Abrir o menú principal

Eleuterio González Salgado

mestre e político galego
(Redirixido desde "Leuter González")

Eleuterio González Salgado, coñecido como Leuter, nado en Ourense o 18 de abril de 1899 e finado na mesma cidade o 29 de marzo de 1977, foi un mestre e destacado político galeguista. Foi alumno destacado de Vicente Risco na Escola Normal e, pronto, o seu amigo e colaborador.[3]

Eleuterio González Salgado
Eleuterio González Salgado, Leuter, anos 30.jpg
Leuter, nos anos 30.[1][2]
Nacemento18 de abril de 1899
 Ourense
Falecemento29 de marzo de 1977
 Ourense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre
editar datos en Wikidata ]

Índice

TraxectoriaEditar

 
1933, Ourense. Banquete galeguista homenaxe a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña. Na foto, entre outros: Risco, Ramiro Isla, Leuter, Cunqueiro, Otero Pedrayo, María Luz Morales, Blanco Amor, Xoán L. Ramos Colemán e Manuel Peña Rei.

Membro da sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos desde 1926, participou na escavación de varios castros. Militou nas Irmandades da Fala e no Partido Nazonalista Republicán de Ourense e estivo na mesa presidencial da asemblea constitutiva do Partido Galeguista como secretario. A súa militancia levouno a ocupar os cargos de concelleiro no concello de Ourense (1931) e deputado provincial, onde formou parte da Comisión Xestora desta institución. Como deputado provincial foi membro activo do Comité proferrocarril Zamora-A Coruña, cofundador da Caixa de Aforros de Ourense (1933) e presidente da Cruz Vermella (1935-36). Foi membro da redacción da revista Nós, e colaborador en A Nosa Terra, La Zarpa e Heraldo de Galicia, entre outras publicacións, así coma na emisión galega na BBC.

Foi mestre nos colexios de Quereño (Rubiá) León XIII e Concepción Arenal (estes dous na capital ourensá) entre outros. Polo seu labor educativo e divulgador do idioma e cultura de Francia, o ministerio de educación nacional dese país concedeulle o 14 de xullo de 1936 o Diploma de Oficial da Academia de Francia e a correspondente condecoración.

Despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 viuse obrigado a abandonar a política. En 1938 foi obrigado a marchar a Vilamarín, onde impartiu clases até 1945, cunha breve paréntese en Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar). Nese ano abandonou o ensino para traballar na empresa de transportes por ferrocarril TRANSFESA, desprazándose inicialmente a Córdoba e Cáceres para xestionar cargas de olivas e ovellas, respectivamente.[4]. Tempo despois reincorporouse ao ensino, e xubilouse a mediados da década de 1960.

Participou na creación da Editorial Galaxia e na fundación do Partido Socialista Galego (PSG), mais morreu a véspera da legalización deste partido.

NotasEditar

  1. "González Salgado, Eleuterio". Enciclopedia Galega Universal 10. Ir Indo Edicións. 1999-2002. p. 54. ISBN 84-7680-288-9. 
  2. "González Salgado, Eleuterio". Diccionario enciclopédico galego universal 31. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 47. ISBN 84-7680-429-6. 
  3. Otero Pedrayo (2005). "González Salgado, Eleuterio". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8. 
  4. Epton, N. (1993): Uvas e granito. Unha viaxe por Galicia. Ir Indo Edicións, páx. 72. ISBN 9788476801505.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar