Abrir o menú principal

Afonso X

O Libro de los juegos ou Libro de axedrez, dados e tablas é un manuscrito encargado por Afonso X o Sabio e completado en 1283 en Sevilla.

O manuscrito consta de 98 follas de pergameo, encadernado en pel de ovella, e escritas por ambas as caras, con 150 miniaturas a cor. O único orixinal coñecido atópase na biblioteca do Mosteiro do Escorial, ten unhas dimensións de 40×28 cm. Unha copia de 1334 consérvase na biblioteca da Real Academia da Historia.

Trata sobre xadrez (inclúe os problemas de xadrez máis antigos que se coñecen en Europa), dados e táboas. Basicamente é un tratado con compilacións de textos árabes sobre diferentes xogos de mesa. Divídese en sete partes ou libros separados por follas en branco.

Libro do xadrezEditar

 
Problemas 35, folio 27v

A primeira parte (do folio 1 ao 64) dedícase ao xadrez, considerado máis nobre e de maior mestría ca outros xogos, xa que non está rexido pola sorte, senón polo esforzo. Contén 103 problemas de xadrez tomados de fontes árabes, agás 12 que son absolutamente novos, os problemas aparecen ordenados en forma decrecente segundo o número de pezas que hai na posición.

Libro dos dadosEditar

 
Dous homes xogando aos dados

O Libro dos dados abrangue do folio 65 ao 71 e describe as regras de xogos medievais de dados: maiores, triga, aznar, marlota, par con as, guirguiesca...

Libro das táboasEditar

 
El seys e dos e as

O Libro das táboas abrangue do folio 72 ao 80 e describe quince variedades de xogos de táboas, incluído o emperador coa súa variante o medioemperador, inventadas ex profeso para o libro; outros xogos son: los doze canes, doblet, fallas, el seys e dos e as, laquet e todas tablas (o backgammon actual).

Libro cuartoEditar

Abrangue do folio 81 ao 86 e describe variedades do xadrez e táboas xogadas con taboleiros grandes: el Grande Acedrex e xadrez decimal.

Libro quintoEditar

Desde o folio 87 ao 90, describe unha modalidade de xadrez para catro xogadores, o acedrex de los quatro tiempos e outra de táboas tamén para catro xogadores, el mundo.

Libro do alquerqueEditar

 
Xogo do Alquerque

Desde o folio 91 ao 93 describe diversos xogos denominados alquerque, entre eles o coñecidísimo alquerque de tres, hoxe coñecido por tres en raia.

Libro sétimoEditar

 
Xadrez astronómico

O último libro abrague do folio 94 ao 98 e describe variantes do xadrez e as táboas relacionadas cos xogos astrolóxicos. Unha variante do xadrez descrita é o xadrez astronómico, xogado nun taboleiro de sete círculos concéntricos, dividido radialmente en doce áreas, cada unha asociada cunha constelación do zodíaco.

Ligazóns externasEditar