado.[7] Como reacción, produciuse un levantamento popular encabezado pola Central Obreira Boliviana (COB) que xerou á súa vez unha violenta represión xeneralizada. Nesta represión, coñecida como o masacre de Todos Santos, a policía e o exército asasinaron a máis de 100 persoas e fixeron «desaparecer» outras 30. O 16 de novembro a resistencia popular obrigou a Natusch Busch a devolverlle o poder ao Congreso. Este elixiu a Gueiler como presidenta constitucional interina da República até as eleccións do 29 de xuño do ano seguinte.

O 7 de xuño de 1980 o coronel Estrada, do rexemento de escolta presidencial Waldo Ballivián, tentou asasinar a Lidia Gueiler na residencia presidencial. O coronel estaba en estado de embriaguez e tratou de derrubar a culatazos de fusil a porta do dormitorio da presidenta. Un axudante da xefatura de Estado impediu o asasinato.[8]

Unha semana antes das eleccións, un atentado terrorista de dereita fixo estalar no aire o avión en que viaxaban varios líderes da esquerdista Unidad Democrática y Popular (UDP) en campaña electoral. Contra o esperado polos sectores golpistas, o ataque incrementou a popularidade na campaña electorai do líder de esquerda Hernán Siles, exmembro do MNR. O 17 de xullo de 1980 Lidia Gueiler foi derrocada e exiliada por Luis García Meza nun golpe de estado coa participación e o apoio das Forzas Armadas arxentinas, as cales estaban a perpetrar unha ditadura cívico-militar que se estendeu dende 1976 a 1983. O seu obxectivo era impedir o ascenso de Hernán Siles, quen gañara as eleccións.

Lidia exiliouse en Colombia durante a presidencia de Siles, onde se desempeñou como embaixadora. Foi elixida Senadora en representación de Cochabamba polo movemento Nueva Mayoría del MIR. En 1990 foi nomeada embaixadora en Venezuela, até que en 1993 se retirou da función pública.[9][10]

Dereitos das mulleres editar

Lidia Gueiler destacou na súa traxectoria na defensa da democracia e a participación da muller nela.[11][12] Foi dirixente de organizacións femininas de Bolivia e representou o país ante a Comisión Interamericana de Mulleres.

Publicou La mujer y la revolución (1960), ademais da súa autobiografía Mi pasión de lidereza (2000). Foi responsable da institución do 11 de outubro como o Día da Muller Boliviana, en homenaxe á escritora Adela Zamudio.

Un dos maiores desexos de Lidia Gueiler era que se consolidase o protagonismo da muller na historia de Bolivia. Con todo, o país non volveu ter unha presidenta muller até novembro de 2019, case 40 anos despois do seu mandato, tras a asunción interina de Jeanine Áñez.[13]

Pasamento editar

Retirada da actividade política, Lidia Gueiler finou o 9 de maio de 2011 na cidade da Paz aos 89 anos dun paro cardiorrespiratorio.[14] Evo Morales Ayma e Álvaro García Linera, presidente e vicepresidente do país naquel momento, asistiron ao seu velorio. Morales declarouse conmovido pola morte de Gueiler, a quen cualificou como «loitadora polos dereitos democráticos dos bolivianos». Pedro Montes, secretario executivo da Central Obreira Boliviana, expresou tamén as súas condolencias pola irreparábel perda dunha «muller de loita».

Premios e honras editar

Recibiu máis dunha vintena de distincións, entre elas o cóndor dos Andes e a condecoración Andrés Bello.

Notas editar

  1. "Lydia Gueiler Tejada, luchadora por la democracia - Diario Pagina Siete". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2017. Consultado o 13 de abril de 2017. 
  2. Gueiler, Lydia (2000). "1. Raices". Mi Pasión de Lidereza (en castelán). La Paz: Centro de Información y Desarrollo de la Mujer (CIDEM). 
  3. Primeiras pasaxes da súa vida en Cochabamba no seu libro Mi pasión de lidereza.
  4. Diakonia Multimedia Bolivia. "De Perfil con la expresidenta de Bolivia Sra. Lidia Gueiler". Consultado o 11 de abril de 2017. 
  5. Davison, Phil (12 de maio de 2011). "Lidia Gueiler Tejada: Politician who became only the West's second female president". The Independent (en inglés). 
  6. "Lidia Gueiler desplaza de la presidencia boliviana al coronel Natusch". El País. 17 de novembro de 1979. Consultado o 29 de abril de 2018. 
  7. "La Masacre de Todos Santos, 42 años de impunidad". La Razón | Noticias de Bolivia y el Mundo (en castelán). Consultado o 2022-06-18. 
  8. "Un coronel trató de asesinar a la presidenta de Bolivia". La Vanguardia. 8 de xuño de 1980. Consultado o 13 de marzo de 2017. 
  9. "Lidia Gueiler Tejada". Biografías y Vidas. Consultado o 22 de agosto de 2020. 
  10. "Lidia Gueiler, un paréntesis democrático en Bolivia". El País. 9 de maio de 2011. Consultado o 22 de agosto de 2020. 
  11. "Lidia Gueiler defensora de la democracia y la mujer boliviana". 
  12. EMOL (19 de xaneiro de 2006). "La elección de Bachelet es un avance de las mujeres en el mundo". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2009. Consultado o 10 de maio de 2011. 
  13. "Lidia Gueiler a Jeanine Añez las mujeres presidentes de Bolivia". 
  14. "Murió Lydia Gueiler, la única presidenta que tuvo Bolivia" (en castelán). Consultado o 13 de abril de 2017. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar