Lenda das catro barras de sangue
A lenda das catro barras de sangue (en catalán: Llegenda de les quatre barres de sang) é unha lenda sobre a orixe da Senyera Reial que aparece por primeira vez en 1551 na Segunda parte de la crónica general de España, unha crónica editada en castelán en Valencia, obra de Pere Antoni Beuter. Esta lenda sitúa a orixe da Senyera Reial na persoa de Guifré el Pilós, e máis concretamente, narra que o sinal das catro barras foi creado despois dunha batalla contra os normandos, cando o rei dos francos mollou a súa man no sangue das feridas de Guifré el Pilós, e pasou despois catro dedos por enriba do escudo do conde de Barcelona dicindo: «estas serán as vosas armas, conde».
A lenda das catro barras de sangue non aparece en ningunha historia antes da obra de Beuter de 1551, mais a adscrición da Senyal Reial á liñaxe dos condes de Barcelona xa fora estabelecida polos reis de Aragón no século XIV. No século XV apareceron versións primarias da lenda que explicaban a creación deste símbolo heráldico nunhas marcas de sangue feitas sobre un escudo dourado até que, finalmente, no século XVI foi o mesmo Beuter quen advertiu que atopara a lenda de Guifré el Pilós e das barras de sangue nuns supostos «cuadernos de mano» (cadernos manuscritos), sen dar máis indicacións. Se ben non se pode dicir con absoluta seguridade que Beuter fose o creador da lenda, semella claro que o recurso dos supostos «cuadernos de mano», ou ben remite a unha fonte anterior, ou ben foi un subterfuxio para evitar calquera crítica posterior.
A lenda valenciana das catro barras de sangue foi un éxito inmediato e fulminante, sendo a partir dese intre copiada por tódolos historiadores posteriores tomándoa por verídica. Non foi até 1812 que o historiador catalán Joan de Sans i de Barutell desacredita calquera veracidade á lenda valenciana das catro barras, sinalando as incoherencies históricas que se presentan respecto Guifré el Pilós (c. 840-897), mentres que o heraldista Faustino Menéndez Pidal de Navascués demostrou que a heráldica non apareceu en Europa até o segundo cuarto do século XII (1125-1150). Malia que en 1812 Joan de Sans i de Barutell desacreditou totalmente a historicidade da lenda, non deixou de ser unha lenda moi popular, razón pola cal varios artistas sentiron a necesidade de reproducila graficamente e de glosala con poemas.