Liña de alta velocidade Madrid-Sevilla

A liña de alta velocidade Madrid-Sevilla é unha liña de alta velocidade de España que discorre entre as estacións de Madrid-Puerta de Atocha e Sevilla-Santa Justa. Foi inaugurada en 1992, como desenvolvemento dun proxecto chamado novo acceso ferroviario a Andalucía. Dispón de dous ramais, un a Toledo e outro á liña de alta velocidade Córdoba-Málaga.

Situación da liña en España.
Trens AVE na estación de Sevilla-Santa Justa.

Historia editar

Nos anos 80 o paso de Despeñaperros converteuse nun problema para o tráfico ferrovario cara a Andalucía, polo que se decidiu a construción dun acceso alternativo denominado Novo Acceso Ferroviario a Andalucía (NAFA). Pola época estaba previsto que a primeira liña de alta velocidade española fose a Madrid-Barcelona-Fronteira francesa, sendo o NAFA un traxecto aberto a calquera tipo de trens.

O plan orixinal do NAFA era constuir unha nova liña entre Alcolea e Xetafe, para que despois os trens continuasen polas vías xa existentes. O 9 de decembro de 1988 tomouse a decisión de construír as novas liñas en ancho internacional (1.435 mm), incluído o NAFA, o que convertía a este proxecto xa en obras nunha illa desde a que os trens non poderían continuar ao resto de Andalucía. Por iso, decidiuse continuar a liña ata Sevilla para que puidese ser utilizada na Expo 92, e fíxose necesario construír un novo acceso ata Madrid. Así, o NAFA deixou de ser un novo paso montañoso para converterse na liña de alta velocidade Madrid-Sevilla.

Tras varios anos de obras, a liña de alta velocidade resultante da creación do Novo Acceso Ferroviario a Andalucía inaugúrase o 14 de abril de 1992, coincidindo coa Expo 92 celebrada en Sevilla. Aos 7 días iníciase a explotación comercial cuberta por seis traxectos diarios por sentido ás cidades de Madrid, Sevilla, Córdoba, Puertollano e Cidade Real. En outubro do mesmo ano iníciase a explotación do produto AVE Lanzadera, que uniría Madrid coas dúas cidades castelán-manchegas.

En xaneiro de 1993 inaugúrase o Talgo 200 Madrid-Málaga, que une a ambas cidades coa infraestrutura propia de alta velocidade ata Córdoba, desde onde se alcanza Málaga por vía convencional. O 23 de abril do mesmo ano alcanzouse o récord de velocidade de AVE, 356,8 km/h. A mediados de ano inaugúranse os servizos Talgo 200 Madrid-Cádiz e Madrid-Huelva mediante o uso de trens de ancho mixto.

En 1994 iníciase a explotación comercial a 300 km/h nos trens AVE de longa distancia, reducíndose en 40 minutos a duración do traxecto entre Madrid e Sevilla.

En 1999 Renfe inicia a comercialización do servizo Talgo 200 Madrid-Alxeciras. Durante os seguintes anos reordénase a planificación da alta velocidade en España e poténcianse algunhas obras xa en marcha. Neste sentido, os servizos Talgo 200 Madrid-Cádiz, Madrid-Huelva e Madrid-Alxeciras traspásanse a Grandes Liñas Renfe en 2003 pasando a chamarse Altaria. Proxéctase a construción da LAV Córdoba-Málaga, para poder levar o tren de alta velocidade á Costa do Sol. Esta liña inaugurouse en decembro de 2007.

En marzo de 2014 inaugúrase entre Puertollano e Córdoba a nova estación de Villanueva de Córdoba-Los Pedroches, que dá servizo de alta velocidade a Villanueva de Córdoba e a súa comarca.

Características técnicas editar

Lonxitude 471,8 km
Lonxitude total en tuneis 16.030 m
Lonxitude total en viadutos 9.845 m (31 viadutos)
Ancho de vía UIC (1.435 mm)
Electrificación 1 x 25 kV 50 Hz CA
Velocidade máxima 300 km/h (en poucos quilómetros, na zona de Los Yébenes)
Sinalización ASFA200 e LZB. Planeada a instalación de ERTMS
Telecomunicacións Tren-terra dixital baseado en GSM-R
Radio mínimo 4.000 m
Radio mínimo excepcional 3.250 m
Radio mínimo Adamuz - Villanueva (Serra Morena) 2.300 m
Rampla máxima 12,5 milésimas
Rampla máxima excepcional 13,25 milésimas
Lonxitude entrevía 4,3 m
Altura balasto mínima 3 dm
Altura subbalasto mínima 25 m
Ancho plataforma Madrid - Brazatortas 13,3 m
Ancho plataforma Brazatortas - Córdoba 12,7 m
Ancho plataforma Córdoba - Sevilla 13,3 m

Véxase tamén editar

Outros artigos editar