Liber Sancti Iacobi

compilación de escritos medievais

O Liber Sancti Iacobi é unha compilación de varios escritos da primeira metade do século XII, que inclúen sermóns, misas, oficios, cantos e milagres en honra ao apóstolo Santiago.

Historia editar

Crese que a idea de realizar a compilación partiu do bispo compostelán Diego Xelmírez, ao redor de 1120, como parte das súas iniciativas de ampliación da catedral de Santiago de Compostela e para dar a coñecer ao público a crecente importancia da figura do apóstolo Santiago e da cidade de Santiago de Compostela, onde supostamente conservábanse os seus restos.

A compilación foi redactada en diversas épocas e de forma independente. A análise do manuscrito máis importante xestado do Liber, o Codex Calixtinus, suxírenos que a compilación podería estar xa configurada cara ao ano 1140, o que viría determinado polos seguintes feitos:

  • No Libro II do Calixtinus, o Libro dos Milagres, nárrase un milagre sucedido en 1135, polo que como moi cedo, o Libro II dataría do ano 1136.
  • No Libro V, a Guía do Peregrino, danse informacións sobre monumentos que situarían a guía ao redor de 1130.
  • O Calixtinus contén ao final un apéndice (Apéndice II) que foi engadido con posterioridade ao manuscrito. Nel atopamos unha Bula de Inocencio II (cuxa autoridade é discutida), que podería datarse como moito de 1143. Ademais, o mesmo apéndice contén o milagre de Vézélay, datado en 1139. O que tanto a bula como este milagre (que se atopa fóra do Libro dos Milagres) figuren nun complemento posterior, significaría que cara a 1140 a compilación estaría xa pechada.

Os manuscritos editar

Xestáronse varios manuscritos do Liber Sancti Iacobi, conservándose hoxe en día ao redor de doce deles. En xeral poden dividirse en dous bloques: os que conteñen a versión máis reducida ou libellus e os que conteñen a versión máis extensa, cuxo máximo representante é o Codex Calixtinus.

Os manuscritos que conteñen a versión completa son:

  • Santiago de Compostela, Arquivo da Catedral, s.n. (Codex Calixtinus)
  • Londres, British Library, Additional 12213
  • Cidade do Vaticano, Biblioteca Apostolica Vaticana, Arquivo S. Pietro C 128
  • Salamanca, Biblioteca Universitaria 2631
  • Madrid, Biblioteca Nacional 4305

e os que conteñen versións parciais son:

  • Barcelona, Arquivo da Coroa de Aragón, Ripoll 99
  • Lisboa, Biblioteca Nacional, Alcobaça CCCII (334)
  • Cidade do Vaticano, Biblioteca Apostolica Vaticana, Borghese 202
  • Londres, British Library, Cotton Titus A.XIX
  • Pistoia, Arquivo di Stato, Documenti vari 27
  • Madrid, Biblioteca Nacional 7381
  • Madrid, Biblioteca Nacional 13118.

Ademais existen outros manuscritos que inclúen un só dos libros do Liber, como poden ser o Pseudo-Turpin ou o Libro dos Milagres.

O Codex Calixtinus editar

Artigo principal: Codex Calixtinus.

O Codex Calixtinus (Santiago de Compostela, Arquivo da Catedral, s.n.) custódiase na catedral de Santiago de Compostela. É, con diferenza, o máis importante e completo de todos os manuscritos. Algúns investigadores consideraron que era a versión orixinal do Liber, a partir da cal se copiaron posteriormente, de forma máis ou menos parcial, o resto dos manuscritos. Con todo, hoxe en día pénsase que existiu un manuscrito, hoxe perdido, anterior ao Calixtinus ou polo menos, existían manuscritos dos libros que o compoñen, xa que a análise do códice mostra que foi copiado sabendo de antemán a extensión exacta de cada unha das súas partes. Crese que o Calixtinus foi copiado en Santiago de Compostela, entre 1160 e 1170, como se ve, poucos anos despois de rematada a compilación do Liber.

O Manuscrito de Ripoll editar

O Manuscrito de Ripoll (Barcelona, Biblioteca da Coroa de Aragón, Ripoll 99 - "Collectaneum. Miraculi beati Iacobi") consérvase en Barcelona e procede do mosteiro de Santa María de Ripoll. Foi copiado en 1173 por un monxe do mosteiro chamado Arnaldo de Monte, quen peregrinara a Santiago. Crese que tanto este códice como o Calixtinus foron copiados dun manuscrito máis primitivo hoxe perdido, ou ben o de Ripoll foi copiado directamente do Calixtinus.

O manuscrito consta de 86 folios e mide 280 x 138 mm. Ten 26 liñas por páxina. A estrutura do códice é un pouco diferente á do Calixtinus. Comeza co Libro III, cos textos referentes á translación de Santiago. Despois segue o Libro II, dos milagres, ao que se engade o milagre de Vézélay de 1139, que non formaba parte da redacción orixinal do Calixtinus, senón que se incluía nun apéndice. A continuación vén o Libro IV, o Pseudo-Turpín e boa parte do Libro V, ou Guía do Peregrino. Ao final, inclúe unha copia parcial do Libro I con varios sermóns e algunhas pezas litúrxicas. Non contén ningún dos dous apéndices do Calixtinus: nin o polifónico nin o que inclúe o Dum pater familias.

O Manuscrito de Alcobaça editar

O Manuscrito de Alcobaça (Lisboa, Biblioteca Nacional, Alcobaça CCCII (334)) procede do mosteiro de Alcobaça, situado ao norte de Lisboa e consérvase actualmente na Biblioteca Nacional de Portugal. Consta de 215 folios e o seu tamaño é de 347 x 230 mm. É unha copia case completa.

Véxase tamén editar