Leonarda de Tallo

poeta regueifeira galega

Leonarda Fuentes Couto máis coñecida co alcume da A Negra ou Leonarda de Tallo, nada en 1851 e finada a carón do pazo Torres de Tallo,[1] (Tallo, Ponteceso) en 1937, foi a primeira regueifeira galega, afamada e recoñecida no eido da improvisación oral en verso galego. Foi pioneira nesta arte de controversia con fouteza e bravura. Figura pioneira e piar esencial para a recuperación desta arte oral popular.[2]

Leonarda de Tallo
Nacemento1851
Lugar de nacementoGalicia
Falecemento1937
Lugar de falecementoTallo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónregueifeira e xornaleira
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria e obra editar

A súa vida de traballo estaba intensamente ligada as súas coplas de regueifeira. Así cando pasaba coa súa cesta cara ás feiras e as festas, recitaba: "Fun á feira de Agualada, dei a volta por anllóns, co esta cinta do meu pelo, heiche de atar os collóns" (Leonarda de Tallo ao Cadete, Suso de Xornes).[3] Outra copla celebrada que se lle atribúe: "Non che é can que é cadela, mira que te engañas ben, faltalle un coma o teu, que coma o meu xa o ten".[3] Tamén así sendo xornaleira cando foi esfollar o millo a Corcoesto e cantaba:

 
Pazo das Torres de Tallo, Ponteceso, en 2019.
"Laralala o picoto
quen cho ha de picotar?
as nenas de Corcoesto
que son a gala do lugar.
Hai que ver como traballan,
outra espiga máis ó cesto,
para facer a esfollada,
vivan as de Corcoesto."[1]

A recuperación destas coplas pasa tamén polas colleitas de campo e gravacións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, para os arquivos da nosa memoria cultural. No 23 de marzo do 2015, o Día Mundial da tradición oral, seis regueifeiras de Tallo e Obdulia de Xornes o entrentáronse en "duelo" Suso de Xornes.[4] Tamén a súa testemuña é recollida dende a Asociación Oral de Galicia. A súa herdanza cultural constátase na repunta dunha nova xeración de regueiferas en feminimo. Leonarda de Tallo abriu camiño da "regueifa feminista", o seu legado continúa en regueifeiras como Alba María e Lupe Blanco.[5] En 2017 as nenas regueifeiras da Escola Semente presentaron unha obra de teatro de sombras inspirada na súa vida, "Leonarda de Talho contra o demo". En xaneiro do 2019 comenza o proxecto Escola de Regueifa Leonarda de Tallo (O Couto, Ponteceso) para cativos, organizado pola Fundación Eduardo Pondal.[6]

Vida privada editar

 
Casoupa onde viviu Leonarda de Tallo, en 2019.

Xornaleira, taberneira e regueifeira na tradición oral de Galicia. Foi das poucas mulleres que desafiaron os homes enriba dos cameríns. Aínda hai xente de Tallo que se lembra que era alta, con voz moi potente, algo coxa porque lle picara unha cobra, vivía nunha caseta moi humilde fronte as Torres de Tallo.[1] Era filla de nai solteira, nunca casou e tampouco tivo fillos. Severo de Borneiro, dicía dela "Se lle ían o fondo, había Leonarda para rato...o que se metía con ela, tiña que tremar moito porque era perigosa".[3] Carmen Eiroa Barreira relata o seguinte: «A Leonarda tiña unha taberniña cunha botella de anís, unha de Sansón e outra de caña. Con esas tres botellas ía ás festas de campo (Santa Margarita de Baneira, Santa Mariña de Corcoesto e San Bernardo da Graña) cunha cesta na cabeza".[1] É por iso que A Negra, como ela mesma se alcumaba por ser de pel escura, paseaba coa cesta ao mesmo tempo que cantaba "Miña Santa Margarida, se a caña non sube a costa, a Negra vese perdida".[1]

Contan que os derradeiros anos, morreu moi maior e senil, foi coidada pola xente da parroquia, que lle levaba de comer e que cando morreu, as veciñas púxeronlle a roupa de defunta e a enterraron. Din que non deixou testamento. Pero o seu legado foi social, por brava e valente e cultural por pioneira regueifeira.[3]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 García, Ana (26 de xaneiro de 2019). "Leonarda de Tallo afamada regueifeira". lavozdegalicia.es. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  2. "Persoaxes". www.regueifa.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Estévez, Kike (Finais de xullo 2017). "Leonarda de Tallo, pioneira regueifeira". A Nova Peneira (82): XXV. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  4. "E a regueifa convertiuse en arte". Que pasa na costa. 24 de marzo de 2015. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  5. "As mulleres na defensa dunha histórica tradición galega: As regueifas". Historia de Galicia. 27 de xaneiro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  6. "Escola de Regueifa Leonarda de Tallo (O Couto, Ponteceso) Regueifa". www.regueifa.org. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar